xoves, maio 25, 2017

Mitomanías

O carballo de Goethe en Buchenwald
Os lugares comúns achacan á  adolescencia a fácil tendencia a mitificar persoeiros de éxito público. Os futbolistas gañadores son recoñecidos e admirados ata extremos ridículos polos mozos que soñan imposibles imitacións ou subliman, nos triunfos alleos, frustracións propias. No mundo da música comercial, no pop como exemplo extremo, sucede o mesmo. Tamén no cine, aínda que o  star system está un pouco de capa caída fronte aos novos fenómenos visuais e musicais adolescentes. Mesmo, ás veces, preténdese envolvelos nunha mística sandadora e lévanos visitar nenos ingresados en hospitais ou persoas idosas como se a súa natureza, suponse semi-divina, lles outorgase poderes taumatúrxicos como aos reis medievais ou do antigo réxime.

Cadra cos  estereotipos considerar  o mundo científico ou, en xeral, creativo afastado destas  trécolas. Tamén que estas manifestacións de entusiasmo excesivo acaen ben a pobos quentes, cálidos, soleados mentres que non son aqueladas nos racionais e reflexivos do norte, a Europa cartesiana e disciplinada. Enténdese ben Fátima, Cristiano Ronaldo e Salazar en Portugal, Franco en España e importando o futbolista portugués e Messi; Mussolini na Italia de Buffon e Totti. Dos fenómenos do pop non estou moi informado. Mais non cadra, nos prexuízos, considerar o aristocratismo inglés non xa como algo rancio senón como simple estupidez ou o racionalismo xermánico como próximo á banalidade do mal.

Por iso, ás veces sorprende ler cousas deste estilo: “Durante anos guardei por trás dum vidro uma pena de ganso utilizada por Goethe, para resistir à tentação de pegar nela com a minha mão indigna”. A “mão indigna” é a de Zweig que dedica algunhas páxinas de desbordante entusiasmo cando soubo que sobre el, nun apartamento modesto, vivía, nada máis e nada menos, que a filla do médico persoal de Goethe que fora bautizada na súa presenza e tendo a Otilia como madriña. Engade no seu entusiasmo deificador: “Fiquei  meio atordoado, em 1910 havia ainda uma pessoa à face da terra sobre quem Goethe tinha pousado o seu sagrado olhar!” Zweig manifestaba un afervoamento máis propio dun “supporter” que dun sensible lector dun poeta que, por outra banda,  afirmaba cousas como: “prefiro cometer unha inxustiza antes que soportar a desorde”, frase, por certo,  ben representativa da mentalidade pequeno-burguesa que Zweig deostaba con intensidade.

A experiencia persoal e a procedencia social condicionan en gran maneira o pensamento, a acción e a creación. Se Zweig era un xudeu burgués da Viena imperial sumido na nostalxia, Joseph Roth era un xudeu oriental, da Galtzia ucraína, alá das beiras do imperio dos  tsares, e  dedicou o seu derradeiro escrito (morreu en maio de 1939) a falar do carballo de Goethe en Buchenwald, antes Ettersberg, que os nazis conservaron e veneraron porque baixo a súa acolledora sombra o escritor e científico reuníase con Frau von Stein, cando non lle escribía cartas. Aquel carballo ficou baixo a lei de protección da natureza, cóntanos Roth, mentres o bosque se desbravaba para ampliar o campo de concentración.

Alí ficou protexido o carballo de Goethe, o carballo de Charlotte von Stein.

Podemos seguir con estas cousas despois de Buchenwald?

Mércores, 24 de maio de 2017


Ningún comentario:

Publicar un comentario