martes, xaneiro 17, 2023

Facedores de imaxes. Fotografía e sociedade en Vigo. 1870-1915

 


Este é o paradoxal relato das vidas e da   obra dunha parella -Filippo Prosperi,    Candida  Otero - que publicou fotografías nas mellores revistas galegas e estatais, premiárona en concursos, concorreu a exposicións, fotografou personaxes -Curros Enríquez, Elduayen, Cánovas- e feitos de primeira    magnitude -   pegadas da guerra colonial cubana ou alicerces do Vigo     moderno- e cuxa herdanza, misteriosamente, consiste nun par de centos de fotografías.

F. Prosperi. Matadoiro e Ribeira do Berbés, ca. 1895

    O amigo Vítor Vaqueiro ten unha pulsión renacentista que o empurra á diversidade. Químico, e, en tempos, profesor da materia; doutor en Ciencias da Comunicación, fotografo e estudoso da imaxe, a súa tese de doutoramento foi sobre a obra fotográfica dos Pacheco; etnógrafo como na súa Guía da Galiza Máxica  (Galaxia, 1998), e outros que viñeron despois; narrador de distancias curtas como en O soño dirixido (Ir Indo, 1992), da que hai unha segunda edición ampliada (Galaxia, 2010), ou mesturando ensaio e narración  como Os espellos do tempo (Galaxia, 2008); tense achegado tamén ao ensaio sociolingüístico, con Nicolás Jamardo, en Da identidade à norma (Laiovento, 2017) e cunha  extensa obra poética da que fixo a última entrega 1968 (laiovento, 2018. 

Foto: Merce Caeiro



Cóubome o pracer de acompañalo na presentación en Gondomar destes dous últimos títulos e o próximo venres estaremos con el para saber de Fillippo Prosperi e de Candida Otero e do Vigo de entre século pois tampouco a historia é allea ao amigo renacentista.

Por se vos prace estaremos na Libraría “Libraida” de Gondomar(Rosalía de Castro,13) o venres 20 ás 20h.

venres, xaneiro 13, 2023

Á MINI SEGUE A PRESENTAR NOVAS VOCES POÉTICAS. MAURIZIO POLSINELLI PRESENTA O DEBER DO LUME


Amigos e amigas

    Nesta nova andaina poética a Mini argallou, en certa medida, a presentación pública de novas voces poética, novas no seno literario, foron as experimentadas obras plásticas de Ánxel Huete, por certo autor da ilustración da capa do libro de Maurizio, e Fernando Casás ás que nunha altura determinada quixeron expresarse a través da creación literaria e estiveron con nós.

Nesta ocasión será un músico e filólogo, romano de nacenza, que nos achegará, case de estrea, a súa voz poética a través presentación do seu primeiro libro O deber do lume (Embora,2022).

Deixámosvos a súa autopresentación para que o coñezades e vos animedes a vir escoitalo:

Vivín en Roma máis de corenta anos. Alí licencieime en      filoloxía románica e en piano. Traballei de organista e profesor de lingua e fun fundador, xunto a Claudio Orlandi, do grupo de rock    progresivo PANE. 

No 2008 coñecín, aínda en Italia, a Carmen Penim, coa cal fundamos  o dúo 2naFronteira. A musicalización de poemas galegos -dende Rosalía ata a máis novas voces   da poesía como Pepe Cáccamo, Baldo Ramos, Eva Veiga etc...- foi dende o inicio o principal enfoque de   traballo do dúo.  É precisamente no ámbito do traballo con Carmen no que entro por primeira vez en contacto coa poesía galega,  podendo sen dúbida dicir que o galego me entrou a través da música. 

Neste sentido, particular importancia tivo para min o encontro coa poesía de Xosé María Díaz Castro. O traballo de tradución” en música de Nimbos fixo que   me dera conta da naturalidade coa que o galego estaba a instalarse nas miñas ferramentas expresivas.

Ademais, o italiano e o galego comparten moito máis que léxico. E máis aló do italiano, é o romano (o dialecto da miña cidade) o que máis características lingüísticas comparte co galego (locucións verbais, contraccións e toda unha serie de elementos de “aforro” lingüístico, etc...). En definitiva, escribir en galego é para min algo que xorde dun xeito bastante natural. Atreveríame a dicir, íntimo, polos trazos lingüísticos que me levan directamente ás miñas primeiras experiencias coa linguaxe (crieime nun entorno romanofalante).     

Levo escribindo en galego dende hai uns anos e tiven a sorte de atoparme con persoas fantásticas que creron dende o principio nos meus traballos. Falo de Carmen, por suposto, de Pepe Cáccamo, de Diana Varela Puñal e de Xulio Valcárcel (os dous últimos son os editores domeu primeiro poemario O deber do lume, (Medulia,2022).

Galicia, en xeral, ofreceume a posibilidade de dar a coñecer a miña obra, grazas sobre todo aos moitos certames literarios que aquí se organizan. Quedei finalista no III Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán no 2021, no IV Premio de Poesía Eduardo Pondal e,hai só un mes, gañei o V Premio de Poesía Torre de Caldaloba, organizado polo concello de Cospeito, co poemario Cartografía dos tránsitos que se publicará este ano.

Levo dende o 2013 vivindo de forma estable en Galicia,no Morrazo, que visitaba nas vacacións de verán xa dende o 2008. Despois de corenta anos vivindo en Roma, podo dicir que non cambiaría nunca as fontiñas de Coiro -onde vivo- coas fontane de Bernini, nin o musgo das igrexiñas da Limia (que inspiran O deber do lume e de onde é orixinaria Carmen) por toda armore do Vaticano.

O libro O deber do Lume é unha homenaxe a Carmen e as súas raíces raianas. O poemario conta cun prólogo de Pepe Cáccamo, que de forma maxistral entrega ao lector unha interpretación exquisita  do mundo subxacente ao texto. Dito en poucas palabras, podease considerar unha biografía lírica, se non fose pola contaminación provocada polo eu poético. Entón, mellor sería considerar este poemario como un exercicio de translación lírica, feito dende o cariño e dende o amor por esta muller e por esta “nosa” terra.

  

    Será o sábado 21 de xaneiro e comezará ás 12.15h, cunha duración aproximada de 45 minutos. Para limitar posíbeis  interrupcións durante a lectura A Mini abrirá as súas portas ás 12h.

As intervencións poéticas están pensadas para celebrarse no exterior, o pé mesmo da Fonte de Zeta, pero como non sempre o demo do tempo nos deixa, no caso de ser preciso poderemos resgardarnos no interior da taparía.

    Se vos presta.

    Graciñas

    Nota: De ter interese en compartir mesa e mantel con Maurizio Polsinelli podedes facer a reserva no 646 74 93 28 ou en resposta este post.



 

O mitin do Coliseo Noela (6)

 

Teatro Noela


    Na compaña dos outros dous membros do triunvirato, Calvo regresou a Noia. Era o 1º de setembro. Na ponte de San Xusto de Toxosoutos agardaban polos ilustres visitantes 23 automóbiles, que os acompañaron, en rechamante caravana, ata a capital do distrito. Segundo a súa prensa, o recibimento foi “colosal” e o Coliseo Noela agardábaos coas súas mellores galas e cun gran retrato do rei envolvido na súa bandeira. Na mesa presidencial figuraban os triunviros, rodeados de alcaldes e ex alcaldes do distrito.

Alfonso XIII
UMN 4/8/1930

    Iniciou os parlamentos García Rudiño, o home forte de Calvo en Noia. Continuounos o cordobés Medina Togores (1887-1934), home forte do Conde de Guadalhorce, do que era parente, que exerce durante a “tournée galaica” como auténtico secretario xeral do partido. Togores era amigo persoal de Herrera Oria, foi subdirector de El Debate e activista da ANC de P. Nas constituíntes de 1931 presentouse por Acción Popular e foi un dos impulsores da conversión de Gil Robles en “jefe” de “todos los católicos españoles”. Na CEDA desempeñou importantes funcións internas. En 1933 encabezou unha coalición antimarxista en Córdoba e foi o candidato máis votado. Faleceu ao ano seguinte.

   O orador máis agardado era Calvo, sen dúbida. Aproveitou para inflamar o entusiasmo dos seus fieis, anunciando a “posibilidade” de concorrer ás eleccións polo distrito noiés, a pesar desas “hojas incluseras, con afirmaciones gratuítas, infundadas y capciosas respecto de la obra de la dictadura”. Como sabemos, as eleccións a Cortes non se convocaron ata case un ano despois e fórono baixo un réxime republicano. Calvo non se presentaría por Noia, senón polo Carballiño.

    Despois de quentar os ánimos, o poderoso ministro de Primo enredouse en refutar o contido da famosa folla que non deixara de circular dende a súa primeira visita. Acabou desbocándose, entrando ao trapo e demandando á “familia liberal” que dese a cara. O resultado foi un retruque por parte dun sector dos asistentes. As chanzas provocaron unha boa barafunda e mesmo que se escapase algún que outro lapote. Primo “junior” non falou, aducindo afonía, aínda que recibiu os entusiastas aplausos dos seguidores do seu pai.   

    Sobre un cento de persoas acudiron ao  banquete. No exterior do local animaba o acto unha banda de música; no interior, a orquestra do mestre Ortiz. Abriu os discursos o “fogoso orador” Joaquín Agra Cadarso, irmán de Blas, ao que nos referimos na anterior entrega, quen, despois de deitar gabanzas a eito sobre “aquel que nos alienta y da animos para proseguir”, en referencia ao finado Primo, fíxoo tamén sobre Calvo, Primo novo e mais Guadalhorce e comprometeu o seu apoio, e o de milleiros de homes do distrito, para que este fose “sempre” representado polo ilustre Calvo Sotelo.

    O que fora, con brevidade circunstancial, alcalde da vila, pero exercía como verdadeiro xefe político da extrema dereita local, García Rudiño, foi recibido con afervoados aplausos e ratificou as palabras de Agra e o desexo de que fose Calvo quen os representase nas Cortes. Rudiño salientou que o líder monárquico debería sentirse ben orgulloso ao ollar á súa beira os que antes estaban nas fileiras de enfronte; era unha chiscadela a si mesmo, que militara no liberalismo democrático nos primeiros andares do século.

Medina Togores

    Tomou de novo a palabra Medina Togores quen, nun intenso discurso ideolóxico, gabou tanto a política do xeneral en Marrocos como a de Guadalhorce en Fomento e a de Calvo en Facenda, deténdose en lembrar a valentía deste último e o seu decisivo labor na loita contra as esquerdas tanto no Ateneo de Madrid como en Valencia ou no Carballiño. Ao tempo, confirma a pretensión de Calvo de concorrer polo distrito nas futuras, e incertas, eleccións.

    Ergueuse por fin Calvo no medio dunha gran ovación. Saudou os amigos presentes cos que mantiña vínculo de afecto dende había anos e afirmou que a súa candidatura sería aceptada case con unanimidade, agás pola exigua minoría que fixo circular por “corrillos y tertulias unas hojas incluseras”. Chiscáballe así o ollo ao artigo 29, que proclamaba electo o candidato único, sen precisar de votacións. Aproveitou agora para fidelizar os seus e atacou, con saña, as distintas pólas do liberalismo, en especial ao Conde de Romanones, ao que lle recriminou o seu fracaso no norte de África contrastándoo coa actuación da ditadura que legalizara a situación dos prófugos, reducira o servizo militar, abordara o problema dos salarios e comezara un intenso plan de obras públicas. Iso é a verdadeira democracia, concluíu.

    Primo seguía afónico. Aínda así pronunciou unhas palabras, para expresar que levaría sempre no corazón o cariño que se lle amosaba. Rematou Guadalhorce, exaltando a personalidade de Calvo e confirmándoo como futuro candidato do distrito. Ben sabemos que nunca o foi.

Publicado en Nós-diario 24/12/2022