sábado, xaneiro 22, 2022

Palabras para o barbeiro




    As miñotas foron as últimas terras galegas en ser sometidas polos sublevados. En Tui entraron o 26 de xullo; no mediodía do 28 na Guarda; na xornada anterior no Rosal. Había dez días que comezara a sublevación. A resistencia baixomiñota foi, coido, produto da fraternidade frontepopulista. Neste labor de tecer complicidades escintila o núcleo galeguista tomiñés (A. Ríos, Calzado e R. Otero) que souberon dialogar, tanto cos agraristas como cos obreiristas guardeses, adscritos á CNT, concertar con propietarios, ao tempo que mantiñan a urdacoa mocidade que borboriñaba derredor do instituto de Tui ou tecían lazos cos mestres e contaban coa achega decidida de mulleres como J. Segret ou Izaura Gómes e outras menos nomeadas. Ao enfiado dende o novelo á urdidoira axudaron o panadeiro Gumersindo, o cenetista santo, republicanos como Diz Jurado e Limeses, socialistas como Losada ou Piña, comunistas como J. Felipe. Neste labor de teceláns salientaron dous semanarios: o tudense La tribuna, dirixido por G. Vicente, e o guardés El Nuevo Heraldo, rexido por X. Noia.

    Aí estaba José Cardoso Martínez “o barbeiro de Tabagón”. Lembra ben Noia que a Cardoso sacárono “da casa a altas horas da noite e asasinárono nas proximidades de Goián, a uns cincocentos metros do Regatiño”[1]. Alí mesmo, na Fonte do Regatiño, un dos días de resistencia, o propio Noia viu reunida “a plana maior do falanxismo goianés”, entre outros a “Manuel de Santiago, Manuel Portela e o tristemente celebre Gumersindo Alonso o Rubio”. A acta de defunción redactouna Manuel de Santiago, o secretario do xulgado que substituíu o encarcerado e,  dous meses despois, vilmente asasinado Paquiño de Figueiró.

    Precisase nela que foi no Poste, en Goián, onde apareceu o cadáver que identificou o seu cuñado, Luís Rivero González. Imaxinen a escena do aterrorizado irmán de Teófila recoñecendo aquel corpo sen vida mentres o integrante  da “plana maior” á que se refire Noia, oficiaba de eficaz burócrata do novo estado erguido sobre moreas de cadáveres. Deixaba, o de San Miguel, tres crianzas orfas: Antonio, Sara e Argentina. Foi na noite do cinco ao seis de agosto. Soterrárono nalgunha fosa esquecida no propio cemiterio goianés. Tiña 32 anos, segundo precisións familiares, e non trinta como puxeron no folio cento corenta e dous, inscrición número 283.

    Noia déixanos en Fuxidos referencias ao “barbeiro”, aínda que trabucándose de nome, pois chámalle Luís, cando era simplemente José. Dinos que era un dos asiduos colaboradores do Nuevo Heraldo: “Ó final do 36 foran xa inmolados a elite de redactores e colaboradores (...): Brasilino Álvarez, Rodríguez Otero, M. Noya, H. Gallego, Cortés e Cardoso”. O primeiro, alcalde da Guarda, fusilado; o segundo, secretario de xulgado de Tomiño, paseado en Mondariz; o terceiro, irmán do director do xornal e breve alcalde guardés, masacrado en Oia; o cuarto, mestre de Forcadela, paseado en Mondariz; o quinto, mestre de Goián, fusilado en Pontevedra; o sexto, o “barbeiro”, paseado en Goián.

Lembranza de José Cardoso
na Alameda
de San Miguel de Tabagón

  Apenas un lustro antes a República chegara a xeito de multitude portando “a bandeira republicana e a bandeira vermella da Sociedade Agraria de Tabagón”, dirixíndose, aos sons da Marsellesa interpretados pola banda dos Tabagóns[2], cara a casa do concello da Guarda. Dende o balcón falaron X. Noia, o concelleiro Candeira, o líder agrario dos Tabagóns, Generoso Lagarejos, e o guardés Álvarez Vicente. Estes dous últimos foran alcaldes coa ditadura de Primo, no Rosal e na Guarda, respectivamente.

    O emerxente agrarismo representábao moito mellor “o novo barbeiro Cardoso”  que “o veterano tendeiro Lagarejos”, lider do agrarismo basilista e agora radical republicano. Os agrarios dos Tabagóns camiñaban pola senda tripada polos tomiñeses e os de Lavadores para configurar a Federación Provincial Agraria (FPA) á que se incorporaría o “Sindicato dos Tabagóns” presidido por Ricardo González e con Cardoso e Lagarejos en postos de responsabilidade. A FPA participou na FP e non só coa forza precisa para postular candidato, Alonso Ríos, senón para arrexuntar os votos precisos para convertelo en deputado.

    Aí estaba Cardoso e outro rosaleiro de residencia, asasinado catro días despois; tamén nos lindes territoriais tomiñeses. Tratábase de Manuel Nogueira Cruces, o carteiro do Rosal, e, na altura,  presidente do comité local da FP.

        “Sei que”, “Sabemos que”, din algúns dos netos ou netas de represores e vencidos. Por iso me aquelou tanto escoitar, o pasado 18 de decembro, na alameda de S. Miguel, tanto os sons do acordeón diatónico do bisneto do barbeiro como o seu relato familiar de libros agochados no eido, que emerxeron durante anos en forma de follas soltas ao arrincar as patacas. E agradoume aínda máis que as súas palabras fosen acollidas por avisados ouvidos da mocidade rosaleira arremuiñada xunto ás persoas portadoras de memoria vivida.

    Sirvan estas liñas para homenaxear a José Cardoso Martínez, a súa viúva que o chorou, aos fillos criados na súa ausencia e aos familiares que o rememoran, para que os que veñan despois saiban que foi un home honrado castigado pola sen razón.

Acto homenaxe ao barbeiro


Publicado no suplemento “Coñecer de Nós diario 15/1/2022



[1] Noya: (1996): Fuxidos. Vigo: Xerais.

[2] Os Tabagóns son dúas parroquias, enfiadas á beira do Miño, S. Xoán e S. Miguel, do concello do Rosal.