mércores, febreiro 25, 2015

Cego guía cego





          




A parábola dos cegos (De parabel der blinden)
 Pieter Brueghel “O Vello”, 1568.
Óleo sobre táboa 86x154 Múseo de Capodimonte, Nápoles


             Poderíamos ilustrar esta colaboración con calquera dos catro debuxos de Castelao, lapis sobre papel, que se conservan no Museo de Pontevedra.  Denominou a serie  “Cegos: os meus compañeiros”, a persoa lectora ben sabe dos problemas visuais do rianxeiro. Está formada por “A familia do cego”, “Cegos á porta da ermida”, “O cego”  e “Como na parábola de Pieter Brueghel”.

venres, febreiro 06, 2015

Grecia é Europa*



           
O rapto de Europa. Bronce de Xoan Oliveira

Foron dúas premonicións.  A primeira, o venres. Unha amiga moi especial convidoume a xantar con motivo do seu aniversario; ao entrar no restaurante baionés soaba o syrtáki, a danza de Zorba, creada, en 1964, por Mikis Teodorakis. Un dos seus moitos éxitos. Anos máis tarde, na metade dos oitenta, puiden escoitalo, en directo, asombrado, no pavillón vigués de Castrelos, dirixindo un espectacular e numeroso grupo de músicos, voces e coros suecos interpretando o Canto General de Pablo Neruda. Ficaron para sempre na memoria as poderosas voces de Maria Farandouri e de Petros Pandis e o numeroso coro, de entre o cal, erguidas por mans  nórdicas,  emerxeu, como faro salvador, a bandeira galega iluminada cunha estrela vermella no  momento máis intenso do concerto, xa cara ao final. A moitos quedounos gravada a imaxe daquel xigantón de guedellas ensarilladas, vestido de pantalón e camisa preta, partisano contra  o réxime de Metaxas, os fascistas e os nazis; deputado da esquerda; na clandestinidade contra a “ditadura dos coroneis”, detido, torturado,  desterrado, exiliado. Tras a caída dos “coroneis”, ministro nunha singular alianza contra o PASOK, entre o  centro dereita e os comunistas do KKE. Nos últimos anos encabezou múltiples manifestacións contra o goberno heleno, as  políticas de austeridade e  a troika; de moitas delas tivo que ser retirado polo perigo que supuñan para a súa avanzada idade os  gases lacrimóxenos que guindaba a policía sobre as cabeceiras das manifestacións.