venres, setembro 30, 2022

Con Foz en Cartabón



    O 4 de outubro, na libraría viguesa Cartabón (Urzaiz, 125) terei o pracer de compartir co entrañábel amigo e compañeiro Luís Gonçalez Blasco, ao que moitos coñecemos polo simple e contundente topónimo da súa nacenza “Foz”, a súa nova achega aos tempos iniciais da UPG no exterior,  A UPG em Portugal e alguma coisa máis (Através, 2022) que completa a súas detidas pescudas acerca da organización exterior da UPG que nos achegara, xa hai unha década, en A política e a organizaçom exterior da UPG (1964-1986) en Edicións Laiovento.

    Militante no nacionalismo galego dende moi novo, xa no Grupo Brais Pinto, no Consello da Mocidade ou fundando a UPG, mantívose sempre, organizado ou non, na orbita do independentismo galego  e do reintegracionismo lingüístico.

    Será pois  unha honra acompañalo no presentación do seu último libro.

luns, setembro 12, 2022

No bosque da lingua

 

    


    

    É toda unha honra que me convidaran a presentar o meu libro O terror das Tebras e outras catas na memoria (Laiovento, 2022) no Bosque da Lingua, esa fermosa iniciativa posta en marcha pola emprendedora Comunidade de Montes en Man Común da parroquia de Couso en Gondomar. Alí estaremos, no lusco fusco, no acolledor anfiteatro do Bosque da lingua, ao pé do Galiñeiro. Por se vos presta.

Huete na Mini

 


    O pasado sábado recuperamos as lecturas poéticas na Mini (Fonte de Zeta 9, Baiona ), coordinadas por  Xosé María Álvarez Cáccamo e foi todo un acontecemento, unha auténtica estrea, ao amosarnos Ánxel Huete un novo aspecto da súa creatividade, o poético. E amosóunolo entretecendo as seus matinares co recitado por parte de Xosé María Álvarez Cáccamo dos textos poéticos do pintor sobre os que pairaba o seu universo pictórico.

    Hai anos que os dous concretaran eses diálogos en forma de libro, en As artes da vida de Ánxel Huete(Laiovento) de Xosé María Álvarez Cáccamo.

    Como ven sendo habitual Manuel Forcadela achega a súa xenerosa e constante colaboración para deixar testemuño da+estas accións poéticas na rúa. Podedes visitar a páxina de Forcadela https://oximnasiodeacademo.com/about/

    E teredes moito que ler e que ver. Pero se desexades ir xa á lectura do sábado déixovos un enlace máis directo https://www.facebook.com/oximnasio.deacademo/videos/611727454030562

luns, setembro 05, 2022

REGRESAN AS “LECTURA POÉTICAS” EN “LA MINI” CON ÁNXEL HUETE

 


    Amigos e amigas

    Despois do breve descanso dos meses de verán, regresamos coas “Lecturas poéticas” en “A Mini”(Fonte de Zeta 9,Baiona), coordinadas por Xosé María Álvarez Cáccamo. Farémolo con todo un acontecemento, unha auténtica estrea, co intento de amosar as artes de Ánxel Huete. Xosé María Álvarez Cáccamo, titulou un seu libro de conversas co pintor As artes da vida de Ánxel Huete (Laiovento)e agora Huete vainos amosar, en case primicia, as súa arte poética, que moito terá que ver coa súa longa e recoñecida traxectoria pictórica.

Nesta primeira xeira da segunda tempada das “Lecturas poéticas” que agora iniciamos,estará pois con nós o pintor Ánxel Huete, ourensán de nacenza e residente en San Adrián de Cobres, na outra beira da ría, peregrino por Escolas de arte do mundo (Barcelona, Londres, Berlín, Nova York). Asentado nas terras do Morrazo, profundou na abstración cromática e na estruturación espacial que caracterizan a súa extensa e recoñecida obra pictórica. Foi un dos integrantes do denominado “Grupo Atlántica”, doutor en Belas Artes, exerceu a docencia na Facultade de Belas Artes de Pontevedra.

Agora achegase ata nós para ofrecernos unha nova manifestación da súas creacións, neste caso poéticas, sobre as que pairará o seu universo pictórico.

Será o sábado 10 de setembro e comezará ás 12.30h, cunha duración aproximada de 45 minutos. Para limitar posíbeis  interrupcións durante a lectura A Mini abrirá as súas portas ás 12h.

    As intervencións poéticas están pensadas para celebrarse no exterior, o pé mesmo da Fonte de Zeta, pero como non sempre o demo do tempo nos deixa, no caso de ser preciso poderemos resgardarnos no interior da taparía.

    Se vos presta alí estaremos.

    Graciñas

    Nota: De ter interese en compartir mesa e mantel co Ánxel Huete podedes facer a reserva no 646 74 93 28 ou en resposta este post.

 

venres, setembro 02, 2022

Eladio Ferreiro Otero en Sarmiento. Revista Galego-Portuguesa de Historia da Educación

 


No último número de Sarmiento. Revista Galego-Portuguesa de Historia da Educación que se corresponde co ano 2022, recollese un traballo meu sobre “Eladio Ferreiro Otero: un mestre entre as escolas americanas de fundación e  escola pública”, sobre o que foi director da Escola Hispano-Americana Pro Valle Miñor e mestre da escola pública de Borreiros.

Moi agradecido a Sarmiento pola acollida.

Déixovos o enlace deste novo número https://revistas.udc.es/index.php/sarmiento/index e poderedes observar a diversidade e interese de temas tratados, así que o que vos envía ao meu traballo sobre o mestre miñorán https://doi.org/10.17979/srgphe.2022.26.0.9244.

Por si é do voso interese.