domingo, agosto 11, 2019

O ceo de Segovia



Descoñezo os trazos climáticos, altitudinais e xeográficos, os de presión e vento... e todos cantos sobre a cuestión poidan influír. Ignóroos en absoluto. Nin pretendo estudalos. Só sei que a luz que descende, entre nubes infantís, dende a cúpula de doce celeste atrápate en canto te vas achegando, entre manchas de ocre truncadas por máculas verdosas ou  amarelecidas, á porta de Arévalo e ollas, alá... empoleirados a milicia e o clero.

A primeira botando o bico sobre os cavorcos do Eresma como aguia abesulladora, acochada en niño pétreo e enlousado. O segundo  agatuñando cara ao  divino por calcarias agullas e pináculos, dende o outeiro máis encumiado da cidade e bordeando de santidade as reviravoltas fluviais. E alá, o lonxe, o pano verde pardo de acuarela, interrompido, aquí e alí, por oleosas pinceladas de níveo e refulxente albelo.

Na sala de investigadores, entre follas de servizo e expedientes de homes lexitimados para a violencia, bátenme nos ouvidos o son trepanador das metralladores que, naquel agosto de hai 82 anos, traía Mola para tomar Madrid. Alí, no Guadarrama, os milicianos madrileños, a peito descuberto,  cortáronlles o paso, ¡No pasarán!

Retirado do atordamento do relatorio de medallas e heroísmos burocráticos, encamiño por entre os arcos do acueduto ideado para gloria do imperio, erguido por indíxenas arévacos, supoño que xa, naqueles albores, manxadores de tostón. Vou na procura do consabido obxecto cerámico relembrador de viaxes proveitosas. Camiño baixo a sombra da historia entre ofertas insistentes de “judiones de La Granja”, “chourizos de Cantimpalo” e “garbanzos de Valseca”,incompatíbeis só cos espíritos tolleitos de luz celestial.

Achégome a uns cubículos que auguran artesanía feiral. Móveme a ansia de achar ese barro cocido popular que non esgote un minguado peto. Mais non. Alí quen está e Zimzelatum de Gondomar, con propiedade de Vincios, así de fronte, acompañado de artesáns de coiro de Melide e Monforte, da madeira da Estrada, outros do Porriño, coido que de teas,... e algúns máis que voou de entre os miolos. Unha sorpresa inesperada, o activismo artesanal amosado á beira dos granitos da magna canle acuífera. Mais non había barro cocido do meu interese.

Tras os comprensíbeis paseos de visitante entre boa pedra calcaria e escaso granito, apropiadas polos eclesiásticos ou para soleiras e lumieiras de palacios señoriais, camiño entre fermosas casas de adobe, tixolo e madeira, dunha potencia estética indestrutíbel tanto polos séculos como por fatuas modernidades. Nun recanto xudaico bato cunhas peciñas brancas con leves pinceladas de azul celeste. Está fechado. Haberá que volver.

Ao día seguinte teño fortuna, está aberto. Ollo, pregunto prezos, decídome. Quen nos atende inquire, só para confirmar, de que parte son vostedes? De Galicia. Claro. “Yo es que soy muy cunqueiriano”. O ceramista é escritor, narrador oral é bo coñecedor do noso. Os falares alónganse e revíranse sobre don Álvaro, regatean por onda Torrente, o conversador foi finalista do premio que leva o nome, van dar a Casares, ata desfacerse en gabanzas de Quico “Carreirán” Cadaval, a quen o ceramista-escritor-narrador acostuma convidar a “contar” baixo o ceo de Segovia. Na demorada conversa non se citou nin marisco nin albariño. Por aí adiante a cultura e a artesanía tamén se coñecen. Por certo, o magnifico conversador, ceramista e escritor chámase Ignacio Sanz. Acudirei a algún dos seus libros. A súa peciña branca con bordos azulados lembrarame para sempre o ceo de Segovia.

*Publicado en A Peneira, maio 2019

martes, agosto 06, 2019

O mozo da bandeira. Unha historia de vida militante



   No número 38, xullo-decembro de 2018, de Murguía. Revista Galega de Historia, recollese esta síntese do meu traballo: “Javier Alonso Salgueiro. Unha achega biográfica e documental” incorporado no libro de homenaxe: Javier Alonso Salgueiro. O mozo da bandeira, promovido pola veciñanza de Chaín (Gondomar) e editado polo Instituto de Estudos Miñoráns, Gondomar, 2014.



Esta nova achega “O mozo da bandeira. Unha historia de vida militante” limitase ao período do franquismo que lle tocou vivir a Xabier e supón unha ampliación do traballo de hai cinco anos.



O mozo da bandeira. Unha historia de vida militante



Resumo: Xabier Alonso Salgueiro, un mozo dunha aldea dos arrabaldes vigueses que con 16 anos, na segunda metade da década dos sesenta do pasado século, comezou a traballar no estaleiro vigués de Barreras. Alí fraguou a súa conciencia antifranquista, democrática e de esquerdas. Incorpórase a CC OO e ao PCG. En 1971 préndeno nunha manifestación portando unha bandeira galega. Na reelaboración imaxinada do movemento obreiro nacionalista converterase no “mozo da bandeira”. Torturado e encarcerado, posteriormente readmitido no estaleiro, falecerá nun tráxico accidente laboral. Na segunda metade dos anos setenta e na década dos oitenta desenvolverá unha intensa actividade social e municipal no seu concello natal, Gondomar, que deixará unha forte pegada.

Abstract
Xabier Alonso Salgueiro, a boy from a place near Vigo, began to work in Barreras, one of Vigo’s shipyards, between 1965 and 1970, when he was 16. There he forged his anti-Francoist, democratic and leftist awareness. He joined CCOO and PCG. In 1971 he is arrested by the police during a demonstration carrying a Galician flag. In the imagined re-elaboration of the nationalist workers movement, he had become “the boy of the flag”. He was tortured and imprisoned, and, later, reinstated into the shipyard. Finally he died in a tragic labour accident. In the second half of the ‘70s and in the ‘80s he developed an intense social and municipal activity in his municipality of birth, Gondomar, where he left a long lasting impression.


1.-  O roxo de Regodauga
 Javier Alonso Salgueiro. O mozo de bandeira
É moi probábel que nunca ouvise falar de Joaquín Miguez Ledo[1], presidente do sindicato de oficios varios de Gondomar, fusilado o 24 de outubro de 1936, ás catro da tarde, contra as tapias do cemiterio vigués de Pereiró.  Ata é posíbel que non tivese noticia de Cribeiro ou Fraiz[2], os mestres afiliados ao Partido Comunista en 1932; o segundo, tamén tráxica, e especialmente dramática, vítima dos militares sublevados. Ao mellor escoitou falar en palabras baixas dos Nove[3] que mataran en Baredo ou quizais sabía que algo lles pasara aos seus co-parroquianos Abilio Araúxo e Manuel de Lucinda[4].
Non era daquela xeración aniquilada; nada sabía da esperanza da República, nin das loitas agrarias e obreiras anteriores, mais, como moitos outros mozos da súa idade, foi o seu continuador, choutando por riba dunha xeración intermedia premida polo terror dun réxime enchoupado en sangue ata dous meses antes da morte do ditador e mesmo despois do seu soterramento glorioso na cripta de Cuelgamuros.
Cando veu ao mundo, no verán de 1951, na gondomaresa parroquia de Chaín, o Val Miñor, agás algún cativo espazo costeiro reservado para o turismo familiar dos beneficiados ou acomodados ao réxime, era un territorio de subsistencia aldeá, de periferia urbana no que se conxugaba a tenza dunha vaca, cun chisco de millo, unhas poucas patacas, uns cabazos de viño, unha hortiña e algúns animais miúdos,  coa procura  dun traballo nos serradoiros, nas panaderías, no arranxo de estradas, na construción, nun taller na cidade ou, con sorte, andando o tempo, nunha empresa do naval ou na Citroën.
Naquel Chaín de prolongada miseria posbélica, de illamento internacional,  coa espita de América aberta pero a de Europa aínda pechada, nacía, Javier, o segundo dos catro fillos de Alcira e Guillermo. Compartían o cativo fogar cos campos de labor e as  amplitudes montesías, botándolle unha man á nai, xogando ao fútbol na estrada, bañándose na levada e agochando os segredos nos escondedoiros do monte.
Javier, “Sito”, “o roxo de Regodagua”, un rapaz como os demais, un pouco traste, que gustaba das festas, de falar coas mozas e de, a algunhas, escribirlles poesías con  letra dereitiña e limpa.
Xunto ao seu irmán maior, Manolo, troupeleaba camiño de Gondomar para pillar o tranvía ata Nigrán onde andaban a preparar o “ingreso” no bacharelato. En maio de 1964 superouno, segundo certificou o secretario do Instituto de Vigo, Rufo Pérez González. Os irmáns prepararon o curso “por libre” e examináronse ante un tribunal presidido por Luis Curiel. Para moitos bachareis da contorna viguesa estes dous profesores converteríanse en míticas referencias.
2.- Unha nova xeración
Cinco anos antes de nacer Sito, Winston Churchill acuñara a expresión “iron curtain”; tres anos antes Eva Perón lexitimara internacionalmente o franquismo; dous anos despois de vir ao mundo o noso protagonista creouse a OTAN e mentres daba as súas primeiras carreiras polas encostas cara ao Galiñeiro constituíase o Pacto de Varsovia. O mundo divido en dous bloques. O franquismo respiraba. En 1959 o réxime dos sublevados era redimido polas potencias occidentais. Eisenhover visitaba a Franco en Madrid e o Plan de Estabilización incorporaba a España ao capitalismo vixiado dende Washington.
O réxime precisaba divisas. Na primeira década de Sito, a dos cincuenta do pasado século, o camiño de América aliviara a presión demográfica e amortecera as  tensións sociais. No comezo dos sesenta expándese o benestar pola Europa Occidental, tamén na banda oriental do continente, é a “idade dourada”, a época de maior crecemento da economía mundial. A fortaleza das moedas europeas dotábaas dun grande atractivo tanto para o réxime como para as familias necesitadas. Europa converteuse no novo destino migratorio.
Alá foi o pai, como tantos. El para Rotterdam. Non estivo moito tempo, pouco máis de tres anos. Os floríns de cada nómina representaban unha pequena fortuna: mellorar a casa, aforrar para unha necesidade, mercar algunha terra...  A empresa municipal da cidade holandesa na que traballou Guillermo concedía axudas para os fillos en idade escolar. E a Manolo e a Sito, a contragusto seu, enviáronos internos ao Colexio Menor “Calvo Sotelo” de Ourense  para estudar “por oficial” no Instituto de Ourense. O Colexio Menor era unha residencia estudantil ben considerada, impulsada e dirixida pola “Frente de Juventudes”. Xa que logo “Cara al sol”, “Montañas nevadas”, izar e arriar bandeira, disciplina cuarteleira, formación do espírito nacional. Alá foron os irmáns Alonso Salgueiro en setembro de 1965. A aventura rematou con cadanseu bacará.
Xabier abandona os estudos e non os retomará ata despois de incorporarse a Barreras. No estaleiro nacía un mozo novo e o saber, o descubrir, o coñecer, as lecturas, o contraste de opinións ían formado o  aprendiz nunha gran factoría, residente nunha aldea, consciente dos sacrificios paternos, adolescente sufridor e beneficiario da emigración, inquedo, reflexivo, activo e semellante como outros rapaces que na altura aprendían o oficio no naval ou na automoción. Matricúlase na quenda nocturna no instituto vigués, hoxe coñecido como Santa Irene; supera o segundo e terceiro curso do bacharelato elemental. En setembro de 1970, faino de cuarto curso, máis non chegará a rematalo. A súa vida coñecerá unha reviravolta absoluta.
3.-  O rubio de Barreras. As relacións laborais no corporativismo autoritario e paternalista.
O contraste entre o mundo rural e o mundo urbano[5] queda ben reflectido na substitución do apelativo de Xabier. Deixou de ser “o roxo” para pasar a ser “ o rubio”.  O troco mesmo afectou ao espazo vital de referencia. Deixou de ser “de Regodagua” e pasou a ser “de Barreras”. O cambio foi tan profundo que agás os compañeiros infantís máis próximos poucos lembran que de cativo lle chamaban pola forma propia galega. Mesmo é probable que por mor do seu compromiso político posterior o abandono do alcume físico máis xenuíno puidese estar relacionado co disimulo ante a acepción ideolóxica do mesmo.
Con menos de 17 anos, Xabier, representado polo seu pai Guillermo asina o seu primeiro contrato de aprendiz de caldeireiro-trazador cunha retribución inicial de sesenta pesetas día en xornadas de 8 horas e por catro anos, en “Hijos de J. Barreras”, a empresa á que quedaría unido de por  vida. Era o 3 de maio de 1968.
O paternalismo presidía as relacións laborais no franquismo. O réxime consideraba os obreiros, e a xente en xeral, como individuos aos que cumpría protexer, como rapaces aos que era preciso indicar o camiño para que non se estragasen como ocorrera nos anos republicanos. Sendo ademais aprendices o paternalismo chegaba ao delirio. Naquelas datas nesta caste de documentos incluíanse consideracións como esta:
“... Contrato de aprendizaje, que se basa en el respeto, consideración y obediencia del aprendiz hacia el maestro o patrono, quien a su vez deberá conducirse para con el como un buen padre de familia... Por su parte el aprendiz guardará obediencia y respeto al empresario en todo momento, y principalmente, en lo relativo a la instrucción que recibe.”[6]   
O réxime franquista, no eido laboral, e noutros, seguía empregando a orixinaria terminoloxía corporativo-fascista. O contrato establecía cláusulas como:
 “Quinta.- El empresario o maestro se obliga a vigilar al aprendiz y prevenir sus extravíos con el celo de un buen padre de familia, dando cuenta a sus padres o encargados, cuando así lo crea conveniente, de cuantas faltas observare, y obligatoriamente, en caso de accidente o enfermedad.
Por su parte el aprendiz guardará obediencia y respeto al empresario en todo momento, y principalmente, en lo relativo a la instrucción que recibe.”
O inmobilismo franquista fica manifesto se observamos que os compromisos que adquiren, empresario e aprendiz, derivan dunha orde ministerial de 20 de abril de 1942. Vinte seis anos despois a sociedade era ben diferente á dos tempos da vitoriosa exaltación do fascismo,  da famélica posguerra de España e da traxedia da guerra europea e mundial. Unha nova xeración incorporábase ao traballo produtivo e intuía, mesmo desexaba, un cambio social que non sabía como ía producirse mais si que ela sería protagonista desas mudanzas.
O papel termaba do que lle poñían, e sobre el escribíanse cousas que tiramos, ao igual que as anteriores, do contrato de Xabier:
“Empresario
a) A conceder la autorización necesaria para que el aprendiz pueda acudir durante una hora semanal a las actividades que el Frente de Juventudes le señale y en la hora que previamente disponga dicha organización...
c) A conceder un permiso anual y retribuido de veinte días laborables al aprendiz contratado que señale nominalmente el Frente de Juventudes con un mes de antelación...
El aprendiz
a) A acudir puntualmente al trabajo y a todos los actos y servicios que le sean señalados por el Frente de Juventudes, los días y horas que previamente se le indiquen.
b) A que le sean descontadas por la Empresa dos horas de su haber ordinario en el caso de faltar a los actos o conferencias indicadas.
c) A disfrutar anualmente de un permiso de veinte días laborables retribuídos, cuando haya de asistir a los campamentos, viajes, etc., que organice el Frente de Juventudes.”
Ao ano seguinte a dirección felicítao e promóveo a aprendiz de segundo ano con nova retribución. O mesmo acontecerá ao ano seguinte. Finalmente incorpórase ao cadro de persoal.  Barreras estaba no seu esplendor.
Fundada, contra o remate do século XIX,  pola viúva e os fillos do “catalán” José Barreras Casellas, ao decidir, ante o forte desenvolvemento das súas empresas pesqueiras, construír os seus propios barcos. O primeiro estaleiro estaba no Areal, mais o éxito dos vapores para o cerco da sardiña e moi especialmente o de “tipo Vigo” converteron o estaleiro nunha referencia na construción naval. Por cuestión de espazo por mor dos trocos tecnolóxicos (maior tonelaxe, construción en aceiro, buques-tanque, motores diésel, bacallaeiros, caldeiras, estruturas metálicas...) trasladárono, en 1918, a Coia.
Superada a crise dos anos trinta (crac do 29,  mudanzas na pesca,  guerra de España e  posguerra), na década dos cincuenta o estaleiro  era nunha das principais empresas manufactureiras galegas impulsada pola construción dos bacallaeiros de Terranova. Na década seguinte os conxeladores segundo o modelo Pescanova e os atuneiros sinalaran o período álxido da construción naval.  Cando Xabier entra de aprendiz, o estaleiro conta con 1.800 empregados.
4. O rapaz da aldea que virou a rebelde
Matinei moito antes de cualificar a Xabier como rebelde, en especial pola súa idade. Podía entenderse mal a expresión e vincular rebeldía con xuventude como unha hollywudiense insubordinación sen causa ou como un desacougo porque o mundo así o fixera, como na popular canción de gran éxito o mesmo ano no que foi detido, torturado e encarcerado. Xabier non tiña nada que ver con frivolidades adolescentes. Pola contra a súa curta vida é unha rotunda expresión dun “homme révolté” plenamente camusiano, da rebeldía persoal entendida como revolta social.
“¿Qué es un hombre rebelde? Un hombre que dice que no. Pero si se niega, no renuncia: es además un hombre que dice que sí dende su primer movimiento. Un esclavo, que ha recibido órdenes durante toda su vida, juzga de pronto inaceptable una nueva orden. ¿Cuál es el contenido de ese "no"?
Significa, por ejemplo, "las cosas han durado demasiado", "hasta ahora, sí; en adelante, no", "vais demasiado lejos", y también "hay un límite que no pasaréis". En suma, ese "no" afirma la existencia de una frontera. (...) La rebelión va acompañada de la sensación de tener uno mismo, de alguna manera y en alguna parte, razón. (...) De cierta manera opone al orden que le oprime una especie de derecho a no ser oprimido (...)”[7]
Aínda que non coñecese a obra do Nobel francés, publicada o mesmo ano do seu nacemento, a súa actitude vital identifícase co rebelde camusiano ou co descrito por Barea[8] e afástase dun atormentado James Dean ou da sensibleira Jeannette.
Cando e onde comezaron “a virárselle as ideas” a Sito, o “roxo de Regodagua” ata converterse en Xabier, o “rubio de Barreras”? Cando a conciencia “en si” dun neno labrego ou mellor “rururbano” mutado en proletario, en aprendiz de metalúrxico do naval virou en conciencia “para si”?
Neses primeiros anos de aprendiz achegouse aos ideais de xustiza social, de defensa dos traballadores, de liberdades políticas, e, por riba de todo, de mellora das condicións de vida dos seus, da súa xente, do que na terminoloxía da época se denominaban “clases populares”,  obreiros, labregos, mariñeiros, traballadores en xeral. Nun momento, finais dos sesenta, no que reivindicación social e política eran inseparables xa que o réxime franquista non permitía a máis mínima diferenza entre unha e a outra xa que as unificaba baixo a represión.
Menos de tres anos antes de que Xabier asinase o seu primeiro contrato de aprendizaxe constituírase en Barreras a primeira Comisión Obreira: Manolo Xaniño,   Adolfo Varela, Andrade, os irmáns Sueiro, Manel Fernández...[9] A participación nas eleccións a enlace sindical, a crise do franquismo, o desenvolvemento económico, a incerteza futura, a  inminente morte do ditador... pairaban sobre a mente da xente, dun xeito especial sobre a dos traballadores das grandes empresas e dos rapaces novos con todo o mundo por diante. Xabier non tardou en vincularse á  Comisión Obreira de Barreras e ás Xuventudes Comunistas. 
Pouco antes de entrar a traballar no estaleiro, en 1967, o almirante Carrero Blanco asumía a vicepresidencia do goberno e exercía de facto como primeiro ministro cun proxecto “continuísta”. Dous anos despois, 1969, Juan Carlos de Borbón era nomeado sucesor á Xefatura do Estado a título de Rei prestando xuramento de lealdade a Franco e aos principios do “Movimiento Nacional”.
Mais o réxime xa non era monolítico. O caso Matesa  e a crise de goberno que orixinou visualizou dous xeitos, enfrontados,  de procurar a continuidade do réxime: os falanxistas, partidarios de pecharse na burocracia estatal e na represión policial, e os pragmáticos, que apostaban por adaptar o réxime ás  demandas do capitalismo español e internacional e que  fose a prosperidade económica quen permitise a continuidade do réxime.
Pero tamén os movementos opositores eran cada vez máis fortes: as constantes mobilizacións estudantís  e as folgas nos grandes centros fabrís dábanlle unha nova dimensión á loita antifranquista. Despedidos, expedientes, persecución, cargas da Policía Armada (os grises), detención e tortura da policía política (a temida social), condenas de cárcere polo Tribunal de Orde Publica (TOP), exilio... aceleraban o bucle: acción-represión-acción.
En 1970, Franco tiña 78 anos e párkinson, o seu deterioro era evidente. Xabier, con menos de vinte, levaba tres anos  traballando en Barreras. Cara ao  remate de ano o réxime tería que resolver o que se denominou “proceso de Burgos” no que se  axuizaban, a través dun consello de guerra, 16 membros de ETA. O procedemento militar contra os mozos nacionalistas pretendía coutar a insurrección vasca cunha demostración de forza, cun proceso exemplar no que se xulgasen, condenasen e mesmo executasen os militantes, e disuadir posibles seguidores. Tanto antes do proceso como durante o desenvolvemento do mesmo o réxime cometeu erros de vulto e facilitou a concertación da oposición.
Dous días antes do comezo do xuízo, ETA secuestrou o  cónsul honorario de Alemaña en Donostia unindo a súa sorte á dos procesados, dándolle así unha dimensión internacional ao proceso que o réxime non agardaba.
A estratexia da defensa, formada por avogados relacionados co nacionalismo vasco de esquerda (Castells, Bandrés, Letamendia) pero tamén coa esquerda española, Solé Barberá (PSUC-PCE), Peces Barba (PSOE), converteu cada xornada do xuízo nunha alegación contra o réxime. A esta sumouse a actitude da xerarquía católica (dous dos procesados eran curas) en especial a dos bispos de Donostia e Bilbo.
A petición de nove penas de morte e os moitos anos de cárcere solicitados xeneralizaron as folgas e manifestacións e en todo o Estado, con especial intensidade no País Vasco, a pesar de que se declarou o “estado de excepción”. As manifestacións nas principais capitais europeas e as presións diplomáticas, incluído o Vaticano, sementaron as dúbidas entre a, como comentamos, dividida elite franquista preocupada tanto por consolidar as relacións económicas co mundo occidental, como temerosa pola sensación de debilidade  que se podía transmitir de non cumprírense as sentencias ditadas e ratificadas pola cúpula militar.
O réxime promoveu grandes mobilizacións de apoio ao exército e a Franco. O ditador interpretou o éxito das mesmas como unha lexitimación da súa autoridade e manobrou para conceder o indulto das penas de morte. O réxime, e Franco en particular, cedía ás presións. Iso si, ben conscientes de que o facían.  No lustro seguinte, con Franco vivo, e nos dous anos posteriores a súa morte, o réxime endureceu a represión sen tremerlle o pulso, como puxo de manifesto cos fusilamentos de Puig Antich, o do mozo vigués, antigo alumno do instituto Santa Irene como Xabier, Baena Alonso, e catro compañeiros, o 27 de setembro de 1975.
A tensión social chegou ao máximo naquelas últimas xornadas do ano inicial da década dos setenta. Xabier viviu con intensidade aqueles días de arriscadas mobilizacións baixo a ameaza permanente da represión agrandada ao promulgarse o “estado de excepción”. Sabémolo porque na sentenza[10] na que o condenan escribiron:
“Que el citado procesado, en diferentes ocasiones, cuyo número no ha sido exactamente concretado, en el transcurso de los meses de Enero y Febrero de mil novecientos setenta y uno, difundió, arrojando al suelo por las distintas dependencia de la factoría Hijos de J. Barreras S.A. de Vigo, abundantes hojas ciclostiladas, tamaño cuartillas, suscritas por las denominadas Comisiones Obreras de Vigo, entidad patrocinada por el Partido Comunista de España en cuyos textos, que conocía el procesado, se insertan frases del siguiente tenor: Frente a las grandes acciones de lucha llevadas a cabo para salvar la vida de los jóvenes patriotas vascos… el régimen se vió totalmente cercado por las repulsa nacional. Con el proceso de Burgos la dictadura pretendía dar un paso atrás, sólo la lucha del pueblo sentó en el banquillo de los acusados al Régimen. Son detenidos, encarcelados y torturados por luchar contra la política antiobrera del franquismo. Fuerte es la represión por la que estamos pasando los trabajadores. Unidad hacia el paro total. Firmes y unidos en el paro. No a la injusticias que nos niegan el derecho al trabajo.
Con nuestra lucha unida al resto de los pueblos de España, hemos salvado la vida de los seis patriotas vascos; fue la acción firme la que evitó que los asesinatos se llevaran a cabo. ¡Viva la huelga general Obrera!”
Aproveitándose  da dialéctica de bloques característica da “guerra fría” o réxime alcumaba  a todas as persoas que se lle opoñían, de forma xenérica, como “comunistas”. Era evidente o simplificador obxectivo: o franquismo era occidente;  a oposición, os seguidores de Moscova. Sendo certo que as persoas máis comprometidas na loita antifranquista se reclamaban desta ideoloxía non o era menos que a diversidade era maior do que pensaba o réxime, cando menos a partir da segunda metade da década dos sesenta. Por outra banda,  o Partido Comunista de España (PCE), e entre nós, dende 1968, o PCG,  era o  partido que posuía a máis ampla base social, o mellor organizado, o de maiores recursos e o que contaban cunha militancia mellor formada entre as forzas opositoras ata o punto de que, entre os antifranquistas, chamábaselle simplemente o “partido”, fosen ou non membros do mesmo. Tamén en Galicia e mesmo en Vigo, cidade onde había máis diversidade na esquerda antifascista, naquela altura, era así.
Xabier, a través da Comisión Obreira de Barreras, comezou a relacionase con membros das Xuventudes Comunistas, organización xuvenil do PC. Ao longo de 1970 e 1971 unha parte significativa organización xuvenil viguesa comezou a marcar distancias co discurso oficial do partido. Estas tensións non se daban nin exclusivamente en Galicia, nin en Vigo en particular, pero é nesta cidade onde van adquirir uns trazos e dimensións especiais tanto para o desenvolvemento do movemento antifranquista dos anos setenta como da acción sindical e política contemporánea en toda Galicia.
A invasión de Checoslovaquia, 1968, polas tropas do Pacto de Varsovia concitou a condena de moitos partidos comunistas occidentais e o progresivo afastamento das directrices do PC da Unión Soviética. Este foi o caso do denominado “eurocomunismo” auspiciado polos máximos dirixente do PCF (Marchais), PCI (Berlinguer) e PCE (Carrillo). No caso español as tensións internas adquirían unha dimensión especial ao tratarse dun país que continuaba baixo unha prolongada ditadura. Dende Moscova auspiciáronse diversas roturas internas, entre outras a encabezada por Enrique Lister.
Entre a mocidade antifranquista algunhas destas criticas á liña oficial  do PCE foron tomando audiencia. Dun xeito xenérico criticábase o que se consideraba cesión por parte do “partido” ante os intereses da burguesía e o abandono das reivindicacións obreiras e as tradicións socialistas. De forma concreta as críticas centrábanse na formulación da chamada política de Reconciliación Nacional[11] e o seu corolario do “Pacto pola Liberdade”, as diverxencias tomaban corpo ao debater o deseño do que o “partido” denominada Folga Xeral Política, se esta se produciría  a partir dun conflito fabril ou sectorial local e se estendería como unha “mancha de aceite” por todo España ou ben se se produciría tras un “decreto”, isto é, a través dunha convocatoria política xeral. Pero sobre todo  na forma de coordinar os  movementos obreiros da factoría e a toma de decisións que afectasen ao conxunto do movemento.[12]
Mais o debate tomaba unha virulencia especial cando se cuestionaba a tese da Folga Xeral Política e se propoñían levantamentos máis ou menos insurreccionais.
Xorden así unha enchente de grupos, moitos de escasa proxección temporal. En Galicia, de xeito especial en Vigo, estas criticas tiveron especial acollida e víronse agrandadas polo debate sobre o carácter e a profundidade da reivindicación dos dereitos nacionais galegos. Debate, este último,  sobre o que pairaba o camiño que tomaran  os mozos de ETA, inspirados polos movementos anti-imperialistas  africanos e a revolución cubana. A influencia do grupo armado vasco acadará o cumio da súa influencia ao poñer o réxime contra as cordas, por segunda vez, tras  o proceso de Burgos coa voadura do “sucesor” Carrero Blanco, en decembro de 1973.
5.- Organización Obreira (O.O.)
Neste ambiente antifranquista, de vellez do ditador, de cambio social, de transformación das mentalidades e formas de vida, de organización sindical e  política, de reivindicación da nación galega, de debate ideolóxico e, por riba de todo, de ilusión polo remate da ditadura, na cidade da oliveira, naceu unha organización de curta vida, pero de longa proxección, cando menos no aspecto simbólico, denominada Organización Obreira (O O). A maioría, ou quizais a totalidade, dos seus integrantes  eran, ou foran, membros das Xuventudes Comunistas.
Todas as fontes tanto orais como escritas consultadas confirman a  participación de Xabier en Organización Obreira así como o seu posterior retorno ao PCG, percorrendo este camiño na compaña do seu grande amigo Xosé Cameselle, un dos irmáns Merrellos, quen moitos anos despois sería, ata a súa fatal enfermidade, secretario da comarca de Vigo de CC OO. Tanto X.L. Méndez Ferrín[13]  como Antón García  confirman a relación de Xabier coa O O. Relación que, por forza, tivo que ser limitada, non só pola escasa duración da mesma senón porque a maior parte dese tempo Xabier pasouno na mili ou na cadea.
Aínda así para Antón García non só non fica dúbida da relación de Xabier con Organización Obreira senón que afirma que foi este quen, aínda que diriamos sen voluntariedade manifesta, denominou o  grupo. Dinos Antón García, nos ambientes antifranquistas dos anos setenta coñecido como Antón de Barreras, que :
“Disque un día na discusión dunha octavilla, seica redactada por Javier, na que se chamaba á folga xeral insurreccional e que iría asinada como CC OO, cousa coa que non concordaba a dirección das mesmas, solucionaron o problema eliminando as dúas primeiras letras e ficando O O, é dicir, Organización Obreira”[14].
Trataríase, pois, segundo o militante, na altura, do Movemento Comunista, dunha actividade paralela e organizada que pretendía unha posición máis combativa por parte das CC OO e do PCG. Lembra que á súa chegada de Madrid, onde residía, enviado, xunto a outras tres persoas, para estender a súa organización política en Galicia, estableceu varios contactos con militantes da esquerda, entre eles con Xabier. Nunha primeira ocasión en solitario e que na segunda, se a memoria non o engana, presentoulle a Hierro Chomón, quen anos despois sería un dos GRAPO máis coñecidos.
As lembranzas de Antón de Barreras están agochadas en datas imprecisas polo que descoñecemos con exactitude a intervención de Xabier na formación de O O, pois á vez dos escasos datos, todos baseados no recordo, que manexamos sobre esta organización, está o feito, xa comentado,  de que tras a detención, un ano antes da data de constitución máis ou menos formal de O O, veu a mili, o xuízo e despois o cárcere. Proceso que rematou no verán de 1974, case ao tempo da disolución, ou máis ben desintegración de O O.
Segundo diversas fontes a OO constituíse en abril de 1972, aínda que outras confirman unha actividade paralela a CC OO e ás Xuventudes Comunistas dende outubro de 1971. Nesa altura Xabier está no servizo militar ao que se incorpora en setembro de 1971 e do que se licencia en febreiro de 1973. En abril dese ano ingresou na prisión da que non sairá ata o verán de 1974. Xa que logo a súa actividade orgánica tivo que ser moi escasa, reducido ao mes de permiso na mili e aos ous meses que estivo en liberdade entre a licenza da Mariña e a entrada no cárcere. Segundo Ramón González Costas, Moncho de Barreras, traballador de Barreras, de CC OO, das Xuventudes Comunistas e membro de O O, esta disólvese en xuño de 1974, ao mesmo tempo en que Xabier sae de prisión
Non parece pois probable que Xabier puidese participar en ningunha das reunións claves, segundo a información de M. Mera, para o nacemento de O O. Di o dirixente sindical vigués:
“Seria nunha xuntanza da INTER a finais de 1971, en Vilar, no soto sen luz dunha casa na estrada que vai de Peinador a Redondela, onde se reuniron entre outros: Waldino Varela, de Vulcano; Xaniño; Manuel González Andrade e Ramón González Costa, de Barreras; Xosé Anxo Garcia Méndez, de Freire; Isidro Gómez Montes e Xesús Chaves, de Citroën; Juan Benavides, por Aunaval... (Segundo contan militantes de OO). Na reunión houbo palabras fortes entre as duas tendéncias que xa habia daquela en CCOO. Todo encetou cando Waldino e Benavides acusaron de divisionista a Xosé Anxo Garcia Méndez que propuña que se debatera nas fábricas sobre o “Pacto pola Liberdade” e a folga que estaba a preparar o PC. Os militantes de OO entendían que folga si, pero “tomando e dirixindo a loita na rúa, dimisións de cargos sindicais para reforzar a folga, loita á marxe dos cargos legais” (7). Xosé Anxo espetoulles que eran uns traidores. Producíronse máis insultos e palabras fortes e empurróns. Esta foi a ruptura real, mais non a orgánica. Aínda que, na práctica, comezou a se facer desde aquela política afastados, por unha banda o PCE e pola outra OO.
A ruptura definitiva (pública) produciuse posteriormente na asemblea do Alto de San Colmado, perto de Zamáns. Era un frío domingo pola mañá, no mes de xaneiro de 1972. Entre os piñeiros xuntáronse perto de 120 militantes do PCE, XXCC e OO. Alí ficaron patentes as diferenzas. Por parte da liña oficial do PCE falaron, entre outros, Waldino, Benavides, Andrade e Vaqueriza. Intervencións que foron rebatidas desde as filas dos que se opuñan ao “Pacto pola Liberdade”, por medio de Hierro, Abelardo, Ramón González, Xosé Anxo, etc. Despois dun debate tenso, as persoas críticas coa liña oficial optaron por deixar a xuntanza. Aínda seguiron os “críticos” varias semanas máis organizados en CCOO, até que en abril quedou artillada Organización Obreira definitivamente, aínda que a idea (ou a súa xestión) viña desde outubro de 1971, aseguran os militantes de OO.”[15]
Unha descritiva valoración de Organización Obreira ofrécenola o traballo de Domínguez Cabaleiro, Gómez Alén, Lago Peñas e Santidrián Arias:
“A OO era un actor de perfís difusos, sobre o que aínda se sabe ben pouco. Foi o resultado dunha escisión localizada na Xuventude Comunista de Galicia (XCG) de Vigo, que tiña moitos dos seus integrantes nas CC OO Xuvenís. Pola información dispoñible, non parece que no seu proceso de xestación participaran militantes doutras localidades galegas, aínda que ignoramos se tiñan conexións con outras correntes comunistas. Cunha actitude crítica con respecto á orientación estratéxica do PCG, que se concretaba no seu rexeitamento do Pacto pola Liberdade, estaban a favor dunha orientación máis vangardista da acción política e sindical. De feito, chegaron a ter unha fronte armada que, por exemplo, levou adiante pequeñas accións (ameazas, queima dalgún coche, etc.) contra traballadores considerados confidentes da policía. A ruptura coa XCG e o PCG produciuse antes de que estalara o conflicto de setembro de 1972. Ó pouco, o grupo desfíxose e algúns dos seus membros acabaron integrándose noutras formacións, como a Organización Marxista-Leninista de España (OMLE) e a UPG. O núcleo da organización formábano unha decena de mozos (os irmáns Collazo Araújo, Hierro Chomón, Mara Simón, Gil Araújo...) que traballaban en empresas como Barreras, Álvarez, Citroën ou ASCON-Ríos. Dispuñan dun pequeno aparato de propaganda, co que editaban panfletos e un boletín”.[16]
Esta visión descritiva é incompleta pois se ben outras persoas (Méndez, Chaves, Pousada Covelo, Moncho de Barreras), tras disolverse a OO, xunto ao grupo Galicia Socialista, promoveron o Sindicato Obreiro Galego (SOG), predecesor da actual CIG, e algúns deles integráronse na Unión do Pobo Galego (UPG), hai outras, como é o caso de  Xabier e outros daqueles mozos, que, máis pronto que tarde, regresaron ao PCG, e mesmo algúns deles relacionados con O O nunca chegaron a abandonalo, como tampouco ninguén abandonou as CC OO ata tempo despois. Por outra banda, tras os acontecementos de setembro do 72,  algúns deles abandonaron por motivos persoais o activismo político-sindical e mesmo a cidade de Vigo.
Parece arriscado entón reducir a importancia daqueles mozos con afirmacións como: “O mesmo cá OO, a UPG non desempeñou ningún papel relevante na coordinación e dirección do conflito” (refírese a setembro do 72) e mesmo limitala a “Unhas decenas de membros do PCG e das CC OO lograron que miles de traballadores participaran nunha folga que tiña clara intencionalidade política(...)”como afirman Cabaleiro, Alén, Lago Peñas e Santidrián.
Sendo certo que a Comisión Obreira de fábrica era un espazo de acción político-sindical compartido e que mesmo moitos dos activistas de O O militaban en paralelo nas Xuventudes do PCG, ou mesmo neste, é un tanto desconsiderado non sinalar o seu papel así como o do grupo denominado Galicia Socialista, integrado na altura na UPG, que cando menos en Citröen tiña unha notoria incidencia. Como tamén a tiña Organización Obreira en Barreras xa que cómpre non esquecer que a dinámica daquel 1972 de grandes loitas na área viguesa estivo determinada por tres feitos: a solidariedade de marzo cos obreiros ferroláns, a folga de Barreras, en maio, e o conflito de Citröen en setembro.
“Paramos a fabrica coa mirada” dinos en entrevista persoal[17] Paco Lores, referíndose ao paro tras as mortes de Amador Rey  e Daniel Niebla o 10 de marzo na ponte ferrolá das Pías. Camilo Nogueira lémbrao así:
“Recordo (...) cando nos enteiramos dos mortos, a Paco Lores avanzando por tódolos corredores da fábrica e facendo para el só a factoría, cos contactos que tiña establecidos en tódolos talleres. Miles de traballadores pararon en Vigo en solidariedade con Ferrol”[18]
A unha maior pluralidade organizativa e ideolóxica apunta Camilo Nogueira cando sinala:
“ Dentro do Partido Comunista hai que considerar a escisión que naquel momento se está producindo para “Organización Obreira”, unha agrupación de obreiros novos que tiña un carácter máis revolucionario. Basicamente as forzas son esas: Partido Comunista, Organización Obreira, USO, Xuventudes Cristiás (refírese ás XOC) e a esquerda nacionalista a través de Galicia Socialista”[19]
Por outra banda as mobilizacións de Setembro do 72 son basicamente de carácter antirrepresivo, pola readmisión dos despedidos de Citröen tras unha folga lanzada polo PC en función de estratexias políticas da “mancha de aceite” conducente á  Folga xeral Política, máis que como resultante de reivindicacións propias da factoría,  ou cando menos esa é a visión dun  sindicalista de longa traxectoria en Citröen, naquel momento membro da Unión Sindical Obreira (USO):
“Nesta época estabamos reivindicando pasar da xornada laboral de 48 horas á de 44, o que nos permitía non traballar os sábados pola tarde. Á volta das vacacións de agosto atopámonos cunha folla de CC OO, na que facían un chamamento á folga para conseguir esta xornada, concretando o primeiro paro para o sábado, día nove de setembro. Esta acción no fora consultada cos restantes representantes sindicais; por esta razón falouse con algún militante de CC OO tentando de facerlles ver que, estando próxima a negociación do Convenio Colectivo, non tiña moito sentido embarcarnos nunha mobilización desta envergadura. Sería nesta negociación cando teríamos argumentos con forza para calquera acción. Non foi posible convencelos. A decisión xa fora tomada en firma polos militantes do PC”[20]
Esta visión é ratificada por Xesús Chaves:
“Naceu para reivindicar o non traballar os sábados á a tarde, cando había pouco que se asinara o convenio. Só deron arrastrado unha nave de Citröen. A represión da patronal levou a que se decretase once despidos simultáneos. Este foi o verdadeiro detonante do conflito...”.
Moito máis contundente é a opinión expresada por Manuel Lima, traballador de Citröen e membro de Galicia Socialista xa integrada na UPG:
“No ano 72 había unha división moi grande dentro de CC OO entre o sector oficialista, do PC, cos da Organización Obreira. O aparato do PC quere que salte un conflicto. Nós daquela tiñamos o convencemento de que pasou o seguinte: o aparato de CC OO, o PC, pensa que se hai algún conflito, os elementos máis radicais van ir ao caldeiro e queda o sector oficial para negociar. Unha reivindicación que había en Citröen era non traballar o sábado pola tarde, pero non estaba plantexado o tema para negociar aínda. Non era esa a época prevista. O PC pola súa conta, fixo saltar o conflicto. Foi un aborto. Despois viñeron os despidos...”[21]
Chaves, un dos fundadores de O O afirma:
“Os elementos máis combativos, diría que tamén máis lucidos, saíronse tanto de CC OO como das Xuventudes comunistas e formaron Organización Obreira. Esta foi a vangarda das loitas posteriores, nomeadamente as de 1972. Organización Obreira naceu con afán de lanzar á sociedade alternativas nidiamente galegas. O motos foron as Xuventudes, pero era a xente máis representativa dos estaleiros e das grandes fábricas, por iso, na práctica, puidemos superar as alternativas do PCE e CC OO”[22]
A indiscutíbel hexemonía do PCG tanto en CC OO como entre o activismo sindical non empece que tivese non só unha contestación interna senón xermolos organizativos á  marxe. Non sería pois tan incontestábel como pode deducirse da dupla estrutura coordinadora e directiva da que se dotou o movemento do 72 vigués. Por unha banda a Intercomisión das CC OO que se viu moi ampliada e variado o número de integrantes xa que “algunhas tarefas de responsabilidade (...) levárono a cabo ben veces sindicalistas que non formaban parte do núcleo dirixente”[23]. Pola outra, que as decisións cruciais tivesen que tomarse na Asemblea Obreira que funcionou como aglutinante que permitiu a cohesión durante as dúas semanas do conflito e que se reunía a pesar do risco e do excesivo numero; fálase, sen dúbida de forma esaxerada,  de cerca de cincocentos participantes nalgunha.
Referíndose ao papel de OO na folga viguesa de setembro do 72 Méndez Ferrín afirma: “E se hai algunha avangarda nestes momentos é esta Organización Obreira , porque soubo levar una liña asemblearia e endexamais se despegou das bases.”[24]. Pola súa banda un dos dirixentes sindicais máis significados en Citröen, Paco Lores, resume:
“Nós estabamos en CC OO pero moi marcados polo PC, “coidado con estes nacionalistas”. Tamén estaba a xente das Xuventudes Comunistas, que logo derivou na organización Obreira, despois na OMLE  e no GRAPO ao final. Entre eles, que tiñan máis forza, e nós, apoiándonos mutuamente, faciámoslle a vida imposible aos do PC na Intersindical, a dirección local de CC OO rebasabámolos. Estes sempre traían directrices estrambóticas de Madrid”. (...)
Non sei se no 71 ou 72 hai unhas eleccións sindicais, ás que a UPG decide non ir porque non tiña xente. Pero nós fomos, sacamos delegados e, entre os de O O e nós montabamos uns títeres no vertical que os chupabamos. Cortabamos o bacallao.”[25]
As eleccións a xurado de empresa e enlaces sindicais ás que se refire Paco Lores foron en xuño de 1971. Nesa altura Xabier xa non estaba no estaleiro. Para o novo xurado de empresa, os dous polo colexio de especialistas pertencen a CC OO, mentres que dos 12 enlaces en representación do mesmo colexio, 11 son de CC OO[26], entre eles Ramón González Costas, Moncho de Barreras, un dos fundadores de OO.
A represión de setembro-outubro de 1972 tivo graves consecuencias sobre o movemento obreiro vigués. Manuel Lima explícao como unha resaca: “Todos estamos cansos ou despedidos, moitos temos fillos pequenos. Párase todo”. E Paco Lores: “A folga foi unha desfeita total. Era unha folga que non levaba a nada, sen pés nin cabeza, sen obxectivos. Organización Obreira queda esfarelada. Nós quedamos esfarelados. Organización Obreira entra en contradición co PC e saen expulsados a hostias. A fronte obreira da UPG temos negociación con eles, pero non callou a cousa.”
Na entrevista persoal a que fixemos referencia, Lores rememora algunha conversa, con extremas medidas de seguridade, con algúns de OO, un deles coida que era Hierro Chomón, que logo daría no GRAPO. Algúns deles andaban xa nunha especie de “kale borroka”, concluíu.
Sobre a desfeita de OO, Ferrín infórmanos:
“Unha parte, encabezada por Manuel Pousada Covelo e Ramón González Costas, decidiu ingresar na UPG. Pero nese momento presentase en Vigo un tipo chamado Pío Moa, e convence a maioría destes excelentes rapaces de que a UPG era un movemento pequeno-burgués (....) e de que tiñan que entrar nun movemento madrileño chamado Organización marxista Leninistas de España. Boa parte deles, felizmente non todos entran na OMLE. ¿Qué é a OMLE? É o que da lugar ao PCE (r) e aos GRAPO. Esa é a razón pola que hai tantos no GRAPO. Hierro Chomon ou Collazo Araújo, que estaban interesados en entrar na UPG, foron convencidos por este Moa para apartarse de nós (...) ¿ Que foi de Pío Moa? Agora converteuse ao fascismo e é o intelectual que está “revisando” , dende o punto de vista anticomunista e franquista a historia da Repúblicas e da Guerra de España”[27]
6. O mozo da bandeira
Na primeira metade da década dos setenta conformáronse os primeiros xermolos do sindicalismo galego e as novas organizacións políticas nacionalistas foron tomando corpo social, máis alá dos reducidos grupos iniciáticos da década dos sesenta.
Nesa configuración simbólica da comunidade nacional imaxinada vai desempeñar un papel central Xabier, Sito, o “roxo de Regodauga”, o “rubio de Barreras”, que engadirá un novo alcuño á  súa xa longa lista de apelativos co de “o mozo da bandeira”. Alcume xurdido da mítica, e fermosa, reelaboración da detención de Xabier e a súa conversión en emblema do rexurdir nacional como o fora a bandeira ergueita por Antón Villar Ponte o 14 de novembro de 1916 na primeira páxina d´A Nosa Terra, o xornal das Irmandades da Fala. A nova bandeira xa non era levantada pola pluma dun xornalista de mediana idade e clase acomodada, senón por unha man proletaria e xuvenil e non dende unha mesa de redacción senón dende as rúas ocupadas pola policía da ditadura.
Nos ambientes nacionalistas elaborouse unha construción simbólica da nación, por ende da nación proletaria,  arredor dun mozo que representaba tamén a  xeración que tería que poñer fin, ben ou mal, á  ditadura. Foi, segundo relata Méndez Ferrín,:
“... nun día indeterminado do primeiro trimestre de 1971. O PCE, nunha decidida aposta formal polas siglas PCG, lanzara sobre Galicia a consigna de non pagar a Seguridade Social Agraria e convocara unha Xornada de Loita do Pobo Galego, se non nos falla a memoria a Moncho de Barreras  e a min.”[28]
Pola súa banda Manuel Mera na web da CIG ten sinalado outra causa impulsora da manifestación, ou mellor “salto”, segundo a terminoloxía da época, isto é, a ocupación por uns minutos da rúa para despois retirarse antes de que chegase a policía. Para o sindicalista:
“A manifestación fixérase para conmemorar a revolución de 1846 e como homenaxe a Antolín Faraldo e foi detida unha persoa que portaba unha bandeira galega...”[29] e para reforzar a súa afirmación cita unha entrevista con Luís Alonso Riveiro, integrante de OO e despois dirixente do PCE(r) e dos GRAPO na que este afirma:
E, falando de nacionalismo, lembro agora que a primeira manifestación deste tipo que se fixo en Vigo nos últimos corenta anos estivo preparada e convocada polas Xuventudes Comunistas, onde militaba Abelardo Collazo e máis eu a principios desta década. A manifestación fixérase para conmemorar a Revolución de 1846 e como homenaxe ao patriota Antolín Faraldo”.[30]
O pretendido nesgo nacionalista, ou galeguista, que lle podería dar á manifestación a presenza da bandeira galega non é considerado por Antonio Cameselle[31], un dos máis significados dirixentes de CC OO e do PCG en Barreras xunto co seu irmán Xosé, quen pasados os anos sería secretario deste sindicato en Vigo, ambos coñecidos como “Os Merrellos. Emporiso a Ramón Vázquez Pazó[32], amigo compañeiro de partido e de traballo, non lle sorprendería ese sentido ben fose como resultado dunha decisión colectiva ou persoal de Xabier que dende moi novo amosou unha forte conciencia galeguista como nos confirmou reiteradamente Fita e mesmo deixou por escrito:
“... pediume formalmente ser a súa noiva e regaloume unha tarxetiña. Dun lado levaba a bandeira galega; do outro o himno galego. Pediume que, por favor, o aprendese, que para el era importante... ¡unha noiva que non cantase o himno galego non podía ser!. Dentro do seu Mini, color vermella, el cantaba e eu aprendía[33]
Quen se lembrou sempre daquela data foi Xabier e a súa familia, así como a policía e o Tribunal de Orde Publica, o tristemente famoso tribunal especial político do franquismo coñecido como TOP[34]. Na sentenza deste dise:
“que sobre las veintiuna horas del día veintisiete de Abril de mil novecientos setenta y uno, un grupo superior a veinte personas, sin la pertinente autorización, discurrieron aglutinados por el Paseo de Alfonso XII de la ciudad de Vigo, dando gritos de ¡libertad¡ y arrojando a su paso unas octavillas ciclostiladas, suscritas por Comisiones Obreras de Vigo en las que se leían frases de ¡contra la represión! ¡Viva el 1º de Mayo!”
Temos pois tres motivacións para a manifestación-salto do 27 de abril de 1971 que cambiaría a vida dun mozo de 20 anos.  Na práctica os tres coincidentes. Á fin e ao cabo, naquela altura, non se podía andar facendo manifestacións por cada cousa. Polo que é posible que se berrase contra a  Cota Empresarial[35], que se desen vivas ao 1º de maio e, ao tempo, a escolla da data respondese ao debate, sobre o carácter nacional de Galicia[36], aberto nas Xuventudes Comunistas viguesas. Consideramos que, segundo a información recollida por Gómez Alén e Santidrián[37], é moi probable que aquela manifestación estivese enmarcada dentro da convocatoria dunha “Xornada de Loita do Pobo Galego” realizada por CC OO para o 26 de abril; que se celebrase o 27 pode explicarse a un intento de evitar a represión policial. Era unha convocatoria abertamente política: contra a represión facilitada pola suspensión do Art. 18 do “Fuero de los españoles”; contra a nova Lei Sindical, a emigración, a cota empresarial e demandaba o apoio dos estudantes, da Igrexa e dos mariñeiros. No “panfleto” dáse o nome de varios obreiros encarcerados e dos “sociales” torturadores, no caso de Vigo: Waldo, Mosquera e Manolito Ribera,  os “Billy el Niño”[38]locais.
Antonio Cameselle Romero, non estivo nesa manifestación. Tampouco o seu irmán José. Fixérono por precaución, xa que os detiveran con anterioridade e tiñan medo de que os volvesen prender; como así ocorreu.
Dinos Antonio que a manifestación a convocaran as Xuventudes Comunistas, no Paseo de Afonso, como “quecemento” do 1º de maio. Tras o remate da mesma tres membros das Xuventudes, que un ano despois participarían na formación de Organización Obreira, achegáronse á  comisaría da policía,  detrás da igrexa de Santiago de Vigo, e prendéronlle lume a un “jeep”. Ese mesmo día detiveron a Hierro Chomón e acusárono de ser un dos autores.
Pola noite detiveron a Antonio e José Cameselle. Retivéronos 15 días en comisaría. O “estado de excepción” xa se levantara en parte do territorio do Estado pero a suspensión do artigo 18 do “Fuero” permitía prolongar a detención, sen pasar a presenza do xuíz, de 72 dúas horas ata 15 días[39]. A policía, considerando que os irmáns Cameselle eran os dirixentes de Barreras, detivéronos, para que non fuxisen, agardando a sacarlle a confesión a Xabier. Mais esta non se produciu a pesar das torturas.
Antonio Cameselle recorda que ata o tiveron que reter varios días na comisaria agardado a mellora do seu aspecto antes de pasalo ante o xuíz.Tiña os beizos partidos, os ollos morados e a cara inchada.  O estado físico, produto das malleiras, confírmanolo o seu amigo, compañeiro de traballo e de partido, Ramón Vázquez Pazó. Lémbrao porque a el tamén o detiveron algún día despois. A policía quería nomes, que en moitas ocasións nin se sabían por empregarse "nomes de guerra" e seica Xabier o único que dixera fora o del. Sometéronos a un careo e foi cando Ramón viu a Xabier. A Ramón soltárono aos dous ou tres días. Peor, dinos Vázquez Pazó, sería a detención na folga do 72. “Daquela, contáballe o avogado Martínez Randulfe a Suso de Toro[40], ninguén admitía que cantara, pero a maior parte canta e é o normal. É moi difícil se che dan duro (...)”
Procesos de radicalización de non doada comprensión e de estraña  concentración na cidade de Vigo poden ter certa explicación á luz das brutalidades policiais do última quinquenio do franquismo, en especial na feroz represión de  setembro-outubro de 1972. “O peor fora o caso de Casimiro Araújo. A aquel tivérano catro días e bañarano en auga osixenada. De alí saíu a radicalización dos GRAPO”, di Xoaquín López Facal, neste dialogo de varias voces con Suso de Toro sobre Camilo Nogueira; este último engade:
“Outra das consecuencias da represión do 72 foi a radicalización dun grupo de xente, moi especialmente daqueles xoves revolucionarios do PCE que máis adiante tomaron a derivación do PCE(r) e do propio GRAPO (...) Xil Araúxo, foi un rapaz traballador que estivo detido na comisaría nos mesmos días ca min e que eu vin como pasaba por diante da miña cela sangrando coa cara estragada. Despois atopeino tamén na cadea. E penso moitas veces ata que punto a tortura do ano 72 non foi o elemento determinante da vía violenta que esta xente escolleu”.
Xabier só lle contaría á  súa muller Fita as torturas nunha ocasión, sendo mozos, na cima do Galiñeiro, nas “ghallas”, onde gustaba ir dende que saíra do cárcere para “berrar e sentir a liberdade”. Cóntanos ela:
“Ese día para min foi duro... non me pasara pola cabeza que unha persoa puidese soportar tanta dor, tanto sufrimento, tanto escarnio e, ao tempo, manterse tan firme nas súas conviccións... E choramos, vaia se choramos....; eu escoitei, só escoitei, teño na memoria que non era capaz de falar. Despois destas confidencias entendín a importancia para el da bandeira e o himno galego.”[41]
Que Xabier levaba unha bandeira, como di Ferrín: “... ao final de Elduayen, erguía unha bandeira galega e avanzaba, como fora acordado na súa célula, desde a oliveira simbólica da cidade cara a illa que daquela dividía alí o fluxo do tránsito viario.” confírmanolo Alfonso Álvarez Gándara quen nos informa:
 Lembro con peculiar precisión que o atestado policial imputaba a Xabier Salgueiro ser o portador dunha bandeira azul izada “nun alto puntal” (isto significábao  en canto manifestante), bandeira que era “branca, dun pano asedado, e cruzada en diagonal por unha banda verde”. Iso deu lugar a que eu tratara de minimizar a relevancia na manifestación do portador do estandarte, solicitando unha proba pericial a cargo da Real Academia Galega (sobre como se entendía ser a bandeira galega). A Academia certificou que se consideraba como tal un pano branco cruzado en diagonal por unha banda azul. Consonte a isto, eu manifestei que a bandeira do manifestante carecía de significado político[42]
Cal é o motivo de que na sentenza do TOP non se faga mención á mítica bandeira erguida polo “rubio de Barreras”?  Mesmo  porque, en contra da petición da fiscalía, o tribunal considera que: Conjunción de elementos que delinean y perfilan la figura penal de que viene acusado, en grado de mero partícipe, pues no se ha acreditado llevase a cabo el procesado ningún acto en orden a la formación, desplazamiento o dirección del grupo del que formaba parte.”
A razón foron as habilidades xurídicas de Álvarez Gándara que baseou a defensa de Xabier en desmontar a acusación de manifestación non pacífica en función do argumento de que portar unha bandeira legal como a de Galicia puidese ser considerado un acto incitador á manifestación non pacífica como argumentaba o Ministerio Fiscal:
“... en sus conclusiones definitivas, calificó los hechos procesales como constitutivos de los delitos de propagandas ilegales y manifestación no pacífica .... reputando responsable del mismo, en concepto de autor al procesado ALONSO SALGUEIRO, sin la concurrencia de circunstancias modificativas, solicitó la imposición de las penas de dos años y cuatro meses de prisión menor y multa de diez  mil pesetas, por el primero y dos años de igual prisión y multa de cinco mil pesetas por el segundo. Las penas pecuniarias con los consiguientes arrestos sustitutorios, caso de insatisfacción con las accesorias correspondientes y pago de costas.”
O ridículo daltonismo policial  e a perspicacia do defensor conseguiron que a sentenza non puidese consideralo como “incitador” ou “reputado responsable de manifestación no pacífica” polo:
“Que debemos CONDENAR Y CONDENAMOS al procesado XABIER ALONSO SALGUEIRO como responsable, en concepto de autor, de un delito de propagandas ilegales y de otro de manifestación no pacífica a las penas de DOS AÑOS Y CUATRO MESES DE PRISIÓN MENOR Y MULTA DE DIEZ MIL PESETAS por el primero y TRES MESES DE ARRESTO MAYOR, por  el segundo. La pena pecuniaria con arresto sustitutorios de treinta días y las privativas de libertad con sus accesorias de suspensión de todo cargo público, profesión, oficio y derecho de sufragio durante el tiempo de las condenas y el pago de las costas. Se decreta el comiso del material ilícito intervenido al que se dará el destino legal.”
A boa defensa fixo que o TOP reducise a condena por manifestación non pacífica de dous anos a tres meses. Álvarez Gándara, o seu avogado defensor, escríbelle, sete días despois de emitida a sentenza,  unha agarimosa carta  na que lle da conta da sentencia:
Querido amigo
    El procurador me ha trasladado la sentencia dictada por el Tribunal de Orden Público. Se te condena, como autor de un delito de propagandas ilegales, a la pena de DOS AÑOS Y CUATRO MESES DE PRISIÓN MENOR Y MULTA DE DIEZ MIL PESETAS y como responsable de otro delito de manifestación no pacífica, a la pena de TRES MESES DE ARRESTO MAYOR. El Fiscal había pedido lo mismo que te imponen por el delito de propagandas ilegales. En cambio obtenemos una considerable rebaja en cuanto al delito de manifestación no pacífica: el Fiscal pedía dos años y cinco mil pesetas de multa. (Lo debemos, sobre todo, al asunto de la bandera).
    La propia sentencia hace constar que la pena impuesta por el delito de manifestación no pacífica queda extinguida por el indulto de septiembre de 1.971.
    Aunque no lo diga la sentencia, queda tambien cancelada la pena de multa y una cuarta parte de la otra privativa de libertad. Así pues, 2 años y cuatro meses, hacen 28 meses, menos una 4ª parte = 21 meses. De esta cifra hay que restar cerca de 2 meses que cumpliste de prisión provisional, con lo que quedan 19 meses.
    Ahora bien, lo normal es que te permitan redimir penas por el trabajo, con lo cual, a los 10 meses de prisión, podrás tener redimidos otros cinco meses; es decir podrás tener cumplidos, 15 meses de aquellos 19, con lo cual te quedaría sin cumplir una cuarta parte aproximadamente de la pena impuesta, cuarta parte que te deben dejar cumplir (teniendo buena conducta en el penal) en libertad condicional.
    Por lo tanto espero que en 10 o 12 meses puedas cumplir toda la condena.
    Ahora, por el momento, interpongo recurso de casación ante el Tribunal Supremo, para que no se ejecute inmediatamente la condena y puedas terminar de una vez tu servicio militar. Por otra parte, en los varios meses que tardará el tribunal en resolver el recurso pueden ocurrir novedades con las que ahora no contamos, que te eximan de cumplir la condena. (...)
Efectivamente Álvarez Gándara interpuxo recurso de casación ante o Tribunal Supremo por “quebrantamento de forma”, xa que o Tribunal considerara impertinente a pregunta formulada polo avogado defensor ao acusado sobre se recibira na rúa ou nas dependencias policiais malos tratos.
Visto o xuízo na Sala Segunda do Tribunal Supremo, o 14 de marzo de 1973, este sentenciou que non había lugar ao recurso. Así eran as cousas.
Detido o 27 de abril de 1971, pasou, segundo algunhas informacións, 11 días[43] na comisaría. O réxime decretara o “estado de excepción”, dentro do permanente estado de excepción que era o franquismo, por mor do comezo do coñecido como proceso de Burgos contra 16 membros de ETA que se encetou o 3 de decembro e ficou visto seis días despois; a sentenza fíxose pública tras 18 días de deliberación do tribunal militar pero o estado excepcional prolongouse ata o mes de xuño do ano seguinte. Ben sabemos para que aproveitaba aqueles días a policía política, comunmente chamada social, así como os métodos empregados para obter as confesións ao detido.
Segundo consta na sentenza estivo detido entre o vinte e sete de abril e o dezaoito de xuño. Xa que logo o nove de maio debeu ser trasladado ao cárcere de Vigo onde permaneceu ata mediados de xuño, cando se levantou o estado de excepción.
Aquel verán do 71 tivo que ser moi duro e triste para Xabier. Un mozo de vinte anos cos paus no lombo, a humillación da tortura, expulsado do traballo, incomprendido por familiares e veciñanza, coa policía detrás e a ameaza do que lle podía pasar ao incorporarse á Mariña. Para as súas xentes de Chaín pasou a ser “o comunista”, un apestado. Na súa maioría comezaron a marcar distancias cun home condenado polo réxime e mesmo, interpretamos nós, abandonaron o alcume natural de “roxo” para que non se confundise co, para algúns, insultante apelativo. Ata ben avanzado en anos o “réxime da transición”, esta “mancha” seguía presente e os contrincantes políticos empregaríana contra el en moitas ocasións, mesmo en Chaín.  A nai, Alcira, lembra o moito que chorou e como só topou sosego cando o cura da parroquia lle dixo “Non chore que o seu fillo nin roubou, nin matou a ninguén, só está preso polas súas ideas”. As ideas para o cura, e para moito outros, eran tortas pero...
O 2 de setembro de 1971 colle camiño de Ferrol onde fará a instrución ata o 18 de outubro. Logo para Cádiz, para o Arsenal de La Carraca, onde pasará a maior parte do tempo do servizo militar agás o 5 e 6 de xullo no que estará en Madrid para declarar ante o TOP  e despois vir para Chaín co mes de permiso. No Polígono de Tiro Janer, no Instituto Hidrográfico da Mariña e, nos últimos tempos,  en El Rancho de la Bola, en Jerez, vai pasando o tempo ata licenciarse o 20 de febreiro de 1973. Dous días despois preséntase na Comandancia de Mariña de Vigo.
O “mozo da bandeira” e a súa relación con Organización Obreira conformábase como tradición inventada na xestación do sindicalismo nacionalista e como en procesos similares en gran medida ficticia e mesmo interesada. Tras o pretendido papel determinante de OO nos xermolos do obreirismo nacionalista procurábase unha interesada lexitimidade radical-resistente en diminuír ou disimular, seica por mor da súa moderación en exceso pragmática, o grupo que en inicio procurou conxugar nacionalismo e loita obreira denominado “Galicia Socialista”: “... o intento de crear por primeira vez o “Sindicato Galego”. Creo que foi no 68. Intentámolo os de “Galicia Socialista”.[44] “Máis tarde entramos na UPG, fomos os primeiros obreiros que entramos na UPG, e démoslle un gran impulso. A UPG entrou nas fábricas a través nosa, en Barreras, en Citröen, nalgunha outra”.[45] “ Despois do 72 (....) Xa dentro da UPG volvemos intentar a creación do Sindicato Obreiro Galego. Os primeiros papeis co esquema fixémolos entre Reboiras e mais eu”.[46]
7.- A represión que non cesa e a loita continúa
A nova xeira comezaba anubrada. Sen traballo e baixo a ameaza de que en calquera momento viñesen na súa procura. O que non agardaba era o humillante espectáculo que montaron. Dende que rematara a mili vivía na casa paterna. Todo o mundo o sabía. Mais argallaron un despregue de gardas civís armados e arrodearon a casa da Mineira o venres 11 de maio de 1973. Collérono, baixárono a Gondomar e esposárono na porta do cuartel vello da Garda Civil, na praza de Urzaiz, á argola de atar os cabalos. Alí o tiveron todo un día, ou cando menos moitas horas, dinos Latino Rodríguez Areal,  un dos seus compañeiros na célula do Val Miñor do Partido Comunista, para que o vise toda a xente da vila, para humillalo, para que todos soubesen que o réxime era forte, que ninguén se lle podía arrepoñer, para vilipendialo e alcumalo do peor que se podía ser: “comunista”. A mesma lóxica estaba detrás do fantasmal despregue de Chaín: non fose quedar alguén na parroquia sen saber que prenderan a Xabier “o comunista”. O réxime precisaba exhibicións de forza para amedrentar.
Ao día seguinte, trasládano á prisión de Vigo. Un mes despois, o 13 de xuño, lévano ao cárcere da Coruña onde o terán ata o 10 de agosto cando o desprazarán á vella cárcere da Parda, en Pontevedra, onde cumprirá o resto da condena ata saír en liberdade provisional.
Calendario de Xabier no cárcere

