1. ADRO.-
|
Lois Tobío por B. Guréwitsch |
“Foi fermoso vivir coa ilusión de estar
axudando a restaurar a vella casa común, encanastrada por alleos e alleeiros,
para despois enriquecela con novas construccións” Así comeza o último paragrafo
das Décadas de TL, nas que Tobío
exerce a súa memoria, relata a súa autobiografía, realiza a súas confesións e amosa,
con rotunda vitalidade, a satisfacción por ter andado o “camiño xusto”, como
lle gustaba dicir. O parágrafo continua coa ilusión desbordada “vendo con gozo
como sigue a traballar e loitar a xente moza na mesma dirección, a que
sinalaron os nosos devanceiros desde o Rexurdimento”. Entre esa xente moza a
que se refire Tobío estaba o meu compañeiro de mesa e amigo Emilio Ínsua, co
que estou encantado de partillar este relato sobre o galeguismo de Tobío.
Ese
vitalismo estoura ao escoller a derradeira liña da súa derradeira gran achega á
casa común, concluíndo, cun dos seus grandes mestres, Goëthe: “Tal como é, a
vida é boa”.
Un vitalismo e un camiñar que recoñecemos na súa novela curta A nova vida. Probablemente rematada no enceto
da esperanza que comeza tras a tráxica derrota, militar e política, que se prolongaría
durante anos en forma de case eterno exilio. Nesta súa achega póstuma, de
necesaria lectura en clave sociolóxica, tan do seu gusto, evidénciase unha
redacción inicial e unhas preocupacións propias de tempos prebélicos e de formación do nacionalismo galego a través
da historia dun Antón, apoucado membro dunha familia fidalga minorada, de quen
nin sabemos o apelido, que decide loitar por mudar a situación á que o teñen
sometido “os de fóra” (arrieiros maragatos, coireiros vascos, salgadores cataláns)
e “os de arriba” (burgueses de pluma e comercio) e ser el mesmo. Nesta
recorrente temática oteriana ou risquiana tan estendida na literatura galega
prebélica, o apoucado heroe tobiano matina con reiteración no abandono suicida,
mais ao final opta pola vida, por marchar a Cuba, aínda que como ben sabe esa
fuxida no fondo non era máis “que un suicidio sen morte”. Mais “Todo é querer”
e “Se a idea de se matar lle deu azos ¿por que non llos ía dar a arela de
vivir, de vivir ben, con sosego e paz...”. Tobío levou dun lado a
outro esas follas noveladas e deixounas como esquecidas para que o tempo
decidise se os demais as poderiamos ler. Constanza atendeu, con dilixencia
filial, a decisión dos anos.
No
amigable reparto temporal, o Ínsua e máis eu acordamos chantar as estremas no
máis tráxico lindeiro vital de Tobío, na guerra, ou nas continuadas guerras, ás
que lle tocou sobrevivir naquela década de terror que asolou Europa, e o mundo,
entre 1936 e 1945. Podemos comezar na estancia en Cuba, primeira estación do
exilio, coa rememoranza da viaxe novelada de Antón á illa grande onde, en
hipótese, Tobío deu por rematado o seu relato.
Denantes
fora un ir e vir ao servizo do Goberno da República, en Valencia, en Barcelona,
en delegación por Europa, nos países ribeiráns do Mediterráneo, na fronte do
Ebro, como tenente de artillería, como secretario xeral do Ministerio de
Defensa en contacto sempre cos galeguistas e “sintindo certa fachenda”, cando
un día viu “un enorme letreiro do noso partido no balcón dunha casa da Diagonal”.
Apañando como podía as novas dos amigos vivos, dos valorosos defensores da
República pois “Non había dúbida, a nosa xente soubera responder con firmidía e
azo ás esixencias do momento na loita antifascista”; así o escribiu nas Décadas.
Naquela
Barcelona asediada polas bombas casa cunha moza bastante máis nova, María del
Carmen Soler, e comeza o periplo da parella tras a caída de Cataluña. Primeiro
París, despois Nova York, logo Cuba ata acougar durante anos en Montevideo. A comezos
da década dos sesenta aséntanse en Madrid.
2. DERIVACIÓNS SOBRE O UNIVERSALISMO.-
Antes
de enumerar os grandes fitos tobianos do
meu período, permítanme un ir e vir no tempo cunha anécdota que, coido, pode
expresar bastante ben a concepción do
galeguismo tobiano.
A
un meu amigo, especialista en arte, propuxéronlle colaborar nunha magna
exposición, a celebrar nesa magna dilapidación de recursos que é a Cidade da
Cultura ou Gaiás. Esa gran mostra artística acollería preto de 200 obras de
pintura, escultura, fotografía etc. Houbo un tempo en que esas obras de arte,
algunhas delas magníficas, nos
pertencían a todos nós, hoxe a súa propiedade está repartida entre un banco privado
e unha fundación que depende dese banco.
O
meu amigo acolleu con entusiasmo a suxestión e púxose ao traballo. Furando e
furando, chegou a formular unha proposta baixo o rótulo de “A fiestra baldeira”.
Desbotárona de contado. A exposición cun pouso de vulgaridade e cosmopaletismo rematou
titulándose “Galicia universal”. Hai quen non comprende que para coñecer o mundo
non cómpre pasar por Madrid, que
conceptos como identidade e universalidade son complementarios, que universalismo
significa aceptación das diversidades políticas nacionais e das súas creacións
culturais e, presupón tanto o respecto a
estas como a súa defensa ante os ameazas dos imperialismos políticos e
culturais. “Nós non queriamos erguer valados, dicía Tobío, senón coidar o noso
xardín para que medrasen vizosas as flores da diversidade enriquecedora”. Nada máis
afastado da visión galeguista de Tobío que esas ideas, que na actualidade gozan
de tantos altofalantes, de que o nacionalismo é un retroceso, un elemento
desestabilizador, inviable, antimoderno, que acocha no seu escuro interior perversións
autoritarias.
Atinada
síntese a de Xulio Ríos: “O universalismo de Tobío é esencialmente político e
cultural. Nas súas intervencións nos círculos galeguistas, sempre insistía
moito no antiimperialismo, debedor quizais dunha simpatía pola ascendencia
marxista, non no sentido doutrinario, senón pola súa forte carga de compromiso
social. Afablemente Bóveda, coñecedor das súas teimas, sempre lle andaba coa
tranganilla de ¡agora que veña Tobío a darlle aos imperialismos!”
Aquel
mozo que chega a Berlín (1929-1930), sen pasar por Madrid, e de alá, da capital
dunha República que aniñaba o ovo da serpe incapaz de eliminar a verba Reich da
súa constitución, tróuxolle, para descubrirlle, a Seoane un álbum de Grosz a
quen este non coñecía e faloulles aos seus amigos de Brecht e “do absurdo e da
miseria da guerra, a ridícula fachenda da nova burguesía especuladora, a tesa
arrogancia dos militares de monóculo e dentes de cabalo e o aire brutal das
camisas pardas”.
Retornando
ao meu amigo. Carlos Bernárdez; formulou a súa proposta en homenaxe á obra teatral de Rafael Dieste, o ideólogo
de toda unha xeración artística que procuraba xunguir identidade e
universalidade: os Maside, Colmeiro, Seoane etc.; pero tamén para chiscarlle o
ollo a aquel rapaz distraído, reverencioso e xovial, amábel e escaravellador que andaba a apañar
palabras e lendas nun feixe de papeis; aquel mozo afábel que atopa o xeito de desenlear a
tirapuxa teatral.
