De
repente véxome na fronteira ensinando o carné e os pasaporte dos cativos.
Saíndo do coche a indicación do Garda Civil, maldicindo a mala sorte de que,
despois de case tres cuartos de hora prendendo e apagando o motor, se lle
ocorrese mandarme abrir o maleteiro a min. Ademais levando debaixo do asento do
condutor unha cubertería de alpaca que me pedira miña nai por encargo dunha
veciña de Corneda que lle fixera moitos favores. Ala, agora píllanme e teño que
pagar a sanción. Baixo, abro o maleteiro e o garda menea a cabeza ao ollar os
cinco quilos de Sical debaixo dun monte de farrapos e a ducia de pratos planos
e outra de sopeiros, estilo inglés, que
ben duraron, que aínda sigo a comer neles. O home de verde volve darlle voltas
ao gorro negro e dime: Ande, ande...!
Regreso
ao presente. Uf, só é cousa duns días,
mentres o Papa visita Fátima. Case me pinga a suor polo nariz do repentino “déjà vú”. Vén o Papa,
retornan as fronteiras e desaparecen as pontes.
Tiña
pensado ir o mércores a Valença máis que nada polas ganas de xantar bacallau,
dar unha volta pola feira e coller unhas caixas de viño no Lidl, pero ca, está o
Papa.
As
pontes de Salvaterra, Arbo e Tomiño, están pechadas. Todos a pasar pola vella,
vellísima, do pasado, de hai moito... ponte de Tui, e seica co carné no peto, o
dos cativos tamén.
Vén
o Papa, regresamos ao pasado!
Luns, 8 de maio de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario