Leopoldo Nóvoa no atelier do Mercado Central de Motevisero, cara 1959. Tomado de Leopoldo Nóvoa (1919-2019). Museo - Deputación de Pontevedra |
Aínda non rematara a magnífica exposición, cativa aínda
que intensa, “Galaicos. Un pobo entre
dous mundos”, que percorría 2.000 anos entre a prehistoria e a antigüidade tardía a través de obxectos arqueolóxicos
achados no ámbito das Rías Baixas, xa que non todos eran da división
administrativa pontevedresa, e xa se inaugurou outra gran exposición no Museo
de Pontevedra. Semella que sopran ventos de mudanza “malgré lui”, aínda
mantendo ridículas peaxes: unha exposición como “Galaicos” inaugúrase primeiro
en Madrid para despois chegar a
provincias, mesmo a aquela na que ten a súa orixe.
No alcumado “sexto edificio” pegouse un chimpo dende os
tempos máis recuados ata a arte contemporánea coa exposición conmemorativa,
argallada por Rosario Sarmiento, do
centenario do nacemento de Leopoldo Nóvoa. O galego-uruguaio, nacido en
Salcedo, foi o último en falecer dos grandes creadores plásticos que o exilio
arrexuntou nas beiras do Prata fecundando a cultura galega contemporánea:
Colmeiro, Seoane, Laxeiro, Díaz Pardo e Nóvoa.
O pai de Leopoldo era cónsul do Uruguai en Vilagarcía.
Tiña “o paísiño” como lugar de nacenza. Os sublevados expulsaron o pai e o futuro artista, en idade militar,
deserta. A familia, a través de Portugal, consegue chegar a Montevideo.
Na capital do país “chiquito”, o mozo Nóvoa coñece a
Joaquín Torres García que o acabará
afastando da arquitectura e da literatura para encarreiralo cara á pintura e a expresión plástica, exercendo unha
gran influencia, xunto á de Seoane,
nestes anos iniciais do seu traballo artístico.
O seu propio camiño atoparao, xa instalado en París, nos primeiros
sesenta. Ata que as cinzas o marcaron para sempre, primeiro tras o incendio
destrutor do “atelier” parisino e despois co inconsciente repañar de borralla
na súa lareira de Armenteira.
Nos anos de formación, bandeando polas beiras do Prata, primeiros anos en
Uruguai, residencia en Bos Aires, regreso a Montevideo e antes de coller camiño
de Europa, fixo migas con outro
expatriado polo fascismo, coma el de vida nómade pola forza do traballo, da
violencia e un chisco tamén por vontade. Naquel Montevideo acariñador de
emigrantes e exiliados tratou a Lois Tobío, de profesión orixinaria similar á
paterna, probablemente a través da familia do mesmo Torres García, coa que
Tobío e a súa dona mantiveron relación de amizade durante anos.