mércores, xuño 26, 2019

O bacallau do Escocia




Levo uns días con gran peso entre as mans e enorme fartura no espírito. Dígoo porque ando ás voltas coas 1.331 páxinas do primeiro tomo da biografía de Castelao coa que Miguel Anxo Seixas agasallou as xentes da nación ferida. A cousa non fica aí, pois a editora (Galaxia) e mais o autor anúnciannos dous volumes máis que atenderán as dúas últimas décadas do rianxeiro, que para os agoniados, coma min, pola nación esvaradía, son os de máis interese, os de maior intervención política. O primeiro dos que virá, que é o segundo tomo, abranguerá de 1930 a 1940, isto é, dende os albores do Partido Galeguista ata a derrota da República democrática na guerra de España. O derradeiro volume tratará dos deambulares no exilio, persoal e político, dos meses de ministro en París e de acollida bonaerense na pretensión de asistir a respiración da nación. Haberá que agardar pois a súa publicación pois  o traballo está feito en forma de tese de doutoramento presentada no seu día na universidade compostelá.

O primeiro volume da biografía do construtor de nación, supoño que nos dous que agardan Seixas seguirá o mesmo modelo, é unha especie de anuario no que se vai debullando a vida do biografado dende o nacemento, 1886, ata 1930. É evidente que tantas páxinas non se enchen con datos referidos ao  protagonista, a súa familia e mesmo o amplo circulo de amizades de quen dende novo tivo unha intensa vida social, polo que Seixas nos ofrece, de paso, un retrato da sociedade galega, das súas clases sociais, das súas elites intelectuais e mesmo breves historias contemporáneas dos “locus amoenus” castelaoistas a comezar por Rianxo, a Pampa e Pontevedra; todo a través dun denodado esforzo de desentrañamento documental e unha excelente e minuciosa recuperación hemerográfica que non só deixa manifestas as habilidades historiográficas do autor senón os anos, de vinte  fálase, que o biógrafo leva escavichando na vida, obra e tempo do biografado.

Como é evidente foi nestes primeiros 44 anos da vida de Castelao cando se forxou a personalidade de quen rematará por se converter no gran mito da construción nacional. Vida curta que non puido poñer o ramo á súa obra. “Xa estamos fartos de arqueólogos, agora fannos falta arquitectos”, escribiu no artigo en 1918. Aí estaba a xurdir o Castelao construtor da nación. O prendido do pesado e potente motor diésel ou os primeiros pasos do lento boi pousón capaces de turrar da nación con constancia e sen diletantismos. No mesmo ano 1918 aquel home que participara da política conservadora do maurismo, da visión dunha Galicia reflectida nas páxinas reaccionarias de Vida Gallega, “renego da miña primeira mocidade”, escribiu, afástase do tradicionalismo para afirmar que “cómpre que as nosas xentes non vexan a política no noso ideal, inda que, dende logo o noso ideal é político” ou para preguntarse se cando chegue o bolxevismo este o fará en galego ou para comprender as reticencias do vello anarquista cando lle reclama o voto ou cando “optimista enxebre”, así titulou o artigo, confía tanto na medra xeométrica do movemento galeguista como na galeguización das cidades, “traballo doado”, onde florecerá a cultura galega. A esta altura Castelao está xa ben afastado tanto do conservadorismo como do tradicionalismo sendo capaz de propoñer o diálogo coas ideoloxías máis avanzadas no social e coas poboacións urbanas consideradas por moitos galeguistas como a anti-nación.

Castelao non foi o máis brillante intelectual da súa xeración, nin un gran pintor, senón un excelente caricaturista e creador dun estilo, particular, identificable, baixo o lema “As palabras han ser contadas e ben pensadas”. Non era nin o torrente oteriano, nin o requintado espírito risquiano, nin procedía da fidalguía  minorada;  senón que é un modelo ideal de compromiso, de honestidade e entrega que ollou, intuíu, elaborou, un proxecto galeguista que o empurrou a abandonar o seu proxecto vital de artista para converterse no dirixente político da nación galega, no mito, por riba de Rosalía, e transmitirnos  o traballo cumprido, sen ter a satisfacción de ver a obra rematada. Logrou, xunto con todo o galeguismo progresista, a grande obra do país, conseguir o estatuto de Galicia, sabendo dialogar, pactar e renunciar para acadalo. Logrouno e deixóunolo.

E as elites políticas galegas cando puideron usar o trebello, ben é  certo que con décadas en hibernación,  que eles construíran non souberon que facer con el. Uns porque xa non crían no instrumento, tras décadas de violenta obsesión unitarista, e moito menos no modelo de honestidade a el asociado. Tampouco as elites nacionalistas, enmarañadas na dialéctica da transición e nas ideoloxías universais do momento souberon deseñar un proxecto propio que continuase a obra. Infelizmente coido que seguen, ás probas me remito, sen ter claro o proxecto: acadar unha maioría para construír o pais, coas alianzas necesarias, dende o goberno que Castelao e os seus nos legaron.

E o bacallau? Unha anécdota. Como vía tan pouco, para camiñar pola rúa apoiaba a man sobre o ombro da súa muller Virxinia e esta presentábase: “Aquí veño co bacallau de Escocia”. Aquel reconstituínte do que tan pouco gorentabamos os rapaces da miña xeración. E que tanto ben lle faría hoxe ao  país.

*Publicado en A Nova Peneira, xuño 2019



luns, xuño 24, 2019

O meu tío-avó, o castelaoista


Os que o coñecen saben da afección do meu tío-avó Nilo a reparar trebellos, a fochicar entre ferros oxidados, a procurar polos interiores de caixóns inzados de parafusos de diferentes formas, condicións e tamaños, aquel que poida servir, cun aquelado trato, para o sorprendente arranxo do máis insospeitado aparello estragado pola obsolescencia programada da industria do consumo. Nada o detén, nin a máis aparente dificultade, con tino, acougo e días, matina e actúa ata atopar solución práctica á vella lavadora que escandaliza a  veciñanza, á neveira que deixou de arrefriar ou converte os bistés en pranchas de xeo, á aquela lámpada que gusta de estourar a cada pouco ou ao  triciclo estragado por ímpetos infantís. É o seu un espírito práctico que non se arreda ante atrancos aparentes nin inconstantes impaciencias.

Repare o lector que o alcuño que hoxe lle apoño ao  meu tío-avó vén inspirado pola lectura intensa e extensa (1.331  páxinas) da biografía que Miguel Anxo Seixas vén de encetar sobre o construtor da nación. Digo que acaba de comezar a súa publicación porque a obra (rematada como tese de doutoramento) non se completará ata a saída do prelo dos dous seguintes tomos, de similar extensión, dedicados ás dúas últimas década da vida do rianxeiro; as máis intensas no referido ao  combate político. Podemos gabarnos desta minuciosa achega biográfica que aínda que non clausure o campo de estudo si nos permite comprender e aprender de quen soubo converterse nun modelo ético e político, para o que cómpre ollar con atención por riba de fraseoloxías focas e rituais. O esforzo editorial de Galaxia que con estes tres tomos, e os seis das obras que publicou en 2000, é  digno de agradecemento.

Castelao era un home popular, un artista coñecido e recoñecido, como se desprende da lectura deste primeiro volume que nos achega os seus 44 primeiros anos de vida. Non foi o máis brillante intelectual da súa xeración, nin un gran pintor, limitado polas dificultades de visión, pero si un excelente caricaturista, un magnifico debuxante e un escritor de estilo, de palabras “contadas e ben pensadas”. Non era nin o torrente, na escrita e na fala, oteriano; nin o requintado espírito da lumiña vagaceira risquiana, nin procedía da tradición fidalga decadente dos Losada, senón que xurdiu da clase feita coas mans que topou fortuna no desértico cruce da sudestada, o zonda e o pampero.

O seu compromiso, honestidade e entrega permitiulle ollar, intuír, elaborar, un proxecto galeguista que rematou por sobrepoñerse ao  seu proxecto artístico e o converteu no dirixente, no construtor, no mito da nación. Logrou, xunto co galeguismo progresista da súa xeración, a grande obra de afirmar a nación, de acadar un estatuto para Galicia, de transmitirnos o traballo cumprido, sen a satisfacción de ollalo en marcha. Para atanguelo tivo que dialogar, pactar, renunciar e situar por riba das “miserias” humanas e intelectuais a vontade imaxinada da nación.

As xeracións seguintes, descontadas as machucadas polas botas militares, non souberon fedellar nos caixóns inzados de parafusos lañados para atopar aqueles máis axeitados para arranxar e adaptar o trebello.

A vontade de nación carece de proxecto para conxuntar a maioría construtora de país. Estou seguro de que habelos hainos, mais non se mirou ben.

*Publicado en Novas do Eixo Atlántico, xullo 2019



martes, xuño 18, 2019

Queremos falar da nación incomoda?



