Contan
que, no seu desespero, unha familia á
que lle desaparecían as cousas, furábanselle as potas e camas, cadeiras e mesas
movíanselle soas e que polas noites, no faiado, non paraban de dar golpes como
se alguén batese cunha vasoira ou un can rabuñase as táboas, decidiu coller os
tarecos, metelos nun carro e abandonar a casa. No medio do camiño atoparon cun
veciño que lles preguntou que facían. De entre os mobles apiñados no carro
escoitouse unha voz que dicía: mudámonos de casa!. Aquela xente non daba
deixado atrás o seu particular trasno.
Non
creo que fose unha decisión premeditada do editor, senón unha trasnada
rebuldeira daquel aduaneiro que antes se dicía que habitaba nas imprentas e
mudaba os tipos para inventar grallas cheas de enxeño. Digo que debeu ser un
condenado cachafello o que fixo coincidir a contracapa da edición de Vigo de “La
Voz” coa páxina de economía do xornal de onte para reflectir coa maior crueza a
realidade dun mundo inxusto en esencia. E que cómpre mudar de raíz.
Vóullelo
contar pois, virado á nosa lingua propia
segundo o Estatuto de Autonomía, e non, xa que logo, na lingua impropia do país
que empregan a cotío os medios de comunicación escrita, “Ces lupanards de la pensée” chamoulle Balzac, oral ou audiovisual.
A
contracapa viguesa estaba dedicada na súa integridade a José Antonio Iglesias e
Arantxa Castro, unha parella que tivo que entregar os seus fillos por carecer
de medios e que vive con 98 euros ao mes. O titular era: “Agora que nos ofrecen
traballo en Barcelona, non podemos pagar a viaxe”. Dous subtitulares enmarcaban
a foto da parella sentados nun sofá: “Dos 473 euros da RISGA, 375 van para o
alugueiro do piso e os 98 restantes son para luz, auga, gas e comida” e “A súa
estancia en Vigo foi un continuo peregrinar na procura dun teito onde
acubillarse”. Dúas entradiñas aclaran algúns pormenores: “Axudas: A parella recibiu
axudas de AFAN, Os Ninguéns, Concello (150 euros de emerxencia) e Xunta (473
euros ao mes)” e “Centros: Viviron no albergue de Marqués de Valadares, nunha
habitación dunha casa en ruínas e agora nun piso de alugueiro”. O desenvolvemento
da nova afórrollela pois xa se fan unha idea.
Imos
agora coa páxina seguinte, a 31 do xornal, que abre a sección de Economía. En ¾ de paxina, acompañada da foto do dono
venezolano de Abanca, a nova informa que esta entidade “... estréase nas
compras ao facerse coa financeira do Popular” e nun subtítulo “Crea a quinta
firma de crédito ao consumo do país ao sumar o antigo negocio do Pastor. A
altura da nova principal infórmase de que “Os galegos pagan 53 euros menos ao
ano de hipoteca tras a caída do euríbor”.
Outras
dúas novas completan a páxina. Unha a catro columnas con foto informa de
“Larena cobra cinco millóns por sete meses de traballo”. Lendo polo miúdo
sabemos que o tal Larena seica foi conselleiro delegado do Banco Popular.
A
páxina completase coa nova de “Amancio Ortega recibirá este ano un 13% máis de
Inditex: 1.256 millóns de euros”.
Ce
tout!
Xoves,
4 de maio de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario