Un,
aínda que fose so “camponés” nos adolescentes veráns na casa labrega de
Estrela, ten marcado a ferro a alerta da desgraza que anuncia o tempo revolto.
Como aquela fermosa moza, filla dun parceiro da facenda dos Berlinghieri en Novecento,
que cando o vello patrón, amolado porque xa non se lle levanta, pregúntalle se
sabe cal é a maior maldición, ela, sen
dubidar responde: o pedrazo!.
Así
que cando nestas semanas atrás as amizades sorrintes felicitábanse polo tempo
marabilloso que tiñamos, eu, rosmón e pesado, respondíalle: xa o pagaremos! Batían
dúas mentalidades climatolóxicas. Unha rural, espreitadora do ceo para ler os
cambios que augura e protexer a colleita, se é posible; outra urbana, que chova
ou vente irá traballar ao día seguinte.
Na
maior parte dos sitios foi en forma de xeada abrasadora, noutros tamén de
sarabia que xunto a seca pertinaz ameaza as colleitas e augura lumes. Un ollaba
os gromos, a floración, o estoupido fulgurante dunha primavera precipitada e
temía o peor. Alá vai o viño, o kiwi, o millo e as patacas en gran parte do
país. En Monterrei case todo, na Ribeira Sacra, por Pantón e Quiroga, Beade e
Gomaríz nas beiras do Avia, o millo na zona de Bergantiños e Xallas. E mentres
nun lado neva noutro arde, case ata prende lume na courelá Devesa da Rogueira.
Pouco
se falou da maldición que concretaba a mociña toscana. Se fose o pai da rapaza
responderíalle ao patrón: Isto é traballar para o aire! Alá vai a suor de
meses, as inversións arriscadas e a paciencia. Un século despois da pregunta de
Alfredo Berlinghieri (Burt Lancaster), os campesiños galegos seguen sen
asegurar as colleitas porque o sector agrario é tratado como marxinal polos
poderes políticos e económicos que promoveron
un brutal etnocidio no escaso tempo que transcorreu dende a miña adolescencia
ata hoxe.
Alguén
imaxina a que se armaría se houbese un pequeno incendio en Citroën ou Inditex?
A solidariedade mediática, política e económica que se despregaría en pouco
tempo? Pois cando a maldición atafega o que debería ser o sector estratéxico
primordial da economía galega resolvese cunhas cantas novas nalgún que outro
xornal.
Martes, 2 de maio de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario