mércores, marzo 02, 2016

Paseo compostelá pola memoria, a culpa, a morte e o amor


     No que levamos de século Antón Riveiro ofreceunos tres obras que figuran na miña particular memoria literaria e, de seguro, na de moitas outras persoas e mesmo, coido, permanecerán en lugar salientable entre as grandes novelas da nosa literatura: As rulas de Bakunin (2000), Laura no deserto (2011) e a que vén de deixarnos coa mornura do pan saído do forno, Os elefantes de Sokúrov (2015). As tres publicadas pola editorial Galaxia.

      Procuro seguir as súas obras, aínda que un non sexa nin narrador, nin critico, nin profesor de literatura, senón só un lector, mesmo non tan constante como desexaría, de novela. Gusto de Riveiro porque é garante dun texto coidado, puído, sen petulancias, que discorre cunha aparente sinxeleza, resultado da teimosía correctora, que nos atrapa co seu persoal estilo de narrar e tamén porque, como Borges, gusto de “gabarme daqueles libros que me foi dado ler”. Os elefantes chegan tras catro anos soñando historias e enfiándoas para que os protagonistas nolas narren, cada un súa realidade, como se fose nun filme de grande orzamento cunha cámara nos ollos. Despois o escritor realiza a montaxe. A arte cinematográfica preside, dende o título, a novela que se desenvolve no estilo “riveiriano”, perfeccionado tras as máis de 700 páxinas de Laura no deserto. De estirpe limiá como Carlos Casares, coincide con el na habelencia para narrar e ensarillar historias, pola contra Riveiro prefire que o seu “estilo” se note pero como afirma de Casares con “Unha prosa sempre ao dispor do que contaba”1.

martes, marzo 01, 2016

Retrato(s) dunha “crise”


"Techo y comida" (2015)
    As ideoloxías dominantes impoñen as súas linguaxes. A todos nos convencen con que estamos nunha crise, como moitas outras, da que poderemos recuperarnos se somos aforradores. Non hai outra, “There is no alternative”, Margaret Thacher, dixit e os “austericidas” impoñen. A gran falsidade é a mesma palabra “crise” que nos abre a ilusión dun futuro que non existe; “No future” ouveaban os Sex Pistols. Ben recuado andas, dirán algúns!. O certo é que alí comeza a gran diverxencia (Krugman) e esta recesión?, depresión? crise do capitalismo?, crise sistémica?... como queiran pero, sen dúbida de ningunha caste, unha gran crise económica, social e moral agravada pola derrota dos sindicatos, a ausencia de posibilidades revolucionarias e a finitude do planeta. “Deixade de mimar os super-ricos”, clamaba Warren E. Buffet en agosto de 2011, o mesmo que en novembro de 2006 advertía: “Hai loita de clases, de acordo,” dixo Mr. Buffett, “pero é a miña clase, a clase dos ricos, a que está facendo a guerra, e estamos gañando.”. A segunda fortuna persoal do mundo, o oráculo de Omaha, leva tempo advertíndolles aos seus que non se pasen, pero seguen a facelo e non deixan entrever outra actitude; miren vostedes para Grecia ou Madrid e o seus espectáculos circenses para reter o poder e os beneficios.