No
post de onte faláballes de dous feitos que ficaron no fondo do meu espello como
diría Ferrín. Relateilles un deles. Vou co segundo, ocorrido sobre unha ducia
de anos despois da transición.
Na
altura e coido que segue a ser así, Chaín non tiña traída de auga publica, polo
que o subministro ou se resolvía cun pozo particular ou participando na inxente
tarefa comunal que foi a epopea organizativa, dos individualistas paisanos, na
procura de tomas de auga no Galiñeiro, cedidas, en parte, polas xentes de
Vincios, canalizalas ata un deposito e dende alí levar as tubarias ata barrios
e casas. Un esforzo colectivo titánico que só cun liderado entusiasta e
decidido como o do “Rubio de Chaín”, tamén coñecido como o “Rubio de Barreras” ou
o “mozo da bandeira”, se puido enfrontar.
Os
que querían auga tiñan que pagar o enganche que como poden entender era de custo
elevado, despois non se pagaba polo consumo. Había xente que por non ter
recursos ou por outro motivo pagaba co seu traballo. Logo argallaron que o
mantemento e/ou ampliación da rede se mantivese co traballo dun equipo de
persoas que se renovaban por sorteo ata que fosen pasando todas as persoas
asociadas. Os traballos de limpeza dos olleiros, tubarias, mantemento de
depósitos etc. eran duros e, ás veces, había persoas que non podían realizalos,
tiñan entón que procurar un substituto;
como facían a fidalguía ou os ricos cando se puxo a “mili” por cota, os
quintos, que pagaban a outro para que fosen no seu sitio, en especial en tempos
de guerra.
Os
gastos afrontábanse cos ingresos xerados polos novos enganches, ata que deixou
de habelos. Foi daquela cando a rolda do sorteo meteume no medio dunha lea que
me permitiu coñecer a veciñanza, saber como funciona unha comunidade de augas e
facer un bo mangado de amigos entre os que coincidimos naquela directiva.
O
furrullo ía a menos e o traballo había que pagalo, así que houbo que tomar unha
decisión impopular: poñer unha cota anual. Non lembro a cantidade, non era
moita, pero a xente non estaba acostumada. Había que domiciliar o pago, non
todos querían, non se fiaban das domiciliacións como agora cos pagos por
internet, ou ben ingresala nunha conta nunha entidade bancaria que existiu,
noutro tempo, chamada Caixa de Aforros. Pasado un prazo, aos que non aboaran a
cota comunicábaselles, por primeira vez, segunda e terceira. De persistir
cortábaselle a auga e sancionábase.
Uns
de bo grado, outros refunfuñando, a inmensa maioría asumiron que a cota era
xusta e pagárona. Pero houbo algúns remelóns, uns por botar un pulso, outros
por andar coa cabeza a paxaros e outros porque eles non pagaban porque si. Como no do señor do que lles falaba onte
que ademais tiña tres billas; segundo el puxéraas para axudar os veciños e que
non as precisaba... así que non estaba disposto a pagar as cotas.
Tivemos
que ir á súa casa, na vila, para que nos asinase a comunicación. Iamos catro.
Tres deles naturais de Chaín. Dixéronme, chama e fálalle ti que non es de
Chaín. Timbrei. Abriu a muller. Expliqueille o caso. Respondeume:“Ay, como
se ponen estos de Chaín”. Pechoume a porta.
Cortámoslle
a auga. Pagou as cotas, o retraso por impago e os gastos por conectarlle a auga
de novo.
Dende
aquel día o señor asistía a todas as asembleas da comunidade de augas e sentaba
na primeira fila.
Venres,19 de maio de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario