Nun
día como mañá, hai trinta anos, un mozo alemán, Mathias Rust, na altura con 19
años, a bordo dunha avioneta alugada informou, ao control de tráfico aéreo do
aeroporto de Helsinki, que o seu destino era Estocolmo. Mais modificou o rumbo
cara ao leste, desapareceu do control
aéreo finés en dirección ás costas bálticas, penetrou no espazo da Unión
Soviética, evitou as defensas aéreas e aterrou en Vasilevski Spusk, xunto á
Praza Vermella, preto do Kremlin, no centro da capital da URSS. Segundo os
expertos, aínda que nunca o confirmou, dende o Báltico seguiu, a escasa
altura, a liña férrea ata Moscova, así
evitou os radares.
Gorbachov
refírese, nas súas Memorias, á “disparatada” viaxe que foi como unha labazada
que tiveron que encaixar as forzas armadas da “outra” superpotencia. A cousa
podíase tomar como unha trasnada e así o fixeron os xuíces soviéticos que
encarceraron a Rust durante algo máis dun ano, e logo, deixárono regresar a
Alemaña. Ou valorala como fixo o propio Gorbachov: “..., a aterraxe na Praza
Vermella foi o sinal de que a nosa seguridade non estaba garantida...”.
Conta
o primeiro e derradeiro presidente da
URSS que soubo do “incidente especial” cando estaba en Berlín nunha reunión da
Comisión Política do Pacto de Varsovia. Á mesma tamén acudiran moitos dos
máximos dirixentes soviéticos aos que lles manifestou que os sistemas de
defensa aérea garantían ao cento por cen que en situacións incomparablemente
máis complicadas se descubrirían e impedirían violacións do espazo aéreo, polo
que só a neglixencia e a desorde reinante nas forzas armadas podían explicar o
sucedido. Nos días seguintes máis de 2.000 altos cargos do Ministerio de
Defensa foron cesados.
Non
era, nin moito menos, a primeira debilidade evidente do sistema defensivo
soviético mais era o máis clamoroso e ridículo. Gorbachov equivocábase de
plano, non era un problema de desorde no exército, a cuestión era que, había xa
tempo, o conxunto do sistema soviético entrara en coma e non foron quen de
recuperalo.
Pouco
máis de dous anos despois, o 9 de novembro de 1989 caía o muro alemán. Á volta
de dous anos, o 25 de decembro de 1991, Gorbachov dimitía como presidente da
URSS e esta desaparecía. Está nos libros de historia. Pero segue sen ser acaída
a explicación daquel “estraño
incidente”.
Sábado
27 de maio de 2017
Máis tolos coma Mathias Rust precisa o mundo, boa historia.
ResponderEliminar