O meu tío-avó Nilo era
ben rabudo coa rapazada. Sendo non moi lido en Freud, se o chegase a saber
chamaríalles tamén “perversos polimorfos”. Ora, era rexoubón cos de fóra; pola
contra coa súa manchea de sobriños-neto era consentidor, para desespero do avó
e da avoa. Alá nos deixaba agocharnos no medio das mazarocas do millo, facer
fochancas na herba seca, agatuñar polas cerdeiras ou mesmo subir aos valados do
camiño e tirar algunha que outra pedra solta. Ás veces mesmo tiña
comportamentos non propios da súa idade; sempre por resgardar a súa tribo.
Cando, case a diario, había tirapuxas entre a xente miúda e, xa que logo, saía
a lingua fora, o meneo de cu ou o chincha rabincha, o tío-avó Nilo non era quen
de coutarse e acababa metido no medio da barullada para defender os seus, os da
casa. Aquela conduta infantil supúñanlle enrabechadas ben grandes con media
parroquia, de xeito especial coas nais e/ou avoas dos e das protagonistas, que
tardaban días en esquecerse... ata a seguinte chincha rabincha.
luns, decembro 28, 2015
xoves, decembro 10, 2015
Así non
A idea levaba tempo dándome voltas.
Puxen, hai dúas semanas, este titulo encabezando un documento de texto. O resto
en branco. Ata que chegou o Tempos de novembro. Alí estaba,
encabezando o artigo do Antón Bahamonde. Decidín mantelo por coincidir co
primeiro anaco do artigo. O Antón sempre foi un pesimista, isto é, un
racionalista, un gran pensador; pola contra eu sempre fun un voluntarista, ou,
como di el, un deses cándidos e inexpertos que caen en “enganos de libro”.
Levamos moitos anos discrepando amigablemente e botando unhas risadas cando,
infortunadamente poucas veces, coincidimos nalgún acto ou polas rúas viguesas.
Discrepo en cualificar de “frustrante” o papel do nacionalismo nas últimas
décadas, eu deixaríao nos últimos anos, pero coincido en que “como sempre, non
perdemos a oportunidade de desaproveitar a oportunidade”.
martes, decembro 08, 2015
Retallo 11
Tempos electorais. As amizades
consideran que xa está ben, que abonda de recortes, de corrupción, da
incapacidade...; non entenden que a xente vote á dereita; non é “natural”, din.
Erro común nas esquerdas. Pensar
que o seu é o “natural”. Non se decatan de que, pola contra, a esquerda é o
“antinatural”, xa que supón esforzo permanente, exercicio de vontade, renuncia
ao egoísmo, controlar a Hobbes.
O voluntario esforzo antinatural é
moito máis custoso cando se exerce poder, por cativo que sexa. O desvelo da
esquerda tende a diluírse polo efecto disolvente do poder. Hai que prevelo.
martes, decembro 01, 2015
Non foi posíbel
Rousar o carro, cargado de húmido estrume ou de livián centeo, non é cousa doada. Facelo ás presas moito menos. Non é explicable o fracasado proceso de xestación dunha única candidatura galega para as Cortes españolas a elixir o vindeiro 20 de decembro, se non recuamos, cando menos, ata os tempos inmediatamente anteriores ás municipais do pasado maio.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)