|
Memorial en Monçao |
O dous de novembro
de 1823 José Arias Teixeiro foi elixido “por unanimidade de votos” como
“Comandante general de los Batallones que componen este cuerpo de
realistas...”. Cinco días despois o Tenente coronel Rafael del Riego era aforcado
en Madrid. Remataba o trienio liberal, regresaba o absolutismo. O líder
absolutista miñorán aínda daría ben voltas ata a súa morte e soterramento en
San Pedro da Ramallosa. Esta primeira e exitosa acción de armas do señor de
Pías foi posible pola xenerosa axuda dos “miguelistas” portugueses que o
protexeron e axudaron a tomar Tui. Non imos ir a tempos tan recuados, só
sinalamos o feito para reforzar a tese da permeabilidade política e económica,
e escasamente coñecida, da raia galego-portuguesa que sostén Dionisio Pereira
no seu último libro:Emigrantes, exilados e perseguidos. A comunidade
portuguesa na Galiza (1890-1940),Através Editora, 2013.