sábado, xuño 12, 2021

Días de presentación

 

Con Antón Mascato, Bieito Iglesias e Prudencio Viveiro


Foi unha semana, non diriamos que axitada, pero si activa. O mércores 9 estivemos en Compostela; o venres 11 en Vilameán, no corazón político de Nigrán. O primeiro dos días convidado pola asociación cultural “O Galo” que dende 1961 mantén o activismo cultural na capital. No segundo, o pasado venres convocados polo concello de Nigrán incitado polo seu alcalde, e antes que nada amigo, Juan González.

  No museo das peregrinacións, fronte a fonte das Praterías e a enfeitada porta meridional da catedral, arroupado polo historiador Prudencio Viveiro Mogo, en representación de Laiovento, a farturenta  memoria  e escintilante oratoria do amigo Bieito Iglesias e o rigor analítico do xeneroso compañeiro de innumerábeis proxectos culturais, Antón Mascato, fomos quen de ofrecer aos amigos e amigas que acudiron un sucinto resumo da persecución franquista no Val de Miñor. Noa Mascato apreixou o testemuño gráfico.

    Juan González, o incitador en orixe destas Catas na memoria dende os tempos ben afastados nos que os seus traballos sobre os “anos da guerra” en Nigrán desfecharon a memoria e impulsaron o recoñecemento das vítimas a comezar polos nove veciños do Miñor asasinados na “Volta dos nove”. Sobre  aquela matanza e o terror que desencadeou compuxo, no seu momento, unha suite musical o amigo Antón Seoane que verteu sobre as miñas Catas unha ollada dende a psiquiatría. Con anterioridade a amiga e compañeira durante décadas no departamento de Xeografía e Historia no IES Escolas Proval e amiga dende os tempos compostelás analizou o libro e o seu contexto temporal dende a perspectiva historiográfica.

Con Juan González, Rosa Pascual e Antón Seoane.

    Non é doado atopar expresión axeitada para o meu agradecemento a todas as persoas citadas e ás asistentes a estas dúas presentacións que terán continuidade nos próximos días. M. Amado deixou constancia. Beizón a todas elas.

Asinando libros no Auditorio de Nigrán


mércores, xuño 09, 2021

Convite para as xentes do Miñor



    Será todo un pracer compartir con todos e todas vós un tempo para presentarvos as miñas Catas na memoria. A persecución franquista no Val de Miñor (Edicións Laiovento) e  partillar o momento cos amigos de longo percorrido Juan González Pérez, historiador, alcalde de Nigrán e provocador destas Catas; o músico e psiquiatra co que comparto conversas sempre da cabalo entre tradición e modernidade, Antón Seoane e a amiga dende os ben afastados tempos compostelás e compañeira no departamento de Historia do IES Escolas Proval, Rosa Pascual Abal.

    Agardo que os moitos amigos e amigas que quedaron de portas afora en Baiona poidan nesta ocasión atopar acomodo pois semella que imos coutando o o andazo.

     Se vós presta alí estaremos a falar de memoria, historia, de Nigrán e do Val Miñor.


domingo, xuño 06, 2021

Para os amigos e amigas de Compostela e da Maía

 


    Moi agradecido á A.C. O Galo por incluír entre as súas actividades un debate arredor das investigacións sobre a violencia fascista após a sublevación militar franquista, coa presentación das miñas Catas na memoria. A persecución franquista no Val de Miñor publicadas por Edicións Laiovento que estará representada polo historiador Prudencio Viveiro Mogo

    Moi ledo polo arroupe de dous amigos de longo percorrido. O ben querido compañeiro dende tempos de mocidade estudantil na Compostela do final do franquismo e da transición, e así ata hoxe, o escritor e orador Bieito Iglesias Araúxo e o editor, que foi en moitas ocasións o meu editor, amigo e compañeiro en múltiples actividades culturais, o historiador do Grove Antón Mascato.

    Será o mércores, 9 de xuño, ás 19.30 h. no Museo das Peregrinacións (Praza das Praterías. Santiago de Compostela).

    Prégovos atención ás normas indicadas polos organizadores:

Por mor da situación sanitaria do momento, as prazas son limitadas, polo que se prega que enviedes a solicitude de inscrición ao correo electrónico comunicacion@ogalo.gal  antes do luns 7 de xuño de 2021, sendo imprescindíbel que cada persoa que se anote indique nese apuntamento:  nome, dous apelidos, número do DNI e teléfono, por mor das normas Covid. A admisión será seguindo rigorosamente a orde dos correos recibidos.É obrigatoria a asistencia con máscara e mantendo as normas de seguridade contra a Covid-19.

    Se vos presta alí nos vemos.

 

 

 

 

sábado, xuño 05, 2021

Un pracer na Guarda

  

    Foi todo un pracer inaugurar as actividades do IX aniversario do C. S. Fuscalho das animosas rapazas e rapaces guardeses coa presentación das miñas Catas na memoria. A persecución franquista no Val de Miñor (Edicións Laiovento), e moito máis facelo na compañía de dous amigos vellos e ben queridos, o poeta galego-neoiorquino Francisco Álvarez (Koki) e o profesor da UdC Xosé Manuel Malheiro, especialista en historia da educación co que levo coincidido, dende hai, anos en traballos compartidos e moi en especial ao longo do 2008-2009,  cando fomos quen de argallar un congreso que marcou época nos estudos sobre emigración e educación por mor do centenario das escolas da Unión Hispano-Americana Valle Miñor, as súas actas recolléronse nun magnifico libro  editado do Instituto de Estudos Miñoráns, infortunadamente pouco difundido, de 2011: Emigración e Educación (1900-1936). I Centenario das Escolas da Unión Hisopano-Americana Valle Miñor (1909-2009), Gondomar:IEM.

    Como foi un pracer saudar aos vellos amigos miñotos ou enxertados hai década no Baixo Miño cos que temos compartido angueiras de mocidade e as seguimos compartindo cando imos para a madurez, ou algo máis alá. O mesmo pracer de compartir unhas cervexas ao remate falando de novos proxectos con X.M. Malheiro e sabendo da cultura galega en Nova York a través de Loli, que fixo a foto, e de Koki. Tarde de proveito. Graciñas

mércores, xuño 02, 2021

No Porriño

 


    O outro día tocoume asinar as miñas Catas na memoria. A persecución franquista no Val de Miñor, na feira do libro argallada polos libreiros galegos no Porriño, ao pé da casa do concello ideada por Antonio Palacios. Alí tiven o pracer de asinar un exemplar para o vello amigo, dende o tempo das aulas compostelás, Raúl Francés, e outro para o seu pai, tamén Raúl Francés, quen tanta axuda me prestou nas miñas pescudas sobre a persecución franquista no Baixo Miño.

    A familia Francés Carpintero, enxertados no Porriño dende a súa orixinaria Forfoleda salmantina, concentraron, xunto a tamén porriñesa Fernández Miniño e a tudense Jaso, o furor perseguidor dos sublevados.  Aos irmáns Francés Carpintero, Antonio  e Eleazar, paseáronos en Tebra, na amañecida do 22 de setembro de 1936. Un terceiro fillo de José e Orícera, José Francés Carpintero, pai e avó dos amigos Raúl Francés, fusilárono en Tui ás 11 da mañá do 27 de agosto. Que a súa memoria sexa longa.

martes, xuño 01, 2021

Aos amigos e amigas da Guarda e do Baixo Miño

 



    É todo un pracer inaugurar as actividades da celebración do IX aniversario do Centro Social Fuscalho da Guarda coa presentación das miñas Catas na memoria. A persecución franquista no Val de Miñor (Edicións Laiovento), e moito máis facelo na compañía de dous amigos ben queridos, o poeta galego- neoiorquino Francisco Álvarez (Koki) e o profesor da UdC Xosé Manuel Malheiro, especialista en historia da educación con que levo coincidido dende hai anos en traballos compartidos.

    Por se vos presta, alí nos veremos o próximo xoves, tres de xuño, ás 20h. no Centro Cultural da Guarda. Beizón e parabéns para os afoutos amigos e amigas do CS Fuscalho.