Retrato de don Diego Sarmiento de Acuña Anónimo 1591-1600/ Estofado, policromado/ 19 cm. Museo Lázaro Galdiano, sala 21, Madrid |
O
Día de Santos fará, segundo consta nos papeis, 450 anos da nacenza de Diego
Sarmiento de Acuña en Astorga, a vella capital do convento Asturicensis, onde exercía
de bispo o seu tío, chamado tamén Diego Sarmiento. O 12 de xuño cúmprense
catrocentos anos do recoñecemento, por parte Monarquía Católica, dos servizos
prestados por don Diego concedéndolle o titulo de Conde.
Don
Diego conservou sempre un especial agarimo polas súas terras do Miñor, “porque no ay jardines en Inglaterra, como los robles y castaños de
Gondomar”, escribiu en 1622, e tendo que escoller nome para o seu condado
elixiu o de Gondomar e uniuse para sempre a estas terras nas que non viviu
moito tempo pero ás que dende Toro, Valladolid, Londres, Madrid ou Bruxelas sempre
lembraba e das que sempre se gababa, como tamén da súa condición de galego “que
sólo el morir como cristiano y como fidalgo gallego deseo”, escribe en 1614
desde Londres.
Don
Diego gañou sona polo seu labor, en dúas xeiras, como embaixador da Monarquía
Católica ante a emerxente e herética Inglaterra, coutada pola dinastía escocesa
dos Estuardo. Entre 1613 e 1618 a
primeira, de 1620 a 1622 a segunda, mesmo houbo un terceiro nomeamento que non
asumiu pola morte do seu amigo o rei Xacobe I que abocaba ao fracaso calquera
intento diplomático. Gondomar era daquela un dos personaxes máis odiados tanto
pola aristocracia inglesa como polos que sempre lles parece ben o que digan os
poderosos ata o punto de que o mesmo ano no que ía asumir o novo mandato
diplomático, 1924, estreouse, con grande éxito, a sátira política de Thomas
Middleton A Game at Chess (Unha partida de xadrez) na que se
ridiculizaba tanto o intento de voda do Príncipe de Gales (futuro Carlos I) coa
Princesa María como a Gondomar, o gran argallante da mesma. A paz facíase máis
custosa e precipitábase a decadencia do imperio católico.
Mais
non era don Diego home que gustase de executar os mandados, senón de facelos. Quería
ser un estadista, non un diplomático. “Sentíase chamado a dirixir, a dar ordes,
non a executalas” escribiu o seu gran estudoso, Lois Tobío Fernández,
diplomático de carreira e seguramente tamén con máis atracción pola dirección
dos asuntos públicos que polo cumprimento das directrices emanadas. Máis nin
don Diego, nin Tobío puideron facelo. No camiño de Gondomar interpúxose Lerma;
no de Tobío, Franco.
Non
podemos saber se sería ou non un gran estadista. Non ten sentido especular ao
respecto. Mais non sempre os gustos van parellos coas aptitudes e, de forma
especial na política, ás veces o éxito non depende dos valores da persoa senón
das circunstancias concretas que estragan intencións, frustran capacidades e
dobregan vontades. Don Diego percibiu o seu nomeamento como embaixador como
unha xogada de Lerma, que empregou en moitas ocasións, para afastalo da corte e
bloquear a carreira de quen consideraba un competidor. Despois do correximento
de Valladolid, que lle acurtou temporalmente,
tanto na súa duración como pola estancia de dez meses en Gondomar para
resolver o asunto dos dous navíos portugueses desviados a Baiona polo mal tempo
e cargados de mercadorías de moito valor, Lerma argallou o cese de don Diego
para darlle o correximento ao seu fillo. Escribe Tobío nun artigo esclarecedor
publicado en Grial (nº24) en 1969 e recollido nun libriño que publicou a
Fundación Otero Pedrayo en 1991 con motivo da entrega do Premio Trasalba ao
viveirense: “Naquela España devota e corrupta, finchada e miserable, non había practicamente máis forma de ingreso ós postos
da administración que o favoritismo, o que chamaban, con verba significativa,
“acomodo”, e hoxe máis ben chamaríamos “enchufe”. En degraus diversos, España
xa non se vería máis libre deste mal, un dos grandes traumas da súa vida
pública que se recrudece
comprensiblemente nos tempos da autocracia. Lerma levara o sistema do
favoritismo ata os máis extremos lindeiros.”
Así
tivo a Gondomar de “pretendente en corte” oito anos, dicindo que lle ían dar
isto, aquilo pero nada de substancia política. Foi o enrabexamento de Gondomar
ao non concederlle o correximento de Madrid, volvía ser corte, o que empurrou a
Lerma a darlle a embaixada en Londres, para afastalo dos centros de poder e
poñerlle unha pataca quente nas mans. O primeiro conseguino. No segundo
Gondomar puido lucir as súas habilidades.
Foi
don Diego un dos persoeiros políticos máis relevantes do seu tempo. O hispanista
inglés J.H. Elliott, na súa xa clásica obra sobre o imperio español, así o
considera: “As insistentes referencias de Olivares á “falta de cabezas” amosan
que se produciu un súbito colapso das clases dirixentes do país ao desaparecer
definitivamente a última gran xeración de procónsules españois, a xeración do
Conde de Gondomar” . Noutra obra o mesmo autor referíndose ao Conde-Duque,
comenta: “O contraste entre o seu estilo retórico e o dun estadista da xeración
anterior, como por exemplo o Conde de Gondomar, resulta tan chocante como o que
ollamos na arquitectura entre o recargado barroco sevillano e a sobriedade
clásica do Escorial”.
O
pleno do concello de Gondomar vén de declarar 2017 como Ano do Conde. Ben está,
se serve para algo. Son innúmeras as posibilidades para divulgar entre as
xentes que viven na vila que el fixo coñecida no mundo, a súa personalidade e o
seu tempo, mesmo a través, simplemente, da reedición dos traballos de Lois
Tobío a quen lembramos nomeando o auditorio.
Mais
sobre todo, o “asunto mas principal”, como dicía don Diego para referirse ao
frustrado matrimonio entre o Príncipe de Gales e a infanta dos Austrias, é a
casa, ou mellor o que queda, na que se criou e que durante anos engrandeceu co
seu peculio para desgusto da flamenga e aforradora, por non dicir outra cousa,
dona Constanza que non deixaba de reprochárllo.
A
casa, chamada agora Pazo do Conde, a quinta, o conxunto declarado BIC pola Xunta de
Galicia, debería ser a preocupación principal do goberno municipal, dos grupos
políticos ou sociais, da veciñanza gondomaresa, da Xunta de Galicia, do
Patrimonio do Estado e da familia. Deter o estrago, recuperar o conxunto e
convertelo nun referente patrimonial e económico é un labor que non admite
demora.
Son
pesimista, a non ser que tivésemos persoas, nas institucións referidas, coas
dotes de estadista e diplomáticas de don Diego. Non se albiscan no horizonte.
Xoves,11 de maio de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario