mércores, novembro 28, 2018

Fuso e roca



Candido Portinari. As fiandeiras. C. 1950. Catagueses, Minas Gerais
(…)
i a tea dos teus soños non se move
(…)
Díaz Castro, Penelope

Enceto estas liñas, xusto cen anos despois de se asinar o manifesto da “Asembleia nazonalista de Lugo” : “Tendo a Galicia todal-as características esenciaes de nazonalidade, nós, nomeámonos, d-oxe pra sempre, nazonalistas galegos, xa que a verba rexonalismo non recolle todal-as aspiracións nin encerra toda a intensidade dos nosos problemas”. Non era pois só unha rectificación nominalista, senón de intensidade. Tratábase tamén dun chouto xeracional e cultural.

Son os actuais tempos nos que moitas persoas amosan inseguridades a respecto da definición adoptada naquel inverno lucense, e incertezas sobre o acaído punto de intersección entre benestar social e dereitos individuais cos dereitos colectivos que non temos recoñecido como pobo.  Cómpre relembrar que o momento da autonomeamento lucense era de plena emerxencia das nacións coa percepción inmediata da extinción duns imperios e a recuada  de outros. Na altura,“nacionalismo” era unha verba  positiva. Menos de dúas décadas despois o termo ficaría perturbado polo réximes totalitarios de variada pelaxe que no caso ibérico prolongáronse durante decenios.

A crise económica de 2008, a cancelación das expectativas de toda unha xeración, as ameazas sobre o futuro das clases populares, subalternas ou precarias, as inseguridades das persoas que fican fóra do cativo mercado laboral, por expulsión do mesmo ou por idade,  puxeron en realce as cuestións sociais e no sentir das xentes do común desequilibraron o punto de encontro entre nación e clases populares que acadara o galeguismo nacionalista nas catro últimas décadas. A causa do desaxuste permanece, pois a crise de 2008, sabémolo xa, dez anos despois, por reiterada experiencia, non é cíclica senón sistémica e as coercións  pairan sobre os postulados máis básicos da democracia, tamén na Europa fachendosa creadora da mesma.

Unha outra volta,  a perversión do termo estase a producir. No próximo, coa excitación do nacionalismo español. No xeral próximo, dos outros nacionalismos autoritarios que aproveitan a crise para encrespar sentimentos antieuropeos e postular saídas á crise dende o autoritarismo dos vellos estados-nación. No global, podemos agardar o peor.
Para agravar males, o escabroso remate do bipartito e o estoupido do temporal proxecto organizativo do BNG na Asemblea de Amio provocou a división interna máis longa e esgotadora na nación-política dende a asemblea de Monforte de 1922.

As escisións, tanto a representada nas beiras do Cabe como a do mercado de gando, gardan, na nosa opinión, unha semellanza de fondo. Nas dúas, como ao longo de todo o século, a disensión situouse en termos de ou máis lasitude ideolóxica para gañar apoio social  e poder político  para realizar transformacións pausadas ou máis fortaleza de principios para coutar o perigo da dilución da nación-intensa nun enxebrismo costumista, aínda á custa de ser máis ineficaces. Na IV asemblea a disxuntiva visualizouse no troco do nome do partido, de Irmandades da Fala a Irmandade Nazonalista Galega. Nove anos despois, unha nova xeración puxo en marcha, coa colaboración de parte dos protagonistas da escisión monfortina, o Partido Galeguista. A aquelada dirección do mesmo logrou, nun breve prazo de tempo, a maior cota de soberanía política que Galicia tivera en séculos e que nós, por fortuna, herdamos.

Na de 2012, a negativa, ao longo da asemblea e no tempo posterior inmediato, a que Penelope retecese sen caer nos brazos dos pretendentes, provocou a ruptura na forma de representación política do nacionalismo. Clausurábase un ciclo longo de acción nacionalista que ben poderiamos rastrexar dende a Declaración conxunta UPG-PSG (difundida a finais do 72 ou comezo do 73 pero redactada, en data imprecisa, dous ou tres anos antes) ata o estalo amiense, coincidindo tamén co natural cansazo físico, e intelectual, da elite dirixente do nacionalismo das últimas catro décadas. Remataba, aínda que algúns sectores sigan a defendelo como argumento de consumo interno, un modelo frontista só eficaz cando actuou como partido no marco constitucional e europeo que formalmente rexeitaba.

Vaia en descargo da recomposición organizativa, e para contrarresto dos laios de quen prefire a sosegada unidade dos convencidos á incerta representación da voluble cidadanía, que o brutal impacto do latrocinio perpetrado polo capital transnacional tampouco deixou indemne a representación política da dereita e esquerda españolas.

