luns, abril 29, 2024

Alfonso Álvarez Cáccamo: entre o humor e a morte.

 

Con motivo do "Día do libro", tiven a honra de recibir o convite do Club de Lectura que puxera a andar a profesora Nieves Ibarra e que agora, en memoria, leva o seu nome, para falar da obra do meu querido amigo Alfonso Álvarez Cáccamo. Deixo o texto que dunha forma ou outra dixen, por si é de interese. Na memoria de Alfonso e de Nieves.

Alfonso Álvarez Cáccamo: entre o humor e a morte.

 

Alfonso älvarez Cáccamo co seu "Transformador de seres violentos " (F. IEM)

    Pedíronme que falase da obra de Alfonso. Así como tal, como quen non quere a cousa. Tamén del como persoa. Pois, o mesmo, como quen non quere a cousa. Pedir sempre é doado, o complicado é dar; dirían os meus paisanos do Ribeiro: "o carallo é dar sulfato". Pois case, así de principio renuncio ás dúas cousas. Á primeira porque a obra de Alfonso é o suficientemente ampla como para ternos ocupadas as sesións do club de lectura de Nieves durante un ano, ou mesmo ata a eternidade.

    Quixera empezar cunha desculpa. Non son nin un gran lector de literatura, máis alá do que o é unha persoa de cultura media, nin un especialista en literatura galega, nin crítico literario, nin nada que se lle asemelle. Son, en todo caso, alguén que, como Alfonso, impartiu a materia de Historia e ata compartimos alumnado, pois, non sei agora, pero antes unha parte do alumnado do CPI de Panxón facían a ESO, ou a FP, ou o Bacharelato nas Escolas Proval. A diferenza é que Alfonso sempre tivo unha querenza pola literatura, despois de ter que renunciar ao seu verdadeiro desexo, imposíbel no seu momento, de estudar Belas Artes. A min sempre me tirou máis o ensaio ou a investigación, mais sempre considerando que aos historiadores cumpríalles unha pasada pola literatura e aprender a escribir. Sobre isto teño matinado nalgunha ocasión, por exemplo en como os hispanistas británicos poden escribir sobre historia sen ter que enzoufarnos con citas e referencias, mentres que en Galicia, ou en España, parece que os historiadores teñamos que demostrar que non estamos mentindo e obrigados a amosar as intimidades referenciais. Paréceme que isto ten moito que ver coa eterna ditadura española, a de Primo e a de Franco seguidas, precedidas ambas por unha Restauración que se asemellaba, cando menos, na concepción das elites, e continuadas por un longuísimo e inxusto silencio que seguiu á chamada transición e que fai que hoxe teñamos que seguir a darlle voltas, cada vez máis arriscadas, por certo, a asuntos que hai ben anos deberían ter acougo nos andeis.

    Desculpade esta reviravolta para xustificar, antes de comezar, a miña impericia ante público tan selecto como o do voso club de lectura.

    Tamén quixera explicarvos que non resulta doado facer unha achega á obra literaria de Alfonso, así como quen non quere a cousa. Pois nin é breve, nin simple. Alfonso escribiu poesía, Na flor do vento (1999) e  Sebes contra o vento(2009);  ensaio, centrado na biografía do seu pai Xosé María Álvarez Blázquez, do que tamén traduciu dúas novelas ao galego: Na vila hai caras novas (1993), e  Enchen as augas (1995). Escribiu bastante novela, Peito de vimbio (1988); As baleas de Eduardo Reinoso (1990), O espírito de Broustenac (1996), O bosque de levas (2002), A revolución dos globos (2008),  O destino de Clarescura Lens (2012) e Os Gotten, (2014). Ademais de libros de relatos, Castromil e unha noites (1992),  O eco de Ramallón (1992), Xente de mala morte (1993), Catapulta (1995) e Contos mamíferos (1998). E renunciamos a citar as colaboracións en ducias de libros colectivos así como facer relación dos premios cos que foi recoñecido.



