xoves, maio 12, 2022
Hai un ano na Guarda. O venres de volta
Hai un ano que presentamos as nosas Catas na memoria. A persecución franquista no Val de Miñor (Laiovento, 2021) na Guarda inaugurando as actividades do IX aniversario do C. S. Fuscalho na compaña de dous amigos vellos e ben queridos, o poeta e escritor galego-neoiorquino Francisco Álvarez (Koki) e o profesor da UdC Xosé Manuel Malheiro, especialista en historia da educación co que levo compartindo colaboracións dende hai anos.
O próximo venres 13 de
maio volvemos á Guarda agora convidados pola asociación de Historia e
paisaxismo Xuliva e estarei outra
volta acompañado polos vellos amigos Koki
e máis Malheiro para presentar O terro nas Tebras e outras catas na memoria
(Laiovento, 2022) que se pode entender como una continuidade do anterior.
Por si vos presta, será a partira das 20h. no Bar Aquilino, na última vila que caeu en mas dos sublevados en xullo de 1936.
luns, maio 09, 2022
Sexta “Lectura poética” en “A Mini” con Baldo Ramos
![]() |
Amigos e amigas
Nesta sexta xeira das
“Lecturas poéticas” estará con nós o poeta e artista plástico Baldo Ramos, que aínda tendo as súas
raiceiras chantadas na Celanova de San Rosendo e vivindo e traballando na area
compostelán, ten unha intensa relación co Val de Miñor, onde traballou nos seus
tempos iniciais como profesor, e deleitase nos tempos de lecer.
Dende moi novo cultivou
a súa vocación artística comezando a escribir poesía mesmo antes de iniciar os
estudos de Filoloxía Hispánica na USC, que remata en 1994, cando xa comezara a pintar,
empurrado pola necesidade de empatar escrita e plástica, expoñendo por primeira
vez nese mesmo ano, en Santiago de Compostela.
Autor dunha extensa obra tanto poética como plástica en formatos variados:
libros de poesía, libros de autor, exposicións individuais ou colectivas,
libros colectivos, ou realizados a catro mans como Quérote canto, en colaboración con Eva Veiga, que foi recoñecido co
premio Losada Diéguez do pasado ano. Algúns dos seus últimos títulos publicados son Porque te quero (Galaxia, 2020) e Palabras sen ninguén. Palabras sin nadie (Tigres de Papel, 2019.
Esta sexta das “Lecturas
poética”, coordinada, como sempre, polo poeta Xosé María Álvarez Cáccamo que ademais ten colaborado con
intensidade e constancia con Baldo Ramos,
partillando libros, exposicións e iniciativas culturais diversas, celebrarase o
sábado 14 de maio e comezará ás 12.30, cunha duración aproximada de
45 minutos. Para limitar posíbeis interrupcións durante a lectura A Mini abrirá as súas portas ás 12.
As intervencións
poéticas están pensadas para celebrarse no exterior, o pé mesmo da Fonte de Zeta, pero como non sempre o demo
do tempo nos deixa, no caso de ser preciso poderemos resgardarnos no interior
da taparía.
Se vos presta alí
estaremos nesta atractiva mestura entre plástica e poesía.
Graciñas
Nota: De ter interese
en compartir mesa e mantel co Baldo
Ramos podedes facer a reserva no 646 74 93 28 ou en resposta este post.
Preparativos da “tourné” ourensá de Calvo e Primo. (2)
![]() |
Balneario da Toxa en 1930 |
Na nosa anterior
colaboración no suplemento Coñecer (12/3/2022)
detivémonos nun dos moitos tensos momentos que, no verán de 1930, orixinou a
xira propagandística que a extrema dereita monárquica realizou, coas súas
figuras estelares, Calvo e Primo, á fronte, polas catro provincias galegas.
Calvo pretendía o inmediato regreso ao poder, empregando o noso país como panca,
a través da reconversión do partido único da ditadura en Unión Monárquica Nacional.
Centrámonos daquela nos feitos acaecidos en Lugo.
Gil Pecharromán, na súa
excelente biografía de José Antonio[1], resúmenos a excursión dos
“upetistas” ou “upeístas”, reconvertidos en “umenistas”, dende os primeiros actos
en Ferrol e Santa Marta de Ortigueira, o 30 de agosto, ata os incidentes de
Lugo, unha semana despois, pasando pola Coruña, onde xa se quentaran os ánimos e
lapotes, chicotadas e bastonadas formaran parte da orde do día. Pasaron despois
por Melide, Noia e Vilagarcía.
No teatro desta vila
arousá parrafearon o dous de setembro. Presidiu o mitin o conde de Guadalhorce,
o fillo do ditador sentou á súa beira, mais non falou, ben por afonía ou coidando
que as cousas se ían quentar. Discursaron, entón, o alcalde vilagarcián durante
a ditadura, Rodríguez Lafuente (?-1948); o avogado e xornalista ferrolán, asentado
en Madrid, José Meirás Otero, e mais o “cerebro” da ditadura. A cousa rematou entre
empurróns, berros e insultos. Para pousar os ánimos foron cear á finca da
abastada familia Albarrán Botana; un dos irmáns, José Luís (1887-1936),
destacado calvosotelista, foi asasinado en Paracuellos del Jarama, nunha das
“sacas” masivas dos cárceres republicanos.
![]() |
Conde de Guadalhorce |
Durmiron no balneario
da Toxa. Ao día seguinte, 3 de setembro, achegáronse a Vigo para participar
nunha comida no Náutico; pola tarde visitaron Pontevedra, pero xa sen mitins en
teatros; supoñemos que un pouco coutados polas algarabías e balbordos dos días
anteriores. Había programada unha visita ao Trega, pero, de realizarse, non a
reflectiu a prensa da que tiramos os detalles, en especial a que cubriu a
tournée con fruición, como El Ideal
Gallego e La Región.
En plena temporada, andaron
dun a outro dos máis exquisitos balnearios. Retiráronse a descansar ao de
Mondariz. Colleron folgos e prepararon as dúas intensas xornadas ourensás prevéndoas
máis sosegadas que as anteriores e sabendo, cando menos Calvo, que alí se
xogaba o “ser ou non ser” da súa proposta de reconversión do primorriverismo. Polo
distrito do Carballiño fora elixido deputado, en 1919, nas filas do maurismo,
que, en 1921, o fixera gobernador civil. Por esta provincia volverá ser elixido
deputado en 1931, 1933 e 1936.
A través do estival
semanario La Temporada de Mondariz (7/9/1930)
podemos coñecer a comitiva que acompañaba o triunvirato dirixente para preparar
a estratexia de expansión pola provincia que Calvo coidaba dominar. No hotel
dos Peinador repuxeron forzas Francisco Benjumea y Heredia (1908-1995), fillo
do Conde de Guadalhorce; Alfredo Moreno Osorio (1871-1932), Conde de Santa
María de Babío, enxeñeiro de camiños e promotor dun gabinete de enxeñería,
especializado na construción de saltos de auga; o maurista, primorriverista,
conspirador na Sanjurjada, deputado en 1933 e 1936 e un dos xuristas nomeados
para elaborar o peculiar “ditame sobre a ilexitimidade dos poderes actuantes o
18 de xullo de 1936”, Santiago Fuentes Pila (1893-1969). Tamén durmiron no gran
balneario os citados Lafuente e Meirás, ademais do redactor e subdirector de El Debate, José de Medina Togores
(?-1934), e o ourensán de Lobeira Arturo Salgado Biempica (1882-1937), fundador
do xornal Ecos de Orense, dos círculos
obreiros católicos da capital, da caixa de aforros, xefe provincial do upetismo
e amigo persoal de Calvo, que o nomeara gobernador civil e subdirector de
CAMPSA; así como Andrés Amado Reygondoud de Villebardet (1886-1964), creador do
monopolio de petróleo, amigo e colaborado de Calvo, que obtería acta de
deputado por Ourense en 1933 e 1936 e sería breve ministro de Facenda no
primeiro goberno de Franco; ademais do empresario santanderino Domingo Betanzos
Fernández, con negocios na produción eléctrica, que fora delegado provincial de
petróleos na actual Cantabria, cargo que tamén exercera na provincia de Lugo, e
o ex alcalde, o avogado ourensán Antonio Saco Arce. Todos eles acompañaron a
Primo e a Calvo na primeira xornada ourensá con altos programados en Ribadavia
e no Carballiño.
![]() |
Balneario de Mondariz en 1930 |
Guadalhorce ficou un
día máis en Mondariz. As forzas, ou quizais os ánimos, comezábanlle a fraquear.
Sumaríase aos actos preparados na capital. No día de asueto balneario estivo
acompañado polo xerente da conserveira “Antonio Alonso e fillos”, ex alcalde de
Vigo na ditadura, Mauro Alonso Cuenca (1887-1965); o expresidente da deputación
pontevedresa e enxeñeiro Daniel de la Sota Valdecilla (1877-1958) e o ex alcalde
de Baiona José Rodríguez Vicente (1895-1952), o celebre “Joselín”, que unha
ducia de anos antes (1918) asinara o Manifesto das “Irmandades da Fala”.
Os reunidos ben sabían
que intereses defendían.
Publicado no suplemento "Coñecer" de Nós diario
7 maio de 2022
*É a segunda entrega dunha serie. A primeira pódese
consultar en https://pedogalinheiro.blogspot.com/2022/03/entre-farsa-e-traxedia-tournee-galega.html
[1] Gil Pecharromán, J.
(2003): José Antonio Primo de Rivera.
Retrato de un visionario. Madrid: Temas de hoy.
Exilios
Non é o primeiro dos
desterrados que se recoñece cun Día das Letras Galegas. Infortunadamente. En
tempos iniciais da celebración, en 1964, Castelao, que pasara os últimos
catorce anos da súa vida sen pisar a terra e facía outros tantos que morrera,
foi o homenaxeado. Viñeron despois símbolos da cultura galega realizada en Bos
Aires: Luís Seoane, Blanco Amor, Dieste, e, en tempos mais achegados, Lorenzo
Varela. É evidente a forza numérica e cultural da emigración arxentina.
Coidamos que a Real Academia, ademais dos valores literarios de Florencio Delgado Gurriarán, quixo render, por figura interposta, homenaxe ao Padroado da Cultura Galega de México e á revista Vieiros, derredor da que se arrexuntaron, entre outros, o mestre e activista Luís Soto, o cineasta Carlos Velo, o arquitecto Caridad Mateos e o pintor Arturo Souto, ademais do propio Florencio D. Gurriarán.
Xunto a este último e
mais a Plácido Castro, defendida a súa memoria con constancia e brillantez pola
fundación que leva o seu nome e na que Xulio Ríos desempeña un papel
sobranceiro, Lois Tobío sumou esforzos para publicar na editorial Alborada de
Bos Aires unha selección de poesía inglesa e francesa vertida ao galego. Hai
unha reedición en Galaxia en 2005.
Naquela altura, 1949, establecer
relacións entre a nosa e outras linguas, vincular a nosas letras coa poesía
máis renovadora das literaturas europeas de maior relevo, era imprescindíbel
tanto porque “os aires de fóra limpan, renovan e refrescan”, como se dicía no
limiar daquela edición, como para conseguir, en palabras da Federación de
Sociedades Galegas en B. Aires, que a voz de Galicia se ouvise no mundo e as do
mundo en Galicia.
Os que se puñan mans á
obra eran tres homes do exilio. Dous deles de prolongado desterro: Gurriarán en
México e Tobío no Uruguai. A residencia en Londres de Castro foi menos
delongada. Este último escolleu dez poetas en inglés, entre eles unha muller,
Christina Rossetti, e tres irlandeses: AE, pseudónimo do independentista George
William Rusell, Padraic Colum e o Premio Nobel, W.B. Yeats. Gurriarán escolmou
13 poetas en francés, algúns dos máis nomeados daquela e na actualidade:
Verlaine, Mallarme, Valery, Claudel, Cocteau... Tobío espelicou catro autores
en inglés (Shelley, Keats, Tennyson e Longfellow) e seis de lingua francesa
(Baudelaire, Verlaine, Bourget, Rimbaud, Laporte e a poeta Louise de Vilmorin).
Tobío achegaríanos máis adiante a tradución de obras cimeiras da literatura
alemá, como o Fausto de Goethe, que vén
de reeditar Laiovento (2021), Os sonetos
a Orfeu de Rilke ou a Nai Coraxe e os
seus fillos de Brecht.
Tobío pousou, tras o
seu, en inicio, itinerante exilio (EE UU, Cuba), na banda oriental do Plata, no
“país chiquito”. Dende alí teceu entre bambolinas os esforzos do galeguismo por
manter viva a nación (inspiración xurídica do Consello de Galiza, edición e
corrección dos dous primeiros tomos da Historia
de Galiza que dirixiu Otero Pedrayo, xestión do I Congreso da Emigración,
...). Restituído no seu posto no Ministerio de Exteriores na capital do Estado,
dedicoulle anos ao estudo e divulgación, nun bo feixe de artigos e varios
libros, a Diego Sarmiento de Acuña, ou da Cuña, primeiro Conde de Gondomar.
Aínda tivo tempo de
ofrecernos as súas memorias, xénero no que, segundo asemella, as xentes do
interior non se atopan moi a gusto, e convertelas nunha grande obra literaria, precisada
dunha urxente nova edición. Refírome a As
décadas de T.L. (Do Castro, 1994).
Sería unha boa nova que
se acordasen de Tobío para un Día das Letras e, de paso, podérmonos lembrar da
comunidade exiliada e emigrada que se xuntou arredor de Manuel Meilán, Xesús
Canabal, Antón Crestar, Alfredo Somoza e moitos outros para argallar o primeiro
programa radiofónico na nosa lingua, denominado como a obra de Catelao Sempre en Galiza, e impulsar o Patronato
da Cultura Galega de Montevideo.
Publicado en O Farelo nº 65, maio 2022.
mércores, maio 04, 2022
Para os amigos e amigas do Baixo Miño occidental
É todo un pracer que o Colectivo Xuliva, de
divulgación e estudo da historia e paisaxe do Baixo Miño tivese a ben
convidarme non unha, senón dúas veces a presentar o meu novo libro O terror nas Tebras e outras catas na
memoria (Laiovento, 2022) e ademais facelo tan ben acompañado.
Primeiro será no Centro
Cultural de Oia, o venres 6 de maio ás 20h e da man do meu amigo de longo
percorrido, Alfonso Álvarez Cáccamo.
O venres seguinte 13 de
maio, no Bar Aquilino da Guarda, a mesma hora, isto é as 8 da tarde, agora presentado
polo profesor Xosé Manuel Malheiro, amigo e compañeiro en traballos culturais
dende hai moitos anos.
Por se vos presta.
Co meu maior
agradecemento aos mozos e mozas de Xuliva. Beizón.