Nun
breve de prensa dunha correspondente en Bruxelas, cualifícase a Trump de
inquietante, impertinente, agresivo, rancoroso,
impredicíbel, volúbel... ademais de ter malos modos e actuar de forma
humillante cos perplexos mandatarios europeos. O estrafalario personaxe seica
mesmo lle deu un empurrón ao presidente de Montenegro, e saberá que existe ou por
onde queda?, para que non lle quitase nin un anaquiño do protagonismo que lle
corresponde.
Ese
aire do botado para diante, de vencedor indiscutíbel, de retórica vehemente, de
fala barato, de boca aberta, seica ten
desacougados aos oficiais dos servizos secretos que se poñen a tremer como
varas verdes cando fica a soas con alguén e lle dá corda solta á lingua sen que o dean controlado polo micros.
América,
o primeiro, foi a súa consigna de campaña, e para desánimo dos ilusos europeos
segue indo co lema por diante. Tampouco é tanta novidade, ou cando a
administración imperial non puxo o imperio por riba do demais? Os EE UU sempre
viron a UE como un aliado, como un socio
pero tamén como un rival e un competidor, só que con tan escasa forza política
que cando ten que falar de cousas serias faino a soas coa Gran Bretaña e coa
Alemaña.
Ao
final púxoos firmes. Fará que sigue enfadado con Moscova polo de Crimea e o do leste de Ucraína, pero dille que non ao control das emisións
contaminantes para non darlle vantaxe a China e advirte a Alemaña de que ese
choio que teñen cos automóbiles prexudica os seus intereses.
En
fin, un torpón tan grande e basto como Mussolini pero sen a súa barulleira
expresividade e cun poder inimaxinábel para a xente do común.
Martes, 30 de maio de
201
Ningún comentario:
Publicar un comentario