Sen título. Manuel Rial. Redondelo, As Neves |
Un
exército semellante, incluso superior, poderiamos formar coa poboación que
perdeu o noso país durante o pasado 2016, segundo as contas do Instituto
Nacional de Estatística (INE). En concreto 10.825, un 0.4% do total. Galiza
perde máis habitantes que o conxunto de España e afástase, xa moito, case cen
mil menos, dos dous millóns oitocentos mil habitantes que tiña en 2010.
Tampouco
é novidade. A cousa vén de lonxe. Temos unha natalidade que se sitúa entre o 1
e o 1,1 fillos por muller en idade fértil, ben afastados do 2,1 considerado
como taxa de reposición. Estamos ante un “inverno demográfico” ou, se o queremos
dicir con máis dramatismo, ante unha “catástrofe” ou un “suicido demográfico”.
As elevadas taxas de avellentamento auguran unha precipitación acelerada do
proceso ao que non se lle albisca mudanza.
É
evidente que a inserción subordinada da economía galega no deseño do estado
liberal, as políticas dos gobernos españois e as decisións dos dirixentes
económicos son as responsábeis da situación, máis non as únicas. Tan palpábel é
como a inutilidade, por non dicir outra cousa, das xaculatorias sobre a
cuestión do dúo Fraga-Feijoo que dirixiu o país nas últimas décadas, animando
as galegas a ter máis fillos. A taxa de paro entre os menores de 30 anos
regresou ao nivel de 2010, un moi excesivo 26,5%, pero hai 70.000 empregados
menos nesa franxa de idade que hai sete anos.
Que
o problema é serio avísao tamén o pouco máis do 3% de estranxeiros residentes
no país en contraste co 10% da media de España. As expectativas económicas son
tan piollentas que non serven de mínimo atractivo. Ora ben, no caso dunha
espectacular e imprevisíbel remontada económica, a chegada dun inxente número
de inmigrantes mudaría, sen dúbida, o mesmo concepto de identidade galega,
carente do “núcleo sólido” dun “pobo persistente”, concepto do que nos fala
González Reboredo recolléndoo do antropólogo norteamericano Spice.
O
profesor Reboredo incorpóranos tamén o
concepto de “familismo amoral” de Banfield que adapta con bo tino ao noso caso.
Refírese á falta de conciencia cívica e á idea estendida de que as persoas só se
implican en asuntos comunitarios cando poden sacar beneficio directo e
inmerecido para eles e a súa familia e xa que logo todas os persoas que
traballan no ámbito do público son corruptos e ninguén fai cousas de xeito
altruísta; ese baixo nivel de “virtude cívica” agrávase na resignación
fatalista que se agocha detrás do “isto acabouse” ou “o que veña detrás que
apande”.
Mércores, tres de maio de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario