Estudante nihilista
(1883)
Ilya Yefimovich Repin
Óleo/lenzo. 35x27 cm.
|
Meu tío-avó
Nilo argüía unha teoría baseada tanto nunha visión negativa, pesimista e
insatisfactoria da condición humana como na percepción de que os grupos
sociais, incluso os máis complexos, son naturalmente conservadores, isto é
pretenden evitar as incertezas, as dúbidas, disimular os pesares e os sufrimentos
que trae aparellado calquera cambio, aínda aquel ben cativeiro.
Denominábaa
“Nilismo filosófico”, co cal entraba de cheo na Historia da Filosofía, e sinalaba,
con rotundas advertencias, brazos
arremuiñados, ollares tensos e xestos non moi ben encarados que ninguén ousase
confundir a súa teoría co “Nihilismo”; esa trapallada rusa. Na altura
descoñecía o meu parente a revisión que logo realizarían os Sex Pistols e
Margaret Thatcher; os primeiros co de non hai futuro e ela co de non hai
alternativa.
El,
rutineiro e pesado, coidaba que o nihilismo existencialista situábase nas antípodas dos seus paradigmas e
só coincidían na funesta perversión da similitude nominalista. Considerábaas as grandes correntes, antagónicas, do pensamento
contemporáneo. A súa elaborada e razoada proposta de pensamento prendera con
éxito nas parroquias de Val e Camposancos. Pola contra, na parroquia de Bermés,
o labor dun barbeiro que durmía coas memorias de Kropotkin nas mans estendera a
critica ás supersticións, os prexuízos e os costumes.
O nilismo
de meu tío-avó era profundamente cínico e escéptico (nos dous casos no peor
sentido das palabras) e baseábase en que facer o que é de costume é o mellor; e
en que os cambios non serven para nada. Así razoaba: para que queremos cambiar
de goberno... que total... os que estaban ían mantidos e se viñan uns novos primeiro
cumpría mantelos. Cando alguén comentaba sobre os asuntos públicos,
nomeadamente pensións e impostos, sempre remataba cun aceno de indiferenza e sentenciaba:
“boh... que fagan o que queiran... que xa o fan!”, expresión elaborada durante
anos de experiencia para indicar que xa estaba canso do asunto e había que
cambiar de tema.
Meu tío-avó
veu pasar os días cos mesmos a mandar. Tivera unha breve raiola de esperanza,
sendo moi mozo. Logo o negror de catro décadas e a insatisfacción doutros case
corenta anos. Eu non quero que me pase o mesmo, así que non vou seguir o seu
nilismo e apostarei por cambiar, por mudar, por sacar os de sempre, por xente
nova, por Luís Villares... capaz de engaiolarme coa esperanza como lle
acontecera a un mociño chamado Nilo co alcalde Manuel Ferreiro Panadeiro*, de
quen, o outro día ollei o retrato pendurado no salón de plenos de Lalín.
* Publicado en Novas do Eixo Atlántico, setembro, 2016
*Alcalde de
Lalín. Fusilado en Pontevedra o 23 de agosto de 1936. Tiña 33 anos.