Hai
unha escena en Novecento, cando a
folga dos braceiros, na que uns ridículos patróns andan a facer que apañan no
pan, escoitando unha leda música vertida por un gramófono, cos seus elegantes e
níveos ternos e unhas cadeiras, baixo un enorme tornasol prendido entre altas
árbores, nas que acougar as amolecidas carnes esgotadas, abafadas por suores cheirentas.
Mentres
os labregos, o cativo Olmo e o avó, andan a choutar polas canles de rego,
procurando a fresca e coa rexouba de ver os desesperados terratenentes . Di o
vello, tiven que vivir tantos anos para ver traballar os facendeiros!, isto
debe ser o paraíso, os ricos a traballar e os pobres a folgar. Só era
aparencia. Ao remate da escena o avó morre no sosego da natureza e Olmo continuará a súa interminable loita pola
xustiza. Novecento é o gran drama
social da Italia da primeira metade do século XX. Infortunadamente Bertolucci
non se puxo coa segunda metade.
Na
España, ata o conflito social é asunto de
“peineta” e castañolas, de dramiña churrusqueiro, de farándula e
opereta, de curral nubrado valleinclanesco. Aquí non se ven os facendeiros facer
que traballan pero si fungar e, o que é peor, roubar.
O
outro día as pretendidas elites puxéronse a fungar cando a alcaldesa da capital
saíu para entregar un premio de tenis. Seica están enfadados con esta señora de
traxectoria impecable, xestión comedida e sorriso nos beizos. Non é “chic”, nin
de tendas de Serrano, nin sabe “hacerse la rubia” como dixo a emerxente
substituta da cólera aguirriana. Seica algúns están enrabexados porque lles
sacou os pases VIP.
Non
paran de fungar. Seica a perversa alcaldesa agora é unha aliada do “soberanismo
catalán”, un demo con cornos e rabo ao que os españois de ben teñen que
esconxurar e a súa alcaldesa debería abandeirar, a semellanza do alcalde de
Mostoles ao berro de “La patria está en peligro”.
O
presidente catalán quere explicar a súas propostas a finais deste mes en
Madrid, acompañado de Junqueras e Romeva. Xa que o presidente Rajoy non o
recibe, quixo dar explicacións no Senado, onde tampouco pode, e ao final vaino
facer nun local municipal. A palabra en democracia é o primeiro despois o voto.
A
dexeneración das elites políticas e económicas herdadas do franquismo e
asentadas na transición dá noxo, por iso fungan contra unha señora educada,
amable e sorrinte que non se presta a temperarlles as “súas” gaitas nin a imitarlles
os seus postureos capitalinos.
Luns, 15 de maior de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario