Os dous
periódicos lucenses da altura, o conservador El norte de Galicia e o rexionalista El Regional, cubriron con amplitude todo o relacionado co nomeado
“crime de Lor”, tanto para dar conta das primeiras novas sobre a matanza como
para informar polo miúdo dun xuízo que centrou a atención de moita cidadanía
lucense e galega. Tamén o fixo o diario monárquico La idea moderna, propiedade do impresor Menéndez.
O primeiro
deles, subtitulado, ao inicio, como “Diario político y de información” e, con
posterioridade, “Diario de información y el de mayor circulación de Lugo y su
provincia”, era propiedade de Antonio Pardo Pardo-Montenegro e editouse entre
1901 e 1923, momento no que o substituíu, como portavoz dos intereses
conservadores, La provincia
(1923-1928). Dirixido por Emilio Tapia Rivas, contou entre os seus redactores
con Antonio Couceiro Freijomil.
Pola súa
banda, o xornal dirixido, dende a súa fundación (1884) ata 1893, polo
xornalista vinculado ao Partido Republicano Federal Aureliano Pereira[1],
continuou publicándose ata 1931.
El norte de Galicia do
14 abril de 1903 recolle con amplitude a nova do inicio da vista pública, que
se abrira o día anterior na audiencia provincial de Lugo e se celebraba no salón
de plenos do concello, que ficaba cativo para acoller “o tropel” que nel se
introduciu ao abrírense as portas. A audiencia estaba presidida por Diego
Espinosa de los Monteros, hai certos apelidos eternizados nas regañas do poder.
O xuízo celebrábase cun xurado popular, elixido por sorteo, formado por once
varóns e dous suplentes. A defensa do principal acusado, Demetrio, realizouna Ángel
López Pérez, futuro alcalde de Lugo; a
do seu irmán, Emilio, correu a cargo de Juan B. Varela e a de Lara, desempeñouna Manuel Montero.
A
estratexia informativa de ambos xornais foi moi diferente. El norte de Galicia trata o xuízo cun estilo taquigráfico reproducindo
preguntas e respostas e parágrafos
enteiros tanto da acusación fiscal como dos defensores ou do presidente da audiencia.
Este abre en portada baixo o rótulo “Doble asesinato en Quintá de Lor” e dedícalle
case dúas páxinas (portada e páxina 2) en cada unha das xornadas do xuízo[2].
Pola contra El regional déitanos unha
información moito máis elaborada, tamén ampla, aínda que menos reiterativa,
ocupando a portada na xornada inicial, baixo o rótulo de “El crimen de Quintá
de Lor” e dedicándolle tres páxinas na primeira das xornadas, e dúas na segunda.[3]
Os
imputados no asasinato do cura de Quintá de Lor e da súa ama Elvira, son Demetrio Fernández Incognito (sic), di El norte de Galicia, mentres que El regional aponlle como segundo apelido
o de Franco; o seu irmán Emilio e José de Lara.
O acontecido
Un ano
antes do xuízo, os tres xornais lugueses citados deron conta dos terríbeis
feitos acontecidos na noite do 30 de
xaneiro de 1902 na reitoral da parroquia quiroguesa[4],
que podemos sintetizar a partir das notas xornalísticas do momento e do relato
do xuízo. O primeiro en recoller a nova foi El
regional. Refire que na noite do xoves ao venres, 30 a 31 de xaneiro de
1902, un home bateu con reiteración no portón da reitoral ata que o cura baixou
abrir, pediulle os cartos e disparoulle, matándoo. Aos berros acudiron as dúas
mulleres que había na casa, a ama e unha criada nena, ás que tamén disparou e acoitelou
e despois de repañar o que puido deuse á fuga. Dous días despois o mesmo xornal
baixo o título de “El crimen de Quintá de Lor” achega máis detalles. O cura
José Casanovas falou co seu asasino dende unha fiestra da casa. No diálogo o crego
ficou convencido de que lle portaba unha mala nova familiar, por iso baixou
abrirlle e mandouno pasar á cociña; foi entón cando o asaltante o intimidou,
reclamándolle os cartos. O cura debeuse negar e daquela o mensaxeiro tirou de revólver
e matouno. En auxilio acudiu a ama e a
nena criada sobre as que tamén disparou;
a esta última meteulle a cabeza nun caldeiro para que non berrase
mentres rexistraba os cuartos. Ao regresar como se decatase de que a ama non
estaba ben morta espetoulle dúas coiteladas e outras dúas a cativa, que a pesar
das feridas conseguiu fuxir e refuxiarse nunha casa veciña.
Igrexa parroquial de Quintiá de Lor |
A garda
civil considera que o crime cometeuno un home que veu de Monforte ata Quintiá
de Lor, que está a medio camiño de Quiroga. Nun primeiro momento coidaron que
as mortes poderían estar en relación con outras cometidas nos arredores de
Monforte e se tratase dunha gavela de ladróns, polo que se puxo en alerta as
forzas dos cuarteis de Quiroga, Monforte, Sarria e O Incio, pero pronto se
desbotou esta posibilidade e mesmo o comandante da garda civil que se desprazara dende Lugo
regresou á capital. Na reitoral atopouse
a carta que empregara como engado o asasino e recolleuse información dos
veciños sobre dous homes que andaron polos arredores e camiñaron, no día dos
feitos, dende Monforte en dirección a Quiroga. Como resultado dos investigacións procedeuse á
detención de dous mozos monfortinos, Demetrio Fernández Franco, de 22 anos, e
José Laza Fernández, de 24, sobre os que recaen todas as sospeitas, que trasladaron a Quintiá de Lor tanto para
ser recoñecidos pola rapaza supervivente como polos veciños. O xornal destaca a
intervención do cabo-comandante do posto de Quiroga, Benigno Araújo López, que
chegará, tamén por outros casos, a ser considerado como o Sherelock Holmes
lugués, como nos recorda José de Cora[5]
no seu álbum de lucenses.
A reitoral vista dende a igrexa |
Ao día
seguinte[6]
o mesmo xornal informa de que os detidos, tras ser recoñecidos pola criada e os
veciños, recoñecéronse autores do crime. Foi o sagaz garda Araújo quen,
escoitando con atención as descricións das testemuñas e da malferida rapaza,
deduciu que podía tratarse dun mozo monfortino chamado Demetrio, que a pesar da
súa curta idade xa estivera envolvido en varios actos delitivos; cando menos, nun xuízo pola morte
dun vendedor ambulante e no asalto, pistola en man, a un paisano que regresaba
da feira de Pobra do Brollón ao que lle roubou un peso e ao que, cando o
feirante se afastaba, guindoulle tres tiros, dous dos cales o feriron sen
importancia. Para máis confirmación, a letra da carta que empregou Demetrio
como engado para o cura é a de seu irmán
Emilio.
Non foi
doada emporiso a detención. Ata dez ou
doce casas tiveron que revisar na súa procura. Na madrugada, ás seis da mañá,
localizáronos. Demetrio e Lara estaban a durmir e máis alá da sorpresa non
amosaron resistencia nin inquietude. Tranquilos e serenos recibiron a orde de
detención. No rexistro, atoparon as roupas que empregaron o día do crime.
Dende o
primeiro momento a “siniestra figura” de Demetrio aparece clara para o xornal que non deixa de interrogarse sobre o papel de
José Lara. Parece que ambos concertaron o asalto á reitoral, pero, segundo o periódico, por non
ser tan decidido como o seu compañeiro ficou vixiante polos arredores da casa e
tras escoitar os disparos, sospeitando que era moi cedo para que isto acontecese, debeu pensar que fora o cura quen
disparara contra o seu compañeiro, polo que debeu darse á fuga. Iso explicaría que a malferida criada puidese
saír da casa sen bater con el. Segundo o xornal, as feridas da rapaza non eran
tan graves como se coidou nun primeiro momento. Ese mesmo día, cinco de
febreiro, El norte de Galicia e La idea moderna fanse eco do acontecido
en Quintiá de Lor, así como tamén outra prensa galega e madrileña.
A reconstrución dos feitos segundo o relato
xornalístico do xuízo
Catorce
meses despois dos feitos celebrouse a vista pública da causa. Demetrio responde
as preguntas do fiscal con rotundas e contundentes negacións. Nega tanto que o
29 de xaneiro de 1902 falase con José Lara Fernández, cando este andaba a
limpar os retretes da estación de Monforte, como que lle comentase
que precisaban un asalto e que este lle respondese que debían facelo na
casa do cura de Lor. Así como que o acordaran e que ao día seguinte o Lara só traballase
pola mañá.
Demetrio convidou
a xantar na súa casa o seu irmán e despois pediulle que escribise unha carta,
pois el non sabía, dirixida ao cura de Lor e asinada polo seu sobriño Ramón
Casanova, na que lle notifica o falecemento da nai de Ramón e cuñada do cura, pregándolle que acuda aos funerais. O papel de
Emilio parece ser o de mero transcritor do que Demetrio lle di, e ao
sorprenderse polo contido da carta, Demetrio respóndelle que é para facerlle
unha “carnavalada” ao cura. Sospeitando que se trataba de algo máis que unha
entroidada, o Emilio, empregado do ferrocarril, disque dixo que roubar podía roubar se quería
pero que non matase a ninguén. Emilio recoñece ser o autor da carta, afirma que
o cura e Demetrio non eran amigos, descoñecer que a carta era un engado para
roubar e que a súa nai estivese presente cando escribiu a carta ao ditado de
Demetrio. Afirma tamén Emilio que o revólver que levaba o Lara atopouno na
estación de Betanzos na caixa da vía o 10 de outubro e ao chegar a Monforte
agachouno entre os colchóns e que ninguén sabía del, non sabendo como puido
chegar ás mans de Lara xa que tampouco llo deu a seu irmán. Parece que a coartada
de Emilio era real pois afirma que aquel día deitouse sobre as dúas da mañá
despois de traballar nun transbordo xa que, por orde do factor, tocoulle ficar
de garda, e entre as nove e as 11 estivo no café de Benigno e despois foi
traballar. José Lara, alcumado “O topo”, solteiro, responde tamén negativamente
a todos os interrogantes que lle presenta o fiscal que non deixa de sinalar as contradicións
entre a súa declaración actual e a que fixo ante o xuíz. O que se deduce dos
interrogantes fiscais é que Demetrio, o 30 de xaneiro, saíu, á unha ou dous da
tarde, cara á estación de Monforte,
deixando alí a seu irmán Emilio, e foise pola estrada de Quiroga ata a taberna
chamada do Corzo, onde tomou un cuartillo de viño. Cando chegou o Lara beberon outro
cuartillo e medio máis e saíron, sobre as catro da tarde, camiño de Quiroga. Pillaron
a senda a bo ritmo dirixíndose a Carqueixada onde chegaron no momento no que
pasaba o tren. Daquela Demetrio tirou de
debaixo da pucha a carta que lle escribira o seu irmán, asinada por Ramón
Casanova. Lara leu en voz alta. Cando lla devolveu gardouna baixo a pucha de novo e pasoulle un revólver e
díxolle que el levaba outro revólver e un coitelo. Ao retomar a andadura o Lara
sacou un chourizo e comérono entre os dous.