Recórdanos
Tobío nas Décadas que escoitou a
lectura da obra, aínda inédita, na casa de García Sabell. Publicouse en 1927. Hai
quen quere ver no personaxe do intelectual mediador amigo do pintor, que o
autor bautizou como Nogueira, trazos do Tobío mozo, aínda que poida ser que o
que se aprecien sexan riscos comúns a aquela fornada de mozos que se xuntaron
no Seminario de Estudos Galegos ou en xeral a un Solobio ou un Dumbría en proceso de descuberta
dunha cultura nacional oculta.
3.
DOUS TRAZOS DUNHA PERSONALIDADE.-
Sempre
que matinamos na vida e na actividade pública do viveirense chámannos profundamente
a atención dous aspectos. Primeiro, a pesar de que dende 1933 non volveu
residir, de forma permanente, en Galiza, o seu pensamento e a súa acción
política, cultural, intelectual, sempre estivo presidido polo “camiño certo” da
afirmación dunha nación negada e urxida da permanente necesidade de afirmación.
A
identificación co destino do seu país é a cerna do pensamento tobiano que ten a
súa xénese nos seus anos mozos marcados a ferro pola traxedia e a nova Europa
que nacía dos rescaldos da Gran Guerra, aparentemente sufocados en Versalles. O
seu galeguismo xurdía da lúcida percepción de que non todas as nacións europeas
puideron abrollar despois da desfeita dos imperios decimonónicos e que ese
feito e o forzado deseño do mapa europeo, nomeadamente no caso alemán,
achegaban altas doses de inestabilidade á explosiva realidade condicionada
polas vellas pulsións imperiais e a dexeneración moral e política representadas
polos fascismos varios.
Coñeceu
de primeira man estas tensións cando no inverno de 1929 chegou ao Berlín que
anunciaba o ascenso nazi e alí conviviu, e sobre todo confrontouse, con Risco,
como este último deixou recollido no seu Mitteleuropa.
Por iso Tobío consideraba que as pequenas nacións poderían ser comprendidas
dende os postulados do marxismo e de formulacións políticas concretas por el
inspiradas que viñan de admitir a independencia de Finlandia, Estonia, Letonia,
Lituania, Polonia..., pero non dende os preceptos reaccionarios cos que
comungaba Risco. Por certo que ao mellor pódese tomar como mostra de tolerancia
entre os que coinciden parcialmente pero manteñen profundas diverxencias que
fose na revista dirixida polo ourensán onde Tobío deixou escrito que:
Non
que, obxectivamente, eisista un esprito do pobo, un “volkgeist”, máis ou menos
místico.O esprito d´un pobo, a i-alma d-unha comunidade natural, eisiste
somente coma “representación” na conciencia dos individius e n´iste senso
subxectivo pode ser sentido e amado; en verdade, somente se poden sentir e amar
as “representacións.
Tobío
era un fillo dos 14 puntos do presidente Wilson, formado no respecto ao dereito
internacional de autodeterminación e soberanía das nacións e na procura do
punto de encontro entre a esquerda social,a democracia e a libre determinación
das nacións. Como Castelao, Tobío nunca se reclamou do marxismo, mais consideraba
esta ideoloxía como próxima, non só como un método de análise senón tamén como
proxecto de xustiza social. “O marxismo é un dos sistemas mais pretos da
realidade (....) Quen non esteña ben penetrado da lóxica real do marxismo non
poderá enxergal-o, nin poderá enxergar toda a forza de verdade que n-il
latexa”, escribía en “Nós” en 1931. Nese achegamento
exerceu grande influencia o seu mestre
en Berlín, Herman Heller, socialdemócrata marxista, para quen o elemento
esencial do estado é a cidadanía que atopa no desenvolvemento da constitución o
recoñecemento dos dereitos civís e da igualdade social só alcanzábeis pola vía
da democracia e da acumulación de reformas políticas e sociais.
Era
o seu un galeguismo xerminado nos desastres da grande guerra e nos anceios de
xustiza social que estourara coa revolución rusa. Tocoulle ver como aquel mundo
ficaba varrido polo rearme imperial do sistema de bloques e a imposición dos
autoritarismos imperiais, dentro e fóra dos propios imperios.
Seméllame
significativo o aparente detalliño que relata a súa filla, Constanza, no
libriño co que se lle agasallou por mor do seu 95 aniversario. Na casa, a súa
muller, Melu, sempre lle chamou Lois. Coido que nesta identificación hai moito
mais que unha simple anécdota. Nesta ausencia-presenza, salvando as distancias
temporais e ideolóxicas, Tobío lémbrame o Pai Sarmiento que vivindo en Galicia,
aínda menos tempo que Tobío, dedicoulle á súa cultura ímprobos esforzos.
O
segundo aspecto que me chama a atención é o seu sentido do necesario, da
oportunidade, do matinar no futuro, de ollar para adiante, de achandar camiños,
en definitiva de estar aberto á innovación e á vangarda. Así era Tobío tanto no eido
persoal
como no ideolóxico ou o político. En todas as grandes iniciativas políticas do
nacionalismo da primeira metade do século XX aparece Tobío, xa se referiu a iso
o amigo Ínsua. Tobío non é personaxe que procure o foco, senón o fogueiro que
subministra ideas á locomotora, o mediador que sabe da importancia do diálogo,
do contraste de pareceres, mais tamén da necesidade de achegar posicións entre
os que participan do mesmo proxecto.
Temos
aí ao Tobío de vangarda, non o vangardista, senón o que roza o camiño, o “camiño
xusto”, diría el, os múltiples e variados camiños polos que se debe expresar a
vitalidade creadora da nación cidadá en construción permanente. Non é un
destemido botado para diante pero tampouco un simple compañeiro de viaxe, senón
un traballador consciente dos moitos eidos nos que labrar dende a conciencia colectiva.
4. TRES
FITOS DO SEU ACTIVISMO GALEGUISTA
Sobre
o seu activismo galeguista digamos que Tobío está ao coidado da máquina en tres dos grandes fitos do galeguismo
político de posguerra no exilio: a formación do Consello de Galicia, o Congreso
da Emigración do ano 56 e a edición dos dous primeiros volumes do inacabado
proxecto de edición da Grande e General Historia en denominación do seu gran
amigo Otero Pedrayo.
4.1 O
CONSELLO DE GALIZA
Camiño
de Bos Aires Castelao detívose en Montevideo o 17 de xullo de 1940. Tobío
estaba agardándoo, xunto a moita outra xente. Naqueles anos o rianxeiro regresou
en varias ocasións a Montevideo. Mais en maio de 1944 fíxoo para falar en
privado con Tobío dun proxecto ao que lle andaba a dar voltas e que ao final denominaríase
“Consello de Galiza”. Esta fora a denominación que escolleran Carballo Calero e
mais Tobio para o goberno galego no Anteproxecto de Estatuto que fixeran para o
Seminario de Estudos Galegos.
Tobío
fornécelle algúns datos concretos a Valentín Paz Andrade cando o vigués andaba
a traballar no seu Castelao na luz e na
sombra nunha carta asinada en Madrid o 30 de maio de 1981:
En
maio de 1944 foi Castelao a Montevideo e quixo falar conmigo verbo do instalación
do Consello de Galicia. Eu dinlle algunhas ideias sobre a forma xurídica que se lle podería
dar. Pideume que lle mandara por escrito esas suxerencias. Fíxeno. A eso se
refire a carta que che adxunto fotocopia. O Consello constituírase logo en Bos
Aires. En Montevideo nomeouse un representante que seique foi Canabal (non
estou seguro). O Consello, como sabes, estaba integrado polos diputados galegos
no eisilio. En Montevideo non había ningún.
Aos
poucos días de visitalo en Montevideo Castelao
envíalle unha carta na que ademais de
achegarlle uns documentos xa vellos pero que podían ser de
interese para Tobío agradece as súas opinións e queixase dos que só fan
confundilo:
Cheguei preñado de canto ti me dixeches.
Certamente eu necesito de tí, porque xa non teño tempo de improvisar o camiño
que nos leve ao interior. Tampouco teño a miña beira quen me axude nos
traballos, pero abondan e sobran os que me enterrumpen e confunden. Faime o
favor de mandarme os esquemas que che pedín. Eso será ouro para min. Non te
esquezas.
Tobío
sempre lamentou que as cartas e documentos referidos ao proceso de constitución
do Consello de Galiza ficasen, por consideralos perigosos, en Montevideo cando
se trasladou a Madrid. Deixounos ao coidado pero os avatares da vida levaron ao
seu extravío. En calquera caso consideraba que o substancial do que el
aconsellou era coñecido: construír un soporte legal da lexitimidade política do
Consello sobre o concepto dun órgano fideicomisario da vontade da autonomía do
pobo galego, depositada nos seus deputados electos en febreiro de 1936. Tobío
foi pois o inspirador xurídico do proxecto que se presentou en publico, no
Ateneo de Montevideo, o 30 de xuño de 1945. Di Tobío:
Castelao
foi nomeado presidente e, como tal, actuará en representación de Galicia, xunto
cos vascos e cataláns, en Galeuzca, restaurada no exilio, máis adiante entrará
co mesmo carácter no goberno da República Española que se constituíu en París
presidido por Giral
Castelao
sempre devecera por ter a Tobío á súa
beira. Conta Carlos Casares, na súa colaboración no libro Homenaxes a Tobío, que entre os retallos da memoria das súas
últimas conversas con Piñeiro lembraba que este lle contara que na altura de
1937 barallouse a posibilidade de nomear a Castelao embaixador da República en
Bos Aires. Co asunto avanzado, o rianxeiro reclamou unha persoa de confianza
para que o acompañase e que fose Lois Tobío. Seica as autoridades do Ministerio
de Estado consideraban imprescindible a presenza de Tobío en Sofia polo que lle
denegaron a petición. Castelao pensou entón en Carvalho Calero. Mais daquela as
cousas pintaban feas para a República, produciuse unha crise que rematou coa
substitución á fronte do goberno de Largo Caballero por Negrín. Giral asumiu entón
o Ministerio de Estado e o nomeamento prometido ficou en suspenso. Castelao
sempre pensou que fora cousa de Giral que, na reviravolta do camiño, estará á
fronte do goberno no exilio cando Castelao sexa Ministro grazas, entre outras
cousas, a lexitimidade que achegaba presidir o Consello de Galiza despois de
que a autonomía acadase o seu pleno recoñecemento nas Cortes Republicanas
reunidas en México uns meses antes. Castelao sería fiel a Giral.
O
final da guerra, o novo panorama internacional de bloques, a morte de Castelao,
a continuidade do franquismo, a división entre o galeguismo do interior e o do
exilio e o falecemento da maioría, pero non de todos, os deputados
fideicomisarios, arrastraron ao Consello de Galiza á perda de iniciativa e ao
esmorecemento paulatino. É ben certo que a iso tamén axudou que o goberno
autónomo galego nunca se chegase a
constituír como tal a diferenza do vasco e do catalán, mais non explica na súa
totalidade o gran desatino que foi permitir que secase a fonte de lexitimidade
democrática e autonomista que representaba o Consello de Galiza.
A
autonomía galega pagou un alto prezo por tal desleixo. No momento da reforma do
franquismo e do restablecemento das autonomías históricas, púxose á fronte dos
órganos preautonómicos persoeiros procedentes do réxime ditatorial, mesmo
fondamente comprometidos coa represión franquista e inmersos na operación de
adecuación das elites da ditadura aos novos tempos anunciados pola morte de
Franco. Non só non se respectou, nin sequera se reclamou, a continuidade
histórica da lexitimidade democrática e republicana representada polo Consello
de Galiza, senón que nin se considerou a posibilidade de que Antón Alonso Ríos asumise
ese papel simbólico e momentáneo como fixeron Leizaola ou Tarradellas no caso
vasco ou catalán respectivamente. A liña da continuidade democrática
interrompida pola sublevación militar representada por Aguirre, Irla e Castelao
ficou esbarroada no caso galego e un personaxe como Rosón converteuse en
presidente de Xunta preautonómica.
E
non só iso, senón que a ninguén se lle ocorreu nin sequera solicitar a
colaboración de Tobío, levaba máis de vinte anos residindo en Madrid, na
redacción do actual Estatuto ou simplemente demandar a súa opinión.
Entre
outros moitos factores, coido que este corte na lexitimidade democrática pode explicar,
en parte, tanto a despreocupación
popular nos momentos iniciais da autonomía, fóra do momento da aldraxe, e mesmo
a posterior e actual languidez das institucións autonómicas. mais tamén a certa
orfandade na que medrou o renovado e xuvenil nacionalismo galego dos primeiros
anos setenta que impediu que este non só non asumise un papel comprometido no
proceso autonomista senón que pola contra, na procura da súa propia forte
identidade, se desmarcase do proceso e se enfrontase a el, cometendo un erro de
perspectiva histórico que o sumiu nunha fochanca de marxinalidade da que tardou
moito tempo en ser quen de emerxer. Quen nos dera daquela poder chegar aos
consellos de quen sabía e de quen, como di Paco del Riego ·Nunca lles negou
consello a quenes o necesitabamos”.
4.2 O
CONGRESO DA EMIGRACIÓN.-
Seis anos despois da morte de Castelao,
o Consello de Galiza, presidido por Antón Alonso Ríos, acordou convocar o 1º
Congreso da Emigración Galega coa evidente intención de reagrupamento e
coordinación dun proxecto galeguista debilitado pola morte do rianxeiro, a continuidade
do franquismo e a escasa perspectiva da súa data de caducidade.
A decisión de celebrar o Congreso
que reunise os emigrantes en América tomouse na xuntanza extraordinaria do
Consello de Galiza do 2 de xaneiro de 1956. Acordouse celebralo en Bos Aires
entre o 24 e o 31 de xullo de 1956, datas escollidas para conmemorar o
Centenario do Banquete de Conxo. Nomeouse unha comisión organizadora integrada
basicamente por representantes da comunidade bonaerense, reunidas arredor a figura de Manuel Puente, mais que
non recollía outras sensibilidades, ou cando menos non coa intensidade da que
eran merecentes, como no caso da Federación de Sociedades Galegas, e deixaban fóra
outras como a Asociación Galega de Universitarios, Escritores e Artistas (AGUEA)
que se expresaban a través da revista “Galicia Emigrante” que dirixía Luís
Seoane.
Coñécese moi ben o seu desenvolvemento pois a Editorial Nós de B. Aires
editou as Actas do Congreso. Realmente non son unhas actas, senón unha múltiple
e variada documentación sobre os preparativos e o desenvolvemento da reunión
que se publicarán tres anos despois da súa realización.
En 2006, coincidindo co cincuenta
aniversario da súa celebración, o Arquivo da Emigración do Consello da Cultura Galega publicou unha edición facsímile das Actas.[16]
No estudo
previo, Marcelino Fernández Santiago valora que:
A pesar do escaso tempo desde a convocatoria do Congreso até o seu comezo,
rexistrase unha importante participación, xa que asisten un total de 134
delegados e están representadas 60 sociedades. A case totalidade das sociedades
participantes son entidades dos países do Río da Prata, cunha moita menor
participación e relevancia das sociedades doutros ámbitos xeográficos pois, do
total de entidades adheridas, 45 son institucións galegas con sede en Arxentina
e Uruguai.
Tobío é reclamado de novo para
facer de locomotora para que o tren pite e ande. Foi o encargado de elaborar o
“Manifesto”, o “Temario” e mais o “Regulamento”, mediar nos momentos de tensión
e organizar o desenvolvemento dos actos.
No “Manifesto” , o de Viveiro, refírese
á decisión do Consello de Galiza de
organizar o Congreso en coincidencia co Centenario do Banquete de Conxo evidenciando
así unha continuidade no proxecto ideolóxico político galeguista:
Por iso decidimos convocar este Congreso da Emigración Galega n-este ano de
1956. Coincidirá co centenario do “Banquete de Conxo” feito de fondo siñificado
na historia do noso Rexurdimento. Naquel sonado banquete, estudantes e
obreiros, irmanáronse afervoadamente baixo a dobre inspiración do amor á
democracia e do amor a Galiza. As verbas ardidas do bardo Pondal e do poeta Aurelio Aguirre que resoaron coma
voces de profecía baixo a ramallada da vella carballeira e seguirán resoando
arreo ao longo dos anos, serían recolleitas por xeración tras xeración de
galegos, inspirando os seus esforzos a prol do avance e felicidade e liberdade
da sua Terra. I-é axeitado poñer un Congreso da Emigración Galega baixo o siño
do Banquete de Conxo porque no esprito dos que n-iste participaron bulían os
ideaes que deben inspirar aos emigrantes galegos: a irmandade antre a mente e o
brazo, antre o inteleitual e o traballador manual, o senso de igualdade humán,
o principio de liberdade democrática, o amor aitivo á Terra galega e a arela de
vela ergueita e ceibe.
O Manifesto é unha chamada ás comunidades
da emigración porque esta “ten chegado xa a un intre, na súa evolución, en que
precisa tomar conciencia de sí mesma e autodeterminar os seus rumbos”. A
convocatoria parte coa esperanza de que “representará un importante paso na
empresa cada ves máis urxente e ineludibre, de estroituración da Galicia
Emigrada”.
Na súa análise da emigración
galega, Tobío considera que esta:
Insértase ela dondamente, sin brusquedade nin violencia na comunidade que a
recebe (“o galego non foi a turbare ningunha inocencia” dí , maxistralmente,
Otero Pedrayo) como un regato que deitara mainiñamente as súas augas. E logo
axéitase de contado á nova vida, ao novo meio, orixinando un mínimo de
friccións, establecendo fíos de cordialidade, irmandade e convivencia sinceira
e fonda coa xente do país. I-elo –i-eiqui ven o interesante e cáseque o
miragroso- sen desfacer e liquidar a sua condizón galega
Tobío argallou o desenvolvemento
do Congreso en tres grandes palestras. Na primeira afrontouse o estudo do pasado
migratorio dende as orixes nas migracións andoriñas a Castela e Andalucía ata a máis duradeira emigración
americana do século XIX. Así como a análise dos centros de atracción migratoria
e as razóns para o funcionamento destes. Así como as características psicolóxicas e sociolóxicas do emigrante e as
súas creacións mutualistas, culturais e recreativas e empresariais, no pasado. Na
segunda palestra analizouse o presente, naquela altura, da migración
galega e as súas características xerais
nas máis importantes zonas de
concentración.
|
Capa do programa de man do Congreso.
Obra de Leopoldo Nóvoa. Arquivo L. Tobío |
O máis denso dos paneis
argallados foi o terceiro que atendía ao futuro da emigración e amosaba tanto o
espírito de ollar “máis alá”, propio de Tobío, como o seu xeito pragmático de
entender a acción política. A densidade temática fixo que esta terceira
palestra tivese catro desenvolvementos parciais.
Para esmiuzar o problema do
emigrado comeza por preguntar se convén promover ou restrinxir a emigración,
inquire sobre vantaxes e prexuízos. Sobre a forma de organización da mesma,
cuestiona se os estados e as entidades de migrantes deben intervir na súa
orientación ou ben se non se debe coutar a libre determinación individual.
Así mesmo abriu o debate sobre as
mínimas condicións de saúde, capacitación e alfabetización; desenvolvendo en
maior detalle o rol das sociedades galegas tanto na asistencia ao emigrado a
través de bolsas de traballo, axudas económicas, asistencia médica gratuíta,
axudas para os repatriados etc.; como na capacitación do emigrado a través de
escolas, centros de formación profesional e artística. Non deixa Tobío de
presentar a consideración aspectos máis sutís como o senso ético do emigrante e
a súa tendencia ao “afroxamento da sensibilidade moral” e “ a necesidade de
conservar os “standards” éticos”.
No segundo apartado deste terceiro
panel, Tobío propón a reflexión sobre as
sociedades mutualistas como máxima creación da emigración e expresión do
cooperativismo tradicional e o estudo das posibilidades de estender a súa
acción á sanidade, beneficencia e cultura así como as posibilidades de
coordinación entre as sociedades mutualistas dentro de cada país e coas doutros
países. Finalmente propón abordar o “rol espritoal” das mutualidades fomentando
a relación entre Galiza e as nacións americanas estudando polo miúdo o influxo
de América en Galiza, e a inversa, a través dos emigrados.
|
Programa de actividades do Congreso |
Non se lle escapa orientar os
debates cara á vida económica e facelo
con ese profundo sentido da xustiza social sempre presente no pensamento
tobiano e presenta directamente cuestións como: “Comenencia de adicarse a
aitividades productoras: vantaxes para o país e para o emigrante. Os perigos
das aitividades económicas parasitarias (especulación, usura), e necesidade de
manter ao noso emigrado arredado d´elas”; para de seguido presentar:
A acción dos galegos emigrados cara á vida económica galega. Posibilidades
de aituar n´ela. Dificultades, e maneiras de vencelas. Axuda do emigrado á
economía familiar galega, valor d´esta axuda e efectos na aitividade económica
xeral. Ingreso en Galicia de capitales emigrados, Empresas fundadas por
emigrados que volven.”
O derradeiro apartado deste
terceiro e complexo panel sobre o futuro, está dedicado á cultura. Partindo das
accións concretas, por exemplo a axuda a empresas culturais da Terra e a
urxencia de acrecentala (en referencia indubidable á editorial Galaxia pero non só), o apoio ás grandes
empresas culturais que explícita: a “Historia de Galiza”, aclara Tobío, en camiño
de cumprirse, (descoñecía que o proxecto retrasaríase en demasía e sería el
mesmo que terá que arrimar de novo o ombreiro para botalo adiante) ou o Gran
Dicionario Galego, proposto no relatorio do interior. Aspectos aos que nos
referiremos máis adiante. Nesa visión ampla da cultura que ten Tobío, non reducida
á literatura, presenta a necesidade de fomentar o teatro, as artes plásticas, a
música e a difusión da cultura a través de diarios, revistas, editoriais e da
radio.
Finalmente postula o debate sobre a lingua galega e a “Obriga de gardala e
cultivala como herdo, o máis valioso, da nosa cultura. Aititude da emigración
galega cara ás medidas de persecución –aberta ou disimulada- da nosa lingua.
Necesidade de crear crases elementaes e crases superiores de lingoa e
literatura galega na terra e na América”. Remata propoñendo a reflexión sobre as
achegas da emigración ás culturas nacionais dos países americanos e os xeitos
de realizalas.
No regulamento Tobío argallou
comisións para os tres grandes paneis; o terceiro ficou dividido en tantas
comisión como apartados temos sinalado. Deseñou o acto de apertura e clausura e
os distintos pormenores dun congreso destas características. Resolveu, con
habilidades varias, a participación no mesmo, dándolle a cada sociedade un
voto, asistisen as persoas que asistisen; outorgándolle voz e voto a
editoriais, revistas, periódicos e audicións radiais e tamén a todas as persoas
que polo seu labor destacado fosen convidadas pola Comisión Organizadora.
Aquí terá que lidar, con éxito,
en momentos de tensión como o xerado por non convidar a participar na
organización a AGUEA, “chata que mesmo hoxe non me dou explicado”, comenta
Tobío nas Décadas. Tivo pois que
botar man das súas dotes diplomáticas para evitar primeiro o boicot, por parte
das persoas agrupadas arredor da
“Galicia emigrante”, a revista que dirixía Luís Seoane, e conseguir que, ao
remate do Congreso, a casa común ficase reforzada. Cóntao así Tobío nas Décadas (p.592):
Cando chegamos a Buenos Aires os delegados de fóra para participar no
Congreso, fomos invitados polos de AGUEA a un xantar ao que asistimos gustosos
pero que veu ser unha “encerrona” pois, ao remate de el, Blanco Amor, coaquela
súa verba engaioladora, quixo convencernos de que debiamos boicotear o
Congreso. Pero xa era tarde para tomar unha tal decisión, anque estivese
xustificada. Prometimos, porén, unanimemente, intervir para que se remediara aquel
erro e así o faremos, conseguindo que a AGUEA fose, ao cabo, invitada a
participar como era xusto. E na sesión solemne en que se aprobaron as
ponencias, o meu vello amigo Antonio Baltar pasou a formar parte da mesa, en
representación da AGUEA, entre os afervoados aplausos de todos.
Será tamén Tobío quen xestione a
colaboración de Leopoldo Nóvoa, residente na altura en Montevideo, no deseño do
programa de man como, posteriormente, tamén logrará implicalo na edición da Historia de Galiza que dirixía Otero
Pedrayo.
Tobío interveu o día anterior á
clausura, nun dos actos culturais que arrouparon o Congreso e que tivo lugar na
sede do centro Galego de Bos Aires no nº 21999 da rúa Belgrano, á beira de Emilio González López, residente en
Nova York, e de Xerardo Álvarez Gallego, exiliado en La Habana. Faino tamén no
acto de clausura, o 28 de xullo, como autor do
“regulamento”, do “manifesto” e do “temario”. O labor de Tobío recoñéceo
con intensidade o Presidente da Comisión Organizadora, don Manuel Puente, quen
no resumo publicado[20] do seu
discurso na sesión de clausura di:
Mais teño a obriga de siñalar e de eisaltar a quen foi autor e alicerce que
posibilitou o éisito. Os organizadores tivemos senso de responsabilidade e,
naturalmente, acudimos a un irmán sabido para que nos fixera unha laboura que
nós, homes emigrantes sen preparación nin capacidade inteleitual, non podiamos
facer; a saber: a estroituración literaria, temática e regulamentaria do
Congreso. E acodimos a un irmán que vive en Montevideo, quen, pola súa
sinxeleza, -belida fror espritoal-, pola súa caridosa comprensión da maneira de
ser, do sentir e do pensar dos irmáns emigrados, e ademais polo seu afervoado
patriotismo galego, ceibe de infruencias alleeiras, úneca i escrusivamente
comprometido coa Terra sagra, coa Galicia nai…; ise irmán a quen nós e a patria
lle estaremos por sempre agradescidos, é un home que nos honra eiquí coa sua
compaña; don Lois Tobío.
Mais non todos os que presentaron
comunicacións ao Congreso eran emigrantes ou estaban no exilio, tamén
participaron os do “exilio interior”, comezando por Otero Pedrayo que envía ao
Congreso un breve relatorio manuscrito, reproducido en forma facsimilar na
documentación do Congreso baixo o encabezamento “Mensaxe do esgrevio
dianteiro da cultura galega: Don Ramón Otero Pedrayo”. Tobío destaca nas Décadas a importancia deste breve e
emocionante escrito de Otero.
Dº Ramón asina tamén - xunto co
R. Cabanillas, Rof Carballo, García Sabell, Carballo Calero, Celestino F. de la
Vega, F. Fernández del Riego, X. Illa Couto e Ramón Piñeiro- outro relatorio,
presentado na Comisión cuarta do terceiro panel: “A emigración galega e-a
cultura”, no que se nota a man de Piñeiro e que debe ser unha das primeiras
formulacións escritas do que se deu en denominar “piñeirismo” ou “culturalismo”
que se plasmaría na célebre reunión de 1958 na que o grupo “Galaxia” entregou a
Perfecto López, do grupo de “Bos Aires”, un extenso informe[21]
no que se fixaban as posicións do chamado “galeguismo do interior” e que
provocaría o posterior afastamento entre os dous núcleos do galeguismo, aínda
que esta distancia xa viña da década anterior, dos momentos previos ao
nomeamento de Castelao como Ministro no Goberno da República.
O relatorio remitido dende Galiza
céntrase na defensa do idioma como empresa común dos galegos e fai dúas
propostas: a elaboración do Gran Dicionario Galego e a creación dun Padroado da
Cultura Galega. A primeira sería un profundo labor de estudo da lingua:
Para procedéremos metodicamente na posta en marcha distes estudos, temos
que comezar, necesariamente, pol-a publicación escrupulosa de todol-os materiás
lexicográficos que van integrar o futuro gran Diccionario.[22]
Estes serían, a publicación de
documentos medievais esquecidos nos arquivos, de textos medievais con
comentarios críticos e doutros inéditos, de vocabularios (Sobreira, Sarmiento,
Cornide, Pintos, Leiras Pulpeiro e nomeadamente o de Eladio Rodríguez) e
finalmente a recollida da lingua viva en monografías lexicográficas. Para
afrontar estes labores é para o que propoñen a creación do Padroado:
Para artellar a adecuación entre os medios económicos e mail-os medios
técnicos que se precisan, sen que a adecuación perda continuidade,…[23].
Dende o punto de vista histórico
e ideolóxico teñen máis interese os dous primeiros epígrafes denominados
“Siñificado da cultura” e “Idioma e cultura”, respectivamente, no que son
constantes as referencias á cativeza de
Galiza no marco europeo, ao seu carácter de “pobo” xa que se expresa como unha
cultura “peculiar”, isto é unha “unidade espiritoal” que ten a súa máis
representativa expresión no idioma.
|
Lois Tobío, baixo o sinal, e outros participantes no Congreso (Puente, Dieste, Pepe Velo, L. Seroane...).
Tomada de Galicia emigrante |
Ao respecto da división entre os
“galeguistas do interior” e os de “Buenos Aires” ou se se quere entre
“culturalistas” e “políticos”, Tobío mantén unha posición intermedia, quizais
derivada da súa experiencia política e diplomática. Dicíanos:
Ben, non hai que facer unha división tan radical e esquemática, porque
entre os culturalistas había individuos que tiñan senso político e entre os
políticos había moitos individuos que traballaban na orde cultural. Todos
discutiamos, pero por riba estaba o mesmo sentido da galeguidade, que era o que
nos unía a todos e que se impuña a todo”. Para logo engadir: “Non se durmiu ao
PG: deixar que non actúe dunha maneira activa, puxante, nun determinado
momento, non quere dicir que iso supoña unha perda de espírito. Aqueles que
parecían soamente políticos eran tamén culturalistas, e viceversa. Eu falaba
con todos eles, uns e outros tiñan o mesmo obxectivo. O que pasa é que había
quen lle daba máis importancia, nun momento, a un aspecto, e outros que lle
concedían máis importancia a outro, pero todos tiñan os dous aspectos presentes.
