Foto: Roi Fernández/ La Voz de Galicia |
Pois
a cousa non foi de broma. O outro día contáballes, despois dunha chiscadela a
un titular de prensa, o meu regreso ao pasado ensinando o carné e baixando do
coche a indicación da Garda Civil. Viña o Papa a Fátima. Retornaban as
fronteiras, as restras de automóbiles e un retrouso á miña cabeza. Nos tempos
de escolante no “Colexio Isabel la Católica”, daquela as escolas tiñan nomes
rimbombantes, ao chegar o mes que andamos , inzaban as actividades de
exaltación de fe cristiá por estar no “mes de María” e tiñamos que repetir a
estrofa dun cántico relixioso en referencia ao 13 de maio, a ascensión da Virxe
aos ceos e aos pastores de Fátima. Nos días seguintes a información matizouse e
non sei moi ben como quedou. En calquera caso, aquel mércores, quitáronseme as ganas
de ir á feira.
Na
súa visita ao santuario lusitano, o Papa, leo nun xornal, afirmou:
“Derribaremos todos os muros e superaremos todas as fronteiras”. Ben sei que o
Papa falaba en sentido elevado e non se refería a ter que botar media hora para
entrar en Valença.
Mais
o asunto non foi de broma. Segundo podo ler noutro xornal, tivo os seus efectos
colaterais. O bispo auxiliar da Habana, Juan de Dios Hernández Ruíz, por mor
das leas fronteirizas non chegou a tempo de acudir aos actos papais.
Pero
o home do solideo violeta non perdeu o tempo. O prelado non ten xénese galega
pero si amizade cunha familia orixinaria de San Xián de Veiga, no concello
lucense de Pobra do Broullón. O párroco e os fregueses non perderon a oportunidade e dado que a
visita a Fátima se complicaba convidaron o
bispo a dicir a misa no día grande da parroquia.
Ben
se ve que debe ser un home xeneroso e sensible. Primeiro porque na vez de dicir
a misa no interior da igrexa parroquial, unha humilde edificación románica de
mediados do século XII, adaptouse aos gustos locais e díxoa dende o palco do
campo da festa. Desculpouse por se topaban algunha cousa estraña no seu xeito
de celebración ao xeito cubano e na homilía lembroulle á veciñanza a
importancia de manter a fidelidade ás
raíces culturais e espirituais. “Cando non hai raíces non hai identidade e
cando non hai identidade non hai consistencia”, seica dixo. Mesmo na súa xenerosidade
non tivo empacho en presidir a procesión dende a igrexa ao lugar de celebración
da eucaristía seguido por unha charanga con aires caribeños adobiados con
floreadas camisas de guiris praieiros que poñían en evidencia o escaso éxito da
súa homilía sobre a identidade. A imaxe de Roi Fernández é máis útil que as
miñas palabras.
Lembreime
do arcebispo de Santiago de Cuba Enrique Pérez Serantes a quen Fidel Castro lle debía a
vida, segundo el mesmo lle conta a Ramonet
no seu libro de conversas. O metropolitano era parente de Casares. Un
dia falounos del. Da súa impoñente presenza coa cruz, o faxín e o solideo, de
como o saudaban os gardas e de que cando chegaba todos o trataban “como se fose o rei”. De como o de andar
dicindo que quería ser arcebispo serviulle a súa nai de desculpa para mandalo
ao seminario. De como admiraba a aquel home bo, gordo, comellón... “que metía
as pavías enteiras na boca”, díxonos nunha entrevista radiofónica.
Aquel
arcebispo que inspirou, de lonxe, o protagonista de Ilustrísima, seica vén de publicarse en inglés, debíase parecer
moito a este bispo.
Martes, 16 de maio de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario