Fernando Botero, O rapto de Europa, Madrid-Barajas |
A
unión parcial europea fai augas. Proxectouse como un lento proceso que evitase
tanto as dramáticas experiencias bélicas que ennegreceron o pasado século como
que a pulsión unificadora reiterase as propostas militaristas. A terceira tentativa
contemporánea ensarillouse sobre un proxecto monetarista. A montaña ficou en
rato. Non se avanzou na integración política nin social e cando a crise
financeira asomou polas regañas da Unión o estaribel saltou polos aires
esgazando o sur e poñendo en fuga os británicos que nunca amosaran moito
entusiasmo.
Acontece
que a visión “presentista” é tan obtusa que ás veces cremos iso de que Europa é
un continente de vellos estados, de vellas nacións, de vellos pobos, de vellas
linguas asentadas durante séculos,
estables, perdurables, que sempre estiveron aí configuradas como sempre. Esa
visión do instante fai que ata nos esquezamos de procesos ben recentes.
Cando
naceu meu avó, Alemaña e Italia tiñan menos anos que a miña bisavoa (que se
chamaba Estrela e a quen nunca ninguén ousou chamarlle “Estrella” como á miña
curmá) e os que vivían en La Habana ou en San José de Puerto Rico eran
españois. Imos alá tres xeracións, ou catro se alongamos a conta ata a metade
do século dezanove que foi cando naceu a miña bisavoa. Se o meu neto Alexandre chega
aos meus anos, mesmo se o planeta dura tanto, a súa Europa de seguro que non se
vai parecer moito á de hoxe, agardemos
que para mellor.
Europa
andou a inventarse e reinventarse ao longo dos séculos XIX e XX, ás veces con
convulsas e dramáticas transformacións. Cando naceu meu avó, Varsovia era unha
importante cidade rusa; Praga, austríaca e Tesalónica do imperio otomán. Os
alemáns gobernaban Polonia, Irlanda era parte da Gran Bretaña e Alxer unha
cidade francesa. Cando naceu meu avó en moitos estados europeos non había
sufraxio universal masculino, en ningún podían votar as mulleres e en poucos os
parlamentos estaban por riba dos monarcas.
Aquel
mundo no que naceu o meu avó estourou en 1914 e o que se asentou no remate da
gran guerra durou un suspiro. Ao pouco de nacer miña nai xa lle deran a volta
polo forro, con traxedia de novo. Cando naceu meu avó faltaban case 25 anos
para a revolución bolxevique e, sen case, para que nacese a Unión Soviética e
aínda existían os vellos imperios decimonónicos e Europa eran vinte e un estados:
Gran Bretaña, Noruega, Suecia, o Imperio Ruso, Alemaña, Holanda, Bélxica,
Dinamarca, Francia, España, Portugal, Suíza, Italia, Imperio Austro-Húngaro,
Serbia, Bulgaria, Romanía, Grecia, Albania, Imperio Turco e Montenegro.
Uns
anos despois do estrago bélico desapareceran o Imperio Ruso convertido en
Rusia, o Austro-Húngaro e o Otomán e creáranse os estados de Finlandia, Estonia, Letonia, Lituania, Polonia,
Checoslovaquia, o Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos, Austria, Hungría,Turquía,
Irlanda. En total 29 e algún máis de curta duración.
Despois
do segundo estrago bélico desaparecen Estonia, Letonia e Lituania e pártese
Alemaña, ademais doutros cambios territoriais. Tras a crise da década dos
noventa do pasado século a unificación alemá foi seguida da aparición como
estados independentes de Estonia, Letonia, Lituania, Bielorrusia, Ucraína,
Moldavia, Armenia, Acerbaixán, Xeorxia, Serbia, Croacia, Eslovenia, Bosnia,
Montenegro, Macedonia, Chequia, Eslovaquia e algún (Kosovo) que segue no limbo.
Nestas reviravoltas un xa perdeu a conta. Todo menos estabilidade.
Agardemos
que o camiño andado na construción da Europa de pobos capaces de partillar
soberanías en paz se asente e sexa quen de desprenderse da dexeneración
monetarista e retomar a senda da tradición republicana, da democracia e da
xustiza social.
Luns, 1 de maio de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario