xoves, abril 27, 2023

De Compostela ao exilio interior. Unha biografía de Paco del Riego

 


    De Compostela ao exilio interior. Unha biografía de Paco del Riego

    Mañá venres 28 de abril, será todo un pracer acompañar ao amigo de vello e longo percorrido, Antón Mascato, na presentación da súa biografía De Compostela ao exilio interior que con tanto esmero acaba de publicar a Editorial Alvarellos.

    Paco del Riego para Antón Mascato foi sempre o faro que marcaba a dirección no traballo editorial e no compromiso de nación. Tratouno durante décadas e foi un dos seus primeiro biógrafos, xa na altura de 2002. Daquela ambos coincidían polo Miñor, Paco cos seus paseos de verán por Lourido; Antón indo e vindo do Grove ou de Vigo a Gondomar.

    Bo coñecedor pois, Antón Mascato, da persoa a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas. Eu que tamén o tratei nas súas estancias miñorás sempre admirei o sentido da disciplina do militante político que foi Paco del Riego.


    Se vos presta saber algo máis de quen foi e que fixo Paco del Riego, non deixedes de acudir a presentación e, en especial de ler o libro de Antón.

A. Mascato. Foto: C. López
    Será ás 20.30h. na Aula Ponte de Rosas; sede do Instituto de Estudos Miñoráns.

luns, abril 24, 2023

LECTURA POÉTICA NA MINI: CON XABIER XIL XARDÓN

 


    Amigos e amigas:

    Se as últimas lecturas poéticas caracterizáronse, en certa medida, pola presentación pública, en canto á poesía, de novas voces, nesta ocasión teremos a un poeta novo de longa mais de longa traxectoria, que gusta da palabra dita e escatima a escrita, pois tennos dado menos libros impresos dos que desexaríamos.

    Tratase de Xabier Xil Xardón, da colleita dos primeiriños anos oitenta e ben regada polas augas do Limia.Estudou Filoloxía Galega na U. de Vigo e exerce como profesor no ensino secundario.

    Dende os anos estudiantís participou en certames da universidade e gañou os premio Antón Tovar (2007) e Eusebio Lorenzo Baleirón (2008, este co poemario Cando menos a derrota (2009, Sotelo Blanco Edicións).

    Así entre o berro reivindicativo e o asubío da retranca foi construíndo a súa obra poética Detéxtonos (2018, Positivas), O contaxio (2019, Urutau), mentres non deixaba de participar en publicacións colectivas e en grupos poéticos como as “Redes Escarlata” ou a “Hostia en Verso”.  

    Se vos presta escoitar a voz potente e telúrica de Xil Xardón, alí estaremos.

    Será o sábado 29 de abril e comezará ás 12.15h, cunha duración aproximada de 45 minutos. Para limitar posíbeis  interrupcións durante a lectura A Mini abrirá as súas portas ás 12h.

    As intervencións poéticas están pensadas para celebrarse no exterior, o pé mesmo da Fonte de Zeta, pero como non sempre o demo do tempo nos deixa, no caso de ser preciso poderemos resgardarnos no interior da taparía.

    Graciñas

    Nota: De ter interese en compartir mesa e mantel con Xabier Xil Xardón podedes facer a reserva no 646 74 93 28 ou en resposta este post.

 

xoves, abril 13, 2023

 


Este sábado 15 de abril, a Comisión pola Memoria Histórica do Baixo Miño, Condado e Louriña organizamos un ato simbólico nun dos escenarios chaves da represión franquista no Baixo Miño, o Mosteiro de Oia.

    Por el pararían case 5000 represaliadxs de distintas orixes, ideais e condicións, entre o ano 1937 e o 1939.

    Para dignificalos e lembralos contaremos con dous dos mellores historiadores do país sobre a temática; Carlos Méixome e Kiko Paz Antón.

    Previamente, ás 11h30 farase un pequeno percorrido polo Mosteiro, visitando concretamente a parte dos "Presos do Mosteiro". Para esta visita fará falta facer inscrición previa no 605789915, xa que as prazas son limitadas.

    Achégate e difunde!