Era nas tácticas onde podían discrepar, pero só lixeiramente. Máis política ou
menos política, máis cultura ou menos cultura, non deixaban os políticos de
facer cultura nin os culturalistas de facer política.[24]
4.3 TOBÍO EDITOR
Ao pouco de que o Consello de
Galiza convocase o 1º Congreso da Emigración e cando Tobío estaba inmerso nos
labores preparatorios, Rodolfo Prada, en carta datada o 23 de febreiro de 1956,
demanda de Tobío unha primeira colaboración nun proxecto editorial: “Agora teño
o gosto de cumprir outro encárrego para vosté. Trátase do seguinte: da
grandeira obra, que patrioticamente financia noso esgrevio amigo Don Manuel
Puente, da Historia de Galicia”. A seguir
coméntalle que naquela altura recibiran os orixinais dos dous primeiros
tomos e que “xa istán sendo imprensados. Don Manuel contratou o traballo ca
imprensa López de ista cibdá (a mesma que fixo o libro “As cruces de Pedra na
Galiza” de Castelao), en 400 e pico mil pesos. Amáis delo, os grabados custarán
uns 150 mil pesos. Isto lle dará ideia da importanza da obra”.
Infórmao de que a edición está a
cargo de “Luís Seoane axudado por mín” e
preséntalle a demanda de colaboración:
Agora ben, témolo probrema da correición das probas, non pola correición
(…), senón pola necesidade de unificar a ortografía dos varios traballos de
diferentes autores. Elo comporta unha responsabilidade que somentes pode ser
asumida por persoa autorizada por unha outa preparación intelectual e amplo
conocemento da nosa lingua, pois vai toda a obra en idioma galego. Con Otero
Pedrayo tense acordado que se faga a primeira corrección, - e conseguinte
unificación ortográfica e lingüística-,
eiquí, enviándose a éle a derradeira proba para sere revisada e conformada
alá.
Agora ben, Seoane e máis eu entendemos que vosté é a
persoa máis calificada nas terras do Plata para laboura tan importante. Don
Manuel atopou perfeita a eleición e fíxome o encarrego de lle escribir
propoñéndolle isa colaborazón e pregándolle queira aceitala, a base,
naturalmente, de lle compensar cos honorarios que correspondan, xa que o
traballo será fadigoso e lle demanadará tempo que vosté perdería de adicar a
labouras periodísticas ou editoriaes que lle rinden beneficios.
A imprensa xa entregou as probas dos primeiros
traballos: o Prólogo e a Descripción Xeográfica de Galicia, ambos de Otero.
A carta de Prada remata cunha
posdata: “Eu permítome apelar afervoadamente ao seu patriotismo galego, para
que faga o sagrifizo de aceitar o encárrego”.
Lois Tobío, sempre disposto a
realizar os imprescindibles traballos de intendencia, asumiu, primeiro o labor de transcribir e unificar a
ortografía, tarefa nada doada xa que como el mesmo lembra: “Algúns dos
traballos estaban escritos a man con letra a veces non moi clara, a comezar
pola de Otero, e a ortografía era dabondo diferente duns a outros”[25]. Aceptada
a petición inicial, os problemas xurdidos tanto coa imprenta como por outros
motivos, fixeron que a publicación se fose adiando. Cinco anos despois da carta
de Prada aínda non se publicara o primeiro tomo nin tiña moitos visos de
facerse realidade. Este atraso e mesmo o perigo de que a edición non se
realizase foi o que levou a Tobío a asumir todo o labor editorial,
correspondendo deste xeito á petición que lle fixeran na súa casa de
Montevideo, Manuel Puente, Rodolfo Prada e Carlos Abraira. No complexo do labor
editorial redunda M. Puente:
(…) doume perfecta conta do enorme
traballo que siñificou para vostede por en orden os orixinás e todo o demais de
clichés etcétera; o desorden nos orixinás non foi por falta das nosas
recomendacións, que chegamos a pedirlle se puxeran dacordo na unificación do
idioma etcétera (…)[26]
No seu arquivo persoal, Lois
Tobío conservou unha serie de documentación (correspondencia, facturas,
deseños, etc.) referida á edición dos
dous primeiros volumes, entre a que cómpre salientar unha boa morea de cartas
que nos achegan ás múltiples dificultades, nomeadamente económicas, que tiveron
que superar todos os colaboradores, fosen estes autores, correctores,
deseñadores ou fotógrafos. Só superadas con esforzo e dedicación. Sirvan estas
liñas para recoñecer o seu labor.
A comezos do ano 1961 Tobío
asumirá o labor de coidar da impresión dos traballos que estaban realizados.
Manuel Puente comunícalle,[27]
enviándolle copia da carta que cursara, uns días antes, a Otero Pedrayo, que:
... baixo a miña responsabilidade económica vostede está autorizado por min
para resolver todo o necesario para a impresión da Historia de Galicia
–confírmolle a vostede o que lle escribín a Don Ramón, e convimos personalmente
na súa casa- esto é que lle ordene a Don Ramón ou conveña cos colaboradores
desiñados ou outros, o que vostede considere necesario para a termiñación da
obra.
A confianza de Puente en Tobío é
absoluta, na mesma misiva engade:
En canto ós materiaes no seu poder –colaboracións, debuxos e mapas- proceda
tamén con toda libertade –o que non lle guste desbóteo- e co que sirva proceda
a facer imprimir os primeiros tomos contratando como mellor lle pareza, é
avisándome solamente para abonar as cuotas que vostede conveña.
Como comentamos, coa carta
anterior M. Puente mándalle a Tobío copia da que lle enviara a Otero. Na mesma
Puente explícalle ao director da publicación as razóns do atraso da impresión:
Estou seguro que vostede estará estrañado da falta das miñas noticias, en
tanto tempo, pero pódolle asegurar que naides como eu estaba sofrendo por non
poder escribirlle algo satisfactorio encol da empresa que me comprometín coa
patria –de facer imprentar a Historia de Galiza- pero ese compromiso non
dependía solo da miña vontade, que nunca faltou, si non en primeiro lugar, que
de ahí mandaran os traballos debidamente ordenados, e en segundo lugar que a
persoa que aquí se comprometeu a dirixir a impresión cumplira.
¿Si os dous puntos esenciales me
fallaron que podía facer eu?
Si co primeiro cumplín poñendo
ahí os fondos necesarios para pagos de mapas e colaboradores, co segundo aínda
máis, contratando coa imprenta en base a “Maquet” os detalles elaborados polo
mismo responsabel-contratado cos clichés etc, a imprenta aboneille a primeira
cuota ($ 37.500) que creo perdida, fixen entrega de todos os materiales que
estaban no meu poder, testos, debuxos, mapas, e nada se fixo, a imprenta di que
se perxudicou coa perda da composición e esixe novo contrato a novos precios,
15 ou 20 veces máis caros, -¿podía eu volver a confiar para contratar de novo
cos novos aportes que tamén se perderían?.
Cando vostede estuvo eiquí,
dixen eu nunha xuntanza que a Historia de Galiza se faría e dende entonces
pasei intres moi amargos, sin saber que facer, - a parte de ahí pensei que
podía remediarse pero- ¿cómo resolver o de aquí, si pensaba que o sucedido
tocaba os bordes de un sabotaxe?
Polo esposto darase conta dos
motivos de non escribirlle, fago oxe ledicioso pola seguridade que teño, de que
por fin teremos a Historia de Galiza –gracias á vontade, capacidade e
patriotismo de un gran galego, que enterado das dificultades con que eu me
encontraba, ofreceuse patrioticamente, a encargarse el, de correr cos traballos
da impresión, estoume referindo a Don Luís Tobío.
Comprenderá vostede a
tranquilidade que oxe enche o meu espritu, - e a alegría que teño en
comunicarlle a vostede esta novedade.
O 12 de Nadal fumos a
Montevideu, Prada, Abraira e eu levándolle a Don Luís Tobío todo o material que
tiña no meu poder –incluso debuxos e mapas- e, ó por alí en orden as cousas,
notamos que, o seu traballo non está completo, e decir que na imprenta ou en
outra parte estraviaron algunhas follas últimas, (…)
Infórmolle que a Don Luís Tobío
lle din amplios poderes para tratar con vostede e con todos os colaboradores e
facer baixo a miña responsabilidade económica todo o que sexa necesario ó seu
parecer para terminar a impresión da Historia de Galiza, de maneira que en
adiante todo o que Don Luis resolva ou ordene ten a miña conformidade.[28]
Aos problemas que demoraron a
saída dos primeiros volumes refírese, de novo, M. Puente en carta a Alvaro Gil
na que lle dá conta da asunción por parte de Tobío do coidado da impresión:
Escríbolle oxe polo siguinte; A Historia de Galicia que vostede estará
enterado me comprometín a facer imprentar, e que xa debía estar circulando,
está recién nos seus comenzos, e será realidade polo menos nos dous primeiros
tomos, que é o único material que hasta agora enviaron da terra, e esto vai a
ser posible gracias ó concurso de Don Luís Tobío, que sabedor das dificultades
en que eu me encontraba por falla da persoa que se había comprometido a dirixir
a impresión, se ofreceu a correr el con ese traballo – e polo tanto se está
comenzando a imprimir en Montevideo (…)[29]
A esta demora e aos problemas coa
imprenta fai referencia Otero Pedrayo
cando lle escribe a Tobío: “Eiqui os colaboradores desconfían da pubricación.
Soio coa saída dun bó volume renascería o entusiasmo”. Na mesma misiva engade:
“O interesante é a pronta saída do volume de Etnografía, verdadeira obra prima
que xa perde por o moito tempo de agarda”[30].
Aos poucos días noutra carta: “Estou moi ledo coa nova organización…”; despois
de informalo sobre o estado dos traballos engade: “Compre unha nova
organización e moito diñeiro. Por o pronto será gran cousa que saia a
Etnografía. (….). Ben sei que D. Manuel gastou en balde moito diñeiro, debeu
ser ouxeto de algún engano nas imprentas”.[31]
Aos poucos meses Otero volve
expresarlle a Tobío as súas inquedanzas sobre o proxecto: “Eiqui os
colabouradores da “Historia” pensada por Manuel Puente mañifestanse esceuticos,
procuran non falar do problema quizais para non magoarme a min. En tantos anos
a Etnografía –non penso no Introito xeográfico- poido ter dado bos froitos e
ergueito o nome galego en todo o mundo culto”.[32]
O desacougo non desaparece e de novo exprésao: “ Quixera saber canto tempo.
Eiqui domina a preguiza. (…) Eiqui os mais desconfían coa longa demora”[33]
O que realmente vería a luz foi a
Introdución á “Historia”. Unha década despois publicarase o tomo dedicado á
Prehistoria, polo tanto o primeiro volume en verdade acaído á denominación Historia de Galiza. Mais o proxecto
estaba deseñado e, en parte, en marcha. Otero escríbelle a Tobío:
Sin falar por hoxe dos orixinais en poder de Vde voulle manifestar o estado
do traballo: a) feita, con ben poucos engadidos e notas por Xaquin Lourenzo, a
Prehistoria por o inesquecente Cuevillas; b) feito un volumen enteiro de
historia das Pelerinaxes dende as orixes deica hoxe por D. Xesús Carro; Vde.
sabe seu caraiter, quixo traballar soio; c) de Idade Media por Ferro e por mil
listas de fontes no Arquivo Histórico Nacional cuias papeletas eu gardo; d) de
Idade Moderna tamén moita nota de fontes. Pro hai que esculcalo todo ben
dreitamente ben pagando fotocopias. Hai tamén moitas fontes de outros arquivos.
De época celto-román di Bouza ter traballado moito; quedamos en que a Outa
Idade Media a fixera Ferro e a Baixa Ferro ou Filgueira, facendo dende logo
Filgueira a poesía medieval. Non sei si comprirá. Chamoso Lamas fará, non o
dubido, a historia d- Arte. Eu quedeime co XVIII e XIX, fora da cultura, e
traballo moito. Coido que en dous anos podo ter rematados os dous volumes. ¿E o
demais? ¿Que se mete no XVI e XVII?.[34]
Polo que se desprende do escrito
de Otero están rematados nesa altura dous tomos máis: o da Prehistoria de
Cuevillas e o das Pelerinaxes de Carro. Os demais traballos estaban en fase de
elaboración, encargados ou comentados cos máis importantes especialistas (Ferro
Couselo, Filgueira Valverde, Chamoso Lamas, Bouza Brey). Outro dos que andaba a
traballar nunha colaboración para a Historia
era Aquilino Iglesia Alvariño. A morte sorprendeuno, a el e a todos; dálle
novas Otero:
Están abraiados coa morte supeta de Aquilino Iglesia Alvariño. Estiven con
el o 27 en Sant Iago, tan bon e ledo e bebedor. Morreu o 28 cando xa eu estaba
eiqui. Xa o libro ten que levar unha necrolóxica: Hai que procurar quen faga a
historia da lingoa para publicar polo comén da Idade Media. Quizais Isidoro
Millán
Así pois dos tres volumes que
foron editados dentro do proxecto, Tobío coidou dos dous primeiros. A ben
seguro que lle gustaría ser tamén o
editor da “Prehistoria” do seu amigo Cuevillas, a quen coñecera nos tempos do
Seminario de Estudos Galegos. Cuevillas e Tobío mantiveran nos anos da Ditadura
de Primo de Rivera unha forte relación epistolar, tanto por ser Tobío o
secretario do Seminario e Cuevillas director da Sección de Prehistoria como por
ser ambos os que establecían os contactos clandestinos entre os galeguistas. O
texto de Cuevillas[35], anotado
e corrixido por X. Lourenzo, cun
engadido de Taboada Chivite, será publicado como terceiro tomo en 1973.
Tanto Puente como Prada
procuraron que Tobío coidase da edición do volume da Prehistoria de Cuevillas,
segundo se desprende da carta de F. Fernández del Riego:
Escríboche agora istas liñas para tratar do terceiro tomo da “Historia de
Galiza”. Dixéronme Prada e D. Manuel Puente que ti ten encarregarías da
edición, como fíxeche cos outros dous volumes.
O texto do tomo xa está
rematado. Abrangue 362 folios, mecanografiados sobre o orixinal manuscrito que
deixou Cuevillas, e 90 máis que escribiu Xesús Taboada Chivite como apéndice e
posta ó día. Hai tamén fotos e dibuxos prá ilustración. Pero sería comenente
que ti dixeses sobre pouco máis ou menos, a cantidade deles que se necesita.
Si aínda estás disposto a te
facer cárrego do traballo, escríbeme decíndome o que debo facer. ¿Queres que
che remese xa o material, ou tencionas faguer antes algunhas xestiós nas
imprentas, recabando presupostos, etc.? Fico pendente das túas novas.[36]
Daquela Tobío xa levaba tempo
residindo en Madrid, un tanto desconectado dos círculos galeguistas e inmerso
xa nos seus estudos das cartas de D. Diego Sarmiento de Acuña, I Conde de
Gondomar.