Había que sobrevivir e aproveitar o tempo para a formación cultural e política,  para debater, contrastar e contrapoñer ideas, análises, mais este tamén era outro escenario na loita contra a ditadura non un simple lugar de espera ata o cumprimento da condena. Cando preguntabamos aos nosos informantes sobre o proceso de decantación ideolóxica de Xabier sempre poñían Barreras como referencia; emporiso o seu compañeiro de partido Latino Rodríguez considera que a súa enorme formación política adquiriuna na convivencia do cárcere.
As ganas de ollar os cumes do Galiñeiro,  de escoitar o  ruxerruxe dos piñeirais, o murmurio da auga na levada, de ver a pais e amigos, de falar cara a cara, prende na mente do preso no silencio da cela. Pasan lentos e pesados os días. Contra os perigosos matinares advírtelle protector o seu avogado Álvarez Gandara , “no pienses tanto en los trenes nin en el calendario, porque se me ocurre que, de ese modo, el tiempo puede transcurrir mas lentamente todavía”. Aínda así Xabier fixo o seu particular calendario nun caderno no que tamén tomaba notas, facía resumos, elaboraba esquemas de variadas lecturas: dende traballos sobre a evolución humana (Hiernaux) a unha manchea de datos tirados de La marginación de Galicia de Valentín Paz Andrade ou un persoal dicionario galego-castelán; dende apuntes sobre os modos de produción precapitalistas ata conceptos fundamentais do materialismo histórico ou de economía marxista; dende as crises cíclicas do capitalismo ata unha biografía de Sun Yat-Sen ou o modelo revolucionario chinés[47] .
A loita contra a ditadura tamén se realizaba no interior dos cárceres. Así o fixo Xabier.  O 19 de xaneiro de 1974 dirixe un longo escrito reivindicativo á  Xunta de Réxime da prisión pontevedresa na que denuncia as ríxidas normas de convivencia impostas polo novo director que modificaban as anteriores e reducían o tempo de comunicación tanto oral como escrita;  denuncia o horario de peche de celas, as condicións de vida e salubridade do cárcere, a intencionada lentitude na tramitación da documentación para a mellora da condición do preso...
As tensións co director foron en aumento xa que unha semana máis tarde asina outro escrito,  agora dirixido á Dirección General de Instituciones Penitenciarias, no que reitera as denuncias anteriores con maior detalle e declárase en folga de fame:
“Reiteradamente viene formulando razonadas peticiones y exponiendo sus graves problemas, sin que, hasta el momento  haya obtenido solución seria alguna. Es por ello que por tratarse de Derechos inalienables se considera en el indeclinable deber de abstenerse de ingerir alimentos en actitud suprema de apelación. Lo que resuelve hacer y hace a partir del día de la fecha.
Y como quiera que no existe ninguna ley que le obligue a comer, ante cualquier coacción estimaría lícito defenderse y se defendería sin descartar el recurso a la ley.”
Descoñecemos a duración da folga de fame e se foi unha acción colectiva ou individual, en calquera caso é un exemplo da decidida personalidade de Xabier, da súa forte convicción ideolóxica e do seu valor.
En termos semellantes, no referente á cuestión dos graos, diríxese ao Colexio de Avogados de Pontevedra e remite unha denuncia á Xefatura Provincial de Sanidade  na que relata as pésimas condicións sanitarias e de habitabilidade.
Por parte do director da prisión, Antonio Rey Espiño, debeu haber unha certa  moderación no trato cos familiares e no réxime de visitas. Non en moito máis. Pouco tempo despois Xabier envía unha longa carta á mesma dirección xeral denunciando os atropelos do arbitrario director.
Co anterioridade, o dous de marzo de 1974, enviou un manuscrito, loxicamente como todos os anteriores aos que fixemos referencia, ao director da prisión no que solicitaba o envío á Xefatura do Estado (Franco) dun telegrama co seguinte texto: “XABIER ALONSO SALGUEIRO SOLICITA COMMUTACIÓN PENA MUERTE PUIG ANTICH. STOP. ABOLICIÓN PENA DE MUERTE”.
Estes escritos reivindicativos hai que interpretalos, para unha valoración acaída, tendo en conta que Xabier ía solicitar ao Ministerio de Xustiza, un mes despois, exactamente o 2 de xuño de 1974, o seu paso á situación de liberdade condicional xa que leva cumpridos 14 meses, extinguidos 7 meses de indulto e redimidos 3 meses por traballos o que suma un total de 24 meses extinguidos, cómputo que excede as tres cuartas partes do tempo total  de condena que lle fora imposto.
Pero esta demanda non lle impedirá que seguise a reivindicar dereitos persoais e  colectivos. O 8 de xuño escríbelle unha carta á nai, na que con retrónica lle conta que non lles deixaron ver o combate de boxeo. O director non lle dá curso e esíxelle que a rectifique.  Na vez de facelo axúntaa  a un escrito que lle envía á Dirección Xeral de Institucións Penitenciarias .
8.- O desacougo da liberdade e o retorno a Barreras
A saída do cárcere obriga a recompoñer a vida, tomar novos folgos, enfrontarse a realidades complexas. Os meses pasan e atópase só. Non sabemos se chegou a enviar unha carta dirixida ao compañeiro de servizo militar, cando menos redactou un borrador (05/01/75) no que deixa translucir un baixo estado de ánimo:
“La historia mía es bastante breve, dos meses despues de licenciar, sin previo aviso, me llevan, estuve en Vigo, Coruña y cumplí en Pontevedra, hará unos cuatro meses, empecé a trabajar en un taller para salir del paso pues salia sin un céntimo y no me pagaban lo que debían y me busqué otro que es en el que estoy actualmente que cubre mejor mis necesidades. Otra novedad es que estoy viviendo de pensión aunque voy a casa de los viejos los fines de semana. Lo que no es novedad es que sigo sin novia ni nada que se le parezca, a ver si tienes algo recomendable por ahí, por Granada.”
Ano e medio máis tarde, despois de andar a traballar en distintos talleres vigueses era readmitido en Barreras. Comezaba unha nova xeira centrada xa non tanto na loita sindical e política, o que non empecía a súa participación activa en CC OO mesmo en candidaturas nas eleccións sindicais ou no PCG, senón no movemento veciñal no seu Chaín natal e na política municipal de Gondomar.
Carné de CC OO de Xabier Alonso Salgueiro que incluía unha significativa declaración de principios, 1976.
Ningunha actividade social ou labor para a mellora das condicións de vida da veciñanza ficarían á marxe da súa entrega solidaria. Fose unha autentica epopea pioneira como baixar a auga dende os olleiros do Galiñeiro ata as casas da parroquia, un esforzo económico, de xestión, organización e traballo no que poucos acreditaban e que un mozo de vinte e cinco anos se botou ás costas como un titán e conduciuno a bo fin, mesmo atendendo ao detalle de que a auga corrente brotase nas casas o día da festa da parroquia. O tele-club contou co seu traballo e cando ficou obsoleto impulsou a súa reconversión, outra vez pioneiro, en Centro Cultural que segue  vivo na actualidade. A reivindicación da propiedade veciñal da capela da Mercé, cando a igrexa tentou apropiarse dela e o cura quixo botarlle un pulso á parroquia, ou a comisión do cemiterio parroquial tampouco ficaron sen a súa colaboración.
A primeira comisión para a devolución aos veciños dos montes en man común contou coa súa activa presenza así como a negociación con Fenosa para mellorar o subministro nas parroquias do concello. Moitos destes labores foron despois replicados noutras parroquias do Miñor e de Galicia e sobre todas elas fican testemuñas concretas no libro de homenaxe que lle fixo a veciñanza da parroquia.[48]
Ao tempo  ía recuperando relacións e amizades arrefriadas.  Unha súa veciña lembra o susto que levou a súa nai unha tarde que a viu  baixar do Mini de Xabier. A cousa era ben simple, subindo para Regodauga, Xabier parou o coche e ofreceuse a levala. Ao baixarse fronte da tenda familiar, a nai, alporizada, berregoulle por subir no coche dun home que estivera na cadea. Como lembra o seu irmán: “moitos dos que lle torceron a cara viñeron logo pedirlle favores e sempre os atendeu”.
A represión política, laboral e o servizo militar, en realidade un único proceso de castigo aos disidentes, afastárano do estaleiro, dende abril de 1971, data da súa detención, ata a readmisión, o 23 de xullo de 1976. Cando Xabier se reincorpora á  empresa xa non é a mesma. Erros de vulto na xestión, perdas de contratos, conflitividade laboral, inestabilidade política... arrastraron o  estaleiro a unha situación crítica que rematou na quebra e no abandono por parte do capital privado e da familia Barreras. O estaleiro pasou a ser público baixo a dirección do Instituto Nacional de Industria. Tras  sucesivas reconversións e enormes custes económicos, sociais e persoais, foi, de novo, privatizado en 1997.
9.- Do devalar partidario ao municipalismo como proxecto social.
Eran tempos de mudanzas, de novos proxectos, de novas visións: o 20 de novembro de 1975 morre o ditador; o 23 de xullo do 1976 Xabier é readmitido no estaleiro; o 9 de abril de 1977 é legalizado o PCE; dous meses despois (15 de xuño de 1977) convócanse eleccións ás cámaras constituíntes nas que o PCE fica ben lonxe das expectativas xeradas como gran forza de  oposición á ditadura (non chega ao 10% e acada 20 escanos, deles 8 eran do PSUC co que se presentou en coalición)  e,  sorprendentemente, ou non tanto, un irrelevante, durante corenta anos, PSOE supera o cento de deputados. As lexislativas de marzo de 1979 supoñen, para o PCE, unha leve melloría que só anuncia a treboada (10,77% e 23 actas).
Cómpren pois novos métodos organizativos e políticos. O 26 do mes do Nadal de 1977 Xabier, como secretario político do PCG no Val Miñor, convoca a  militancia da agrupación miñorá a unha reunión o 7 de xaneiro de 1978, no Bar “La Paloma” da Ramallosa, para elixir o delegado ao III congreso do PCG, convocado para os primeiros días de febreiro, así como para debater as teses e os estatutos. Mais tamén para analizar o traballo realizado no Miñor tanto nas reivindicacións ante FENOSA como na campaña a prol da Autonomía ou a situación do movemento veciñal gondomarés. No escrito recóllense,  entre outras, a proposta de crear e apoiar as asociacións de veciños e impulsar o movemento campesiño,  as Comisión Campesiñas, para reclamar a devolución dos montes veciñais e impedir a creación dun sindicato amarelo por parte das “Hermandades” franquistas. Así mesmo  o apoio ás Comisións Obreiras, con máis de 800 afiliados no Val Miñor, segundo o escrito e o desenvolvemento das Comisións Mariñeiras e do Sindicato Libre da Mariña Mercante (SLMM).
A actividade primordial do partido era saír  á luz, darse a coñecer, que os compañeiros de traballo, a veciñanza en xeral, puidesen identificar os que durante anos lideraron o movemento democrático na clandestinidade e agora ficaban varridos polos novos aires do marketing político.  Xabier sempre levaba a escarapela coa fouce e o martelo prendida na solapa ou no xersei, vendía o “Mundo Obrero” e os libros dos congresos en mesas que poñían na Ramallosa ou en Baiona.
O PCE non foi quen de emular os seus referentes. O PCF fora o primeiro partido da esquerda francesa e aínda que foron superados polos socialistas de Miterrand, en 1978, continuaban a ter un importante apoio baixo o liderado de George Marchais. Pola súa banda o PCI, dirixido por Enrico Berlinguer, é a segunda forza política italiana dende o remate da II Guerra Mundial, concitando a confianza de máis dun terzo dos electores. Nos dous casos,  percíbese o inicio do proceso que levará ao declive do primeiro e á desaparición do segundo. Mesmo, o prosoviético PCP de Alvaro Cunhal transmutado na Alianza Povo Unido (APU) supera con folgura o 15% dos votos.
Pola contra as lexislativas de outubro de 1982 supoñen unha desfeita para o PCE de Santiago Carrillo. Fica por debaixo do 5% con catro deputados. Carrillo ten que dimitir. É substituído por Gerardo Iglesias. No XI congreso o PCE queda dividido en tres tendencias (prosoviéticos, renovadores e carrilllistas). O 15 de abril de 1985 o Comité Central do PCE, presidido por Dolores Ibarruri, decide a expulsión de Santiago Carrillo e os seus seguidores que se constituirán uns meses despois en Partido de los Trabajadores de España- Unificación Comunista (PTE-UC) que pouco tempo despois se integrará no PSOE.
Candidatura de CC OO en Barreras nas terceiras eleccións sindicais de 1982

