Hai
un días escribimos que andabamos na agarda de saber se o “S” era nome ou
apelido. Pois foi apelido. Para sorpresa duns, mais non tanta, e encabuxamento
de moitos: elites políticas e económicas
e partidarios da anguitiana teoría das dúas “orillas”.
Como
ben se sabe o combate pola posición, en política, ten moito máis de representación
que de autenticidade, conquístase o sitio mellor con raposería que con
afouteza. Nela cómpre facer o que se
espera, ou todo o contrario, pero poucas veces se atina facendo o que é normal,
non no sentido rajoniano da expresión, senón o que a xente, ou cando menos unha
parte, agarda.
Cando
menos dende decembro de 2015 unha parte maioritaria da sociedade española non
quere a Rajoy nin ao PP. Para sorpresa de moitos, mesmo deles, un partido
comesto pola couza, dirixido por unha persoa tan insulsa que só pode sobrevivir
nun mar de podremia, segue a desgobernar en minoría, mesmo con outras eleccións
polo medio.
Outra
cousa é a xestión do público en que interveñen outros factores, mesmo
individuais que fan que poidamos ter xestores máis ou menos atinados en moitos
lugares do abano político. O exemplo por excelencia parece Abel Caballero de
éxito esmagador na cidade proletaria e colleitador dos máis sonoros fracasos
cando foi candidato á presidencia da Xunta ou, agora, auspiciador da presidenta
andaluza.
Ás
veces esta representación chega ao ridículo. Susana Díaz, segundo a prensa,
chama a Pedro Sánchez para felicitalo pero resulta que os dous están no mesmo
edificio, e non só iso, senón na mesma planta, suponse que en despachos
distintos pero non moi afastados. A mesma señora di que vai apoiar o gañador pero non di o seu nome, non vaia ser,
e cando ten que facer o retrato faino aínda que sexa resistindo as ganas de
trousar. En calquera caso os augures que anunciaban que a tormenta política xa
pasara terán que volver destripar paxaros que anuncien a estabilidade que
desexan.
Porque
esta, a estabilidade, de ser, será nova, e terá que vir da man da esquerda e do
nacionalismo catalán, e isto significa unha outra forma de gobernar e mesmo ata
pode que faga preciso un novo réxime político. A esquerda ten que sacar ao PP,
o estado ten que dar unha solución, cando menos temporal, a Cataluña, o
nacionalismo catalán ten que procurar unha saída para a súa proposta
soberanista e os austericidas teñen que aliviar os recortes. Calceta de cores.
As
coalicións forzadas teñen o perigo de converterse en comedias, de fasquía
dramática, decimonónicas, de celos e
traizóns, e mesmo, pode, que frustrantes
experiencias de xestión. A experiencia portuguesa de goberno dunha das patas e apoio
parlamentario das outras dúas cómpre telo en consideración; claro que para iso cómpre
tamén ter liderados á altura dos líderes da esquerda lusitana.
Outras
veces a representación é arteira en demasía, de fogo fixo e voador, e acábase por
descubrir. Aquela imaxe de Iglesias, autonomeándose vicepresidente, custoulle
primeiro deixar o “sorpasso” para outra ocasión e despois a división interna. A
de agora, presentar a moción de censura antes de saber o resultado das
primarias do PSOE, pode metelo noutra canella e darlle tempo, cando menos ata
setembro, a Rajoy para fumar outros charutos celebrando a vitoria do Real
Madrid. O caso era encerellar de novo o asunto. Non sei se con tempo á marcha
atrás.
Galicia,
a súa esquerda, non conta.
Domingo, 21 de maio de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario