xoves, xullo 27, 2023

Aviso importante "Lectura Poética no Bosque da Lingua"

 Prezados amigos e amigas.

Por mor da previsión de choivas para mañá pola noitiña acordamos cambiar a data de “Lectura Poética” no “Bosque da Lingua” da Comunidade de Montes de Couso (Gondomar) para o domingo á mesma hora. Isto é ás 20:30. Manténdose o mesmo programa de actividades

https://pedogalinheiro.blogspot.com/2023/07/lecturas-poeticas-no-bosque-da-lingua.html

e por suposto no mesmo punto, que por se houbese problemas de localización  indicamos de novo

https://maps.app.goo.gl/E1EAtbykqeWWji4S8

Por se vos presta, agardámosvos.

venres, xullo 21, 2023

LECTURAS POÉTICAS NO "BOSQUE DA LINGUA" DA COMUNIDADE DE MONTES DE COUSO



Algunhas das voces poéticas que nos últimos meses se xuntaron na Fonte de Zeta, ao pé da taparía A Mini, volverán a facelo o vindeiro venres 28 de xullo ás 20.30h, no Bosque da Lingua, ese fermoso proxecto ecolóxico e cultural promovido pola Comunidade de Montes de Couso. Neste espazo natural esparexidos entre carballos e castiñeiros, camelias ou abruñeiros, teixos, bidueiros e unha manchea de árbores diversas chantáronse postes de madeira que, sobre unha placa instalada na parte superior,  recollen uns poucos  versos dalgunhas das mellores composicións poéticas da nosa lingua.  Pódese acceder a través dun código QR que nos achega o texto completo, lido ás veces polos seus autores e autoras e noutas ocasións por persoas que lle prestan a súa voz a quen xa non a ten.   

Nesta data incorporaranse á selección poética do “Bosque da Lingua” textos representativos de Gonzalo Navaza e Marta Dacosta, ambos veciños de Gondomar, así como de Xabier Rodríguez Baixeras e de Xosé María Álvarez Cáccamo, ademais dos dedicados a Eduardo Pondal e Xosé Luis Méndez Ferrín.

Na lectura poética que se celebrará no pequeno e ben xeitoso anfiteatro, ollando a posta do sol, que argallou a modélica comunidade de Montes, participaran os poetas Xabier Rodríguez Baixeras e Xosé María Álvarez Cáccamo ademais de Manuel Forcadela e Cristal Méndez, e as voces miñoráns de Fran Fernández Davila e Soledad García Riveiro.

No mesmo lugar poderase degustar algún petisco acompañado dalgunha bebida para refrescarse.

Preténdese así promover e divulgar este fermoso proxecto sobre o que podedes informarvos en

https://montesdecouso.gal/campanhas/proxecto-bosque-da-lingua/

Se vos presta vémonos o venres 28 ás 20:30 no bosque da lingua de Couso (Gondomar) e para guiarvos podedes seguir o enlace

 https://www.google.com/maps/@42.097599,-8.748596,17z?entry=ttu

Cristal Méndez
 
Fran Fernández Davila

 


Soledad García Riveiro

Xosé María Álvarez Cáccamo
Xabier R. Baixeras

Gonzalo Navaza

Manuel Forcadela