En chegando
á altura do empalme que colle para
Bóveda afastáronse para ir polos campos e non bater co peón camiñeiro que alí
estaba falando con outras persoas. Un pouco perdidos debían andar, pois, antes
de chegar a Riomol, tiveron que lle preguntar a dous rapaces[7]
o camiño para ir a Lor, e un pouco máis adiante repetirlle a mesma pregunta a
un home que andaba a partir leña.
Entraron
coa noite en Lor. O Lara agochouse vixiante. Demetrio dirixiuse á reitoral, sen
saber moi ben cal era; ao pasar por diante dunha casa fronte á que estaba unha moza preguntoulle pola residencia do cura. A moza
coidando que se quería meter con ela respondeulle que non se moquease dela pois
viña de pasar a rente dela. El desculpouse
e díxolle que, como non a coñecía, se lla podía indicar, cousa que así fixo. A
rapaza non comparecerá no xuízo por atoparse enferma, pero si o fará o seu pai
que relata o que esta lle dixo e que ela e máis Dionisio Estévez, que se
atopaba con eles, ante a estrañeza da pregunta, saíron ver o que pasaba. Observaron
as conversas dende a fiestra e cando o cura abriu a porta retiráronse á casa do
veciño Domingo Aira.
Demetrio volveu
pois sobre o andado e bateu con estrondo no portalón. Pola fiestra asomou unha
muller que lle preguntou que quería. Respondeulle que era un mensaxeiro que
portaba unha carta para o crego. A muller descolgoulle unha vara, segundo uns,
unha vasoira segundo outros, cun pano atado
na punta e pregoulle que colocara nel a carta. Ao pouco asomouse o abade que
lle preguntou de que familia viña sendo e de que morrera a súa familiar. Respondeulle
que era dos Chirigotas, que falecera de
“costado con pulmonía” e deulle razóns de persoas coñecidas do crego. Este baixou,
cun cirio na man, a franquearlle a porta e acompañouno ata a cociña onde estaban
a ama e a criada.
Nese portalón bateu Demetrio |
Do que
despois aconteceu temos o relato da criada, unha cativa de entre 12 e 14 anos. María
Ermitas Fernández Yebra di que non sabe ben cantos anos ten. Di que entrou un
home ao que o cura lle abrira a porta e non viu a escena de subir a carta pola
fiestra pois nese momento estaba a estonar patacas na cociña. Exprésase, segundo
un dos redactores, en “dialecto regional” ao igual que outras moitas testemuñas[8].
A esa fiestra asoimaronse a ama Elvira, primeiro, e desEngadir lenda |
Mentres
falaban o cura e Demetrio, sentaron. O primeiro preguntáballe pola familia mentres
cortaba tabaco cunha navalla. Daquela o segundo apuntouno co revólver
esixíndolle o diñeiro que tivese. O cura meneou negativo a cabeza e exclamou:
home, non fagas iso! Entón pegoulle un tiro que lle entrou por un ollo, di
Ermitas, e o matou no momento. O asaltante mandoulle un tiro a cada unha das
mulleres que caeron ao chan. De seguido subiu aos cuartos na procura do diñeiro,
remexeu arcas, baúis e caixóns, levantou colchóns e metálicos, arrastrou móbeis...
A malferida ama, que Demetrio coidaba morta, pois á rapaza meteulle á cabeza no
caldeiro para que non berrase, descalzouse para tentar fuxir sen meter ruído.
Cando o home regresou á cociña, a ama ao ver achegarse a luz volveu deitarse no
chan, facéndose a morta. Demetrio, ao decatarse de que se movera, espetoulle dúas coiteladas que
lle levaron a vida, e tres á mociña, a quen, como dixo a declarante á que nos
referimos, “gardouna Dios”. Enrabiado seguiu na procura do diñeiro polo salón,
polos cuartos e de cando en vez regresaba á cociña. Cando a cativa ollaba achegarse
a luz, volvía deitarse como morta. Nunha destas, prendendo mixtos que se lle
apagaban a cada pouco foi quen de liscarse ata a casa de Encarnación Rodríguez a quen lle pediu un vaso de auga e contoulle
que o cura e a criada quedaban mortos na casa e un home dentro. Segundo o
testemuño de Encarnación, ao non
sentirse moi segura, foi coa rapaza á casa de Domingo Aira. Segundo relata a esposa do ferreiro, sobre as
oito e media chegou a rapaza bañada en sangue, vendoulle as feridas que lle
viu, pero como se esvaecía, espírona e descubríndolle dúas feridas máis que
tamén lle vendaron. Despois foron na procura do pedáneo e doutros homes para
que axudasen. A rapaza, tras catro semanas nun “vou non vou”, puido salvar a
vida.
Demetrio entrou no interior do reitoral acompañado polo cura Casanovas |
Os ladróns
fuxiron. Do que fixo Lara ata que o detiveron pouco se sabe con certeza. Manuel
Rodríguez González di que camiño á Trampilla, cando andaba a pedir para a
función de San Antonio, atopou no medio dun cavorco, sobre as once e media da
noite, un que lle contou que andaba na
procura dun “machiño” que se lle perdera. El estrañouse que o andase a buscar
nun terreo tan quebrado e a esas horas,
pero ao pedirlle que o puxese no camiño de Monforte, así fixo. A testemuña di que era Demetrio,
pero o defensor apurouno e preguntoulle
como o vira, respondendo que á luz dun cigarro, polo que o avogado inquiriulle
se era por iso ou porque llo oíu dicir á
garda civil. Sabemos que Demetrio, fose o da desculpa do machiño ou non,
achegouse ata a vía do tren e, aproveitando que este tiña que ir a unha marcha máis lenta para
entrar no túnel da Frieira, subiu ao último vagón; nesa acción perdeu o revólver
e o coitelo, que logo serían atopados polo sagaz cabo Benigno Araújo. Demetrio,
como dixemos, non recoñece ningún dos revólveres nin que chegara a Monforte,
sobre a unha da mañá, e fose a casa de Lara e lle berrase porque tivera que matar a tres para roubar cinco reais xa
que “quen con nenos se deita mollado se
levanta”. Todo isto, pola contra, recoñecérao ante o xuíz de Monforte.
O resultado
económico do crime centrou o interese do xuízo, e non ficou aclarado. Que o
cura era adiñeirado era opinión de todas as testemuñas; pero Demetrio, segundo
sabemos tras minuciosos aínda que precipitados rexistros, afirma que “roubou
cinco reais”; na casa apareceron 26 pesos nunha arca entre as roupas da ama
Elvira, pero do hipotético diñeiro do crego nada se sabe. Dionisio Estévez Aira,
que cualifica os falecidos como boas persoas, informa de que o cura tería entre
cincuenta e cincuenta e tantos anos e unha posición acomodada, aínda que non
sabería dicir se tiña cartos ou non, mais pola súa maneira de ser coida que
algúns tería, como tampouco sabería
dicir se as mortes se fixeron polo mero pracer de matar ou por outro motivo. Outro
dos veciños, Pedro González, di que o
cura era moi boa persoa, home de prestixio, con fama de adiñeirado e que tiña
cartos na casa por ser moi aforrador. Sobre a mesma cuestión, Domingo Aira di
que tiña propiedades en Lor, aínda que non moitas, e que o curato era de termo,
pero non sabería dicir se entre os seus gastos e o que mercou o cura tería
cartos.
Ramón
Casanova, sobriño do cura, di que de neno coñeceu a Demetrio que gardaba
ovellas no monte de Fornelos, lugar de residencia del e da súa nai, pero que
dende hai dez anos non o vía, nin a el nin ao seu irmán, que eran coñecidos como
“Os rochas de Eixón” (parroquia da Pobra do Brollón), segundo un dos xornais, ou
como “As ratas de Eixóns”, segundo o outro. Descoñece se Demetrio sabía que era
sobriño do cura co que non se escribía, ignorando se era rico ou non.
A hora dos togados
Chegou o
momento dos discursos. O fiscal, os defensores e o presidente da audiencia, verteron
o seu torrente oratorio ante o intenso seguimento da prensa escrita e un salón de plenos cheo, a rebentar, de
público, entre o que figuraban un bo número de avogados[9].
O 15 de abril de 1903 abriu os fogos discursivos, na súa quenda natural, o fiscal.
Como todos os que o seguirían no uso da palabra, comezaría por se desculpar polas
súas escasas dotes oratorias, sabendo ben que estas serían glosadas con
admiración por oidores e lectores, pero, aclarando, que para a súa función non
é precisa elocuencia senón exposición imparcial dos feitos, para formarse un xuízo
a conciencia e poder administrar xustiza.
Continúa,
como farán os seus sucesores na tribuna, dourándolle a píldora ao xurado
popular, “representación de la sociedad”, pois nada pode agradar máis que “el
pueblo sea juzgado por el pueblo”, na seguridade de que o xurado cumprirá
fielmente co cometido que se lle confiou e por iso declararán un veredicto de
culpabilidade.
Rematada a
glosa introdutoria, o sr. Puig Vilamora, considerando que o seu labor era doado
polas moitas probas achegadas polas testemuñas, entra no relato dos feitos, coas mesmas
miudezas e na mesma orde que empregou nos interrogatorios de Demetrio e Lara,
dos que non fica, na súa opinión, ningunha caste de dúbida e que fai baldías as
negativas dos acusados. Analiza as declaracións das testemuñas e reclama un
descanso xusto antes de comezar o relato do acontecido no interior da reitoral
que para iso ficou un testemuño presencial, “un milagro de la providencia”, que
puido chegar a este “lugar augusto” para deixar ouvir a súa voz, que é a da
verdade.
Concéntrase
en poñer de relevo a intervención de Lara no planeamento do roubo, xunto a
Demetrio, e neste como autor das dúas mortes e das feridas de Ermitas; pon en dúbida
que Emilio puidese crer que o seu irmán quixese facerlle unha chanza tan grave ao
cura, pois a quen se lle ocorre facer unha entroidada coa morte dun familiar,
polo que considera que Emilio non é inocente.
Cualifica
os delitos cometidos como roubo, dobre homicidio e tentativa doutro. Pois houbo
roubo, aínda que fose fracasado, pois este existe máis alá da cantidade
roubada, a non ser que os acusados fosen tan “bestias” como para ir dende
Monforte ata Qintiá de Lor só polo pracer de matar. Considera que Demetrio
apañou diñeiro e se non prestou atención aos 26 duros que tiña a ama no seu
baúl, foi porque ían roubar ao cura, a quen coidaban adiñeirado, e non a ama. E
se Demetrio lle dixo a Lara que apañara “cinco reais”, foi porque non quería repartir
con quen o deixara abandonado.
Reitera o
fiscal o convencemento de que se debe considerar a Lara tamén autor dos delitos,
pois así o acordou con Demetrio. Foron os dous os que o planearon, os dous o
acordaron dende días antes, ambos consideraban o cura Casanovas como abastado e os dous se puxeron
xuntos en camiño de Quintiá de Lor; de non ser así, se, por exemplo, Lara non
se presentase aquel 30 de xaneiro na taberna do Corzo, coidaba o xurado que
iría Demetrio só? Foi Lara o instigador, o inspirador, e se non sabemos o que
fixo despois do crime é só porque, ao escoitar os tiros, coidou que ían contra
o seu compañeiro, polo que se deu á fuga, pero esta non o exime do acontecido. A Emilio
considérao cómplice necesario.
Tras tres
horas de, segundo o redactor, brillante exhibición de coñecementos xurídicos, o
fiscal remata solicitando do xurado o veredicto de culpabilidade cos
agravantes, que non lle afectan a Emilio, de premeditación, astucia,
nocturnidade e aleivosía, e no caso de Demetrio, de reiteración.
O defensor
de Demetrio non o tiña tan doado. López Pérez[10]
encetou a defensa lamentando os dramáticos sucesos, gabando o xurado popular e lembrando que, aínda que os
feitos se relataron para formarse un xuízo sobre a culpabilidade dos
procesados, de haber algunha dúbida non se atopará no relato luz que poida
rachar as tebras que envolven o acontecido en Quintá de Lor. Interpelando a
seguir o xurado presentándolle unha serie de interrogantes, máis formais que
reais, que rematan coa necesidade de admitir que é mellor “una inocencia
presunta antes que una criminalidad hipotética”.
Orienta a
súa defensa cara á obcecación de
Demetrio e suxire dúbidas diversas acerca das armas, xa que Emilio declara que
non lle deu o revólver ao seu irmán, e o presentado como proba aparece con
catro cápsulas, polo que, se só disparou un tiro como puido ferir tres persoas,
e se o crime se realizou co outro revólver presentado existe unha contradición
coa proba pericial que afirma que está inutilizado. Tamén presenta reticencias sobre
a credibilidade do testemuño da nena Ermitas que sería preciso “mirar con
recelo” pois ademais de resultar ferida debía estar identificada coas dúas
persoas falecidas. Ás demais testemuñas descualifícaas porque nada viron e polo
tanto “no pueden merecer crédito alguno”. Por esa vía seguiu a furar para a
defensa xurídica de Demetrio.
Interrógase
sobre como foi posíbel que o cura lle abrise a porta a quen cando lle preguntou
de que familia era lle respondeu que da dos Chirigotas, expresión que como é
sabido se emprega para chistes e burlas; polo que o cura non debeu de abrirlle
ao decatarse de que todo era mentira. Desbota as declaracións de Demetrio ante
o xuíz de Monforte, pois este, con anterioridade, declarouse autor da morte dun
vendedor ambulante, delito que non só non foi probado, senón que o Tribunal se
viu obrigado a sobreser.
O argumento
da fiscalía de que os acusados querían roubar e para facelo realizaron as
mortes, non é críbel porque de ser así Demetrio apañaría todos os cartos que había na casa e
non deixaría atrás os 26 duros da ama; e se foi roubar e non o fixo ficaría entón
o asunto en tentativa de roubo. Tampouco admite que fose a súa intención matar
porque ante a negativa a entregarlle o diñeiro e quizais ante os insultos e
ameazas coa navalla e véndose só, sen auxilio, e a piques de ser sorprendido,
obcecouse e disparoulle ao cura; nesa “excitación de ánimo” agrediu a ama Elvira e a criada Ermitas.
Non existe
pois premeditación, nin astucia, nin nocturnidade, nin aleivosía, e ao mellor o
que hai é defensa propia ante un previsíbel ataque do cura armado cunha navalla,
polo que “si Demetrio cometió el crimen obró dentro del delito con nobleza” e recórdalle
ao xurado: “Que un hombre puede ser castigado como autor dun delito por las
apreciaciones de la autoridad y ser inocente porque la autoridad puede equivocarse”.
Remata lembrando “con un párrafo elocuente”, segundo o redactor, “un reciente y
doloroso espectáculo”[11].
o que provoca que o interrompa a
presidencia.
O defensor
de Lara, Manuel Montero, pregúntase de inicio por que está no banco o seu
cliente, pois no xuízo non se achegou declaración ningunha que o presentase
como responsábel dos delitos que se xulgan. El nada dixo. Demetrio tampouco.
Temos testemuñas que indican que os viron xuntos, camiño de Lor…; e diso pódese
deducir que é autor dos crimes? Que Lara lese a carta en voz alta só significa
que Demetrio non sabe ler. Afírmase que chegou á igrexa de Quintiá sen coñecer
cal era a reitoral, pero despois nada se sabe del. Os que viron a Demetrio, ou
a quen fose, ante a casa do cura manifestan que non ollaron ningún outro; é posíbel
que ficase vixiando unha casa que non coñecía? Cando a nena Ermitas saíu da
reitoral para dar conta aos veciños do ocorrido non atopou ninguén; que tipo de
vixilancia é esa? En consecuencia solicita a inculpabilidade do seu defendido.
