mércores, maio 24, 2017

Imaxes

Quen, con suficiente idade, non acorda a acartonada caixa de zapatos ou a metálica de galletas acugulada de fotos familiares que a avoa, ou nai, pillaba tras o remate do xantar conmemorativo e comezaba a repartir entre os asistentes baixo a pregunta de sabes quen son eses?, a ver se os recoñeces.

Irromperon uns álbums enormes nos que se gardaban as fotos da voda ocupando lugar central no moble do salón agardando calquera mínima desculpa para lembrar o feliz día. Fóronse engadindo os de viaxes moi socorridos para ensinar as galanuras de Venecia, exotismos exipcios, ou grandes bocks de cervexa de calquera cidade centroeuropea.

O avance tecnolóxico trouxo o vídeo da viaxe de noivos, das primeiras babas do neno, do primeiro dente, da primeira comuñón, da voda dunha curmá ou da exótica viaxe a Petra, antes de que os islamitas empezasen a facer das súas.

Obsolescencia tecnolóxica tanto a do avó na foto da mili, dos noivos metidos dentro dun corazón na alameda de Santiago, posando o día da voda nos xardíns do Pazo de Castrelos, como a do sorriso dos nenos na entrada de Disneyland París ou dos avós nas súas vodas de ouro.
A tecnoloxía dixital desencadeou a furia das imaxe. Tomo a expresión do título de Joan Fontcuberta ás súas notas sobre postfotografía. De cámaras que cospen ducias de clics, para xerar miles de imaxes, de móbiles obsesionados coa produción masiva de imaxes que circulan polas redes a velocidade de vertixe e disolven conceptos como creatividade, orixinalidade, autoría, propiedade, verdade, memoria...

A obsesión pola imaxe. Grupos de turistas que non ven, sacan fotografías. Miles de imaxes que só se producen e emiten sen saber quen as vai contemplar, mesmo para que ninguén as contemple. Sempre haberá alguén que colgue no grupo de whatsapps familiar, de amizades, ou do grupo de dominó as imaxes do “chuletón” que está a pimplar ou de calquera recuncho de calquera cidade en calquera parte do mundo. As imaxes desatadas, desaforadas, furiosas...

Ata a esquerda da “nova política” fica abducida, aínda que fale de tomar as prazas. Na práctica, só practica o activismo de sofá e a frase de 140 carácteres. Con tan pouca bagaxe pódese facer rir a alguén pero non se convence a ninguén do preciso cambio social.

Martes  23 de maio de 2017



Ningún comentario:

Publicar un comentario