xoves, xuño 30, 2022

Enciclopedia do silencio

 


Houbo un momento en que se lle deu a volta ao relato sobre a guerra de España e a persecución franquista. Foi nos albores do século, da man dos “chamados” investigadores locais que achegaron números e nomes baleirando rexistros civís segundo ían deixando. Daquela decatámonos de que a narrativa da Galicia franquista na que se fusilaron ou pasearon uns cantos cargos políticos e se tiveran que exiliar uns poucos intelectuais galeguistas, só era o discurso do réxime. Despois veu a procura do manancial da memoria oral, de liberar do po as causas militares, de recuperar memorias republicanas, de contrastar nomes nos xornais, de visitar arquivos..., daquelaxurdiu o espanto da brutal persecución das xentes do común.

Eramos debedores das interpretacións dos hispanistas británicos e americanos,pero estes non se achegaban ao dato numérico e nominal, pois esetraballo a pé de obra, rexistro a rexistro, memoria a memoria, causa a causa e arquivo a arquivo, non se realizou ata o tempo dos netos,síntomadesa certa anormalidade hispana produto tanto da prolongada ditadura como da reconversión da mesma en autodenominada democracia. Ese traballo segue sen rematar,mais xa se poden achegar matices.

En Pontevedra ambos labores realizounos,con  paciencia, tino, sensatez e dedicación de investigador de raza, Xosé Álvarez Castro, que agora nos achega unha matizada ampliación do seu Pontevedra nos anos do medo. Golpe militar e represión (1936-1939) (Xerais, 2013),en Os anos do silencio. Represión e resistencia na provincia de Pontevedra (1936-1951) (Xerais, 2022). Dende hai catorce anos Pepe Álvarez mantén activo un blog, homónimodo seu primeiro libro,no quevai deitando achegas parciais que despois sistematizou e ampliou nos dous volumes que vimos de citar. Esas achegas puntuais permítenlle esmiuzar causas, debuxar personaxes, contrastar información e mesmo sinalar os tons grises que sempre se poden agochar tras heroicas vítimas ou perversos vitimarios.

Nesta segunda entrega amplía o marco xeográfico, estendéndoo a toda a provincia, e o fito temporal,alongándoo ata 1951, para achegarnos tanto á resistencia política, organizada ou dispersa, centrándose no Partido Comunista,  como á resistencia armada dos primeiros “fuxidos”e a dos xa organizados en forma de guerrilla.

Profunda Álvarez nas variadas formas de represión física e ideolóxica, e detense na persecución da masonería e no castigo económico en forma de incautacións ou multas pero, tamén no derivadoda autarquía ditatorial (mercado negro, gran “estraperlo”, volframio) empregada como mecanismo para punir a disidencia e recompensaros afíns. Reflíctese así a corrupción como un dos piares no que se empoleiran as novas elites do réxime, que non sentirá necesidade de poñerlle couto agás que puidesen axitar o descontento da fame e da miseria.

No seu fiar fino, detense na represión sobre as mulleres, quenon só foi moita senón que, en parte,podemos documentar procurando entre os milleiros de folios das causas militares. En debullalas, Pepe Álvarez é un experto. Labor impagábel o seu.

Publicado en Tempos Novos nº 301, xuño, 1922


martes, xuño 21, 2022

La depuración de Victoriano Taibo en Historia y Memoria de la Educación


  


 Acaba de publicarse o número 16 da revista Historia y Memoria de la Educación, carregado de boa lectura, cun monográfico titulado "La representación de la educación en los documentales producidos en los totalitarismos europeos", baixo a coordinación de Conrad Vilanou (Universitat de Barcelona), Raquel Cercós (Universitat de Barcelona) y Núria Padrós (Universitat de Vic – Universitat Central de Catalunya). Neste número recollese un traballo meu sobre o proceso de depuración de Victoriano Taibo, deixovos o enlace por si é do voso interese https://revistas.uned.es/index.php/HMe/article/view/31265/25307


A nosa desmemoria democrática

 Graciñas a Alfredo Iglesias Diéguez por sintetizar tan ben o que eu queria transmitir. Obrigado.


A razón estragada?

 


    Confesa ese home pequerrecho, de estatura, que sentiu certa emoción ao telo na súa terra “da que saíu como os vellos exiliados e emigrantes”. Quen así falou do  emérito, en Onda Cero, foi o xornalista de Mosteiro, en Pol. El pode opinar e opina. E fai ben. Coido que así o podemos e debemos facer todas as persoas. A diferenza está en que a unhas escóitaselles, porque lle poñen altofalantes, e a outras non, non porque non teñan “doxa”, que a teñen, senón por que lles furtan os amplificadores uns demiños, trasnos perversos, que habitan tras os papeis impresos, disimulan entre ondas hertzianas ou ocúltanse baixo sinais dixitais, ben sexan analóxicos ou binarios, para filtrar ou apagar, segundo sexa o caso, mentres repasan balances bancarios.

    Con todo xa lle chega. O da comparanza, refírome. Pois atopar semellanzas entre o dúas veces, cando menos, perxuro e, por exemplo, por citar a quen del se fala nestes días, Florencio Delgado Gurriarán, ou, tamén, por exemplo, coa miña nai e a maioría dos seus veciños e veciñas do barrio do Cornuval no Carballiño que andaron tocando a zoca pola Francia, a Alemaña ou a Suíza dos anos sesenta e setenta, a maioría deles xa non están connosco, é unha indecencia moral.

    Cando menos por dúas veces faltou ao xuramento. Aquel no que, ás 11.16 minutos dos 24-VII-1969, aceptou cun “si claro e rotundo”, no seu nome e no dos seus sucesores, as obrigas e deberes que lle impoñía a designación que lle propuxo o pleno das Cortes do 22-7-1969, convocado a tal efecto polo Xefe de Estado en virtude o artigo 6 da Lei de Sucesión, para ser a persoa chamada a sucederlle, no seu día, a titulo de rei; e aquela outra vez, o 22-11-1975 ás 12.35 minutos na sesión conxunta das Cortes do Reino co Consello de Estado no que dixo: “Xuro por Deus, e sobre os Santos Evanxeos, cumprir e facer cumprir as Leis Fundamentais do Reino e gardar lealdade aos principios que informan o Movemento Nacional”. Se daquela mentiu, o que non faría despois. Hai que ter papo para tratalo de exiliado ou de emigrante para glorificar un dos bi-reis; deben sentir a inestabilidade ao ter que xogar con dúas cartas.

    Un, que xa le de todo, pousou os ollos, non hai moito, nunha haxiografía que o Ónega de Pol lle dedicou ao Suárez de Cebreros, aquel ao que o Guerra alcumara de tafur, e algo disto debía ter, mesmo de ben novo, pois nesa especie de memorial de santidade do abulense, o de Lugo conta que, cando andaba a promover unha asociación de mozos, aló polo 1957, pegaba os carteis polo día e arrincábaos de noite, para despois queixarse ao Diario de Ávila do boicot de mans anónimas e ateas. O xornal acolleu a denuncia, o acto foi un éxito e Suárez deu o seu primeiro mitin.

    No botafumeiro a xeito de libro, faise tamén unha apoloxía da ignorancia. Seica Suárez non lía máis que os papeis da política, ao que lle dedicaba todo o tempo, actitude que mesmo glorifica o Ónega, que foi durante algún tempo o seu xefe de prensa, ao relatar unha lembranza de non hai moito, isto é, de actualidade, na que un empresario dos de mellor biografía e maior patrimonio, segundo o relato do xornalista, lle confesou “nun rapto de sinceridade”: “Eu non lin un libro na miña vida”; ao que o Ónega, con toda franqueza, retrucoulle “nin falta que che fixo”. En fin..., é o que temos, unha casa construída polo franquismo, reformada entre o 3 de xullo de 1976 e o 15 de xuño de 1977, sen que deixase de funcionar a luz nin deixase de correr a auga, máis ou menos esas son as palabras que o Ónega pon en boca de Suárez.

    Pero o que me fixo soltar unha gargallada foi o que lle dixo ao emérito o que fora o seu xefe de goberno. Cando este xa se achaba no máis estreito do funil da enfermidade, a súa maxestade foino visitar. Os medios reproduciron ata a saciedade a imaxe entenrecedora e humana do Borbón pousando a man no lombo do seu fiel servidor. Di o Ónega que o ex presidente non o recoñeceu, tiña a razón estragada, pero que lle preguntou: Ti tamén ves pedir diñeiro?. Debeu ser un instante de lucidez.

Publicado en A Nova Peneira, xuño 2022

 

 

 

 

venres, xuño 10, 2022

Dúas madalenas

 

 


    Como Proust cando recuperou a alma de Combray, e a súa, agochada naquel anaco de boliño moldeado como una valva de cuncha de peregrino, volvinme ver a min mesmo, en dúas circunstancias, ao repasar as primeira follas do libro, hai libros de historia local que son manuais de historia universal, escrito a catro mans polo xornalista Fernando Salgado e o transmisor de memoria Genito Otero. De súpeto ascendeu polos meus nefres un intenso arrecendo a allo, a mans que rematan de picar unha boa cantidade de dentes, pero aínda máis desagradábel; ollei o estoupido inicial ao prender a lámpada de carburo e o seu besbello de luz incerta, mentres os meus ollos degoirados non eran quen de afastarse dun cochiño de latón, pintado de cor vermella, que, entre outras chilindradas e unha inmensidade de  rosquillas de Ribadavia ensartadas nunha vara de vimbio, ofertaba a rosquilleira nunha noite escura da festa. Non foi un ulido, senón o tacto daquelas restras de papel amarelado, amontoadas na extremo do mostrador, áspero, rugoso, februdo, sobre o que facía sumas sinxelas no ultramarinos no que traballaba na miña primeira adolescencia, antes de envolver nel os produtos ou viandas, o que emerxeu co frescor da sorpresa ao ler o  suxerinte título de Papel de estraza

    Pois foi nun papel de estraza onde se anotou a composición do goberno independente da Illa da Arousa aquel 10 de outubro de 1934, sobre o mostrador do bar “Nicho”, situado onde houbera un cemiterio, rexentado por Juan Otero Mestú, responsábel de Información e Propaganda dun executivo, constituído entre risas e veras, que era expresión do profundo malestar dunha sociedade illada pero dependente para a súa mellora da continental Vilanova.  Os tempos estaban avoltos e, aproveitando o rebumbio provocado pola entrada da CEDA no goberno da República, que auguraba a eliminación definitiva das medidas reformistas do primeiro bienio republicano e presaxiaban un horizonte similar ao italiano ou alemán, os mariñeiros e mulleres da fábrica de conserva botáronse á folga e no papel de estraza engadiron ás reivindicación xerais o seu desexo de independencia municipal.

    Cando gardas, carabineiros e de seguridade, entraron na Illa para restaurar a orde que só na mente dos gobernantes desaparecera atopáronlle aquel anaco de papel no peto de Segundo Nine Fernández, encargado da carteira de educación no goberno presidido por Santiago Otero Pouso “Pajares”,  con Andrés Mougán Cores, “Tormenta”, en Xustiza, e Manuel Iglesias Dios, en Gobernación, Demetrio Ramos Lojo, en Facenda, e Avelino Fuentes García en Mariña. Catro dos sete eran militantes socialistas.

Santiago Otero Pouso

    Figurar nesa listaxe converteuse nunha ameaza para a vida despois de xullo de 1936. Non podemos deternos. Exemplificamos co que lle aconteceu ao presidente do goberno anotado sobre o recorte dun prego de papel. Sobre as  dez e media da noite do día 20 de setembro baten con estrondo na porta da súa casa; ante a pregunta de quen era, responden: España! Son uns gardas cívicos borrachos. Abre a muller cun neno nos brazos. Levan o “Pajares” ao local de tortura. De madrugada mátano, amárranlle unha pedra e fondéano no mar. Houbo testemuñas agochadas. O peso da pedra non dá abasto  e o corpo sae a flote algún tempo despois. Os veciños presencian a macabra escena. Chega o xefe da garda cívica, Benito Figueiras Silva “Gavilán”, e, con outros dous, dende unha lancha, achéganse ata o lugar onde flota o cadáver. Átanlle unha pedra máis grande e vólveno fondear.

Publicado en Novas de Turonio, xuño de 2022

 

domingo, xuño 05, 2022

Ribadavia e O Carballiño: a apoteose de Calvo Sotelo (III)

 

Calvo Sotelo e Julio Rodríguez Soto no Carballiño en 1919 (M.A. Fernández, 1992)


    A excursión monárquica entrou, a media mañá do 4 de setembro de 1930, na provincia ourensá. A idea era visitar, contra o mediodía, Ribadavia e achegarse ao Carballiño á tardiña. Para o día seguinte, venres, programaran un mitin na capital e acercarse a Celanova polo serán.

    En Melón, entre o xentío apostado nas beirarrúas e os coches que se aproximaran dende a capital, armouse unha boa barafunda. Fixeron un alto para saudar futuros votantes e amigos e degustar un “champán de honor” na poderosa casa dos Cendón Rey. Unha das súas integrantes casara, había anos, co entusiasta tradicionalista Marcial Ginzo Soto (1885-1974), avogado e xornalista que dirixira o semanario El Radical (1910-1013) e La Región (1915-1926), e había ben pouco que fundara o xornal calvosotelista Galicia (1930-1937).

    Aos que chegaban de Mondariz, entre os que viña o home forte do calvosostelismo na provincia, Arturo Salgado Biempica, sumáronse outros “umenistas”, como Emilio Gómez Arias (?-1949), adegueiro e secretario do xulgado de Bande, xefe “upetista” en Ribadavia; Matías Bobillo Bobillo (?-1972), macedao, avogado e despois maxistrado que precedera a Ginzo Soto na alcaldía de Ourense; Julio Rodríguez Soto (1880-1931), masidao de nacenza, alcalde deste concello e presidente da deputación, ex delegado de petróleos con despacho de avogado no Carballiño e xefe “upetista” no partido xudicial; ou o ex presidente da cámara provincial, deputado e senador, José Sabucedo Morales (1881-1937).

