Acto falanxista en Tui
A Lito Oliveira e Mario Rodríguez, portadores de
memoria.
Consideración previa
As miñotas foron as últimas terras galegas en ser sometidas.
En Tui entraron o 26 de xullo. No mediodía do 28 na Guarda. A resistencia foi produto da fortaleza da Fronte
Popular e, na miña opinión, da
capacidade e fraternidade dos dirixentes. No labor de tecer complicidades compre
resaltar ao núcleo inicial galeguista (A. Ríos, D. Calzado e Paquiño de
Figueiró) que souberon dialogar cos agraristas tomiñeses, cos obreiristas
guardeses, adscritos á CNT, e coa mocidade cultivada de Tui. Ao enfiado dende o
novelo á urdidoira axudaron o cenetista Gumersindo, republicanos como Diz
Jurado e Álvarez Limeses, socialistas como H. Losada e salientaron dous
semanarios: o tudense La tribuna,
dirixido por Guillermo Vicente, e o guardés El
nuevo heraldo de J. Noia.
Tres cabaleiros
Conta Alonso Ríos que cando lle ordenaron, en
conversa telefónica, ao capitán de carabineiros, logo fusilado, Marcelino
Rodríguez Blanco que sublevase a guarnición e se apoderase da cidade, este solicitou
ao comunicante que se identificase. Respondéronlle: “Le habla un caballero
español”.
Estes cabaleiros dirixiron e practicaron a caza de coellos
e raposos. A tres destes últimos (Ríos, Noia e Vicente) chegáronlle a poñer
prezo: 50.000 pts, vivos ou mortos. Dous lograron sobrevivir, o ex-alcalde de
Tui, faleceu na tobeira. Enrabechados polos raposos fuxidos os cabaleiros descargaron
lume e furia sobre as xentes miñotas.
Un deles foi José Peñarredonda Fernández (1893-1961).
Graduado en Toledo en 1911, afíxose ao tacto viscoso do sangue en Marrocos. Na
Lexión estranxeira ascendeu a capitán. Ferido de gravidade no rostro, ficoulle unha
evidente cicatriz; poderíaselle aplicar o dito unamuniano, en resposta a M.
Astray sobre que un mutilado carente de grandeza espiritual “es de esperar que
encuentre un terrible alivio viendo como se multiplican los mutilados a su
alrededor””.
José Peñarredonda |
Retirado pola
reforma de Azaña, regresou a Tui. En abril de 1936 foi detido xunto a “outros
fascistas” por, segundo A. Piña[1], intentar roubar a punta
de pistola as actas das eleccións. Segundo Darío Á. Blázquez[2], tamén o detiveron nos
días en que a cidade permaneceu baixo a
legalidade republicana. Da cadea saíu para a alcaldía. Na breve estancia ao
fronte da mesma, ata o 26 de outubro de 1936, suprimiu a festividade dos
mártires de Sobredo e construíu a mitoloxía tudense de Calvo Sotelo. Actuou
como un miserábel ao acusar a Vicente,
último alcalde republicano, de roubar 400 pts ou ao cubrir os postos como
médicos municipais de Diz Jurado e Álvarez Limeses, cando ambos estaban presos
e sen xulgar. Despois serían fusilados.
A patria chamábao a máis altos deberes. Nun discurso
radiado dirixiuse aos que non se decataban que aquilo non era un vulgar golpe de estado senón unha loita a
vida ou morte “entre las fuerzas nacionales y el marxismo”[3]. Da súa xestora municipal formaban
parte Pablo Bugraín Domínguez, Juan Martín Alonso, Manuel García Lastra, Raimundo
Tapia Seoane e Manuel Cordovés Millet. Este último, alcalde no bienio negro,
será quen o substitúa. Polo cargo pasaran Tapia Seoane, Rosendo Bugarín, José
Jurado Romero e o irmán de Peñarredonda, Ramón. Dominarán durante décadas a
vida tudense.
Incorporouse a 33 compañía da IX Bandeira da Lexión,
da que sería comandante. En xullo de 1937 ordenou desfilar polo centro de
Teruel, ante a máis enérxica protesta do bispo, aos seus lexionarios enarborando
na punta das baionetas “piernas, brazos, orejas, testículos y otros órganos de un ciento de rojos
que hicieran prisioneros y fusilaran con una ametralladora”[4].
Dinos J. Reverte que P. Kemp, un mozo fascista
inglés[5], sinalou,
en varias ocasións, a crueldade do seu admirado Peñarredonda cos brigadistas
internacionais. Nunha delas os seus compañeiros, cumprindo ordes, liquidaban un
a un aos prisioneiros, fundían a baioneta nos caídos e disparaban contra os feridos.
Noutra, o propio Kemp quixo interceder
por un brigadista; pediu permiso para facelo ante o propio Peñarredonda. O
tenente coronel, que estaba a almorzar, respondeulle: “llévalo y mátalo”. Atordado e
vacilante ante a resposta, o mozo só puido escoitar: “lárgate y te advierto de no cumplir la orden”. Esta
visión do ex alcalde tudense tamén a comparte Hugh Thomas que confirma a súa
teima asasina coas brigadas internacionais[6].
A batalla de Teruel prolongaríase ata febreiro de
1938; na segunda metade do ano produciuse a do Ebro. Peñarredonda mandaba a 1ª
brigada da división de Yagüe. Non
sabemos con precisión o que pasou. Segundo Thomas, autorizárono a retroceder; segundo
Reverte fixérono prisioneiro, precisamente os odiados brigadistas. Que pasou
con el? Thomas, afirma que pouco despois estaba a dirixir tropas no Ebro, onde volveu
ser humillado ata o punto de retirarse e non se soubo máis del na guerra.
Os amigos tudenses argúen que se tratou dunha falsa denuncia
da que saíu absolto[7].
O certo é que o “valente e leal lexionario” rematou expedientado e expulsado do
exercito, segundo se recolle no BOE[8] “sin
perjuicio de las responsabilidades que puedan derivarse del procedimiento
judicial a que se halla sujeto”. Desenganado retirouse á finca familiar de
Bouzabalada.
No discurso radiofónico ao que fixemos referencia, Peñarredonda dille
aos que demandan un rápido escarmento, que, para que sexa eficaz, compre facelo
coa serenidade incompatíbel coa precipitación. Nese labor sereno da “limpeza” están
a traballar, segundo Peñarredonda, día e noite, cinco xuíces, pois salvada a
cidade (...) hai tempo para todo o demais.
Un deses xuíces, outro cabaleiro aínda que sen o rechamante paso pola
academia, era Maximino Méndez Varela (1887-1957), prototipo de militar africanista de
reenganche. En 1909 entrou no exercito;
serviu en Melilla (1909-1916) onde coñeceu a untuosidade do sangue
derramado. Vai facendo a súa carreira ata chegar a alférez. Xura fidelidade á
República; danlle unha medalla e retiro ben pago en base ao decreto de abril de
1931[9].
O 20 de xullo de 1936 preséntase ante o comandante
de Vigo, Felipe Sánchez, quen lle encomenda actuar como xuíz instrutor de
causas en Tui. Despois, a pesar da idade, vai para os 50 anos, terá que incorporarse ás frontes de combate, onde será habilitado como capitán. Finalmente
ficará a disposición do inspector de campos de concentración, quen, en xaneiro
de 1939, destinarao como xefe do campo do convento de S. María, en Oia. Os
presos alcumarano “capitán castaña”, non só polos lapotes que se repartían
senón tamén por alimentalos a base de auga fervida na que choutaba algunha
castaña.
Interésanos aquí o seu labor como instrutor da causa
529/936 “contra los dirigentes y auxiliares del movimiento contra las fuerzas
del ejército nacional en la ciudad de Tuy y contornos y los promotores de la
huelga general llevada a cabo en la misma entre el 18 de julio y el 27 del mismo
mes”[10]. Seica os “directores” acordaran o “alzamiento
revolucionario”, o 17 de xullo, nunha xuntanza na casa de Enrique Jaso Paz,
logo executado como a súa filla e un fillo paseado. Só podemos deternos nesta
causa contra trinta veciños de Tui para sinalala como unha especie de “causa
xeral contra a República en Tui” argallada para condenar e responsabilizar do
“caos republicano” aos representantes das clases medias (médicos, comerciantes
e funcionarios) que actuaron na política democrática da cidade episcopal. A
causa dirímese entre o informe solicitado polo instrutor ao xefe da policía
aduaneira de Tui, Manuel Romero Singler,
e os testemuños de dúas mulleres, ambas viúvas. Unha veciña de Jaso. A
outra, Clotilde Rodríguez Silva, unha moza de 22 anos, con varios fillos, viúva
de José Fernández Costas, un sindicalista cenetista asasinado no Aloia. Neses
días Clotilde sabería do asasinato de dous dos seus cuñados e máis do sogro.
Non lle debeu custar moito ao futuro “capitán castaña” arrincarlle a
declaración acusadora. Como a moza non sabía escribir, asinaron os
interrogadores: o instrutor, o capitán Benigno Aznar, o tenente Eduardo Forcén
e o sarxento Teodosio Baquero Monforte. Á instrución tamén achegará os seus
informes o capitán-alcalde Peñarredonda que propón unha longa listaxe de
testemuñas, rematada “por supuesto” con “Rosendo Bugarín Domínguez, jefe de la
Falange” (alcalde de Tui entre 1944 e 1952).
Rosendo Bugarín |
Algúns dos imputados ficarán mortos nos cavorcos do
Aloia, outros, con máis medios e apoios conseguiran fuxir ou agocharse. Os máis
confiados rematarán ante o pelotón de fusilamento (Diz Jurado, Álvarez Limeses,
Serafín Fernández e o seu fillo Julio, Manuel Domínguez León e José Felipe
Muñoz). No rexistro civil de Tui temos recollido, entre fusilados, mortos “en
combate con el ejercito” ou por “disparos de arma de fuego”, ata abril de 1939,
o nome de 128 persoas.
O terceiro cabaleiro tamén ulira o sangue en
Marrocos. Salvador Buhigas Novo[11] (1902-1938) incorporouse,
co inicio da república, ao corpo de carabineiros. O seu capitán, Marcelino
Rodríguez Blanco, ordenoulle arresto domiciliario por sospeitar das súa implicación
na conspiración. Tras a caída de Tui puxérono á fronte dunha “heteroxénea
columna”, en palabras de Noia, formada por uns pouco carabineiros e unha
mestura de falanxistas, gardas cívicos e dereitistas. Encargáronlle abrir a
estrada ata A Guarda e “limpar a
retagarda”. Segundo ían avanzando destituía gobernos municipais e nomeaba
outros. En Tomiño a Francisco Pino Carrera; no Rosal a José Sánchez García.
Os militares desfilando polas rúas de Tui |
Antes de entrar na vila guardesa á heteroxénea tropa,
xa se lle sumaran os falanxistas locais Fernandito Jiménez e José Jurado Romero
(alcalde de Tui entre 1951-1957). Pararon ante a redacción de El Nuevo Heraldo e esnaquizaron as
rotativas. Achegarse ao concello onde os agardaba Brasilino Álvarez para facer
entrega do poder municipal. Despois fusilárono. O novo goberno local estaría
presidido por Paco Moreno Álvarez, “garda
cívico” e xefe local da CEDA. Debeulle
ser de proveito a Buhigas a experiencia miñota na organización de perseguidores
e practicas de limpeza; a mediados de setembro estaba a instruír a lexión falanxista
lucense antes de incorporarse ao fronte de Asturias; despois encargouse de
formar a columna falanxista ourensá que enviarán á fronte de Guadalaxara, onde
falecerá en 1938.
“y demás camarilla de asesinos”
Darío Á. Blázquez no primeiro dos capítulos da súa
serie “Fuxidos” anuncia que dirá o nome dos perseguidos, pero non o do seus
perseguidores ou executores “porque non quero que os fillos ou netos poidan ser
aldraxados”. Dicíao en 1977, cando era un dos primeiros en recuperar a memoria dos
perseguidos. Corenta anos despois aínda fican temores a ofender a quen non se
pode sentir ofendido, porque nada fixo.
O limitado espazo non permite nin facer reconto dos
perseguidores citados polas testemuñas e que indicamos na bibliografía mínima,
pero non podemos menos que referir algúns nomes reiterados.
J. Noia conta que no hotel do Tegra houbo un xantar no que participaron, entre outros, o capitán da GC Joaquín Teresa Pomares, o tenente Buhigas e o alcalde Paco Moreno. Nel negociouse o número de mortos precisos para “limpar” a vila. Os militares puxeron sobre a mesa un número elevado, falase de trinta; o alcalde seica o logrou rebaixar a cinco. A acta de defunción destes cinco sinala como causa da morte “encuentro con la fuerza pública”. Esa “fuerza”, dinnos Noia e Urís, estaba formada por Severo Sobrino Vicente, Anselmo Fernández Estévez, “Fernandito” Jiménez Varela, Severino Fernández, Óscar Rodríguez González e algúns máis. A listaxe, segundo Urís Guisantes[12], fora elaborada “pola Falanxe Local que presidía Manuel Franco Cadilla”. O grupo inicial da Falanxe guardesa xuntouse derredor do cura Cándido Rodríguez Vicente[13] e actuaría dirixida dende Tui por José Mª Salgado Méndez Núñez e Miguel Saez Mon, verdadeiros xefes do “Escuadrón del amanecer”. A estes dous últimos entregoulles o comandante militar de Tui, capitán Eduardo Rodríguez González, a Manolo Noia, para sacarlle onde se agochaban o seu irmán Juan, Alonso Ríos e Guillermo Vicente. As torturas e vexacións e o seu asasinato aterrorizaron as xentes miñotas como da calafríos ler o relato de Josefina García Segret do que lle fixeron “Francisco Pino, Álvarez Aldir, de Santiago, Tomé, Bugarines y demas camarilla de asesinos” ao seu home, o mestre de Forcadela, a Paquiño de Figueiró, ao ferreiro de Caldelas, a Zuñiga e a Besada.
Bibliografía
mínima:
Alonso
Ríos, A. [1979] (1996): O siñor Afranio.
Vigo: A Nosa Terra.
Álvarez
Blázquez, D. (1977): “Historias de fuxidos” en La Voz
de Galicia. Serie de dez artigos (abril-xullo).
Cerecedo,
F. (1977): “Cuando la sangre llegó al Miño” en Historia 16, 19/2/1977.
García
Segret, J. (1982): Abajo las dictaduras.
Vigo: Da autora
Noya,
J. [1976] (1996): Fuxidos. Vigo:
Xerais.
[1] http://laguerracivilentuy.blogspot.com/2009/
Diario de Pontevedra, 24/4/1936.
[2] Á. Blázquez, D.: La Voz de Galicia, 10/7/1977.
[3] Rodríguez Gallardo, A. (2008): “A represión franquista no concello de
Tui” en VV.AA.: O Miño, unha corrente de memoria. Ponteareas: Alén Miño.
[4] Segundo unha información que Rogelio Martínez lle fai chegar a José
Bergamín. Ver https://rebelion.org/requetes-y-atrocidades-del-franquismo/
e Martorell https://rebelion.org/edgar-gonzalez-requetes-y-represion/.
[5] M. Reverte, J. (2005): La batalla del Ebro. Planeta: BCN; referencias tomadas do libro de
Kemp (1975): Legionario en España. Ver
tamén Southworth, H. (1986): El mito de la cruzada de Franco. Plaza
&Janes:BCN.
[6] Thomas, H. (1976): Historia de
la guerra civil española. Círculo de Lectores: BCN (p.901, t.2).
[7] Trías de Bes e Martínez Gamallo (2007): Los alcaldes de Tui del siglo XX. Pontevedra: DePo.
[8] BOE, 15/9/1938, nº 77,
p.1250
[9] AGMS-Archivo General Militar de Segovia.
[10] AIMNOR- Arquivo Intermedio Militar do Noroeste, Ferrol
[11] Sobre Buhigas ver Abad Gallego (2008): Cen personaxes en torno a unha guerra. Vigo;IEV.
[12] https://republicanosminhotos.blogspot.com/p/recuperando-memoria.html
[13] Fora o promotor de Acción Católica. Ver as memorias infantís inzadas
de estereotipos nacional-católicos de Álvarez Seoane (2007) Guerra civil en el “Baixo Miño”. Vigo: Cardeñoso.