martes, xaneiro 29, 2019

Particular relato dunha aparente frustración

Non lle poñades chatas á obra namentras no se remata.
O que pense que vai mal que traballe n´ela; hay sitio para todos.

Poucos foron os que intuíron que a quebra financeira de 2008 anunciaba non unha crise cíclica da economía, senón o inicio dun cambio no modelo de desenvolvemento capitalista. O paso dos anos, vai alá unha década, revelounos que a mudanza cuestionaba non só a gabada globalización, limitándoa aos intensos efectos da revolución tecnolóxica das comunicacións, senón que o ideal de mercado global, xeopolítica de potencia única e modelo estable, alternante e concordante de representación, ou, o que é o mesmo, “éche o que hai”, no que coincidían Thatcher e Blair, chegaba ao seu fin.

O 15-M foi a supuración dos temores intuídos. Exteriorizou o malestar para acomodarse. 
Xa ven vostedes: brexit, Rusia potencia, China superpotencia, Tump atendendo a casa e dando voltas como unha estornela, a bipolaridade conservadora/progresista esnaquizada por toda Europa e o monstro asomando polas regañas da porta...

Mais eu do que quería falar era de nós. Da nación-política. Para nós o estoupido foi Amio. Alí concentráronse as transformacións do modelo capitalista e o seu corolario na forma de representación política; alí intuíuse a necesidade de mudar o modelo organizativo do ciclo anterior construído sobre un insólito e libresco traslado das experiencias anticolonialistas dos sesenta, do atemporal emprego do concepto leninista de vangarda sempre atinada na alianza nacional de clases, e exceso de pedagoxismo dirixido a unha sociedade moito máis complexa do que os seus pretendidos transformadores coidaban. O disparate prolongouse na mitificación da loita clandestina contra a ditadura  e dos momentos iniciáticos que xeraron liderados fortísimos que mesmo chegan ata hoxe, evidentemente limitados por razóns biolóxicas.

Mais o que estourou en Amio só supuxo, por unha banda a consolidación da resistencia ante o novo e da nostalxia do pasado; iso si, con caras novas. Pola outra o modelo de fronte ficou inmutable, só que agora sen partido-vangarda, en forma de coalición permanente que  actúa cara a fóra como o que non é, un partido. Pero, ao non selo, non podía ir máis alá dunha insegura e inestable conxunción temporal de intereses, ou, o que é o mesmo, dun oportuno, e oportunista, tacticismo electoral.

Dous factores agravaron a particular sensación de frustración; ao mellor non son máis que faces da moeda. A inseguridade subxectiva na fortaleza dunha nova proposta da nación-política atemorizaba, o medo á soidade, provocou unha fantasmal procura de acumulación de forzas, ningunha das cales tiña forza. Por outro lado as dificultades inherentes a conxugar de forma non contraditoria  un proxecto soberano galego finalista coa indiferenza a respecto do exercicio desa soberanía ou, mesmo coa reticencia a cuestionarse, máis alá do plano propagandístico, a actual estrutura do estado español, é un labor mais propio de xenerosos heroes mitolóxicos que de cidadáns do común.

Agravouse  a percepción de frustración cando se actuou cos xeitos conservadores que se criticaban en Amio e optouse por asegurar o que había, unha incerta coalición, socialmente descompensada, na vez de arriscarse en mar aberto e botar pola borda certas incertezas, cando menos para contrastalas. Niso chegou Podemos. O asesor de campaña converteuse en florecente líder. O mundo político semellaba mudar a grandes alancadas; mais, ao non ser o 15M a exteriorización dun malestar, non foi quen de agochar as ansias por ficar  cómodos.

A “acumulación de forzas” variou, envorcouse da banda da reticencia a cuestionar a estrutura estatal e o “algodón” ficou luxado en Cataluña, e nun precipitado retorno ao pasado recuperaron, no trato interno, as peores pulsións leninistas.
Cando todo semellaba rodar cara ao precipicio da inutilidade ou da conversión nunha reserva “cunera” de votos houbo reacción.  E alguén postulou unha nova ilusión porque o desencanto é inútil. É o que acontece ao andar a falar de cidadanía, crise de representación, participación horizontal.... cando, na verdade, só se pretenden empregar estes argumentos como argucia para reproducir os círculos autoproclamados de vangarda. Acábase por descubrir. Pode tardar máis ou menos tempo; pode ser máis ou menos eficaz entre os líquidos activistas de sofá, pero acaba batendo cos sólidos activistas sociais. Entón prodúcese o vorcallón, e aínda que “no se le espere”, chega.

A nación-política precisa un  re-encanto. Non pode ficar reducida a súa representación a un 10% . Será posíbel erguer un instrumento político que supere as eivas da cultura frontista, ou de coalición interna, para converterse nun partido de afiliación individual que concite esa ampla franxa de apoios necesarios para a construción da nación-política? Os vimbios tecéronse neste axitado fin de ano temporal. Agora haberá que camiñar con tino pero con decisión e evitar as falcatruadas en cada revirada do camiño.

Sempre haberá xogo de pareceres ou intereses, pero deben ficar limitados por liderados políticos  e non ideolóxicos, renovábeis en pautas temporais establecidas, nunha organización con costuras ideolóxicas laxas, moi plurais, situada na esquerda social, que é a que ata hoxe amosou algún interese en construír a nación-política, afastada de tremendismos revolucionaristas  sen perder o horizonte da utopía transformadora. Unha organización esponxa que sexa quen de absorber as ideas que emerxen da sociedade actual, dende as diversas formas de ecoloxismo, do feminismo, da sexualidade, as novas formas de expresión cultural ou de trato animal, do cooperativismo no traballo, da percepción do municipalismo como proposta das esquerdas locais e, ao tempo, evitar o fraccionamento ou, o que é peor, a confrontación, entre estas propostas para enxertalas de xeito decidido no proceso de construción da nación-cultura e da nación-política.

*Publicado en Novas do Eixo Atlántico, febreiro 2019



xoves, xaneiro 24, 2019

Agradecido


Déixovos a pequena montaxe fotográfica coa que me agasallaron os amigos e amigas de A Nova Peneira o pasado sábado no Porriño na III Gala de Comunicación d´A Nova Peneira. Moitas grazas


martes, xaneiro 22, 2019

Agradecido polo recoñecemento


Recollendo de Tino Lago, director, o premio ao colaborador na III Gala de Comunicación d´A Nova Peneira.

Un pracer colaborar durante anos, todos os meses, coa Peneira que realiza ese pequeno milagre de manter un xornal en galego coa axuda de centos e centos de pequenos anunciantes, manter unha evidente calidade en información e opinión e absoluta lealdade ao proxecto común de nación.



luns, xaneiro 21, 2019

A estraña derrota


Deste xeito, L'Étrange Défaite. Témoignage écrit en 1940, titulou Marc Bloch o seu libriño testemuñal sobre a invasión nazi do seu pais. “Sen contemplar o presente é imposíbel comprender o pasado”, escribiu na presentación o historiador, cidadán, soldado e partisano; detido, torturado e asasinado pola Gestapo, en 1944, dez días despois do desembarco de Normandía.

Acordei o título cando tentei contemplar e comprender o que aconteceu en Westminster,  santuario do parlamentarismo, eses días pasados. A derrota da Sra. May, ou mellor as sucesivas  derrotas, e o rexeitamento da censura do Sr. Corbyn. Mentres se agarda polo remate da prórroga temporal da resolución definitiva do Brexit, para os restos de marzo.

Teño a impresión de que estamos ante un novo, e estraño, ciclo longo tras o fracaso da fantasmal globalización neoliberal. Aquela nacida na mesma Gran Bretaña da ferreña Sra. Thatcher que confirmaba, certa e fatua, que non había alternativa, “There is no alternative”. Sentenza  que confirmou Tony Blair subliñando a diferenza entre laboristas e conservadores, isto é, entre esquerda e dereita, uns matices sobre a comprensión dos dereitos individuais.  Zapatero confirmouno no seu primeiro mandato.
Así que o neoliberalismo cheo de si, como un rato riba dun queixo, paseou polo mundo, sen que ninguén lle tusise, entre a caída do muro de Berlín (1989) e o estoupido da crise financeira (2008). Xa o advertira Rodrik no seu paradoxo da globalización, con aquel seu trilema. Lembren, de entre globalización, democracia e autodeterminación, só se poden coller dúas. Así que se se quere  globalización e democracia hai que reducir a autodeterminación e se se queren estas últimas, hai que limitar a globalización. E así nas posíbeis combinacións.

Optouse por salvar o dogma e os dogmáticos. Entre 2008 e 2009, os gobernos gastaron 120 billóns de dólares en salvar bancos. Por suposto non se lle ocorreu repartir eses cartos entre a xente, aumentar o consumo e a produción manufactureira, e dedicar fondos á educación, hospitais ou investigación.

E todo estourou. Dende aquela, por Europa e polo mundo, comezaron a xurdir partidos populistas, de dereita extrema, xenófobos e aos poucos o sistema político tradicional saltou esnaquizado. Os novos partidos atraían os perdedores da globalización: os obreiros que ficaran sen fábricas que fuxían tras a man de obra barata; os tendeiros abafados polas grandes superficies; as secretarias e oficinistas borrados polas novas tecnoloxías; os xubilados coas pensións conxeladas... Mentres os orzamentos primaban os centros urbanos e esquecíanse do mundo rural, gastábanse millóns en autoestradas e circunvalacións e pechábanse estacións de tren nas vilas que quedaban sen escolas, médicos e bancos. Iso si, deixábanlles tanatorios.

 Abríase unha fenda entre globalización e vítimas da mesma (de clase ou por lugar de residencia) e por ela coábase a nostalxia do mito. Portugal e España resistíranse. Agora fica só Portugal.

A fenda da globalización e a nostalxia do pasado empurraron o voto contra o sistema tradicional de partidos. Iso é Trump e a vitoria do Brexit; coas súas nostalxias de Imperio e de “América, primeiro”. Non é agora a dereita ideolóxica da TINA da Sra. Thatcher senón unha dereita visceral de xenofobia, nacionalismo estatalista e populismo demagóxico. Macron pretende recuperar Francia sen contar coas vítimas da globalizacións e estóupanlle nos morros os chalecos amarelos. O Reino Unido quere o Brexit, ata duro, sen impórtalle sufrir un duro castigo económico. A estridencia italiana manifestase no pos fascismo da “Lega” de Salvini e no bepegrilismo, versión italiana do noso orixinal Jácome  ourensán. Trump soña con reabrir as minas de carbón e construír un muro de contención, sen saber que polo “limex” romano filtrábanse os “bárbaros” cando lle daba a gana ata que decidiron ficar dentro das fronteira e desfacer o imperio. A nostalxia de Franco con quen non se pagaban impostos, a vida era máis barata, as mulleres estaban no seu sitio e España era unha, manifestase agora sen anteriores disimulos. Bolsonaro emerxe sobre a onda da corrupción retratada nos Papeis de Panamá e nos gobernos do mundo que rebaixaban os impostos aos que envían 600 mil millóns de dólares por ano aos paraísos fiscais, mentres gaba a ditadura militar porque nela a violencia era limitada...

Contemplar o presente para comprender o pasado, cando o futuro é o pasado.

*Publicado en A Nova Peneira, xaneiro 2019


mércores, xaneiro 09, 2019

Vendo quebrar as ondas

Foto:Vigoé/Selika
As ondiñas que ían e viñan amansadas, foron virando primeiro en temporal e logo remataron transformándose nunha galerna que ameaza con escachar  o racú (ou gamela?) contra as rochas do creba-ondas. A suma de despropósitos, intereses partidarios e necesidades persoais arrastraron a motora, transformada, por percepcións alteradas da realidade e a persistente  impericia dos temoeiros, nun fantasmagórico   transatlántico, ata que a rebelión da tripulación, como no motín de da Bounty, fixo mudar o rumbo, sempre coas incertezas de que os inexpertos temoeiros comandados por Christian-Brando sexan quen de levar a gamela a porto e  de non amedrentarse ante as sabotaxes de Bligh-Howard.

Máis ou menos isto foi o que pasou. Unha En Marea, comandada por dereito divino polo tripartito de Mazarelos, despois de boicotear a desexable “unidade popular”, a de verdade, en comandita coa outra parte, a que prefire a pureza incontaminada, coidou que o trebello era unha sociedade limitada a tres.

Mais veu ser que a tripulación creu que as promesas de adscrición individual ao partido instrumental eran certas, pensouno con tanta forza que rematou por impoñela. E resulta que o exercito dos sen partido remataron por dobrarlle o pulso ao tripartito que entendía En Marea, diría Voltaire, como un “conto asiático” para espíritos crédulos.

Pois aconteceu. Van e, os sen partidos, sácanlle 20 puntos de diferenza ao tripartito triurbanita. Manda truco! E manteñen o maxistrado á fronte. A supervivencia política de Villares está en relación directa á súa non actuación como maxistrado e a asunción de que a política non ten nada que ver con estilos togados nin cálculos numéricos. Así que Bligh-Howard volverá de novo e Christian-Brando corre o perigo de ficar engaiolado polas fermosas  grilandas florais e os praceres tahitianos.

Así que entre o esforzo dos “sen partido”, a valentía de Villares, a dilución de Anova e o silencio de Beiras, a posibilidade dunha Marea galega, soberana, propia, non sometida ao ditado de partido ni a chíos madrileños é factible. Agora queda fica facela realidade.

*Publicado en Novas do Eixo Atlántico, xaneiro, 2019