Nun
mundo dominado pola pulsión homoxeneizadora, pola uniformación
cultural de centro comercial, pola globalización desbocada, só se
persegue a repetición de persoas e culturas consumidoras e a
concentración monopolística. Para este sistema-mundo a diferenza na
fala, no vestido, na cultura, nas ideas... é sempre unha ameaza.
A
mesma pulsión uniformadora está presente nas chamadas sociedades
tradicionais, e o individualismo implantado pola ideoloxía
neoliberal non só non apaga a persecución da diferenza senón que a
agrava, como se desprende da ameaza neofascista que se expande polo
centro e norte de Europa que infortunadamente pode non tardar moito
en abranguer todo o continente. A chamada crise dos refuxiados ou os
barcos á deriva polo Mediterráneo son expresión, en gran medida,
deste rexeitamento do diferente.
Na
súa viaxe dende os grandes lagos ao océano, Szymo vai descubrindo a
solidariedade, o amor, o sexo, a lealdade, o egoísmo... pero o
camiño é longo e o protagonista colle dirección norte ao tempo que
a novela abandona o exótico espazo da selva para introducirnos na
infausta realidade do “combate” por acadar Ítaca-Europa, nesa
pelexa mortal coas ondas do mar a bordo dun fráxil e rudimentario
caiuco. Será a diferenza quen o salve. Como Odiseo, Szymo chegará
só a Ítaca, os seus compañeiros de “combate” as autoridades
europeas devolveranos ao punto de partida. Para intentar un novo
“combate”?
As
reflexións éticas entretecidas na sucesións de acontecementos que
caracterizan unha boa novela de aventuras non converten Camiños
na auga nunha disquisición filosófica sobre a bondade, a
ética, a lealdade ou o valor da diferenza. Núñez Singala pretende,
e acada, un relato de aventuras, de doada lectura, no que a acción
prende a atención do lector e no que o desacougo deste vén
producido pola ansia por coñecer o remate da historia e non pola
dúbida de se debe ou non abandonar a lectura. A habilidade do autor
para enganchar lectores é ben coñecida, mesmo en xéneros pouco
dados a lecturas individuais como o teatro (O achado do castro,
Galaxia, 2014) e sobre todo no relato breve no que nos instrúe ou
nos ofrece un libro de contos revirados (Instrucións para tomar
café, Galaxia, 2014). Os dous volumes aos que aquí nos
referimos son auténticos éxitos editoriais e a ben seguro que tamén
o será esta novela.
* Tempos , xullo, 2016.
* Tempos , xullo, 2016.