venres, maio 26, 2017

Un día de prensa

Hai días especiais, tamén nos xornais; deses nos que tes algo máis que ler que as novas que xa coñeces ou os artigos de opinión, de opinadores que opinan sempre o mesmo.

No día de onte algunhas informacións foron quen de concentrar a miña atención. A primeira, unha tal Melania e outra tal Ivanka, ambas con cara de queixo fresco e sorriso de leiteira holandesa pintada por Vermeer, co nariz a escuadra e o labio baixo cheíño coma un lagarto, foron visitar o  Papa. As mulleres da nova dinastía imperial ían tocadas con mantillas e vestidas de negro, sen escotes, cos brazos cubertos e sen xoias, en sinal de respecto ao representante de Cristo na Terra. Unha esaxeración de protocolo, mesmo a ollos do Vaticano. O ”intríngulis” está en que estas damas tan consideradas coas formalidades en Roma, na recente visita a Arabia Saudí negáronse a colocar o velo ritual. A actitude estivo ben, para min; o que non vén a conto é a da Santa Sé.

Na páxina anterior inclúese un guión de testosterona adolescente  para Hollywood e de éxito seguro. En  resumo, acaban de prender un ex-garda civil que levaba trece anos fugado e condenado a corenta anos por atraco. A chicha do asunto viña, como sempre, na letra miúda. O elemento, seica un dos máis perigoso e máis buscados, fuxira do cárcere en 2004. A súa carreira comezara en 1989, cando, con 21 e sendo Garda Civil, participou no asalto a unha xoiería no que ficaron feridos tres policías e un garda xurado; detido polos seus propios compañeiros foi condenado a catro décadas de prisión. Aproveitaba os permisos para seguir facendo os seus “traballiños”; primeiro foi detido por leas de drogas e despois  por causarlle lesións graves a dous gardas civís cando era porteiro dunha discoteca. En 2004, cando lle deron un novo permiso, non volveu aparecer. Tras trece anos de investigacións e 20.000 identificacións persoais os Grupos Especiais de Operacións foron quen de deter  a alguén de sobra coñecido nos ximnasios de Mósteles e nas redes sociais. Seica cando o detiveron ensinoulle o seu vello carné de Garda Civil.

Outro que tal anda é un tal “O Mulo”, que está a ser xulgado xunto a uns cuantos por  tráfico, do que fose, a gran escala, a bordo das famosas planeadoras que voan a rente da auga. Como se fose no patio do cole púxose en plan acusica ante o xuíz e díxolle; “quero que saiba que fun ameazado”, mentres sinalaba co dedo a un dos seus colegas.

O turismo sempre ocupa algúns espazo na prensa. Estes días está “en candelero” o asunto das Illas Cíes, non sei moi ben  por que, pero hai lea entre a Xunta e o único que pode falar en nome dos vigueses e viguesas. Na desfeita entrou tamén o alcalde de Baiona que lle recorda ao vigués que as illas son de Baiona. Tarde píaches!

As gabanzas culinarias é parte do espectáculo turístico. Veñen moito da banda británica, meus pobres comendo té e pastas. Seica gustan moito do “chuletón” de boi de vaca rubia, ou é boi ou é vaca, e do lacón con brecol, xa que como alí non hai grelos non saben como chamarlle. Mentres, as árbores están a facer das súas en Samil. Medran, e tanto que lle están ocupando o sitio aos coches e os condutores xa non dan aberto nin as portas para saír. Esíxese unha pronta solución a este problema prexudicial para o turismo, supoño que ordenándolle  ás arbores que se poñan a réxime e deixen sitio para os coches. Aínda que estes tamén!!, un púxose a andar só en Gondomar; non  provocou unha desgraza pero si un gran susto.

Case tanto como unha cobra de metro e medio que apareceu dentro dunha casa en Sabarís; e outra do mesmo tamaño nun xardín do barrio da Salgueira. Para deter os  perigosos ofidios tiveron que se desprazar forzas da Garda Civil, no primeiro caso, e da Policía local, no segundo, e indicarlles aos réptiles que aínda que faga moita calor fóra de tempo non poden procurar a sombra no espazo dos humanos. A coincidencia nas dimensións das cobras non sabemos se é resultado dunha medida científica ou dunha ollada aproximativa.

Falando de linguas afiadas, seica Felipe González recoñeceu que estaba en minoría no partido que refundara en Suresnes pero que non pasaba nada. Eu, de ser Sánchez íame preparando. E tamén estaría preocupado porque Rajoy cala e nin o felicitou.

Como ven, os xornais de hoxe deron moito que ler.


    Xoves, 25 de maio de 2017

Ningún comentario:

Publicar un comentario