 Carné do PCG de Xabier Alonso Salgueiro, 1984
O partido no Val Miñor seguirá un devalo similar. Na primeira metade dos oitenta deixa de funcionar como tal. Non temos información fidedigna da posición que adoptou Xabier aínda que a podemos intuír tanto por informacións orais como polo feito de que entre as notas de pésame conservadas pola familia estean as de Julio Calviño, en representación do Partido de los Trabajadores de Galicia e da Unión Comarcal de Redondela do mesmo partido e non haxa ningunha nin do PC nin de Izquierda Unida, que se fundara en abril de 1986. En calquera caso tampouco acompañou os  chamados “carrillistas” na súa integración no PSOE e, con moita probabilidade, nesta decisión tivo moito que ver a política local á cal Xabier dedicaba os seus esforzos.
A foto fixa (bipartidismo UCD-PSOE, a dereita máis franquista minguando e o resto residual) sairá desenfocada na política municipal de Gondomar, en gran medida pola iniciativa política de Xabier. El sería o impulsor de candidaturas veciñais ou municipalistas nos tres comicios nos que puido participar.
O proxecto que viña madurando Xabier, con total  autonomía con respecto da política xeral do PC, era unha proposta veciñal, ou máis propiamente parroquial, construída a partir de asembleas con representantes das entidades veciñais, culturais, deportivas, comunidades de auga, de montes, etc. Este proxecto foi o que inspirou as candidaturas veciñais de 1979, 1983 e 1987. É evidente que foi nesta última cando se concretou o proxecto con máis éxito, tanto por telo contrastado como por telo máis matinado como podemos deducir do documento mecanografado que conservaba Xabier entre os seus papeis. Neses “Principios, bases e normas polas que se rexe a candidatura independente veciñal e parroquial cara ás eleccións municipais en Gondomar” e que, no básico, inspiraron as candidaturas por el impulsadas.
Pretendíase lograr unha “corporación representativa”; para logralo perseguíase a participación veciñal na elección do candidato da parroquia, cousa que a escasa afiliación dos partidos non permitía. Para o cal cumpría organizarse en cada parroquia, segundo as características de cada unha. Ademais das persoas propostas pola comisión de coordinación podía presentarse quen o desexase e aceptase tanto as normas aprobadas pola coordinadora das parroquia como comprometerse a dimitir no caso de que os votos acadados na parroquia non fosen suficientes para formar parte da corporación; isto é, se a candidatura obtiña o 30% e nunha parroquia só obtiña o 10% pero pola posición na lista o representante acadaba a acta tería que dimitir para deixar o seu posto ao doutra parroquia que acadase o apoio medio da candidatura. Procurábase así tanto o compromiso dos núcleos parroquiais máis activos como o dos candidatos.
Moitas das persoas coas que falei sempre resaltaron que Xabier non realizaba labores de proselitismo, nin coas amizades máis próximas. Esta aparente contradición cos deberes dun militante comunista dáme a impresión que se sustentaba nunha perspectiva máis interesada na acción social de masas que na dunha elite militante que, ao tempo, consideraba o seu compromiso máis como un labor didáctico- liberador que propagandístico-partidario. Coido que tamén influía nesta actitude o temor a arrastrar os compañeiros a experiencias dolorosas como a súa. En calquera caso moi pouco leninista.
Un dos seus amigos cóntanos[49] como lle axudaba nas “panfletadas” no cine de Gondomar pero que nunca, ao longo de tantos anos, nin sequera lle chegou a  insinuar o seu ingreso no PC. O mesmo nos di outro gran amigo e ademais compañeiro na actividade municipal que ao preguntarlle directamente por se non o pretendera  convencer para integrarse no PC, respondeu: “nunca mo insinuou, nin eu llo pedín”[50]. De novo a rebeldía camusián da “ética da acción”, de quen se rebela contra a explotación, a opresión, a inxustiza, a violencia, e no mesmo feito da revoltarse afirma os valores en nome dos cales se volve rebelde, moralmente rebelde. Xa que logo a acción política ten que ter unha base moral sólida que fai innecesario calquera caste de proselitismo; a moralidade da acción é suficiente.
Esta actitude tan escasamente canónica para un militante comunista pode estar tamén na base dunha decisión difícil de entender, agás por un exceso de pragmatismo mesturado cunha inocente pretensión de lograr o “ben común”, como foi concorrer nas primeiras eleccións municipais nunha candidatura encabezada por un excéntrico exalcalde franquista, José De Lis, ao que non quixeran na UCD. A experiencia rematou como o rosario da aurora. Xabier converteuse no xefe da oposición ao goberno do que formaba parte, presidido pola persoa que encabezaba a lista pola que el concorrera ás eleccións. Na seguinte corporación, por suposto en candidaturas separadas, o noso protagonista volveu a exercer como constante opositor ao alcalde reelecto.
Xabier non encabezou ningunha das tres candidaturas coas que concorreu e polas que foi electo concelleiro. Dáme a impresión de que nesa actitude coexisten razóns diversas. Por un lado, cando menos a min así mo parece e moitas das persoas coas que falei confírmanmo, era consciente de que en termos políticos debía  encabezar el as candidaturas pero que o seu pasado limitábao e, en certa medida,  invalidábao como candidato. Coido porén que houbo outros dous factores de maior incidencia. Por unha banda, na lóxica parroquial ideada por Xabier, Gondomar, tanto por ser a “vila” como por tamaño, tiña que estar representada en primeiro lugar e despois as outras parroquias de maior poboación. Mais tamén hai unha certa excrecencia do “dualismo campo-cidade” ou se se quere dun certo “complexo aldeán” así como unha percepción de que para ser alcalde había que ser algo máis que un traballador, que había que, como se dicía daquela,: “ter estudos”. Isto foi evidente nas eleccións de 1987 cando a candidatura construída arredor de Xabier e ao cabo gañadora, encabezouna un mestre da vila. A Plataforma Veciñal Independente acadou seis actas, conxugando unha visión municipalista, unha forte presenza parroquial e unha marca galeguista (sectores despois vinculados ao BNG) e social (na tradición do PC) así como aproveitando o descontento co “socialismo” local. Tras o pacto co PSOE un novo ciclo político iniciábase en Gondomar, remataba a ditadura, o franquismo político na vida municipal e aínda que Xabier non ostentaba a alcaldía, ninguén lle discutía o seu liderado.   
As tensións entre De Lis e Xabier Alonso non acougarían tampouco neste mandato. O ex alcalde publica un escrito na sección de cartas ao director en Faro de Vigo na que di:
 “Quiero “refrescarle la memoria” al concejal D. Xabier Alonso, con su manifestación -aberrante manifestación- que se encontraba mas a gusto en Portugal que en Castilla. ¿Es que el PC es separatista? ¿Qué se dirá en el seno del partido que presume de tan español?
Es un vulgar desprecio a España en su total integridad. El respeto, profundo y  sereno respeto y cariño que tenemos todos hacia el país hermano, no puede dar lugar a la grave ofensa inferida a España”[51]
10. A traxedia
A vida continuaba. Polas mañás ben cedo a unha Barreras en sucesivas e brutais reconversións. Polas tardes xestión municipal e atender os cativos. Os domingos algunha escapadiña.
Nas portadas dos xornais dos primeiros de outubro de 1989 inzaban as noticias sobre as disputas entre os mariscadores de Cambados e de Vilanova; a absolución de Xosé Luis Barreiro Rivas, ex vicepresidente da Xunta, acusado de prevaricación; as ameazantes advertencias dos EE UU ao xeneral panameño Noriega..., entre elas, tamén, na primeira de varias cabeceiras, a triste e tráxica nova da morte de Xabier Alonso Salgueiro.
Contra o mediodía do 4 de outubro de 1989 Xabier e o seu compañeiro Jorge Alonso Novoa “Matamá” andaban a traballar, informa o Faro de Vigo[52], no tanque do atuneiro “Intertuna 2”, con sopretes de propano; nun intre víronse arrodeados polas chamas. “O Matamá”  puido saír pola escaleira  do tanque con queimaduras de primeiro e segundo grao en cara e mans; recibiría a alta horas despois. Non así Xabier, viuse envolvido en chamas sen que ninguén puidese socorrelo. Os bombeiros dos estaleiros sufocarían o lume que afectou o cen por cen do corpo. 
Segundo o ABC[53], os traballadores dispúñanse a reparar unha canalización na bodega cando se produciu unha forte explosión, ao parecer, a consecuencia dunha acumulación de gases. O Atlántico Diario fai un relato máis pormenorizado. Segundo o xornal vigués,  estaban a fixar, cun soprete, unha válvula que permitise abrir e pechar o pique de proa dende a cuberta do barco, cando se produciu unha explosión que  calcinou a Xabier e alcanzou ao Matamá cando pretendía socorrelo.
Segundo os traballadores o falecido pretendeu saír do tanque e agatuñou ata situarse preto da boca de saída de forma ovalada e de 45cm. de longo por 35cm. de ancho. Antonio Cameselle, presente no barco en construción, dinos que non houbo explosión, senón que o traballo quedara sen facer o día anterior pola dificultade do mesmo xa que era un espazo moi cativo e ao prenderlle lume na roupa Xabier non tiña sitio para se revolver  e o Matamá, como estaba nunha plataforma superior, puido saír. A desgraza, segundo Cameselle, producírase por non levar a roupa axeitada.
Nun primeiro momento a dirección de Barreras indicaba que a morte producírase ao prender lume nas roupas do traballador por causas aínda sen determinar. Dábase a circunstancia de que uns meses antes, en concreto o 7 de maio, no mesmo barco producírase outro accidente laboral no que resultara queimado, nas dúas pernas, un soldador que recibiu a alta en Povisa xusto o mesmo día no que faleceu Xabier. Ao día seguinte o Instituto Nacional de Industria (INI), propietario de Barreras, informaba que a morte se producira pola inflamación do gas do soprete e non por unha explosión.
Pola tarde, as centrais sindicais reuníanse e efectuaban unha valoración deste accidente e outros anteriores. Para elas unha das posibles causas era, entre outras, a redución do cadro de persoal como viñan denunciando en reiteradas ocasións. O comité de empresa, co apoio dos sindicatos, convocou, para o día seguinte, dúas horas de folga e unha manifestación ante a delegación de Traballo para reclamar maior seguridade no traballo. A morte do “rubio” volve poñer en cuestión as medidas de seguridade nos estaleiros.
Os traballadores de Barreras critican que o cadro de persoal de bombeiros se reducira de 15 a tres persoas, cuestionan as roupas que se empregan no traballo, os medios de protección así como a necesidade de formación dos mandos intermedios e conclúen que palabras moi sonoras como produtividade ou ritmo empregadas para aforrar unhas pesetas supoñen o custo dunha vida humana. Segundo recolle La Voz de Galicia  dun informe do Comité Provincial de Seguridade e Hixiene, nos estaleiros da ría de Vigo, entre xaneiro de 1986 e marzo de 1989, producíranse máis de 7.000 accidentes de diversa consideración, deles 22 foran graves e tres de morte. Nesta relación non estaban incluídas as catro mortes acaecidas na reparación da ponte do buque oceanográfico “Cornide Saavedra” nin a de Xabier.
Nunca tanta xente se xuntara ao pé do Galiñeiro. Foron miles de persoas (mais de tres mil segundo o Faro de Vigo) as que acompañaron o cadaleito polas encostas que levaban, e levan, por estreitos camiños dende Regodagua ata o cemiterio de Chaín. Alí a súa dona; os país; os familiares; a veciñanza da parroquia á que lle entregou xenerosamente o orgullo do traballo en común e á que lle “falaba con palabras que podiamos entender”[54].  Xentes de todas as parroquias de Gondomar, do Miñor, da área de Vigo; todos os concelleiros co alcalde Sestelo á fronte portando o féretro; centos de traballadores de Barreras, do naval, sindicalistas, comunistas das diversas pólas. Alí estaban para acompañar na súa última viaxe o rubio de Barreras. As emocións rebordaron.
Vivimos mentres alguén nos recorde. A vida de Xabier será longa.