Público saíndo do mitín da UMN
en Ribadavia (El Ideal Gallego)


    Ás doce estaban de novo en camiño. Media hora despois, en presenza de “simpáticas señoritas”, no Club Artístico de Ribadavia, o avogado e ex alcalde (1923-1926) Manuel Meruéndano Pardo dedícalles unhas palabras de benvida; ao remate das mesmas comezou o xantar no engalanado Cine España. Presidía o salón o retrato do ditador franqueado pola bandeira galega e a de España. Segundo El Ideal Gallego acudiron preto de 300 persoas e, nos brindes, abríronse as portas para que accedesen os que agardaban fóra. Como non podía ser menos, a mesmísima “La Lira” amenizou o banquete. Segundo El Pueblo Gallego foi un fracaso disimulado tanto pola bicoca do prezo do xantar como polos que chegaran do Carballiño, Cartelle, Maside e Arnoia; pois de Ribadavia só acudiron 27 persoas contadas.

    Tomaron a palabra Gómez Arias, para a ofrenda do banquete, e os foráneos Meirás (despois sería postulado por Calvo para deputado polo distrito) Medina Togores e Fuentes Pila. Pecharon Primo, que agradou en especial ás “señoritas” que rebordaban os palcos, e Calvo, que falou en mangas de camisa, aínda que, dixo, sen virar a chaqueta  que, a tiña ben pendurada da cadeira.

    O reparto dunha folla crítica co ex ministro de Facenda e dun manifesto asinado por intelectuais ourensáns molestaron aos monárquicos que se referiron a “esos cuantos desgraciados”, pobres de espírito, “esos del pito”, e aos que non entenden que Galicia sempre foi “baluarte de la grandeza e independencia de España”.

    Segundo La Región e El Ideal Gallego (5/9/1930), se o recibimento en Ribadavia foi un éxito, no Carballiño foi apoteótico. Centos de persoas flanqueaban o traxecto que leva dende a ponte de Toscaña ata o centro da vila. Ao pé do balneario, entre a cativada escolar que o agasallaba con flores, baixou do automóbil o ex ministro; catro bandas de música e unha de gaitas amenizaron o paseo; foguetes a esgalla, vivas e entusiastas aplausos; ata lle guindaban flores dende os balcóns. Robustos mozos do Irixo erguían unha enorme pancarta en apoio á continuidade da liña férrea Ourense-Santiago, outras engalanaban automóbiles de Maside e Punxín.

    O mitin íase celebrar no Pavillón Neira, mais, ante o formigueiro de xente, optaron por facelo na Praza e que os oradores (Calvo e Primo) falasen dende o balcón da casa do apoderado do Banco Pastor, Alejandro Iglesias Domínguez. Calvo aproveitou para anunciar que concorrería ás futuras eleccións polo distrito.

Jesús Pérez Cabo, presidu o Centro Galego da Habana
(Eco de Galicia)


    Ás dez da noite, organizado polo Sporting Club e con 250 cubertos, celebrouse o banquete amenizado polo Orfeón de Maside e a banda do Carballiño. Na sobremesa falaron Rodríguez Soto, Rodríguez Oleiros e Jesús Pérez Cabo, interventor do Centro Galego da Habana, entidade que poucos meses despois presidiría. Remataron Medina, Primo e Calvo.

    O éxito era incontestábel, mais O Carballiño tamén se resistía. Tran pronto se soubo do inicio da xira, ordenouse a retirada do salón de plenos tanto do retrato do ditador como o de Calvo; era alcalde José Rodríguez Rey, pero o conservador Maximino Prada Pérez inspirábao. Por máis, no balcón da casa do primeiro edil pendurouse unha pancarta que os “upetistas” consideraban ofensiva e pediron que se retirase; como non se fixo, houbo palabras fortes, uns cantos lapotes e algún que outro fungueirazo; a pancarta desapareceu.

    Tras o mitin, uns mozotes chanceábanse dos ministros e disfrazaron un pobre vello coas galas propias das autoridades, mentres armaban unha comparsa con chifres e subiotes. Interveu a Garda Civil para desfacer a entroidada, como antes fixera para deter “uns de Ourense”, encabezados por Álvaro das Casas, que andaban a repartir o mesmo  manifesto que se distribuíra en Ribadavia. Tras unhas cantas labazadas e algunha  que outra bastonada, pouco despois deixáronos en liberdade.

            Publicado no suplemento "Coñecer" de Nós Diario 4/6/2022

*As dúas  entregas anteriores desta serie pódense consultar en 

https://pedogalinheiro.blogspot.com/2022/03/entre-farsa-e-traxedia-tournee-galega.html

e

https://pedogalinheiro.blogspot.com/2022/05/preparativos-da-tourne-ourensa-de-calvo.html