O pasado xoves 6 de xuño estivemos a falar de pasados incómodos cos amigos Lourenzo Fernández Prieto e Gustavo Hervella García. Fixémolo a través de Historia de la Guerra Civil contada por dos hermanas (Comares, 2018), en base as memorias dos anos da guerra de España de dúas irmáns e de Golpistas e verdugos de 1936 (Galaxia, 2018). Foi na libraría LIBRAIDA de Gondomar.

Este venres venres 21 de xuño, na mesma libraría (Rúa Rosalía de Castro, 13, Gondomar) ás 20.00h acompañarei o amigo Miguel Anxo Seixas na presentación da súa biografía Castelao. Construtor da nación. (Galaxia, 2018). Tratase do primeiro volume, que abrangue desde 1886 ata 1930, desta monumental pescuda biografía sobre o home, escritor, pintor, debuxante, artista... e líder político sobre a que se asenta a Galicia actual. Continuará cos dous novos tomos, de 1930 a 1940 e dende 1940 a 1950.

Dúas décadas de investigación, paixón e reconstrución minuciosa do devalar vital dunha das personalidades fundamentais na construción da nación galega.

   Hoxe o profesor Fernández Prieto achéganos algunhas reflexións a conto da monumental tese de Miguel Anxo Seixas que coñece ben pois foi o seu director.


Déixovolas por que o mellor anímavos a acercarvos a presentación ou mellor a ler este primeiro volume e aprender para hoxe e o futuro leccións do pasado.





domingo, xuño 16, 2019

Falando de construír a nación



O venres 21 de xuño ás 20.00h acompañarei o amigo Miguel Anxo Seixas na presentación da súa biografía Castelao. Construtor da nación. (Galaxia, 2018). Será na libraría LIBRAIDA, na rúa Rosalía de Castro, 13, Gondomar.

Tratase do primeiro volume, que abrangue desde 1886 ata 1930, desta monumental pescuda biografía sobre o home, escritor, pintor, debuxante, artista... e líder político sobre a que se asenta a Galicia actual. Continuará cos dous novos tomos, de 1930 a 1940 e dende 1940 a 1950.

É o resultado de toda unha vida de investigación, paixón e reconstrución minuciosa do devalar vital dunha das personalidades fundamentais na construción da nación galega.



luns, xuño 03, 2019

Falamos de pasados incomodos?



O vindeiro xoves 6 de xuño ás 20:00 na libraría LIBRAIDA (Rosalía de Castro, 13) Gondomar (Pontevedra) de Gondomar  estaremos a acompañar aos amigos Lourenzo Fernández Prieto, Gustavo Hervella García e Iria Morgade Valcárcel para falar de dous libros:

Historia de la Guerra Civil contada por dos hermanas (Comares, 2018), editada por Tito Fernández Prieto e Gustavo Hervella, cun estudo introdutorio a cargo do primeiro, en base as memorias dos anos da guerra de España das irmáns Carlota e Fernanda García del Real. A primeira vive a guerra na chamada “zona nacional”, primeiro en Panticosa e despois en Ribadeo, mentres que Fernanda pasa a guerra en Madrid, é dicir na “zona republicana”. Non son políticas, nin vítimas, nin, por suposto, militares, senón dúas mulleres independentes, dunha elite liberal acomodada, que non responden a preconceptos e nos informan da diversidade do mundo previo ó golpe de estado de 1936.

Así mesmo falaremos Golpistas e verdugos de 1936 (Galaxia, 2018), volume editado por Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Míguez Macho e no que se recollen diversos traballos entre eles o de Iria Morgade Valcarcel “Rosa branca. Accións colectivas da memoria na transición: vítimas sen verdugos” así como o traballo inicial de Fernández Prieto e Míguez Macho: “Os verdugos no golpe de estado de 1936. Quen matou a Antonio Azarola?”. O volume completase con traballos de Conchi López Sánchez: “Os comportamentos duais dos axentes sociais nas dimensións da violencia”; Rafael García Ferreira: “Violencia golpista en Santiago de Compostela: verdugos, lóxicas e espazos”; Xabier Buxeiro Alonso: Os verdugos e a sociedade. A violencia sublevada en Ribadeo (1936-1941); Aldara Cidrás: “A construción da culpabilidade colectiva na cidade de Pontevedra (1936-1939) e Judith Carbajo: “Os outros nomes das mesmas voces. Identificación de verdugos. Relatos e lóxicas da persecución golpista franquista”.

Todos os colaboradores do volume pertencen o Grupo de Investigación Histagra que coordina o catedrático de Historia Contemporánea da USC, Lourenzo Fernández Prieto.