Gondomar de Miñor, outubro de 2018
   



[1] Ver http://pedogalinheiro.blogspot.com/2017/10/joaquin-miguez-ledo_34.html
[2] Sobre Cribeiro e a persecución franquista sobre o maxisterio no Val Miñor ver Méixome C.: “A represión franquista sobre o maxisterio miñorán” en Victoriano Taibo. Monografías da Revista de Estudos Miñoranos, 2008, Val Miñor. Sobre Fraiz: Garrido Moreira, E. (2002). Víctor Fraiz: Vida e asasinato dun mestre exemplar. Santiago de Compostela: Fundación Luis Tilve.
[3] Ver Vilar, X.L. e Méixome, C.: “A Volta dos Nove, notas para una historia da represión franquista no Val Miñor”,  en Murguía, nº 7/8, 2005, p. 155-168
[4] Ver Méixome, C.: “Algunhas consideracións ao abeiro das exhumacións das fosas de San Xián (O Rosal) e una adenda”, en Murguía nº 34, 2016 p.77-91
[5]   Na altura o contraste “aldea-cidade” xeraba grandes debates teóricos sobre a denominada cuestión do “dualismo”. Para uns seguían existindo elementos precapitalistas no mundo rural que coexistían co capitalismo, para outros o modo de produción era o capitalista. A contraposición simplificábase nun hipotético antagonismo entre a aldea, esencia de Galicia, e a cidade españolizada e españolizadora.
Curiosamente Xabier, estando preso no cárcere da Coruña, tivo, e conservou, mecanografada
unha copia literal do artigo conxunto de Andrés Salgueiro e Xosé Vilas “ A estructura socioeconómica galega; ¿Unidade ou dualidade?” publicado en La Voz de Galicia (08/07/1973) así como a resposta por parte de Xosé Manuel Beiras, titulado “Dualismo e dependencia na estructura económica galega” publicado no mesmo xornal (29/07/1973).

[6] Todas as referencias ao contrato de aprendizaxe están tiradas do contrato de Xabier. Arquivo familiar.
[7] Camus, A. (1951): El hombre rebelde, Losada, B. Aires, 1978, p. 17
[8] Barea, A. (1941-1944): La forja de un rebelde. Debate, Madrid, 2000.
[9] Gómez Alén (1995). As CC.OO. de Galicia e a conflictividade laboral durante o franquismo. E. Xerais, Vigo.
[10] Sentenza do 10 de xullo de 1072. Arquivo familiar.
[11] Pódese consultar a resolución do PCE de 1956 en http://www.filosofia.org/his/h1956rn.htm
[12] Ver Domínguez Cabaleiro, M., Gómez Alén, J.; Lago Peñas, P.; Santidrián Arias, V.: “Organización e mobilización dos traballadores durante o franquismo. A folga xeral de Vigo do ano 1972” en Historia 12, Servicio de Publicacións da Universidade de Santiago de Compostela, 1997.
[13] Méndez Ferrín, X.L.: “O infortunado mozo da bandeira” en Faro de Vigo, 09/10/1989
[14] García, A.: “Javier na miña memoria” en Javier Alonso Salgueiro. O mozo da bandeira. Instituto de Estudos Miñoranos. 2014, Val Miñor.
[15] Mera, M.: Organización Obreira e as loitas de 1972 en Vigo”. Outubro 2001. Pódese consultar en: http://info.nodo50.org/Huelga-General-de-septiembre-de.html
[16] Domínguez Cabaleiro, M., Gómez Alén, J.; Lago Peñas, P.; Santidrián Arias, V.: “Organización e mobilización dos traballadores durante o franquismo. A folga xeral de Vigo do ano 1972” en Historia 12, Servicio de Publicacións da Universidade de Santiago de Compostela, 1997.
[17] Entrevista personal con Francisco Lores,  8/10/2018
[18] De Toro, S. (1991): Camilo Nogueira e outras voces. Xerais, Vigo, p 83
[19] De Toro, S.: Op Cit., p. 83
[20] González Ferreira, A (2016): A fábrica. Crónica de corenta anos de acción sindical (1964-2004). E. Cumio, Ponte Caldelas, p.15
[21] De Toro, S.: Op Cit. P. 96-97
[22] Entrevista a Xesús Chaves en Mera, M.: Organización Obreira e as loitas de 1972 en Vigo”. Outubro 2001. Pódese consultar en: http://info.nodo50.org/Huelga-General-de-septiembre-de.html
[23] Domínguez Cabaleiro, M., Gómez Alén, J.; Lago Peñas, P.; Santidrián Arias, V. (1997): “Organización e mobilización dos traballadores durante o franquismo. A folga xeral de Vigo do ano 1972” en Historia 12, Servicio de Publicacións da Universidade de Santiago de Compostela, p. 27
[24] Salgado, X.M./Casado, X.M.(1989): X.L. Méndez Ferrin, Sotelo Branco, Santiago, p. 155
[25] De Toro, Op.Cit. p. 94
[26] Gómez Alén, Santidrián Arias (1996): Historia das Comisións Obreiras de Galicia nos seus documentos. Ediciós do Castro, Sada, p.105
[27] Del Caño, X.M.(2005): Conversas con Méndez Ferrín. Xerais, Vigo, p. 90-91
[28] Méndez Ferrín: “O infortunado mozo da Bandeira”. Segunda Feira. Faro de Vigo, 09/10/1989
[29] Ver Mera, M.: Organización Obreira e as loitas de 1972 en Vigo”. Outubro 2001. Pódese consultar en: http://info.nodo50.org/Huelga-General-de-septiembre-de.html
[30] Navaza, X.: “Informe: Conversa con Luís Riveiro”. Teima nº 28, 23-30 de xuño de 1977, p. 11
[31] As referencia a Antonio Cameselle en entrevistas telefónicas e persoais, agosto-setembro de 2014
[32] As referencia a Ramón Vázquez Pazó en entrevistas telefónicas e persoais, agosto-setembro de 2014
[33] Carrera F.: “Non foi inútil” en Javier Alonso Salgueiro. O mozo da bandeira. Instituto de Estudos Miñoranos, 2014, Val Miñor, p.53
[34] Sobre o TOP pódese consultar José del Aguila, Juan (2001): El TOP. La represión de la libertad (1963-1977), Planeta. Nesta obra inclúese a longa listaxe de procesados por este tribunal, na que aparece o nome de Xabier; dos avogados,  no que se recolle o de Alfonso Álvarez Gándara que defendeu 23 casos, e o dos procuradores, entre eles Gonzalo Castelló y Gómez Trevijano que con 352 é o quinto que actuou en máis casos. Ao procurador refírese Méndez Ferrín como: “Gonçalo Castelló y Gómez-Trevijano, un  independentista pancatalán de esquerdas” en “No fondo dos espellos”, Faro de Vigo, 04/19/2014. A Xabier defendeuno no recurso de casación ante o Supremo Juan Lozano Villaplana e estivo representado, de novo, por Castelló.
[35] Trabuco que tiñan que pagar os labregos ao ser considerados como empresarios autónomos. Non anda tampouco desencamiñado Méndez Ferrín cando indica como unha hipotética razón para a convocatoria do “salto” a loita contra a “cota empresarial”. Gómez Alén e Santidrián Arias, (1996, p.125), incorporan o texto dun chamamento de “Comisiones Campesinas de Pontevedra” a non pagar o imposto, seguindo a negativa dos labregos ourensáns. O chamado dos labregos ourensáns está asinado en decembro de 1970. O de Pontevedra é posterior. Ambos están recollidos en Nova Galicia. Revista de cultura y política do Partido Comunista, 18-19, cuarto trimestre de 1970-primeiro trimestre de 1971.
[36] O 26 de abril de 1846, no concello de Carral, tras xuízo sumarísimo foron fusilados doce militares que, dirixidos polo coronel Solís, encabezaran un “pronunciamento” liberal en Lugo que se estendera por Galicia e contou co apoio de estudantes composteláns entre eles Antolín Faraldo impulsor do “provincialismo” precursor do que hoxe chamamos “nacionalismo”. Serán coñecidos como os Mártires de Carral. Sobre a elaboración e reelaboración deste “lugar de memoria” pode consultarse “Os fusilados de Carral: de “heroes” españois a “mártires” galegos” en Villares Paz, R. (2017): Identidades e afectos patrios. Galaxia, Vigo, p. 299-339
[37] Gómez Alén, Santidrián Arias: Op. Cit. p.126. Doc. 4.10.
[38] Antonio González Pacheco, policía torturador condecorado ao que recentemente se lle retirou este recoñecemento.
[39] A partir de 1967 as vagas represivas comezaron a ser facilitadas pola declaración de “estados de excepción” en todo o Estado ou en parte, no País Vasco. O estado de excepción consistía na supresión temporal dunha serie de garantías, que, en verdade, nunca foran exactamente respectadas polo réxime. En esencia supoñía a legalización de prácticas policiais habituais como a violación de domicilio e correspondencia ou a retención dos detidos máis alá das 72 horas para que no período de excepcionalidade puidesen ser exercidas de xeito masivo e sen andar con disimulos. Cinco  dos seis estados de excepción decretados polo réxime fórono entre 1967 y 1971. Tal frecuencia no emprego deste recurso  desgastaba a imaxe internacional do réxime que procurou novas medidas dentro da lexislación ordinaria para o que modificou, 23 de xullo de 1971, a Lei de Orde Pública de 1959, facilitando as sancións económicas por parte de alcaldes e gobernadores e derrogando varios artigos sobre a entrega dos detidos á xustiza que institucionalizaban a situación de permanente estado de excepción. Aínda así o réxime volveuno decretar en 1975. A Lei de Orde Pública franquista de 1971 non foi derrogada ata 1992.
[40] De Toro, S.: (1991): Op. Cit. p.89
[41] Carrera F.: “Non foi inútil” en Javier Alonso Salgueiro. O mozo da bandeira. Instituto de Estudos Miñoranos, 2014, p.53
[42] Información facilitada por Alfonso Álvarez Gándara a través de correo electrónico.
[43] En 1999 os compañeiros das Comisións Obreiras de Vigo concedéronlle ao “rubio de Barreras” o premio póstumo “Primeiro de Maio ao compromiso social e á solidariedade”. Na publicación na que se recollen os 25 primeiros anos de premios  escríbese: “Foi preso e torturado durante once días. Pero para desgraza daqueles gardiáns da orde pública, o Rubio era disciplinado, comprometido e pouco falador”. Quen redactou as breves liñas coñecía ben o carácter de Xabier.

[44] Manolo Lima en De Toro (1991): Op. Cit., p. 97
[45] Francisco Lores en De Toro (1991): Op. Cit., p. 68
[46] Manolo lima en DE Toro (1991): Op. Cit., p. 65
[47] Sobre o fundador do Kuomintang e primeiro presidente de China era o libro de Pearl S. Buck: El hombre que cambio a China, publicado en 1953. Sobre o proceso revolucionario o de Jan Myrdal: Una aldea de la China Popular, traducido ao castelán en 1969. Ambos moi lidos naquela altura.
[48] VV. AA.: (2014): Javier Alonso Salgueiro. O mozo da bandeira. IEM, Gondomar.
[49] Rial Vázquez, “Pirri”: “A Javier Alonso Salgueiro” en Javier Alonso Salgueiro. O mozo da bandeira. Instituto de Estudos Miñoranos, 2014, p. 33.
[50] Exposito, R. (Lito de Borreiros): Xabier, na memoria de todas as persoas comprometidas coa defensa do pobo en Javier Alonso Salgueiro. O mozo da bandeira. Instituto de Estudos Miñoranos, 2014, p 27 a 29. Lito de Borreiros, con quen Xabier compartiu amizade e activismo político define o seu carácter como conciliador, dialogante, práctico e non sectario, que sabía escoitar a facer a sintese das propostas.

[51] Faro de Vigo, 27/11/1987
[52] Faro de Vigo, 05/10/1989
[53] ABC, 05/10/1989
[54] Cambra, E.: “Falaba con palabras que podíamos entender” en Javier Alonso Salgueiro. O mozo da bandeira. Instituto de Estudos Miñoranos, 2014, p.32