O avogado
Juan Bautista Varela coidaba que non ía ter que intervir para demostrar a
inculpabilidade de Emilio, pero faino para cualificar como incongruente a
decisión da fiscalía de xulgar a súa participación nos feitos, pois é evidente
que o seu defendido preguntoulle ao seu irmán polo obxecto da carta cando xa ía
pola metade, proba de que non coñecía os seus propósitos, nin sabía que o cura
de Lor tivese unha irmá, nin coñecía o seu sobriño, polo que podía crer que se
trataba dunha brincadeira, dunha entroidada, pesada, iso si, pero ao fin e ao cabo
unha “chirigotada” que non ía ter consecuencias lamentábeis. Se soubese que
Demetrio planeaba outra cousa, negaríase ou, cando menos, procuraría desfigurar
a súa letra para que non fose tan doadamente recoñecíbel. O defensor continúa coas
súas argumentacións e ataques ao ministerio fiscal por inculpar o seu patrocinado “expresándose en períodos elocuentes”,
segundo o redactor, para rematar relatando con gran efectismo que cando
regresaba, hai poucos meses, de San Clodio[12],
ao apearse na estación de Monforte, axeonllóuselle diante unha muller, abrazándolle
os xeonllos, chorando e dicíndolle “que xa que non vén un, que veña o outro”.
Era a nai de Emilio e Demetrio, que coidaba, di, que “eu era un dos xuíces”;
díxenlle que non estaba na miña man, pero deille grandes esperanzas na xustiza.
O remate da ”hermosa oración” do avogado produciu unha forte sensación entre o
público e arrincou “abundantes lágrimas” en Emilio, segundo o redactor.
Non menos
gabado polos xornais foi o discurso do presidente da audiencia, Espinosa de los
Monteros, no que amosou “un gran dominio de la materia jurídica” para elaborar
un resumo do acontecido “con gran orden y precisión”, chamando a atención do
xurado daqueles aspectos que aparecían como máis dubidosos e explicando, ao
tempo, as diferentes apreciacións
do fiscal. Refírese á reiteración dos
feitos xulgados, o que pode levar a pensar que esta repetición “se deba a la
falta de instinto educativo de nuestro país o a algún gran desequilibrio moral”
pois parece que “la corrección no consigue la reducción y que el castigo penal
no produce ejemplo”. O presidente refírese así ao caso, sen citalo, de Liborio
Pérez e exclama: “¡Que efecto moral se produjo en este pueblo!”
O
presidente da audiencia conclúe pedíndolle ao xurado que non teña en conta “ni
el odio, ni el afecto”, que obre con independencia absoluta e xa que van a
decidir sobre “la vida, la honra y la fortuna de conciudadanos ” o fagan con “serenidad
de juicio”.
Nunha hora
resolveu o xurado. Entre a expectación do público declarou a culpabilidade de
Demetrio con todas as agravantes sinaladas polo fiscal e a inculpabilidade de
Lara e Emilio. Mentres os dous irmáns recibían o veredicto entre abundantes bágoas, Lara amosábase “tan sonriente como lo
estuvo durante todo el juicio”. A sentencia condenaba a morte a Demetrio, que
ese mesmo día partiría para o penal de Burgos.
Onde o
matarán? Pregúntase El norte de Galicia[13]. Semella que, segundo as novas
disposicións, respóndese o xornal, a pena debe executarse na prisión onde se
atope o reo cando se dita sentenza, polo
que parece que Lugo se librara nesta ocasión dese día de loito aínda que non o
indulten. Os remorsos da execución de Liborio Pérez pairaban sobre a sociedade
luguesa.
A execución de Demetrio Fernández.
As
autoridades lucenses solicitaron o indulto, aínda agoniados polo que tiveran
que pasar uns meses antes cando se agarrotou a Liborio Pérez no cárcere de
Lugo. O indulto non chegou, senón que foi rexeitado no mes de outubro[14].
Demetrio, polo mesmo método que o anterior, deixou de existir o sábado 23 de xaneiro
no penal de Burgos. Tiña 26 anos. Podemos seguir as horas previas á súa morte a
través da Gaceta de Galicia[15].
Ás tres da
tarde do venres entrou en capela. O escribán leulle a sentenza que escoitou con
serenidade abraiante. Non a firmou porque non sabía escribir. Dous xesuítas e o
capelán do penal exhortárono para que confesase e pedise perdón a Deus polos
seus extravíos.
Oito irmáns
terciarios velaban e servían a Demetrio para todo o que precisase. Ás seis e media déronlle
sopa e “carne de bistefk”; tomou a sopa con avidez e foi frugal na carne e no
pan. Tras a cea bebeu un “cortado” (sic) de viño, fumou un cigarro e conversou
cos xesuítas, o capelán e os que estaban ao seu coidado. Ás oito deitouse coa
axuda dos terciarios por mor do moito que pesaban os grillóns e deitárono nun
leito coas roupas novas. Demetrio cubriu a cabeza coa saba e a colcha, poñendo
a man na fronte e así permaneceu unhas horas. Ás tres e media pediu erguerse, ás
catro servíronlle chocolate con tostadas de pan e tomounas con apetito. Ás seis
déuselle unha cunca de café e unha copa de ron. Negouse en absoluto aos
auxilios espirituais. Ás oito e trinta da mañá do sábado o executor da xustiza,
nunca se lle chama verdugo, despoxou o reo, vestiuno con roupa e gorro negro e atoulle
as mans cunha corda.
Nese
momento pediu que trouxesen onda el un preso de Monforte, amigo e mesmo algo
parente. Este, entre laios e suspiros, escoitou que Demetrio, “tras pronunciar una terrible blasfemia”,
lle preguntou, tiveches carta da túa nai?, diche algo da miña familia? O mozo só
lle responde que a súa irmá fora a Monforte. Demetrio recibiu un bico do seu
amigo que se retirou tan choroso como chegara.
Semellante debeu ser a morte de Demetrio |
Rematada a
entrevista, o xuíz deu orde aos irmáns terciarios para que axudasen a Demetrio para
ir ao garrote. O reo con voz serea e como se nada ocorrese manifestou que podía
andar por si só e sen axuda de ninguén; con lixeireza erguese da cadeira e con
paso firme achegouse ao lugar do suplicio, no patio á beira da capela. Sentou
amosando serenidade e, amarrado ao madeiro coas seguridades debidas, o verdugo
recibiu a orde de cumprir a sentenza. Rematada esta fíxose ondear a bandeira
negra no frontispicio do penal. O cadáver foi sepultado, nunha modesta caixa, no sitio onde se enterran os que morren fóra da
igrexa católica.
O cura Casanovas
Ata aquí un
relato de violencia, avaricia e quizais desequilibrio persoal. Mais o papel
terma do que lle poñen e o tal José Casanovas ocupara tres anos antes certo espazo
na prensa[16] onde
o cualificaban como “monstro clerical” coñecido como “O carrizo”, bazuncho cheo
de veleno dominado pola ama murmuradora que viaxa a Ourense para visitar un
cativo ao que o cura lle paga a súa educación, vociferante, insultante, tirano,
bravo e procaz cos fregueses pero non coas mozas que atopaba polos camiños.
Os tres
xornais que citamos son republicanos, anticonservadores e anticlericais, como é
lóxico se atendemos ao carácter das novas que achegan. Seguindo unha orde
temporal, o xornal de Reus é o primeiro en dar noticia da conduta de Casanovas
que seica “seguía facendo das súas”,
polo que se entende que xa antes o periódico dera algunha nova semellante. Di o
diario republicano catalán que “o outro día chamou pu…as” ás mulleres “desde la
cátedra del espíritu santo”, causando un balbordo no interior do templo.
Despois, non sabemos se o mesmo día, como a muller do sancristán estivese
acatarrada, botouna da igrexa con tales xeitos que a pobre muller morreu co
desgusto. Os insultos debían estar á orde do día, pero o xornal sinala en
concreto os que lle deitou contra unha
familia por non facer un enterro de luxo tal e como el desexaba.
Pola súa
banda o periódico fundado e dirixido por José Nakens, El motín, nunha nota baixo o rótulo de “¡Valiente párroco!” recorda
que xa o trataron de “moralizar” dende as súa páxinas pero, “dominado por su
ama”, comete cada pouco maiores “barrabasadas”. Dá conta do caso do falecemento
da muller do sancristán e do detalle do enterro así como dos insultos aos homes
aos que chama “gatos, zotes y glotones y algo más grave”. Con quen non se pon
tan “bravo, agresivo y procaz” e coas rapazas que atopa “casualmente” polos
camiños “que frecuenta con ese objeto”.
Non aproba
o xornal o que fai o cura, pero recoñece que está no seu terreo, pois se os “carcas
de coronilla pelada” actuasen doutro xeito non serían carcas, aínda que a culpa non sexa súa senón dos
“borregos” que llo toleran.
É o
republicano El país quen o cualifica
como mostro e lle descubre o alcume co que se coñece por toda a redonda, pois
de “carrizo para abajo no hay peor pájaro”, aínda que isto sexa ben inxusto
pois o inofensivo paxariño nada ten que ver co “pajarraco” agás, ao mellor, no
do rabo levantado.
O xornal xa se ocupou del
noutras ocasións para ver se así cambiaba a súa conduta, pero segue a ser o
máis “tirano” da contorna e non se couta en “lanzar desde el ofertorio de la
misa insultos e improperios” contra homes e mulleres das que non hai unha nova
que sexa honrada, agás a súa ama, e empregar “palabrotas que a la prensa está prohibido
imprentar”. Os fregueses doutras parroquias considérano malfalado, bocalán e
faltón, e moitos cualifícano de tolo.
Uns meses
antes foise uns días a Lugo, deixando a parroquia sen atender. Durante eses
días faleceu un veciño de Margaride, polo que o tiveron que enterrar sen cura
nin bendición, circunstancia que xa se producira noutra ocasión, polo que os
veciños, di o xornal, vanse decatando do pouco para o que lle vale o “carrizo”.
Do motivo da súa estancia na capital pouco se sabe, pero coméntase que foi para
dar conta dos que o andan a denunciar, aos que ameaza con queimar como herexes
“aún que sean más católicos que el”. Ao retorno agardábano tres bautismos, en
dous rexeitou os padriños. A uns porque non podían apadriñar dúas veces no
mesmo ano; a outro porque o nome de Edmundo era masón e protestante. A cousa
rematou nunha ocasión cunha agarrada no interior da igrexa e na outra cun
bautismo sen padriños. Os veciños acostumados a estas cerelladas cualifícanas
como “cousas do carrizo”.