    Pola memoria republicana e libertaria!

mércores, abril 12, 2023

Vermellos e laicos e Os mestres mortos daquel verán

 


    O próximo venres, 14 de abril, ás 20h na Libraida de Gondomar (Rúa Rosalía de Castro, 13), será todo  un pracer acompañar ao amigo e compañeiro Narciso de Gabriel na presentación dos seus dous últimos libros Vermellos e laicos. A represión fascista do maxisterio coruñés (2021) e Os mestres mortos daquel verán (2023) nos que se achega tanto aos alicerces do nacional-catolicismo escolar como á mecánica do proceso depurativo do maxisterio ou á tipoloxía das sancións, así como a unha serie de historias de vida como as do seu admirado Arxmiro Rico Taboada ou as das mestras María de Miño e Mercedes de Monelos, brutalmente maltratadas e asasinadas, ou do miñorán de vida durante anos, el e a súa familia, Víctor Fraiz Villanueva.

    Conmemoraremos así o día da República que non deixaron ser.

    Por se vos prace.

martes, abril 11, 2023

Os aires republicanos

    Andei estes días pasados polas terras occitanas que abeiran os ríos Lot e Garonne. En calquera recanto podías deterte ante a fachada dunha igrexa católica, ou protestante, que ben sufriron aquelas terras chás polas disputas relixiosas, marcadas coa lenda revolucionaria; facer un alto, no centro de Agen, para retratar un lanzo de memoria da II República; achegarte a Montauban para facerlle unha visita á tumba de quen quizais mellor personifique a xeira republicana; mercar, en librarías de vello, algunhas memorias intimas de La Guerre d´Espagne ou de súpeto bater coa familiaridade da espiritrompa, da lingua das bolboretas que imaxinara Rivas e puxera en imaxes o ribeirao de adopción e vida, José Luís Cuerda.

    Todo semellaba insistir, naquela semana laboral para os franceses e de exhibicionismo nacional-católico en España, que nos sete días seguintes ficara comprometido para participar en varios actos. O primeiro, e por partida dobre, o mesmo día da conmemoración republicana, o venres 14,  quizais na estela do mestre don Gregorio e do cativo Moncho, quedara de acompañar ao amigo, dende a vella Compostela, dunha Fonseca que se   esmiuzaba en anacos mentres os estudantes nos pechabamos nela con reiteración, Narciso de Gabriel, para que nos presente os seus dous últimos libros Vermellos e laicos. A represión fascista do maxisterio coruñés (2021) e Os mestres mortos daquel verán (2023) nos que se achega tanto aos alicerces do nacional-catolicismo escolar como á mecánica do proceso depurativo ou á tipoloxía das sancións así como a unha serie de historias de vida na que nos podemos volver a aproximar ao seu admirado Arxmiro Rico Taboada ou ás mestras María de Miño e Mercedes de Monelos, brutalmente maltratadas e asasinadas ou ao miñorán de vida durante anos, el e a súa familia, Víctor Fraiz Villanueva. Será pois un pracer acompañar, o venres, 14 de abril, ás 20h na Libraida de Gondomar (Rúa Rosalía de Castro, 13),  a Narciso na presentación dos seus libros.


    Pero unhas horas antes será para nós ben grato participar no xantar da República, no “Cupo sen fundo” de Goián, argallado como de costume pola dinámica e sempre atinada “Comisión pola Memoria Histórica do Baixo Miño, Condado e Louriña” que este ano homenaxeará a Raúl Francés, eu dígolle pai, para distinguilo do amigo homónimo dende os tempos de Narciso en Compostela. Os Francés foi unha das familias máis perseguidos polos facciosos sublevados nas terras do Porriño e da Louriña e a fronte da súa memoria, de José, Eleazar, Antonio, Asunción, Eladio... estivo e continua sempre Raúl, o fillo de José, asasinado en Tui o 27 de agosto de 1936.

    E ao día seguinte, sábado 15 de abril, de novo por iniciativa da “Comisión pola memoria” participaremos, xunto ao tamén amigo, o músico e investigador, Quico Paz Antón, na homenaxe aos presos que padeceron no Campo de concentración de Santa María de Oia toda clase de penurias. Será a partires das 11,30 despois dunha breve visita á parte do Mosteiro que ocuparon os presos. Para esta visita é preciso ao haber limitación de prazas, no 605 78 99 15.

   Moito pesar me queda por non poder acompañar aos amigos e compañeiros Suso (Xesús Andrés López Piñeiro) e Foz (Luís Gonçalez Blasco)  na presentación dos seus libros,Castelao. Plástica e pensamento (1903-1916) e Celso Emilio Ferreiro, naacionalista galego, na “quedada” anual á que tampouco poderei asistir. As datas, ás veces non son doadas de casar.

    Por se vos prace, vémonos o venres 14 ou o sábado, 15, ou os dous días se queredes.