mércores, xuño 14, 2023

Coincidencias

 


    Por una serie de coincidencias, nos últimos meses volvín ás aulas. Andei por varios institutos e un CPI. Cousas que ocorren por amigos ou amigas argallantes. De todo o que máis ilusión me fixo foi volver ás miñas vellas Escolas ProVal, a aula que, nun tempo lle dicían de galego, na que impartían sabedoría os amigos desta materia e unha amiga que perdura na memoria. Nin tan mal... iso si cansa eh...

    Seguiremos falando de recuperar a memoria, aínda que queiran derrogala e decretar o esquecemento.

domingo, xuño 04, 2023

LUZ PICHEL PÓN O RAMO ÁS LECTURAS POÉTICA NA MINI

 


    Amigos e amigas:

    Todo vai chegando ao seu remate. En xuño poñemos punto final ás “Lecturas poéticas na Mini” que coordinou Xosé Mª Álvarez Cáccamo.

    Ao longo deste “curso pasaron pola Fonte de Zeta, coas súas propias lecturas poéticas ou doutras persoas, Anxel Huete, Fernando Casás, Marta Dacosta, Maurizio Polsinelli, Xabier Boubeta, Camiño Noia, Xabier Xil Xardón e Pepe Pintado.

    Remataremos o curso aproveitando o regreso de Luz Pichel a Alén, á súa lugar natal, no concello de Lalín, a onde regresa polos veráns ou cando pode.

    Filóloga, catedrática de Lingua e Literatura española, reside en Madrid onde exerceu como profesora en diversos institutos ata a súa prexubilación.

    A súa primeira obra El pájaro mudo é de 1990. Entre 2002 y 2009 combinou o labor docente coa  dirección, na compaña de Guadalupe Grande, do “Centro de Estudios de la Poesía, de la Universidad Popular José Hierro” de San Sebastián de los Reyes.

    En 2004 gañou o Premio Juan Ramón Jiménez e dous anos despois o Premio Esquío con Casa pechada, a súa primeira obra en galego. En 2013 publicou unha persoal reescritura desta obra en castrapo, lingua de fronteira, co título de Cativa en su lughar. A súa última obra publicada é Alén Alén (2021).

    A súa poesía traspasa os lindes do código lingüístico a través dun discurso heterodoxo que non renuncia á emoción comunicativa e que está conseguindo un grande éxito de crítica e de lectura.Deixámosvos o enlace dun breve vídeo para que vos poidades achegar á obra de Luz Pichel

https://www.google.com/search?q=luz+pichel&rlz=1C1AVNG_enES716ES716&oq=luz+pichel&aqs=chrome.0.0i355i512j46i512j0i512j0i22i30.3187j0j7&sourceid=chrome&ie=UTF-8#fpstate=ive&vld=cid:b1c712e7,vid:R-iDa3SA7KI

    Se vos presta escoitar a súa voz poética, será este sábado 10 de xuño e comezará ás 12.15h, cunha duración aproximada de 45 minutos. Para limitar posíbeis  interrupcións durante a lectura, A Mini abrirá as súas portas ás 12h.

    As intervencións poéticas están pensadas para celebrarse no exterior, ao pé mesmo da Fonte de Zeta, pero como non sempre o demo do tempo nos deixa, no caso de ser preciso realizarase no interior da taparía.

    Graciñas

    Nota: De ter interese en compartir mesa e mantel con Luz Pichel podedes facer a reserva no 646 74 93 28 ou en resposta este post.