Primeiro o humor

 

    Non sei se Alfonso chegou a publicalo, pero remexendo nestes trebellos inhumanos que almacenan xigas de memoria achei un seu escrito que leu na presentación, o 11 de marzo de 2011, na Aula do  Instituto de Estudos Miñoráns, de Xosé Lois "O Carrabouxo". A el referiuse como "unha das pouquísimas e notables persoas humanas que coñezo que xa ten estatua en vida, e no centro de Ourense, en cuxa estación do ferrocarril pregunteille a un paisano, eu aínda un adolescente, se aquel tren iría para Irún e respondeume que, en principio era para ir todos". Porque, segue Alfonso:

O humorismo verdadeiro é atemporal e perdura. A comicidade obedece a circunstancias puntuais e temporais, de aí que os chistes que tanto facían rir aos nosos avós ou aos nosos pais xa non nos producen máis que solidaria e tenra compaixón, sobre todo cando teñen que explicárnolos. (....) o humor nace da intelixencia e da sensibilidade e aliméntase delas. A comicidade raramente ten estas orixes. O que fai chacotas, con frecuencia é basto, ou  lamentablemente elemental.

Máis adiante engade:

Cando se trata de falar de humor, eu sempre poño o exemplo de que non hai un só debuxo de Castelao que nos faga rir, porque o humor non ten coma obxectivo a risa. Por suposto que tampouco ten como obxectivo o pranto. Pode que unha mestura tenue de risa e pranto, na súa suma de sorriso amargo ou melancólico, sexa a resposta emocional máis frecuente ante o verdadeiro humor, non en van o humorismo descobre, e case sempre perdoa, as nosas miserias. (...) O humor nace como arma de defensa para superar o malestar do eu contra o Universo. Ese malestar debe denunciarse con intención construtiva, para tentar solucionalo, se é posible, claro. Solucionar o eu, porque solucionar o Universo é outro cantar. Eu non coñezo a ninguén a quen lle pedisen permiso para nacer e, polo tanto, para formar parte do Universo. E isto de vivir hai que saber facelo ben, armándonos de retranca, ironizando sobre a realidade, pero sen descoidarnos, nin disfrazar a tráxica esencia da nosa efémera luz que se pode apagar ou nola poden apagar en calquera momento. Sobre todo,  hai que aprender a non caer no engano para non enganar a ninguén. Niso é fundamental ser caritativos, aínda que o cristianismo, que ten o "copyright" da caridade, non obstante afirma que a ironía é un procedemento alleo á caridade; está escrito nunha encíclica católica.

A min esta afirmación estimúlame, non a non ser caritativo, senón a tentar explicar tan atroz frase, e coido que dei coa solución (...). Está constatado nas Sagradas Escrituras que Xesús Cristo non sorriu nunca, quizais porque era un visionario da traizón de Xudas e das traizóns pedófilas dos seus ministros posteriores, pecados que, estou seguro, el non practicou. Cristo era meridianamente e paralelamemnte claro, e chamáballe ao pan, pan, e ao peixe, peixe, e ademais tiña a habilidade de multiplicalos, non coma un cura que escoitei nunha homilía en Coruxo, aló polos anos sesenta, quen, por un deses erros parvos que a todo nos suceden, falou con afouteza da multiplicación "dos penes e das paces". Non falaba en galego, claro, senón non trabucaría, porque alí, en Coruxo, desde o ano 1111, aos "peces" chamámoslles peixes e aos outros multiplicandos  xamais  os cualificamos coma penes, senón coma pirolas. Daquela, entendín tamén, de onde vén a palabra homilía, de  home que se lía.

    Despois dalgunha derivación sobre o asunto da relixión, prosegue Alfonso:

Os galegos e galegas sabemos que a ironía, a nosa, non é a da frivolidade andaluza, nin é a mordacidade universal, nin sequera o sutil humor inglés. O noso é a retranca (que é dúas veces tranca), a nosa mellor arma, o adobío perfecto do humorismo, algo así como o sal e a pementa dun  bo polbo á feira; pertencemos a unha cultura na que o humor forma parte da vida cotiá. Mantemos unha actitude crítica fronte aos acontecementos e adoitamos dar as respostas pertinentes, sobre todo porque sabemos rírmonos da vida. Somos dos poucos pobos do mundo aos que a figura da morte non nos cae tan antipática porque sempre dubidamos da súa présa para darnos a aperta definitiva, e, para nós, o demo, o diaño, non deixa de ser un ghichiño simpático, arteiro e sabido e con frecuencia cómplice dos nosos segredos inconfesables e mesmo de certos proxectos.

(...) Hai humorismo nos paisanos e paisanas que non escriben nin debuxan, que opinan e responden nas conversas cotiás. Dubido que haxa outra terra no mundo que teña tantas ganas de humorizar, e que teña tanta espontaneidade, como os habitantes desta benfalada e malfadada Galiza.  

(...) Emporiso os galegos e galegas temos sona de sermos moi serios, e non hai dúbida de que o somos, por unha soa razón: o humor é algo moi serio. Somos tan serios que sabemos rir só cando cómpre rir, nin antes, nin semanas despois.

Despois a morte

 

    Sería inabarcábel referirnos á obra de Alfonso nesta sesión. Ante esa realidade optei por comentar un conto e un libro de relatos curtos. O primeiro publicouse en 2001, en Galaxia, como parte dun libro colectivo, Paisaxes con Palabras, no que se recollen os premios de relato Manuel Murguía do concello de Arteixo; Alfonso gañouno na convocatoria de 1997-1998, e non se titula, como di a wikipedia, "Cannis fugit" senón que este foi o lema co que se presentou.

    Voume deter un chisco neste breve relato, pois sei de boa fonte que Alfonso acolleu a morte, que non agardaba ao entrar no hospital, cunha actitude que sen dubida madurou durante a elaboración deste relato de hai tres décadas e de moitos outros nos que se achegou, dende a sorna retranqueira, á insubornábel e inevitábel morte. Este conto breve, non chega ao medio cento de páxinas, ten como protagonista o "filosofo fúnebre"  Guanalberto Álvarez, na pronuncia de seu nome ecoa a chanza eufónica de Alfonso, moi panxonesa, similar á que nos contaba, hai anos, a profesora María Xosé González Chamorro, tamén panxonesa e que levamos na memoria, sobre unha persoa ou o alcuño dunha familia, chamada "Higo de Guan", quizais pola aversión galega a esas pronuncia guturais que tan pouco nos acaen.

    Pois ben, Guanalberto decidiu mudar de apelido. Na vez do vulgar Álvarez acordou chantarse un exótico Molokai. Máis que troco de nome, como veremos, tratábase dun desdobramento da personalidade, dunha escisión; máis que esquizofrénico seria un TID, isto é, padecería un trastorno de identidade disociativa ou de personalidade múltiple.

    Quizais debamos deternos un cachiño. Molokai fai referencia a unha das illas Hawai, do mesmo nome, ou similar, nas que un rei hawaiano, na segunda metade do século XIX, decidiu concentrar, como nun campo, e polo tanto illar, os seus súbditos prendidos nunha enfermidade altamente contaxiosa traída polos civilizadores brancos que popularmente coñecemos como lepra. Poucos anos despois, un misioneiro católico, de orixe belga, rebautizado como Padre Damián, asentouse na illa coa bondadosa finalidade de aliviar corpos e salvar almas. E que ten isto que ver con Alfonso? Pois que, sen dubida, Alfonso, como todos e todas os da súa quinta, ano arriba, ano abaixo, ficamos estarrecidos por unha película de ampla circulación e rotundo éxito, animado este polo réxime franquista e, en especial, aínda que non só, polos colexios de frades e monxas. A todos nos puxeron en fila para ir vela como grande, e única, actividade extraescolar. O filme levou o titulo "Molokai. La isla maldita" e estreouse en 1959, cando Alfonso tería entre sete e oito anos. En realidade non tiña moito que ver co feito histórico a que nos temos referido, senón cun xute en vena de nacionalcatolicismo. O papel de Padre Damián interpretouno un actor esquecido,coido, chamado Javier Escrivá, que anos máis tarde, como atractivo galán maduro, protagonizou algunhas das máis aclamadas películas de "destape" con títulos tan suxestivos como El Chulo (1974), Juego de amor prohibido (1975), Las bodas de Blanca (1976), La amante perfecta (1976), Adulterio a la española (1976), Las camareras (1976), Secretos de alcoba (1977), ¡Susana quiere perder...eso! (1977), Climax (1977), Poseída (1978) ou Suave, cariño, muy suave (1978) ou, en fin, para que seguir... Cito os anos para apreciar a intensidade dos títulos segundo a transición ía avanzando. Coido que non é preciso citar máis títulos merecentes de pasar pola  filmotrituradora, pois o tempo xa se encargou da súa destrución.

    O director da película, da de Molokai, foi un máis que fecundo director, houbo épocas que rodou  máis de filme por ano polo que a famosa intensidade fílmica de Woody Allen está claramente superada, chamado Luís Lucía, que, ao ano seguinte, acadou éxito  estelar con "Un rayo de luz" (1960) e logo con "Ha llegado un ángel" (1961) e “Tómbola" (1962), ben sabedes a explosión cósmica de Marisol, que intentou reproducir, con menos éxito, con "Rocío de la Mancha" (1962) e "Zampo y yo" (1965), con Durcal e Ana Belén respectivamente. Aquí tamén tiñamos as nosas Judy Garland, Shirley Temple ou Natalie Wood.

    Mais volvamos a Guanalberto e a Alfonso. Tiña este, Alfonso, moitas virtudes, tamén, como todos, as súas cousas, pero  ademais do que sabemos sobre a súa vertente irónico-humorística, o seu permanente xogo coas palabras, a súa farturenta imaxinación para crear situacións, idiomas, cidades, países ou universos, sempre me chamou a atención, e ben que se reflicte na súa obra literaria, a súa espontánea bondade. Podía chancearse dos seus personaxes, pero algo sempre habería de positivo, sempre había neles algo bo.    Por exemplo,  Guanalberto tiña:

enormes orellas despegadas do cranio, ollos minúsculos baixo unha mesta pelaxe de cellas xuntas, nariz torcido cara á dereita, boca difícil de entender pola súa linealidade e simétricas fanaduras, cabelo pincho de ourizo negro que apenas deixaba espazo á fronte nunha cabeza enorme suxeita por un pescozo tan curto que semellaba que eran os ombreiros os encargados de que non caese ao chan; e todo isto enriba dun corpo pequerrecho e redondo sostido por dúas pernas tortas que nin sequera foran consecuencia do pracer nobiliario de estaren deformadas polo máis miserable dos cabalos.

    Aínda así: "... posuía unha fealdade tan distinta á dos demais feos que, ao cabo, polo conxunto da diversidade da caprichosa Natureza, resultaba atractivo", pois: "era dono e señor dunha voz fermosísima e suxestiva, que sabía modular ata o timbre máis baixo que ningún barítono de sona xamais puidese soñar; e tamén sabía falar cun dominio particular das palabras descoñecidas, as que soaban máis cultas e incomprensíbeis e namoraban os auditorios". E "Malia aquelas particularidades físicas, Guanalberto Molokai era o home máis feliz da cidade". En especial dende que se decatou de que coa súa nova personalidade podía adiviñar asasinatos, o que lle outorgaba a posibilidade, e a responsabilidade, de salvarlle a vida a todas aquelas persoas que el sabía ían ser asasinadas. Podedes imaxinar as hilarantes situacións xeradas pola desorbitada imaxinación de Alfonso, que a min me lembran as peripecias do Onofre Bouvila de  Eduardo Mendoza en La ciudad de los prodigios ou de Sor Conzuelo en El año del diluvio ou do detective de El misterio de la cripta embrujada. De feito Guanalberto exerce, desde que descubriu a súa capacidade divinatoria como detective privado, tanto que só el sabe que o é.

    Xa diagnosticamos a Guanalberto Molokai, de inicio Álvarez, como TID. E cal é o seu outro eu? A verdade é que a xente non admiraba a Guanalber­to polo seu oficio secreto, que era demasiado secreto, senón polo público. Para ninguén existía o tal Molokai, porque todo o mundo coñecía a Guanalberto Álvarez por outro alcume, o de Órgano Humano ou, en todo caso, como don Guanalberto, o amable encargado da funeraria "Pompas Fúnebres a Resurrección da Carne", capaz de enfeitizar a xen­te coa súa fermosa voz e sobre todo coa súa peculiar manei­ra de explicar aos vivos a realidade do Home, o Mundo e a Morte. Guanalberto tiña tamén, ademais da ocupación de filósofo fúnebre, a preocupación polas substancias invi­sibles que nos alimentan, sobre todo as vitaminas, as súas partículas preferidas, de tal xeito que cando chegaron ás tendas os primeiros kiwis, investigou neles e declarou publicamente que eran "franca­mente bos para o órgano humano". Supoño que as persoas presentes lembran a furia sandadora e vitamínica coa que entrou entre nós a froita procedente das antípodas, ata o punto de que, nesta área tropical da Galicia, toda persoa que tivese un anaco de terra chantou o seu macho e a súa femia, outro exotismo desta planta. A frase foi como a de Higo de Guan para os de Panxón. Quedoulle a Guanalberto e gañou, para sempre, un novo nome e apelido,  aínda que tamén un certo resentimento, pois algúns dos que probaron a nova froita, mesmo ata fartarse, non observaron ningún beneficio no leito.  Claro que estes ignoraban que Órgano Humano vía o home na súa completa dimensión e cando falaba dos beneficios vitamínicos do kiwi, non pensaba nos espectaculares resultados dunha miudalla tan particular como a da entreperna.

    Guanalberto Álvarez, en orixe, mudado en Guanalberto Molokai, no seu desdobre, e popularmente coñecido como Órgano humano atendía os cliente con innata arte mercantil, ás veces mesmo en contra das súas propias conviccións, como cando gababa un cadaleito moi aquelado para o día da resurrección, pois permitía abrilo moi comodamente dende o interior e non dubidaba en ofertarlle ao futuro cliente a posibilidade de experimentar o seu funcionamento. Máis onde lucía a graza natural de Guanalberto era na promoción dos produtos fúnebres que realizaba os venres ás nove da noite, co seu xeito especial de falar, amodiño e con elegantes pausas; dicía:

É absurdo terlle medo á morte porque a morte é inevitable. O feito da inevitabilidade debería facela totalmente levadeira. O espantoso sería que a derradeira morte fose evitable. Xa sei, estades reflexionando sobre iso da 'derradeira morte'. Explicareime: eu chámolle a derradeira morte á morte, á úni­ca, á definitiva, porque teño a impresión de que algunha xente, tamén vós, con tantas modernidades como hai agora e tan­tos avances na medicina, debedes pensar que como nunca vos sucedeu ata a data xamais ides morrer... hoxe cúrase case todo, e burlámonos demasiado da morte. Pero pensar que imos poder evitala sempre é moi perigoso porque o día que vexades a definitiva de preto, se non estades preparados, ides sentir moito pánico. Sempre, tarde ou cedo, haberá unha morte, a estrita morte. Eu recoñezo que resulta grato que se poida alongar a vida. Nin eu nin vós temos ganas de despe­dirnos xa. Nin eu como encargado deste negocio, nin vós como usuarios. Tempo haberá para todos, para gañar e para perder. Pero non resulta grato vivir como mortos grazas ao mantemento artificial da vida. Está ben tomar aspirinas e vitaminas, pero non moito máis. Todos os días falecen per­soas que non morreran xamais, e curiosamente a meirande parte desas persoas acudían con frecuencia a enterros ou incineracións alleas como meros espectadores e non como protagonistas. Opino que non hai que perder o norte, pero tampouco hai que obsesionarse coa morte, e a mellor maneira de logralo é non terlle medo; así, cando a vexamos a carón de nós, e con ganas de compañía, poderemos saudala con fami­liaridade e sen ningún xeito de rancor. Simplemente se trata de recoñecer que nos chegou a hora e que xa está ben de ocu­par espazo na cidade. Retomo a miña idea: se a morte fose evitable, a humanidade veríase sumida nun terrible caos…

    Así falaba Guanalberto con enorme capacidade de convencemento nos prolongados debates de cada venres. De cando e cando xurdía o salvador Molokai que tiña o cen por cen de éxito evitando crimes. Un daqueles venres “o filosofo fúnebre" non só lle vendeu ás dez persoas que acudiron á conversa promocional o último modelo de cadaleito, dotado de absoluto hermetismo e sistema antirroubo, senón que conseguiu que o probasen meténdose dentro e activando o sistema contra roubos. El tamén o fixo. Xusto no momento no que se escoitou o clic do sistema de peche, a man de Guanalberto Molokai pretendía introducirse baixo a tapa para evitar o seu peche. Fracasou. A policía descubriu a mañá seguinte os once cadáveres dentro dos cadaleitos herméticos e tivo que empregar o seu tempo en remexer e remexer nos arquivos da funeraria ata localizar as "combinacións numéricas das modernísimas pechaduras".



    A morte como tal afróntaa Alfonso nun feixe de relatos, Xente de mala morte (Galaxia, 1993, reeditado en varias ocasións), que mereceron o premio de narrativa Álvaro Cunqueiro de 1993. Son oito relatos sobre a morte que van dende o intento salvador dunha vida inexistente, que lle serve para amosarnos a brutal indiferenza social e o maltrato feminino, ata un tenro alegado antibélico realizado a través dos xogos de guerra dun aparvadiño, ollado sempre dende a bondade e tenrura de Alfonso. Tamén da delirante paixón  de Lucas Freixomil pola súa Ducati-250 Lemans e os seus infrutuosos esforzos por arranxala e que prendese; a este fin, desesperado, intentouno de novo, cabalgouna, tirouse por unha empinada costa que levaba ao peirao, non deu parado, ou non quixo facelo, e ficaron no fondo da ría, Lucas e a Ducati.

    Hai dous relatos con títulos evidentes: QEPD e RIP. Contra o que poderiades pensar non fan referencia ao que todos pensades, senón que, no primeiro dos casos, son as iniciais de Quintiliana Emilia Pérez Domínguez e, no segundo, as de Ricardo Iglesias Pumarín. A muller, Quintiliana, xa maior, de vida sinxela e rutineira, marcada obsesivamente polo reloxo, entretén o seu tempo entre  velorios e enterros. Aquel día acudiu ao velorio dunha monxa, pero incomprensibelmente non a deixaron asistir aducindo a privacidade do acto fúnebre. Tras vagar desorientada pola cidade, cousa que nunca antes lle ocorrera, bateu cunha filantrópica asociación  especializada en axudar á xente con vida anódina a se suicidar. Tiveron éxito no seu obxectivo.

    Pola contra, non estaba nada baleira a vida de R.I.P, senón inzada de actividade como restaurador artístico que era. Sabémolo pola longa carta que lle deixa ao notario; o motivo do seu suicidio foi que unha cabra lle estragou un cadro, na restauración do cal empregara tres anos. Pero RIP enganou a cabra, o cadro estragado era unha falsificación e o suicido debíase a unha enfermidade terminal e a querer deixarlle unha boa xubilación a súa muller. Esta era ben discreta e non como a falabarata e encantadora Ghérmelin, que lle fixo crer ao xefe do seu home que tiña un cancro terminal, polo que este tamén se suicida; como tamén o fixo a fillastra dun tal Víctor, en prisión por abusar dela, ao que imos coñecendo por medio da conversa entre Paula, que tivera como cliente ao abusador, e outro cliente, comesto polos celos e desexoso por saber se tiña algún vicio cando practicaba o sexo con Paula. O protagonista do ultimo dos relatos non se suicida, aínda que case, senón que, como Lucas Freixomil, é vítima dunha maquina, neste caso un Cadillac que lle causa a morte a Manolo Reigosa, alcumado Manolita a do cine; un homosexual que espanta a dor con doses de alcol e delirios que o converten nun Centauro, que fará que o acepten como tolo e deixen de chufarse del pola súa condición sexual, pero tamén impide calquera posibilidade de amor ou simplemente de sexo.

    Os relatos de Xente de mala morte están situados no momento da escrita, por algunhas referencias, pero non é necesaria unha comprensión temporal. Uns teñen forma de diálogo e outros son un relato ininterrompido. Quizais poderiamos encadralos dentro do "humor negro". Por perseguir o sorriso, non a gargallada, e o negror da constante referencia á morte. Emporiso,  o que desprenden, cando menos ao meu ver,  é a inmensa tristeza e desolación duns personaxes solitarios, abandonados, condenados, desconsolados, derrotados, dende o parviño ata o Lucas entolecido coa súa moto ou o pobre Centauro que dende que se transformou en tal non atopaba a quen querer; ou a metódica QEPD que a seita consegue suicidar en apenas unha tarde, ou os dous suicidios por cáncer terminal, un real e outro inducido polo engado, ata o atormentado polos celos de praceres alleos.

Na miña opinión estamos ante un dos mellores libros de relatos, contos ou narracións breves que Alfonso publicou reunidos en  forma de libro, en especial se o comparamos c´O Eco de Ramallón, un libro precipitado, pouco traballado e quizais movido polo intento de demostrarse a si mesmo o que xa non se tiña que demostrar. Curiosamente, os dous libros publicáronse un a continuación do outro, O Eco, no noventa e dous e Xente de mala morte ao ano seguinte.

    Sinalo, con brevidade, algo sobre  o de Ramallón, por ser este o topónimo referencial en moitos relatos de Alfonso, un espazo difuso no que se percibe tanto o territorio propiamente miñorán, un deles desenvolvese na Ponte da Ramallosa, como a mesma cidade de Vigo, con localizacións citadas polo seu nome e outras, a maioría, por irónicas alteracións toponímicas, tan do gusto de Alfonso, ben diferentes, mais non tanto, ás do seu pai, que asinou co pseudónimo de Celso de Baión un libriño que publicou, en 1976, na celebre colección d´O Moucho, matinada para publicar literatura popular "lowcost" en Edicións Castrelos e que, cando menos o xornal El País, cando promovía a súa edición para Galicia, reeditou en 2008. Algúns deses topónimos alfonsinos son, por exemplo, Refollón, illa de Morralla, Ponte de Apande, Couzas, Foduxo, Colígono de Poia, Pucharcho, para referirse ao esteiro da Ramallosa, ou inventa palabras, algunha tan ben aquelada como a de "pescabeche". O de seu pai atendía máis á toponimia popular, isto é, a explicación popular de por que os nomes son como son; por exemplo, isto non é de Celso de Baión, senón escoitado, supoño que cun algo de chacota, que o de Nighrán puxéronllo porque houbo unha guerra tan ghrande, tan ghrande; ou unha colleita tan mala tan mala, que "non quedou nin ghrán".

Nestes oito contos amósasenos un Alfonso dorido, non só polas criticas recibidas dos "cítricos", como el lles chama, senón polo sufrimento de moitos dos protagonistas. Sirva como exemplo que María Patricia, a esposa dun deles, Xenaro López:

Sabía das horas e dos minutos nos que un varón atristurado acostuma deixarse esvarar polas tascas para guindar entre as serraduras o serrín do chan as tonas das ilusións que foi coleccionando durante a mocidade e que tantas veces a vida da en luír, pero tamén sabía que os ollos avermellados polo alcohol brillan dun xeito distinto cós ollos irritados polo choro e a anguria. Xenaro López non traía xamais das súas tardanzas bafos de viño, senón alento de fel.

    Como de homenaxear a Alfonso se trata, quixen reflectir o seu ton literario, por iso o 90% das palabra que empreguei, ademais das citas directas, son de Alfonso. Agardo conseguir tamén que os que aínda non vos achegastes á obra de Alfonso, ou o fixerades pouco, o fagades con intensidade, pois estade seguros de que é quen de arrincarvos un sorriso en cada páxina.

    Coido que Alfonso deixou de publicar en 2014, se non estou trabucado, Os Gotten foi o seu último libro. Ignoro se seguiu escribindo, teño a impresión de que non, pero Suca saberá. Foron tres décadas de intensa dedicación á literatura, concentradas nos anos noventa e nos primeiros tres lustros deste século, e as xentes de Nigrán, en especial as de Panxón, deberían sentir fachenda de que Alfonso escribise para elas e téndoas no maxín creador, e que Alfonso os represente neses catro ángulos territoriais e literarios xunto a Torrente na Romana, Casares en Vilariño e Paco del Riego en Lourido.

    Que a memoria de Alfonso sexa longa e non deixedes de ler os seus libros, que é a maior homenaxe que se lle pode facer.

    Graciñas

Vilameán, 27 de abril de 2013

sábado, abril 06, 2024