Nos
partidos das esquerdas dos anos sesenta e setenta do pasado século, inspirados
polo tradicional modelo soviético entretecido cun toque maoísta e todo batido
con certos toques de sesentaeoitismo, estaba de moda, nos ámbitos estudantís
destas correntes, a autocrítica. Na miña opinión tanto pola orixe social
cristiá, vaticanista, de moitas destas persoas,
polo trato e coincidencia entre elas,
a aureola mística de personaxes como Mao, pero sobre todo pola profunda
marca de identidade católica no franquismo da época e na sociedade española
durante séculos, esta, a autocrítica, interpretábase como un xeito de
confesión.
As
xaculatorias autocríticas tiñan máis ou menos importancia segundo os trazos inspiradores
de cada grupo: determinante nos esquerdistas-maoistas, máis lixeira nos
círculos comunistas ou da esquerda nacionalista. O acto de contrición, sempre
de carácter individual, estaba dirixido á absolución ou á condena da persoa militante. Con frecuencia
agochaba batallas políticas e/ou persoais soterradas. A absolución era un éxito
sufrido; a condena significaba a expulsión do grupo iniciático partidario. Por
fortuna non estabamos na China da revolución cultural, senón tería que saír á rúa con orelleiras de burros, carteis
insultantes colgados no pescozo, se tiña sorte, xa quese non sería encarcerado
ou fusilado.
Claro
que entre os iconoclastas de esquerda tamén se escoitaban chanzas como “vouche
mandar unha crítica” ao compañeiro de partida que non che deixaba gañar nin
unha man, ou ao que andaba a meterse entre ti e un mozo que che gustaba... e
esas cousas. Onde non se facía autocrítica era nos documentos partidarios,
cando menos coa intensidade autodestrutiva que se realizaba cos militante.
Mesmo nalgunha organización que conserva ”ramalazos” da época chegouse a facer
famosa, e cómica, a explicación de sucesivos fracaso electorais por fenómenos
de “orixe esóxena” que eran os únicos que explicaban que as candidaturas, ao
que fose, non fosen apoiadas polos votos.
Hoxe
estas cousas xa non se levan. A militancia de base non participa nestas
minucias; vota, cando lle deixan, e os dirixentes arróxanse “palabros” polas
alcachofas das televisións ou na tinta dos xornais.
Por
iso me chamaron a atención dúas autocríticas que lin estes días. Unha de Anxo
Quintana, parece que xa afastado da actividade política directa, que nunha
simple frase, tan sincera como ao mellor rotunda, invalida toda a súa etapa: “intentei ir
demasiado rápido e non dediquei todo o tempo que precisaba á xente da
organización”.
Outra,
a dun novo, no sentido de coñecido, dirixente sindical, o secretario xeral de
CC OO que, na súa estrea, dixo que “os sindicatos estamos sendo ineficaces” e
despois engadiu: “Hai que traballar pola unidade sindical, da man da CIG e da
man da UGT. Non é unha proposta inxenua, nin un slogan”. Supoño que estas
declaracións teñen moito da euforia tras a vitoria e co sosego do día despois
iranse matizando. Pero estou seguro de que tanto as persoas traballadoras como,
e sobre todo, as desempregadas, subempregadas e xubiladas saben da importancia
que unha acción sindical que non estrague esforzos en disputar posicións é
crucial tanto para o seu futuro como para a posta ao día dunhas estruturas
sindicais anquilosadas.
Sábado, 20 de maio de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario