domingo, setembro 23, 2018

No meu arquivo. As ilusións



E o que pasa cando tes mochila, isto é, anos. Ás veces, antes,  batías, de súpeto, con vellos papeis, agora, ao remexer, achas antigos arquivos de word que non se poñen amarelos polo tempo pero que retrotraen á nostalxia das ilusións incumpridas. O malo non está en ter ansias senón en que estas se quebranten. Déixovos o que escribín e publiquei en novembro de 2005. Os anhelos, como o dinosauro, seguen aí.

2006

O ano que pronto vai chegar faino enchido de expectativas, ilusións e iniciativas..., agardemos que teñan todas elas un bo remate e que sexa farturento en satisfaccións, aínda que non sexan todas, e non en frustracións, aínda que haxa algunha.

En dous grandes grupos axúntanse as miñas ilusións e, a ben seguro, as doutras moitas persoas. A primeira irá e virá na ponte aérea entre Madrid e Barcelona. Moito nos vai nela aos que pensamos que as pequenas nacións e as súas culturas teñen dereito a un lugar ao sol. Que a xeira que iniciou hai uns días no Congreso dos Deputados o novo Estatuto de Cataluña remate sen mingua substancial do texto orixinal será sinal de que ao fin deixamos atrás a tutela ideolóxica do franquismo e do abafante centralismo no que se sustentaron as dúas grandes tendencias políticas que hexemonizaron o poder político na España contemporánea. Cuestión esta na que foron sempre coincidentes progresistas, máis ou menos liberais, e conservadores, máis ou menos reaccionarios.

Por primeira vez en douscentos anos, un partido de vocación española pode abrir as portas a unha ampla autonomía querida e desexada por unha nación. Por primeira vez en douscentos anos o goberno de España está aberto a admitir o status político especial a que ten dereito unha nación. Sexa cal sexa o resultado final o proceso iniciado ten un valor político transcendental. É por iso que non podo menos que expresar a miña consideración ao goberno actual e dun xeito especial ao seu presidente Rodríguez Zapatero. Se o Estatuto catalán chega a bo porto e non se converte nunha auga chirle tipo “café para todos” estariamos clausurando unha transición ata o de hoxe incompleta. Daquela, moitos nacionalistas galegos, vascos e cataláns comezariamos a toparnos cómodos neste estado das nosas angustias e desvelos. Logo debería ir tamén o noso, aínda que neste caso e coma sempre teremos que agardar polas incertezas e miserias das disputas de poder no partido da oposición.

O segundo maciño de ilusións vai cos proxectos gobernamentais de recuperación da memoria histórica. Cumpriranse setenta anos da aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia pero tamén da chegada de Atila a Galicia. Catro décadas de silencio franquista e practicamente tres de amnesia fraguista. Teremos que recuperar o tempo perdido neste fatal esquecemento da historia. Os dereitos políticos de Galicia non é unha “inventio” dos últimos anos como pensan en moitos núcleos do conservadorismo españolista, houbo un Estatuto aprobado hai setenta anos que a sublevación militar chapodou. Mais tamén persoas que empurraron o seu para que o Estatuto de Galicia nacese, entre eles, e sobre todos eles, Lois Tobío e Ricardo Carballo Calero que en maio de 1931 presentaron o Anteproxecto de Estatuto  por eles redactado. Na comisión daquel anteproxecto encargado polo Seminario de Estudos Galegos participaran tamén Paz Andrade, Bóveda e Risco. De Tobío celebrarase en 2006 o centenario do seu nacemento. Sobre Carballo Calero hai un pesado silencio oficial. Que boa data este 2006 para que a Real Academia Galega lle dedicase o Días das Letras Galegas! Non vai ser así e será outra inxustiza miserenta. Dicíame hai uns días o máis importante traballador do galeguismo cultural e político vivo, cando moitos dos que se opoñen a concederlle o Días das Letras a Carballo Calero aínda non naceran,  xa el tiña feito máis por Galicia que fixeron todos eles no resto da súa vida.

Coa memoria hai que recuperar os nomes e as traxedias que provocou a chegada de Atila. Neste labor impulsado dende a Consellería de Cultura debería implicarse a tantas veces gabada e tan escasamente presente “sociedade civil”. A recuperación da memoria é labor das entidades culturais, dos sindicatos, dos centros de investigación, das universidades, dos historiadores, dos artistas... e tamén do goberno.

Que en 2006 as miñas-vosas ilusións  se cumpran.

A Peneira
1ª quincena de novembro de 2005





domingo, setembro 16, 2018

Tambores ao lonxe*


Como o grave son dos tambores na cacería de leóns ou o agudo cornetín do sétimo de cabalería, como as gaitas grileiras premidas por rufos varóns con saias de tartán ou peitos enchidos de cantos patrióticos nun desfile de nacións vitoriosas, anúnciansenos diversas batallas nas frontes electorais.

O panorama non é de sosego. Dez anos despois de Lehman Brothers e a  derruba do castelo de naipes; unha década na que pasamos de moquearnos dos “mileuristas” a considerar que setecentos euros e dez horas de xornada non está nada mal; unha ducia de anos despois de “cepillarse” o estatuto referendado pola sociedade catalá, a tensión non  acougou, nin semella que o vaia facer de inmediato. Non é o escenario máis aquelado para o exercicio da racionalidade democrática.

O período “rajoniano” da Segunda Restauración deixou o réxime coas vergonzas ao ar. Eran, son, moitas as porcalladas; exhibiu a podremia sobre a que se ergueu a forza da dereita, lexítima herdeira do franquismo; incendiou Cataluña; espantou a extrema dereita e, como sempre, o nacionalismo español, monárquico, católico e conservador enrábiase cando perde un chisco dun poder que considera lle pertence por dereito divino e consuetudinario. Aínda que sexa unha perda temporal e, ao fin de contas, deixarllo ao nacionalismo español progresista que semella permanentemente incapaz de afastarse da cerna monárquica-católica-imperial que constitúe a súa esencia e o incapacita para un mínimo respecto polos dereitos das outras nacións do Estado.

É posíbel que as escaramuzas comecen polo sur por mor da disputa entre as faccións da dereita lideradas por dous mozos de perfís físicos, e non só, joseantonianos, o morbo de ollar como a conspiradora se agarra da levita de quen quixo ver cadáver e a incógnita dunha esquerda plural que pretende abandonar o secundario rol de conciencia.

No terceiro domingo de maio as espadas bateranse con intensidade, concello a concello, deputación a deputación, onde as haxa, e nas autonomías regaladas  da España “strictu senso” como diría un amigo meu. Se chegamos a esa altura sen ningún adianto polo medio o resultado global de milleiros de batallas parciais preséntase incerto.

A este escenario incorpórase Cataluña cos seus trespés independentistas nun estado de paciencia mobilizadora asombrosa, na que as provocacións violentas irán en aumento nun marco de elevada tensión. O Supremo pensa encetar o xuízo oral neste próximo outubro polo que a sentenza debería estar ditada antes de que remate o ano. Se hai condena, por rebelión ou por sedición, ou se retoma a vía política que Rajoy e o PP, Cidadáns e o Rei bloquearon ou haberá que agardar a Estrasburgo e serán moitos anos tanto para manter a dirixentes democráticos no cárcere como para que os seus abondosos apoios sigan a facer gala dun “seny” tan extraordinario.

En calquera caso as municipais de maio terán en Cataluña un desenvolvemento e unha lectura de resultados ben diferentes aos do resto do Estado. No País Vasco , oculto tras o velo mediático catalán, semella que a iniciativa política da nación irá recuperando o pulso de hai anos ao ritmo que a paz se asente. Onde non se agardan moitas mudanzas é entre nós; nin sequera se espera un fraccionamento substancial da dereita.

En desenvolvemento continuo aínda que en datas diferentes: as “europeas”. Nunha Europa insolvente como proxecto político, frustrada como potencia económica tras unha década  austericida, relegada polas potencias emerxidas e seriamente ameazada pola política do “sálvese o que poida” que expande a xenofobia e o chauvinismo das nacións-estado como un andazo envelenado. Nestas un panorama similar: a excepcionalidade catalá e, con menos intensidade, a vasca, a disputa entre o duopolio dereitista por ver quen apaña os votos do ascendente patriotismo “rojigualda” e da aparofobia, isto é, o odio aos que son aínda máis pobres ca ti. Onde non se agardan moitas mudanzas é entre nós.

Sobre o papel, a mediados do 2020 eleccións galegas e ao congreso; tamén vascas. Aínda que a entente Sánchez- Iglesias, co permiso dos catalanistas, tente prolongar ata o remate a lexislatura. Non estará moi claro ata os primeiros meses do ano que ven, cando pretendan aprobar os orzamentos. Todos teñen interese en que a lexislatura conclúa: ERC e PdeCat porque é a única posibilidade de diálogo; Sánchez para ocupar espazo central; Iglesias para axeitarse ao exercicio do poder e sobre todo para que a dereita se desangre na disputa polo espazo de irritación patriótico-español. Polo de agora non é desbotable que entre maio e xuño nos enleemos para escoller a papeleta. Se chegamos a 2020 co programa previsto, tampouco se agardan moitas mudanzas entre nós.

É unha triste e pertinaz realidade, da que son responsables as elites políticas, non a cidadanía. Uns dirixentes  degorados por ollar para o centro peninsular e soñando con coller o avión de regreso o venres. É a nosa pauliña, os que mandan queren facelo en Madrid, aquí sábelles a pouco. Aínda non hai moito unha deputada abandonou o parlamento galego cando deu argallado para ir a Madrid, que é máis importante. O presidente segue mirando de esguello con ollos remelados para a rúa Génova: o de Casado non pinta moi ben e o abandono de Santamaría pode triturar dossiers. Pola outra banda agardan efecto Sánchez ou santificación papal a xeito de espiritual chío. O resto ou é ensimesmamento ou é indecisión.

A política ten moito de escenificación pero o público sabe ben, como cando vai ao teatro, que o que alí se representa non é a realidade. Aínda que uns a representen de xeito máis crible que outros.  Por moito que poñan os papeis todo o mundo entende que o BNG é un partido e “mutatis mutandis” por outro tanto que teñan escrito todos sabemos que En Marea é unha coalición e non un partido, aínda que haxa moita xente que desexe isto último. Así que ambos deberían mellorar a súa capacidade de representación, tomar as cousas en serio e deixar os papeliños á parte. Un proxecto galeguista progresista é posíbel, se queren ensimesmados e indecisos. Non só é posíbel, senón preciso, urxente, agardado e reclamado. Nas súas mans está. Logo que non se queixen da xente. Xa poden ir ensaiando antes de 2020!

·        Publicado en Novas do Eixo Atlántico, setembro 2018

xoves, setembro 13, 2018

A pirámide de Franco e a transubstanciación de Cuelgamuros*

Unha das "Trece estampas da traizón" de Luís Seoane

Ás veces un ten a sensación de que xa todo está nos libros. Mesmo aquilo que aínda non aconteceu:   “… crean con  présa, con todo tipo de anacos e recortes mal arranxados, o seu propio simbolismo e ritual, as súas propias simboloxías e os seus credos claramente relixiosos e máxicos. Un deles convértese na encarnación da divindade aria, o outro colócase sen vergoña os loureiros dos antigos emperadores romanos na súa propia cabeza…” escribiu Bronislaw Malinowsky en 1937[1]. Quen anos despois estudaría os argonautas do Pacífico[2] intuía a enfermiza poética do colosal que agochaban os ególatras que nos anos trinta enchouparían en sangue as terras de Europa.

Cando escribe o antropólogo,  aquel xeneral mozo que se sumou á sublevación a última hora e con garantías acadara, en poucos meses, o mando supremo. Era o xeneralísimo. Un “dictator” que gustaba de se equiparar aos seus grandes colegas de Berlín e Roma. Tan perverso que valoraba o seu trunfo sobre todo pola desfeita do inimigo, ou era quen de obsesionarse, en plena batalla, con engrandecer a milleiros de mortos para a súa propia exaltación fúnebre, cando menos tan grandiosa como a de Keops, tan eterna como aquela. Como os señores da guerra prometía monumentos á vitoria. Como Filipe II o Escorial por armar a de San Quintin. Ben preto os dous.

O 1º de abril de 1940 publica o decreto de creación do Val dos Caídos. O preámbulo non ten desperdicio: “la dimensión de nuestra Cruzada, los heroicos sacrificios que la victoria encierra y la trascendencia que ha tenido para el futuro de España esta epopeya (…). Es necesario que las piedras que se levanten tengan la grandeza de los monumentos antiguos, que desafíen al tiempo y al olvido …”. “A estos fines responde la elección de un lugar retirado donde se levante el templo grandioso de nuestros muertos, (…)  por los que cayeron en el camino de Dios y de la Patria. Lugar perenne de peregrinación en que lo grandioso de la naturaleza ponga un digno marco al campo en que reposen los héroes y mártires de la Cruzada.”

Ese mesmo día, despois de presidir o desfile na Castellana e o  xantar no Palacio de Oriente, flanqueado polas esposas dos embaixadores de Alemaña e Italia, mestres estes emparedaban a dona Carme, subiu cos seus ata a cima do Guadarrama, ata Cuelgamuros, e presentoulles a idea que levaba elaborando dende o inicio da guerra. Nun ano terminaríase a cripta; en cinco remataríase a gran ofrenda aos heroes da Cruzada. Mais a “pandereta” impúxose. Ata vinte anos despois non se inaugurou. Quen queira saber disto pode consultar o libro do xornalista galego Daniel Sueiro: La verdadera historia del Valle de los Caídos.[3]

Naquela altura, 1º de abril de 1959, en Cuelgamuros ocorreu a primeira transubstanciación. Ben saben, o que lle acontece ao pan e ao viño que de súpeto se transforman en carne e sangue de Cristo. Xa non era “el templo grandioso de nuestros muertos” erguido por miles de presos que en condicións miserábeis mudaban tempo de pena por traballo, senón, segundo o decreto de creación da “Fundación de la Santa Cruz del Valle de los Caídos”,  a esta correspondíalle: “laborar por el conocimiento e implantación de la paz entre los hombres, sobre la base de la justicia social cristiana”.

A segunda transubstanciación consumouse en forma de desmemoria transaccional dunha  transición controlada polos “lexítimos” herdeiros do franquismo. Mais xa todo está nos libros. En 1993, Benedict  Anderson escribiu: “No decenio de 1930, persoas de moitas nacionalidades foron combater na península ibérica porque a consideraban a area na que estaban en xogo forzas e causas mundiais. Cando o duradeiro réxime de Franco construíu o Val dos Caídos, limitou a admisión nesa sombría necrópole aos que, aos seus ollos, morreran na loita mundial contra o bolchevismo e o ateísmo. Pero, nas marxes do Estado, xa estaba xurdindo un “recordo” dunha Guerra Civil “española”. Só despois da morte do hábil tirano, e a ulterior e notablemente fácil transición á democracia burguesa -na cal desempeñou un papel decisivo- este “recordo” volveuse oficial”[4].

A terceira transubstanciación. Premidos polas pantasmas do nacionalismo español, católico e monárquico, que seguen a aferrollar a sociedade hispana, un comité de expertos, ao abeiro da Lei da Memoria Histórica do goberno Zapatero, concluíu que Cuelgamuros “era un lugar para la memoria de víctimas y muertos de la Guerra Civil”. Vítimas sen verdugos?  Ou vítimas humilladas e verdugos con honores remexidos e co xefe destes empoleirado, como un Papa, ante o altar maior da basílica?.

Algúns tumores destrutivos permanecen activos  na sociedade española cando corenta anos despois, a retirada dos restos do “caudillo verdugo” provoca tensións. Ou será, xustamente, polas catro décadas de atraso? Ou será unha prevención ante a ferida de Meirás? A deslexitimación social do franquismo posibilita a revisión de centos e centos de roubos de propiedades e capitais. E iso aféctalle ás elites xestadas no franquismo, sexa cal sexa a súa cor actual e, como non, ao seu herdeiro legal máis directo: o réxime monárquico.

·        Publicado en A Nova Peneira, setembro 2018


[1] Citado por David Cannadine en Contexto, representación y significación del ritual: la monarquía británica y la “invención de la tradición” en La invención de la tradición en E. Hobsbawn e T. Ranger (editores). Crítica, 2002
[2] Malinowsky, B.: Los argonautas del Pacífico Occidental. Ediciones Península. 
[4] Anderson, B.: Comunidades imaxinadas, FCE, México, 1993


En San Pedro de Rochas*



As pedras furadas, húmidas e sombrizas de San Pedro de Rochas, transmiten séculos. As covas antropomorfas reiteradamente ocupadas polo po no que nos seguimos revertendo desacougan cun súpeto remuíño. Seica unha placa, considerada fundacional, cita o ano 573. Miro sería o rei do Gallaecium Regnum.


É un dos templos cristiáns máis antigos. Tres naves escavadas. Na central, un oco permite a entrada de luz. O primitivo mosteiro seica ficou deserto coas invasións musulmás ata que, segundo a lenda, un nobre chamado Gemondus, a finais do século IX,  descobre aquela paraxe e  retírase a facer vida de penitencia. Logo vaise creando a nova comunidade.

Nunha parede da capela da esquerda, onde se entende que está o sepulcro do lendario nobre restaurador do cenobio, consérvanse restos dunha pintura ao fresco, datada entre 1175 e 1200, na que se amosan figuras dos apóstolos nun mapamundi que os expertos identifican co reproducido  no Beato de Osma, datado en 1086, e quizais confeccionado no mosteiro leonés de Sahagún. Na realidade o mapa é unha carta da diáspora apostólica que indica os lugares onde predicou cada apóstolo.

Se é o de Osma realizouse nos  inestábeis tempos das disputas monárquicas entre irmáns: García, Sancho e Afonso que co ordinal de VI reinaría  en Galicia, León Castela e Toledo dende 1073 ata 1085. Se as datas do mural de San Pedro de Rochas son as que dixemos estariamos nos últimos anos do reinado de Fernando II (1157-1188) ou nos primeiros anos de Afonso VIII, o que na historiografía española ordenan como IX, (1188-1230).


O mapamundi é unha representación esquemática do mundo na que o tamaño do representado indica a importancia do mesmo. Trátase dun circulo, rodeado polo río Océano no que o Mediterráneo ocupa o centro vertical do mesmo, máis ben ovalado no debuxo, facendo a barra vertical dunha especie de T. O Nilo e o Ponto Euxino, debuxan a barra transversal da T.

No centro iconográfico está Xerusalén e o Mar Vermello separa o mundo coñecido do descoñecido, o África. O esparexemento dos apóstolos represéntanse cun debuxo da cabeza dos mesmos cos lugares de referencia. Só en dous casos non se recorre a esta iconografía, no de san Pedro e no de Santiago. Ambos se representan dentro dun edificio con torres: Roma e Compostela, sendo evidente o maior tamaño desta última que indica a maior relevancia da mesma, no momento da súa consolidación e expansión como cabeza do mundo cristián e remate do camiño francés.

Na banda esquerda está Europa. A península Ibérica ocupa a franxa inferior, sinalada por unha contundente liña vermella que representa os Perineos. Na representación, o espazo central, que ocupa a maior parte, está ocupado por Gallecia, co enorme edificio da catedral compostelá e o rostro do apóstolo. Por riba un enorme Faro (A Coruña) e por tras Asturias. O espazo está delimitado polo leste polo curso de dous ríos: Miño e Douro.

Despois un territorio, Spania, onde está un edificio de moita menor dimensión que corresponde a Toletum e a referencia a Terragona, Carthagine? e Olisbona.

O mapa representa a visón xeopolítica do reino cristián do norte construído arredor do culto a Santiago e do camiño que nos relaciona con Europa e do papel de primacía da Sé Compostelá sobre Toledo, a capital do desaparecido reino visigodo no que os futuros reis de Castela procurarán a “inventio” da lexitimidade.

Aínda na actualidade, con técnicas de representación perfectas, seguimos a facer trampas nos mapas, e Europa, esaxerada en extensión, representa o poder central da súa cultura, mentres seguimos reducindo as dimensións da marxinal África, por poñer un exemplo.

·        Publicado en Novas do Eixo Atlántico (NEA), setembro de 2018

luns, setembro 03, 2018

O estraño futuro e a estupidez de Ícaro



Nós
que habitamos con e contra o capital

Varela Pérez:Do outro lado das portas[1]


Plumas de Ícaro. Rodríguez Pazo.
 Óleo sobre lenzo 50x50
Lémbranos Robert Graves[2] que o “noso” heroe céltico, Lugh, voou ao ceo como unha aguia cando o seu sucesor o matou no solsticio de verán. Non está claro se era un heroe ou una divindade: “(…) do deus Lug, un dos Tuatha de Danann, un dos xefes deses deuses bos, deses deuses da luz e da vida…”[3]

A construción mitolóxica de Lug, Lugos (Galia), Lugh (Eire) Llen Llaw (Gales), moi difundida polo tanto, refírenos a loita permanente entre a aguia e a serpe, entre o ano crecente e o minguante, entre o rei e o seu sucesor... Segundo as fontes irlandesas, a sociedade divina estrutúrase do mesmo xeito que a sociedade humana, e a organización dos Tuatha Dé Danann (as xentes da tribo de Dana) está xerarquizada en tres clases funcionais: a sacerdotal, a guerreira e a artesanal. Lug non pertence a ningunha delas en especial xa que pode asumir todas as funcións, así declárase sucesivamente carpinteiro, ferreiro, guerreiro, poeta, meigo, pousadeiro e broncista… 

O predominio da cultura helena enxertada en Roma fai que esteamos máis familiarizados coa mitoloxía mediterránea que coa celto-atlántica, por iso coñecemos moito máis a Dédalo, moi semellante ao multifuncional Lug, e ao seu estúpido fillo Ícaro.

Este último, na compaña paterna, fuxiu de Creta coas ás que o seu pai, ferreiro admirable aprendido pola mesma Atenea, lle fixera con plumas de paxaros atadas con fíos, as máis grandes, e pegadas con cera, as máis cativeiras. No intre de iniciar a fuxida do labirinto de Minos, Dédalo advertiulle prudencia, que non voase a demasiada altura, para que o sol non fundise a cera, nin demasiado baixo, para que o mar non humedecese as plumas, ao tempo que o cominaba a que o seguise de preto e non tomase un rumbo propio.

O mozo non fixo caso de ningún dos consellos paternos. Ao verse empoleirado e poderoso, emocionouse e seguiu, cada vez máis confiado,  ata que o sol derreteu a cera. Dédalo só foi quen de observar as plumas, que ensamblara coa súa sabedoría técnica, esparexidas sobre a auga do mar.
  

Perda coidado a persoa lectora, non teño pensado seguir polos vieiros da mitoloxía clásica nin da céltica. O motivo do desvarío é reflexionar, con brevidade, sobre o gran mito da contemporaneidade ilustrada: o permanente progreso.

Educámonos nunha visión da historia como un agatuñante Icaro en constante ascenso; no mito de que unha xeración encetaba o camiño alí onde a anterior o deixa, aínda que teñamos momentos de incerteza, sempre serán fugaces descansos no batido das ás cara  perfección solar.

“Lo que para nosotros era inusitado para nuestros padres y nuestros abuelos había sido inimaginable: lo mismo que para nuestros hijos ha sido casi tediosamente normal y sólo ahora está en peligro”, escribe Muñoz Molina[4], na súa lixeira e temporal inseguridade que só disimula a certeza no permanente ascenso.

Sempre procurei ofrecerlles aos meus alumnos unha mirada moito máis quebrada, a dunha liña irregular e bruscamente fracturada en ocasións. Non sei se o conseguín.

Dende 2008, para moitos, como o amentado Muñoz Molina, esa visión detívose de súpeto, mesmo ata quebrou. Uns, á espreita, con moitas dúbidas, de que a liña descendente se deteña e torne a elevarse, coa ilusión de que a potencia dese novo ascenso sirva para compensar a prolongada baixada.  Outros, pola contra, mesmo ollan   imprescindíbel asumir a quebra como a táboa de salvación da insensata desobediencia de Ícaro.

Non é ningunha novidade na historia da humanidade “Esta vez era o fin, non só de feito senón tamén efectivamente. As aguias voaran. Comezaba a Idade Media”, escribiu Indro Montanelli na súa historia de Roma[5]. Algúns temos a sensación de que estamos ante a fin dun ciclo e que, simplemente, as cousas xa non volverán ser “sólidas” como antes.


1.- O estraño futuro

   O anterior vén a conto do último libro, en castelán, do vello profesor Fontana[6] sobre o futuro como ese incerto e estraño país no que os políticos xa non teñen o poder para cambiar as cousas; no que só hai un pensamento para resolver os problemas sociais: incrementar o consumo nun planeta de recursos limitados, cada vez máis limitados; no que é impensable estender os niveis de consumo dos países desenvolvidos aos demais; no que as xeracións máis novas teñen grandes expectativas pero ningún futuro; no que a apocalipse anunciada polos Sex Pistols (No future) e Margaret Thacher (There is no alternative) se configura nun estado de guerra permanente; no que non é doado albiscar nada máis alá que unha sociedade da desigualdade fundada na patolóxica privatización da política e do propio estado.

   O libro de Fontana podémolo considerar un apéndice da súa grande obra[7], inmediatamente anterior, á que lle dedicou 15 anos de traballo. É xa unha referencia para entender os acontecementos históricos posteriores á segunda guerra mundial: creación do estado do benestar, a guerra fría, a coexistencia, a distensión, a expansión norteamericana, a crise da URSS e o proceso que, tomando a expresión de Krugman, denomina “gran diverxencia”, isto é, a gran involución que dende finais dos setenta sufrimos en dereitos, benestar social e democracia. Dani Rodrik ten empregado este termo pero para referirse ao resultado dos dous últimos séculos de globalización nos que se provocou unha gran diverxencia a escala global: “Non foi sempre así. Ao comezo da Revolución Industrial, a diferenza entre as rexións ricas e as rexións pobres do mundo era da orde de 2:1. Na actualidade, a mesma ratio está en 20:1. A diferenza entre o país máis pobre e o máis rico  ampliouse ata aproximadamente 80:1”[8]. Outros como Lant Pritchett teñen empregado a expresión “enorme diverxencia” para referirse ao mesmo que Rodrik.


   Como é costume, Fontana acompaña o seu texto de amplas notas bibliográficas nas que fai un alarde exhaustivo tanto de coñecementos como de dominio de fontes documentais e referenciais.

Como botón de mostra, escribe: “Non menos interesante resultaría, dada a súa orixe, a crítica de Jeremy Grantham, un financeiro que dirixe un fondo de inversión que administra 97.000 millóns de dólares, quen manifestaba, nunha carta de febreiro de 2012 dirixida aos seus inversores: “o capitalismo fai un millar de cousas mellor que os outros sistemas, e normalmente só falla en dúas ou tres; pero, desafortunadamente para nós, un só deses fallos pode arruinar o capitalismo, e a nós con el”. E engade: “o sistema capitalista actual ten nos Estados Unidos feblezas fatais en potencia”, que só poderían curarse cunha política ilustrada que o regulase: “o que é imposible que se produza mentres non diminúa a influencia do gran diñeiro no Congreso, e moi especialmente nas eleccións”[9] 

De onde tirou esa carta? E como ela, centos e centos de documentos e referencias tomadas, sobre todo, de The EconomistThe GuardianThe New York Times e unha inmensidade de libros. Pois alí está, entre as máis de 70 paxinas de “Notas Bibliográficas”, a referencia á carta de Grantham co link incluído[10].

2.- A estupidez de Ícaro

Hoxe quixera limitarme estritamente a comentar as páxinas introdutorias nas que Fontana reflexiona sobre o permanente e constante progreso da humanidade, ese fillo da ilustración e da Historia científico-positivista; esa autoestrada cara ao ceo do permanente aumento da produción de bens materiais e sociais, dende a revolución neolítica ata a industrial; esa ilusoria mellora das liberdades e dos dereitos sociais, dende o escravismo ata a revolución francesa; esa visión optimista do devir humano como un proceso indisolúbel do progreso.

Cita Fontana a Gibbon e a Cordoncet. Para o primeiro, cada idade do mundo aumentou a riqueza, a felicidade e o saber. Para o segundo, a capacidade de perfección do home é indefinida e os seus progresos serán máis ou menos rápidos, pero nunca haberá retroceso. Por certo, o marqués de Cordoncet escribiu o seu “Bosquexo” agochado da persecución xacobina, detido aos poucos meses, apareceu morto na súa cela.

En vez deste xirondino, introdutor do concepto de “laicismo” e defensor do voto feminino, puido citar Fontana a Turgot, fisiócrata, ministro de Luís XVI, amigo e protector do marqués, que no seu celebre discurso pronunciado, en 1750, na Sorbona dicía: “A masa total do xénero humano, con alternativas de calma e de axitación, de bens e males, marcha sempre, aínda que a paso lento, cara a unha perfección maior.”[11]

   É ben certo que esta construción ideolóxica podémola xa intuír entre as elites do renacemento pero non será ata o desenvolvemento pleno do capitalismo cando virará nunha expresión dominante que se asentará, definitivamente, na segunda metade do XIX, cando o imperialismo europeo estenda a súa idea de civilización e progreso por todos os recunchos do planeta.

É na cultura occidental onde calla, de forma explícita, esta idea de que a historia da humanidade pode concibirse como unha constante mellora, aos poucos, a través de forzas inmanentes ata que nun futuro remoto poida atopar unha condición próxima á perfección, para toda a humanidade.

   Desta visión de permanente ascenso cara ao sol que rematou por derreter as tecnolóxicas ás  de Icaro participaron tamén interpretacións do marxismo que  herdaron esta perspectiva tanto da ilustración francesa como da filosofía alemá.

    En especial da kantiana “lei inmanente do progreso”, da “forza oculta” e do “fío condutor”: “Octavo Principio.- Pódese considerar a historia da especie humana no seu conxunto como a execución dun plan oculto da Natureza para levar adiante unha constitución interior e, a tal fin, exteriormente perfecta, como o único estado no que pode desenvolver plenamente todas as súas disposicións na humanidade (...)
Noveno Principio.- Un intento filosófico de elaborar a historia universal conforme a un plan da Natureza que aspire á perfecta integración civil da especie humana ten que ser considerado como posible e ata como elemento propiciador desa intención da Natureza”[12]

Mais tamén da hegeliana concepción da Historia Universal como progreso necesario e racional do espírito cara á conciencia da liberdade[13].

O marxismo participa tanto da idea do permanente aumento da produción de bens: “O proletariado utilizará o seu dominio político para despoxar paulatinamente a burguesía de todo o seu capital, para centralizar todos os instrumentos de produción nas mans do Estado, é dicir, do proletariado organizado como clase dominante, e para incrementar a masa das forzas produtivas o máis rapidamente posible”; como da mellora das liberdades: “No lugar da vella sociedade burguesa, coas súas clases e os antagonismos de clase, establécese unha asociación na que o libre desenvolvemento de cadaquén é a condición para o libre desenvolvemento de todos”.[14]

Na vulgarización destas ideas baseouse a colectivización agraria ou a industrialización forzada do período stalianiano, o delirio khruxoviano da construción do socialismo ou a non menos ilusoria concepción brexneviana do “home soviético”. “Os dirixentes soviéticos tentan mobilizar todos os esforzos posibles. Khruxov asegura no XXI Congreso que a URSS inicia a construción do comunismo, e no XXII Congreso anuncia a realización do comunismo para 1980”(…)“Era a consecuencia inevitable de dúas constantes no “corpus doctrinae” soviético: non había máis patria que a propia clase social e a medida que se constrúe o socialismo desaparecen as diferenzas nacionais, dando lugar a formacións historicamente novas”.[15]

   Fontana lémbranos que deberiamos repensar cando menos dúas cuestións cruciais. Unha, que ao longo da historia o crecemento económico foi mínimo e só se acelerou, de forma superlativa, nos últimos 250 anos. Non será pois un fenómeno excepcional?.

  Outra cuestión, cal é a relación entre crecemento económico e calidade de vida?. Na primeira globalización (XVI-XVIII) houbo un gran desenvolvemento da economía europea mais os estudos sobre a estatura humana, dato que se considera estreitamente relacionado co nivel de vida[16], infórmannos de que nese período houbo un retroceso da estatura nas zonas máis avanzadas de Europa, é dicir, houbo unha relación inversa entre desenvolvemento económico e calidade de vida.

A distribución da riqueza non depende pois nin dunha construción ideolóxica como o progreso, nin dos avances tecnolóxicos, nin da xenerosidade das clases propietarias, senón das loitas das clases proletarias que ao longo do século XIX e no primeiro terzo do século XX aterrorizaron a burguesía que acabou cedendo dereitos (dende a xornada laboral ata o salario mínimo) e empregou o estado como intermediario. Non é preciso abundar na situación destes dereitos sociais na actualidade.

   A Gran Guerra foi o punto de inflexión que provocou a reacción represora do fascismo para deter a loita social e poñer en cuestión a democracia liberal. A “alianza, insólita e temporal, do capitalismo liberal e o comunismo para facerlle fronte a ese desafío permitiu salvar a democracia, pois a vitoria sobre a Alemaña de Hitler foi esencialmente obra (non podería ser doutro xeito) do exército vermello”.[17]

A partir de 1948 iniciouse un período de redución das desigualdades e de futuros prometedores que, seguindo a Hobsbawm, denominamos “idade de ouro”, que remata coa crise do petróleo de 1973.

A tese que incorpora Fontana é que nesa altura, nos anos setenta do pasado século, foi cando Ícaro comezou a súa prolongada caída cara ao abismo da perda de dereitos sociais, da liberdade e da paz. Non estariamos pois ante unha crise económica, a de 2008, da que nos poderiamos recuperar aforrando durante máis ou menos tempo, argumentación das políticas de austeridade, senón ante unha crise social encetada nos finais dos setenta e agudizada pola derrota dos sindicatos e a ausencia da ameaza revolucionaria. “As clases dominantes non dormen tan tranquilas como dende 1789” afirmou Fontana nunha ocasión.[18]

Sobre El futuro es un país extraño Borja de Riquer  escribiu: “Con este libro,(Fontana) asume un reto que poucos historiadores teñen hoxe en día a capacidade de afrontar, o de explicar como foi posible que a grande ilusión xurdida tras o desastre da II Guerra Mundial de construír unha nova orde  mundial guiada polo entendemento e o progreso colectivo se frustrase, e que sete décadas despois nos atopemos ante unha desorde económica sen precedentes e con non poucas dificultades para que a democracia predomine no planeta”. Sobre o traballo de Fontana como historiador, subliña Borja de Riquer: “un historiador máis documentado e ambicioso que Eric J. Hobsbawm,  tan lúcido, innovador e suxestivo como o malogrado Tony Judt. Esta obra monumental ratifica a Josep Fontana como un historiador de categoría mundial”.[19]

   Nestes tempos nos que Bauman nos advertiu das fraxilidades do “activismo de sofá” Fontana lémbranos: “A gran lección que cómpre deducir desta experiencia é que ningún avance social se consegue sen loita: sen unha confrontación que só pode ter éxito cando se basea na conciencia colectiva de que non é licito resignarse a unha situación inxusta...”[20].

Seguindo o seu mestre Pierre Vilar, Fontana pretendeu  “pensar historicamente” para que a historia sexa practica, pois: “Este é o modo no que intento ser socialmente útil: amolando. Acostuma provocar reticencias, pero, se non che importa, resulta máis satisfactorio: non lles gustas, pero respéctante”.[21]

Abofé que conseguiu amolar a uns e o respecto de moitos. Fican con nós as súas obras. Que a terra lle sexa leve.





[1] Varela Pérez, I.: Do outro lado das portas. Instituto de Estudos Miñoranos, Gondomar, 2015 (p. 87)
[2]  Graves, R.: Los mitos griegos. Alianza Editorial, Madrid, 1985.
[3] D'Arbois de Jubainville, H.: El ciclo mitológico irlandes y la mitología céltica. Visión Libros, Barcelona 1981. (p. 93)
[4] Muñoz Molina, A: Todo lo que era sólido. Seix Barral, Barcelona, 2013. (p. 196)
[5] Montanelli, I.: Historia de Roma. Globus 1994, p. 321
[6] Fontana, J.: El futuro es un país extraño. Una reflexión sobre la crisis social de comienzos del siglo XXI. Pasado&Presente, Barcelona, 2013.
[7]Fontana, J.: Por el bien del imperio. Una historia del mundo desde 1945. Pasado&Presente, Barcelona, 2011.
[8] Rodrik, D. : La paradoja de la globalización. Antoni Bosch editor, Barcelona, 2011 (p. 156).
[9] Ver Fontana, J.: El futuro es un país..., p. 136
[10] Sobre este dato e moitos outros pódese consultar o texto das conferencias que pronunciou Fontana en febreiro de 2012 
[11] Turgot: Cuadro filosófico de los progresos sucesivos del espíritu humano. Pódese consultar en http://www.ub.edu/histofilosofia/gmayos_old/PDF/TurgotCuadrosFilos%F3ficosProgreso.pdf
[12] Kant. I.: Ideas para una historia universal en clave cosmopolita y otros escritos sobre Filosofía de la Historia, Tecnos, Madrid, 1994 (p. 24).
[13] Ver Hegel, G. : Lecciones sobre la Filosofía de la Historia Universal. Tecnos, Madrid, 2005.
[14] Marx, K. Engels, F.: O manifesto comunista. Xerais, Vigo, 1998 (p. 66 e 68).
[15] Rios, X., Pellitero, L., Méixome, C.: Rusia. Das orixes á crise dun modelo. Ir Indo, Vigo, 1996. (p. 86 e 104)).
[16] Recentes investigacións consideran que o estudo da estatura, ademais da esperanza de vida, fornece datos fundamentais para coñecer a saúde media da poboación pola influencia que ten sobre ela a alimentación. Un estudo do CSIC, dirixido por Julio Pérez, dinos que a estatura media dos varóns adultos nacidos en España en 1982 (176cmts) é 10cmts máis que a dos nacidos en 1910 (166cmts), mentres que a media da estatura das femias é de 7cmts máis (155cmts fronte a 162cmts). http://www.csic.es/web/guest/buscar?
[17] Hobsbawm, E.: Historia del siglo XX, Crítica, Buenos Aires, 1998, (p. 17).
[19] Ver Borja de Riquer: “La quiebra de una gran ilusión”. https://elpais.com/diario/2011/12/03/opinion/1322866812_850215.html
[20] Fontana, J.: El futuro es un país..., (p. 19)
[21] Ver: “El historiador debe ayudar a la gente a pensar” en http://blog.udllibros.com/wp-content/uploads/Babelia-20-julio-2013.pdf