É este xornal
o que dá conta do cativo que en Ourense estuda á súa conta e pregúntase por que
o recto bispo de Lugo non toma cartas no asunto, segundo o xornal porque o cura
é carlista.
Remata El país o seu artigo sobre o cura
Casanovas:
“Y… ¿no
se crían acebuches, fresno o álamos en aquella comarca? ¿No hay piedras ni
brazos agiles? Porque ante horrores e insultos como los referidos francamente,
las jaculatorias de David y Goliath y los fervorinos nudosos del fresno se
imponen por higiene y después… después no sucede nada, absolutamente nada,
porque en los pueblos se arreglan esas cosas muy bien y porque hay regalos que
una vez recibidos no se los quita a uno ni el mismo Dios”.
Moi lonxe
estaba o redactor do xornal de imaxinar nin sequera a máis mínima aproximación á
traxedia que dous anos despois tería
lugar na reitoral do carrizo aquela fría noite de xaneiro.
Canido
de San Miguel de Oia, setembro de 2020
[1] Aureliano Pereira (1855-1906) afiliado ao Partido Republicano Federal, liderou a nivel provincial o rexionalismo federalista na segunda metade do século XIX e chegou a ser concelleiro en Lugo. Tivo una participación de relevo impulsando e formando parte da comisión redactora do Proxecto de Constitución para o futuro Estado Galego, texto clave do federalismo en Galicia, aprobado na Asemblea de Lugo de 1887. Sen abandonar o federalismo, en 1890 intégrase na Asociación Regionalista Gallega de Manuel Murguía e Alfredo Brañas, como secretario do comité de Lugo. Sendo un caso único no galeguismo do século XIX, ao articular o rexionalismo cultural e político co federalismo republicano, contrario ao caciquismo, laicista e antiforalista, preocupado pola situación da muller e simpatizante do movemento obreiro.
[2] El norte de Galicia, 14, 15
e 16 de abril de 1903
[3] El regional, 14 e 15de abril
de 1903
[4] El norte de Galicia, 5/2/1902; El regional 2 e 4 de febreiro de 1902, La idea moderna, 5/2/1902
[5]https://www.elprogreso.es/articulo/album-de-los-lucenses/benigno-araujo-lopez/201904041912571369091.html.
[6] El regional, 5/2/1902
[7] Domingo Olmo Álvarez e o seu irmán, Celestino, de 14 e 12 anos respectivamente. Ámbos recoñecen a Lara e Demetrio.
[8] El norte de Galicia reproduce moitas desas expresións en galego e nalgúns momentos nos que as dificultades de comprensión ou as expresións dos declarantes dan lugar a unha certa rexouba, sinálaa poñendo entre paréntese “risas”. Por exemplo, cando o fiscal lle pregunta a unha testemuña se coñece os procesados, a muller respóndelle: “Yo no lo he visto” e ante a reiteración da pregunta, contesta: “Yo no tengo mas que decir que llego la niña ensangrentada y acudímoslle”. Nos dous casos séguenlle as “risas” entre paréntese. O redactor tampouco deixa de destacar a expresión desta mesma muller : “foi descalciña e toda ensangrentada a pobriña gardouna Dios que outro ningún non a gardou”. As mesmas “risas” sublíñaas cando un dos defensores lle pregunta a Juan de la Iglesia si se “ataja” indo campo a través en vez de ir pola estrada, ao que este lle respondeu “si se arrodea”.
[9] El regional, 16/4/1903
[10] Ángel López Pérez (1873-1964). Durante o primeiro terzo do século XX este avogado lucense liderou o partido conservador e foi o gran rival político do liberal José Benito Pardo Rodríguez. Foi alcalde de Lugo durante a maior parte desas tres décadas, e en catro ocasións: (1905-1906), (1909-1910), (1913-1923) e (1927-1931). Foi candidato a deputado pola URD en 1933. O franquismo recoñeceuno co título honorífico de alcalde perpetuo de Lugo. Durante unha visita á cidade, Alfonso XIII cualificouno como “el mirlo blanco de los alcaldes” (ABC, 31/6/1964). Nun dos seus mandatos, en 1917, nomeou xefe da garda municipal o sagaz ex cabo de Quiroga, Benigno Araújo López, xubilado xa como garda civil, que exerceu o cargo durante 16 anos. Ver: https://www.elprogreso.es/articulo/album-de-los-lucenses/benigno-araujo-lopez/201904041912571369091.html.
[11] Estábase a referir ao caso de Liborio Pérez condenado a morte por
parricidio cometido, en setembro de 1900, en Ribas de Sil, tamén na comarca de
Quiroga. A sociedade luguesa reaccionou e solicitou con intensidade o indulto,
pero este non foi concedido. Liborio morreu agarrotado no cárcere de Lugo en
decembro de 1902, causando a súa morte unha gran conmoción e profundo desgusto.
[12] San Clodio é a parroquia de Ribas de Sil onde se asenta a casa do
concello e o lugar onde Liborio Pérez cometera o parricidio polo que foi
condenado a garrote vil. O habilidoso avogado traía a memoria do xurado o
brutal axustizamento duns meses antes, sen provocar a intervención da
presidencia da audiencia.
[13] El norte de Galicia,
16/4/1903
[14] La correspondencia de España,
22/12/1903
[15] Gaceta de Galicia, 23/1/1904
[16] La autonomía , diario
republicano de Reus, 18/3/1930, El motín
7/4/1900 e El país, 24/9/1900