Escribo estas liñas a uns días de que En Marea resolva o seu desiderátum; ser ou non ser tal. O galeguismo nacionalista pode establecer alianzas previas con quen poida ou desexe pero non renunciar ao principio de autoorganización. Pode modular a autodefinición como nacionalista pero non desbotala, aínda que só sexa como rastrexo da continuidade histórica na loita por dereitos non acadados. Pode, e debe, procurar o entendemento coas xentes que sen se reclamar do “nacionalismo” recoñecen, con intensidade máis ou menos morna, os dereitos que como nación reclamamos e facelo consciente de que a nación galega existe só porque hai unha cidadanía que a reclama como tal e expresa a súa petición en formas organizativas múltiples e diversas.

De resultas desa decisión poderá abrirse, cunha nova xeración á fronte, e  aquí o material humano será clave, a superación, tardía, da escisión amiense ou prolongarse o permanente estado de funambulismo actual.

En calquera caso, con maior ou menor dilixencia, teranse que afrontar, na nosa opinión, dous escenarios. Por unha banda, a urxente acumulación de masa crítica, non só, pero tamén, ante as ameazas inquietantes que se perciben na reviravolta do camiño; esa concentración de forzas só precisa un marco de definición: o dereito a decidir.

Por outra banda asumir que a expresión política da reivindicación dos dereitos nacionais vai ser plural, e que esta, ante a permanente indecisión dunhas elites económicas cada vez menos autónomas, vai expresarse en termos de sensibilidade social. Nesta amplitude necesaria, imprescindible, semella obrigado abeirar definicións ideolóxicas estritas e en especial desterrar a pulsión dominante, entre estes, aqueles e os de máis alá, de control grupal ou partidario. Ao noso ver a práctica da alianza previa, nunhas ocasións, posterior noutras, superando as rupturas de comunicación actuais, máis ou menos desexadas ou  forzadas, rematará por converterse en realidade.

Atrevémonos a facer outras dúas reflexións, unha práctica, outra psicolóxica. A primeira, no campo da cultura, retecer, mellor recoser de novo o traxe da nación-cultura e da nación-política. Non só semella urxente corrixir os ollares esgazados das dúas caras de Xano, senón superar de vez o cabalo preñado de monstros que introduciu na nosa fortaleza un debate normativo tramposo e abonado por miserias persoais. Cumpriría que as persoas actuantes no campo cultural se decatasen de que se pode sobrevivir nos arrabaldes do poder establecido, mais só será á custa da paulatina e constante perda de visibilidade da nación-cultura.

Como remate, teño a impresión de que, cando menos os do meu tempo, confundimos con frecuencia a acción política coa etnografía presos dunha perversión nostálxica, non dun sentimento individual que acompaña a idade, senón dunha especie de reproche por non dar acadado as ilusións do último medio século, e sometemos as nosas análises ao lamento dun afastado paraíso ecolóxico-lingüístico, sen decatarnos de que, como escribiu David Harvey: “Para que os movementos políticos poidan ter un efecto significativo a longo prazo, deben deixar dun lado a nostalxia”.

Fuso ou roca, o caso é que fíe.

*Publicado en Novas do Eixo Atlántico, decembro, 2018


martes, novembro 20, 2018

A permanente excepcionalidade española


Vai rematar o cincuentenario das revolucións fracasadas (J. Fontana) ou espectrais (T. Judt) de 1968. Sen moita conmemoración, cando menos teño esa impresión. Supoño que non son tempos para celebrar algaradas, por un “siascaso”.

Na altura, pola rúas do occidente berlinés, Rudi Dutschke voceaba proclamas de liberdade nunha Alemaña Federal que, un cuarto de século despois de rematada a guerra, non só non fora quen de zafarse das infiltracións nazis senón que tiña á  fronte da chancelería a Kiesenger, un NSDP da primeira fornada. Na banda oriental, o inflexíbel carácter de Ulbritch rematara inzando de soldados e formigón as fronteiras ideolóxicas  que esgazaban  a nación alemá. Ao longo dos anos sesenta, os fillos da guerra mobilizábanse dende a Oposición extraparlamentaria  contra os dous estados da mesma nación. Un dereitista occidental pegoulle tres tiros a Dutschke e deixouno malvivindo durante anos; a entusiasta axuda de Ulbritch permitiu que os carros de combate paseasen, na canícula de agosto, por Praga.

Nin en Alemaña, nin noutros países europeos, as  políticas públicas da memoria foron tan modélicas como hoxe as vemos. A secuencia sinalada polos estudosos: trauma-represión-rememoración-obsesión  foise ciclicamente cumprindo ata o enxalzamento da vítima e do heroe, en especial da testemuña. As vítimas dos nazis, dos campos de concentración, os xudeus, foron conmemorados, e ségueno a ser,  en memoriais de toda caste e das máis variadas técnicas. O heroe, salientado no partisano, coñeceu  tamén o seu momento ata que a decadencia dos réximes do leste foinos adiando  a un segundo plano memorialista.

Mais a excepcionalidade española, a anomalía hispana, non só permanece senón que dá a sensación de non atopar máis explicación que a de tratarse dun trastorno conxénito, dunha alteración crónica. As vítimas non foron encomiadas ata 2006, por certo e como noutras moitas ocasións con Galicia abrindo o suco,  e tras o ronsel da tímida Lei da Memoria Histórica de 2007. Os heroes partisanos non foron nin lembrados, agás en círculos reducidos, e a militancia antifranquista, castigada en décadas de ditadura, ficou esquecida pola brevidade do tempo de rememoración e o abafante, e ignorado, peso das vítimas.

Recapitulamos: longuísima ditadura (fase prolongada de trauma), período “transacional” e amnesia gonzalense-aznariana, (fase represión); tímida fase de rememoración durante a xeira zapaterina: regreso á represión do trauma durante o período raxoniano.

A excepcionalidade maniféstase de novo, mesmo de forma incomprensible para unha análise superficial dende a normalidade democrática. Só fixo falla que a dereita perdese o poder executivo e que o relevo precise de certa xestualidade a cambio de orzamentos para que a anomalía democrática española se exhiba en toda intensidade.

Non se pode ser máis moderado ao afirmar que non se pode considerar como lugar de reconciliación un mausoleo megalómano, presidido pola simboloxía dos vencedores, erguido por vontade do ditador, onde se homenaxean os seus restos e máis os do fundador do partido fascista que exerceu durante décadas a parte máis significativa do poder político. Non se pode ser máis moderado cando se reclama legalmente, con documentación probatoria ata o detalle, que o  pazo residencial da familia do ditador foi usurpado pola forza do poder totalitario.

Emporiso, non é que unha parte desa dereita poida expresar a súa identificación coa ditadura, co franquismo e co fascismo, senón que a autoproclamada dereita liberal, europea, e centrista, na súa  actualidade bicéfala, amosa sen pudor a fortaleza do cordón umbilical que os une á ditadura, ou mellor ao relato autoritario do nacionalismo español, católico e monárquico, expresión dunha concepción (tan do gusto de Franco) do pobo español como dominado polo xene cainita que o imposibilita para a democracia e lexitima calquera actitude para devolver o poder a quen por natureza lle corresponde.

Casado e Rivera teñen que matinar en que queren ser. Merkel ou Salvini?

*Publicado en A Nova Peneira, novembro 2018


luns, novembro 19, 2018

A patada voadora de Boban, as lágrimas por Modrić e a opinión de Prosinećki


Ás veces a un asáltanlle certos matinares. Que é o que empurra un brillante, segundo din, profesor, recoñecido dirixente político, carácter afable, bondadoso católico e de profundas conviccións sociais, a arriscarse a permanecer encarcerado durante anos? Que empurra un xefe político, presidente da que recoñece como a súa nación, a comprometerse nunhas decisións que o poden manter durante lustros como prófugo e apátrida? Que é o que empuxa moitos outros a facer o mesmo? Que é o que impele un home rico, de brillante carreira política e recoñecemento social, a hipotecar as súas propiedades, por moitas que teña, e afrontar sancións económicas, tan excesivas, que auguran futuras condenas? Que empurrou un rapazolo de 21 anos, figura futbolística en xermolo como despois ficaría demostrado, a soltarlle un couce voador a un policía? Pois algo tan fútil, tan livián, tan produto humano, tan cultural, tan comunidade imaxinada, tan tradición inventada como é o concepto contemporáneo de nación. Unha creación social que con determinación empurra aos máis grandes sacrificios  e mesmo ata morrer, ou matar, por ela.

Algúns medios, poucos,recollérono. Hai menos de dous meses, na entrega, ao futbolista LukaModrić, dun premio individual, o exfutbolista Boban sorprendeu os asistentes próximos cuns emotivos laios, afundido na cadeira. Aquel elegante xogador pateou o coiro,con brevidade,en Balaídos. Foi un estraño final, só xogou catro partidos, para un xogador que apañara grandes éxitos no Milán de Capello, na selección iugoslava e coa croata. Mostovoi era a estrela e Boban non estaba disposto a aburrirse no banco. Abandonou, retirouse do fútbol e perdooulle o soldo ao Celta.

Unha ducia de anos antes, sendo xogador do Dinamo de Zagreb, fora protagonista dun mito case fundacional do actual estado-nación croata. Tuđman cualificouno como “o noso Garibaldi”. A patada de Boban presaxiaba a traxedia. Enfronte tiña o mesmísimo Estrela Vermella de Prosinećki, Savićević, Stojković... Dun lado os ultras do Dinamo, partidarios da independencia croata; do outro os do equipo de Belgrado, dirixidos por Zelijko Raznatović, máis coñecido como Arkan, pouco tempo despois, xefe dos paramilitares serbios autores de bestialidades inimaxinábeis en Croacia e Bosnia-Hercegovina. Aínda non comezara o partido e xa comezara a batalla. Xogábase en Zagreb. Nun momento a policía iugoslava comeza a paus cos seguidores do Dinamo. Boban insulta os policías. Zóscanlle. Pega un chimpo e dálle un couce a un. A resposta non se fixo esperar. Un rapaz de 21 anos convertíase en heroe. “Eu era como os demais, pero levaba o número 10 e glorificouse”, dixo nunha ocasión. O policía, segundo se soubo despois, era bosníaco musulmán.

As lágrimas que deitaba Boban no momento de gloria de Modrić, o seu continuador no Dinamo e no firmamento futbolístico mundial, tiñan unha orixe dramática. Pouco despois da patada voadora de Boban a traxedia arrasa as terras dos eslavos do sur.  A familia do cativiño Luka ten que abandonar Zadar e refuxiarse no asentamento de Jesenice. Un día de decembro de 1994 as milicias serbias fan unha das súas. O rapaz contempla como o seu avó e seis homes máis son fusilados despois de que lles queimaran as casas.

Non tivo tanta sorte futbolística, ou tan bos músculos, o terceiro dos grandes futbolistas citados, Robert Prosinećki, probablemente tampouco o seu carácter. Nunca chegou a triunfar á altura das súas enormes calidades, quizais as mellores dos tres citados. Lesións reiteradas, perda de confianza, profunda depresión e angustia pola guerra e a situación familiar fórono levando de grande en grande, pero sen brillar de forma continuada. Sempre fronteirizo: pai croata e nai serbia; nacido en Alemaña; comezou nas categorías inferiores do Dinamo de Zagreb e despuntou no Estrela Vermella de Belgrado; fichou polo Real Madrid e acabou xogando no Barcelona; regresou a Croacia, xogou en Bélxica e na segunda inglesa; participou activamente na clasificación do mundial de Francia, pero non na fase final, no partido de semifinal era suplente, Boban mancouse pero o adestrador non o sacou.

Estes día regresou aos medios, en continuidade transfronteiriza, como seleccionador de Bosnia- Hercegovina. Inchazón de excesiva cervexa, unllas sucias de mecánico, sempiterno cigarro entre os dedos e enfundado nun chándal tipo Decathlon. Preguntáronlle por Cataluña e a guerra de Iugoslavia. Na sensatez de quen, infortunadamente,  coñece ben por “experiencia transmitida” e por “experiencia vivida”, como diría W. Benjamin,  a traxedia da guerras, respondeu que non sabía se Cataluña sería algún día independente pero non cría, nin agardaba, que fose acabar como o de Iugoslavia.

Nós tampouco, mais non vaia ser que a alguén se lle escape un couce!

*Publicado en A nova Peneira,novembro 2018




martes, novembro 06, 2018

1968 de Vítor Vaqueiro en Libraida


O xoves 15 de novembro ás 20:00h estaremos na libraría Libraida de Gondomar (Rúa Rosalía de Castro, 13) estarei acompañando ao amigo Vítor Vaqueiro na presentación do seu último libro 1968 (Laiovento, 2018).

“A data crucial de 1968 exerce uma força de dobre direção, centrifuga e centrípeta, em expansão cara outros motivos temáticos…”
“Vítor Vaqueiro consolida o rumo da sua nova andaina com 1968, cimo da súa escrita poética e un dos máis atrativos e relevantes libros de poesía editados no que levamos andado do século XXI.”
Do prólogo de Xosé María Álvarez Cáccamo



En Sarmiento: O Afranio en Gondomar


   
A revista Sarmiento. Anuario Galego de Historia da Educación, que publican as tres universidades galegas e dirixe Narciso de Gabriel da Universidade de Coruña ven de publicar o texto dunha conferencia que pronunciei o pasado 17 de marzo co gallo da inauguración da exposición “Antón Alonso Ríos. Política e pedagoxía para un país”, organizada polos Concellos de Tomiño e Gondomar, e que acollía o Auditorio “Lois Tobío” desta última vila.

   Imaxinei un paseo de Alonso Ríos por Gondomar para risparse das gadoupas da morte. Déixovos o pdf: http://revistasarmiento.com/alonso-rios-en-gondomar-un-imaxinario-ainda-que-posibel-paseo