O
29 de outubro de 1962 presentábanse
oficialmente os dous primeiros volumes nun acto celebrado no salón de
plenos do Centro Galego de B. Aires, no que participaron ademais do mecenas
Manuel Puente, Abelardo Estevez e o presidente do Centro Galego, Villamarín
Prieto, segundo recolle A Nosa Terra.
Na nova xornalística sublíñase a presenza de representantes de diversas
entidades culturais arxentinas así como de todas as entidades galegas de B.
Aires e Montevideo amais do delegado do Consello de Galiza, Xesús Canabal. No
acto, Manuel Puente referiuse en diversas ocasións a Castelao: “que me ensinou
a me sentir patriota galego integral (…) espertou na miña conciencia as obrigas
que se sinten coa patria (…). E foi asín que ises anceios se concretasen na
decisión de promover e patrociñar que se fixera a gran historia de que carescia
a nosa patria Galiza.” Segundo conta
Tobío, Manuel Puente comezaba así a cumprir a promesa que lle fixera a Castelao
nos seus últimos días[38]. Malia os
esforzos non poderá rematar a tarefa.
O acto de presentación coincidiu cos preparativos para o regreso de Tobío e
a súa familia a Europa, aproveitando a oportunidade que lle brindara un
traslado dentro da empresa farmacéutica na que traballaba. Despois de pasar por
Basilea, sede do grupo farmacéutico, recolle á familia en Barcelona (Nadal de
1962) para establecerse en Madrid. Sabemos tamén que a obra estaba publicada
dende había algúns meses pois Otero escríbelle dende Ourense o 27 de setembro
de 1962: “Estaba en Santander cando chegaron os dous volumes”[39], aínda
que os exemplares aos que se refire don Ramón estaban sen rematar como aclara
Tobío nunha carta a Puente[40]: “Tiven
carta de Don Ramón. Está entusiasmado vendo rematada a edición. O exemprar que
levou (incompreto) Meilán, vírono Piñeiro, Lorenzo e outros”. Outro dos autores,
Xaquín Lourenzo, comunícalle a Tobío: “A fins do vran viñen dende Lobeira a
Ourense para ollar os dous primeiros volumes da Historia de Galiza que tés ao
teu cargo.”[41]
Na mesma nota de A Nosa Terra á que fixemos referencia
recollese un cariñoso reproche: “Sin querer botar soma algunha encol deste
feito tan importante para a cultura galega, desexamos dicir que ben se pudo
facer ademais, unha edición mais económica para unha difusión maior da
devandita Historia”. A recriminación non deixa de ter certa lóxica, aínda que o
que os impulsores do proxecto pretendían era facer realidade a primeira gran
publicación da cultura galega, tamén dende o punto de vista das técnicas
editoriais. Unha grande obra en canto a contido, pero tamén en deseño, edición,
ilustración etc. A que “xa foi
chamada a “Grande e Xeneral Estoria” en
palabras de Otero.[42]A carestía
da publicación tamén preocupaba a M. Puente:
Respeto á composición en corpo 12/12, e certo que sería mellor pero debemos
considerar si a obra non se encarecería demasiado, con todo o que hai que
agregarlle, refírome ó precio que vai a resultar para a venda que é o que me
está preocupando, (…) deixo entón que vostede resolva o que lle pareza.[43]
4.3.1OS CONTIDOS.-
O tomo I consta dun “Prólogo” e un
longo capítulo de “Xeografía”, autoría de Otero. A “Xeoloxía” é obra de Isidro
Parga Pondal, mentres que Luís Iglesias Iglesias achega un capitulo único
dedicado á “Xeografía fito-zoolóxica”. Risco elaborou o capitulo, con moito, máis
extenso, denominado “Etnografía: Cultura material”. O volume remata cunha
análise da música e da danza da que é autor Emilio Pita.
Pola contra o Tomo II é obra dun
só autor Xaquín Lourenzo, aínda que se pode considerar continuación do capítulo
de Risco. Ambos autores tratan de etnografía,
Risco desde a vertente cultural e X. Lourenzo dende a óptica da cultura
material.
A achega de Otero definitivamente
denominouse “Xeografía”, a pesar de que insistira en que non debería titularse dese
xeito: “Vai a concrusión do prólogo xeográfico. Pois iso e non Xeografía é o
meu traballo” ou “Devólvolle o esquema
xeográfico. Coido que vai ben. Trátase de un limiar xeográfico e non dunha
xeografía. E concedín moito as chamadas de ríos e da costa.” Mesmo co exemplar na man seguía pensando que:
“Houbera gostado millor que a miña parte levara o tiduo do que é: “Introducción
xeográfica”. Máis leente avisado decatárase deseguido”
O grande apartado do primeiro
tomo é “Etnografía. Cultura espiritual” de Vicente Risco, profusamente
ilustrado con cen figuras, entre fotografía e debuxos, ademais de catro
pranchas a cor que reproducen motivos decorativos de colchas e mantas. Entre os
debuxos un de Castelao, outro de Carlos Sobrino, varios de Risco, outros de X.
Lourenzo. Entre as fotografías algunhas de Xosé Suárez.
A achega de Risco á Historia de
Galiza constitúe a grande obra etnográfica do pensador ourensán. As claves
interpretativas da etnografía risquiana cómpre buscalas na escola
histórico-cultural xermana de Graebner e Schmidt e xa que logo afastado tanto
do socioloxismo francés (Durkheim, Mauss) coma do difusionismo americano (Boas),
e preto, na concepción que non no método, do evolucionismo decimonónico de Tyler
ou Morgan.
Na “Expricadeira previa” coa que
Risco comeza o seu traballo di.
A cultura
popular está constituída por elementos, deica certo punto, elaborados polo
pobo, e por elementos sedimentados do saber erudito de tempos antigos,
conservados polo pobo. Componse igualmente de elementos “indíxenas” (enxebres)
e de elementos alóxenos “aculturados”, ou sexa incorporados ao que nos é
propio. Deiqui vén o seu valor como fonte da historia, por atoparnos nela o que
chaman supervivencias de tempos antigos, como si foran verdadeiros fósiles
espirituás que o historiador pode estudiar en vivo, porque, a diferencia dos
outros fósiles, son materia viva e actuante
E engade:
En todo caso, o estudo da cultura popular constitui unha ciencia de
carácter histórico, que, a un tempo, é unha das ciencias auxiliares da
historia, e unha discipliña independente. O seu método tén que ser –sin
adscribirnos por esto a ningunha escola- o histórico-cultural. Niste traballo,
no que o cadro da cultura popular galega hase presentar como fonte da historia,
non se trata de facer un estudio etnolóxico, sinón, como acabamos de decir, un
cadro etnográfico que axude dalgún xeito á expricación da nosa historia; non
hemos expricar, sinón sinxelamente describir.
O estudo da cultura espiritual
que fixo Risco anuncia o segundo tomo da “Historia”, o inmenso traballo sobre a
cultura material que realizou o seu discípulo e amigo Xaquín Lourenzo “Xocas”
que abrangue a totalidade do volume. Tamén
profusamente ilustrado (514 imaxes) con fotografías e espléndidas ilustracións do gran debuxante que
foi Xaquín Lourenzo.
Tobío entendeu que debería
tratarse, aínda que fose de xeito breve, o aspecto musical, xa que non o facían
nin Risco nin Xaquín Lourenzo. Foi este o motivo que o levou a solicitar de
Emilio Pita unha achega sobre o tema. Deste xeito incorporouse o traballo do
autor do primeiro libro en galego da post-guerra ao remate do primeiro tomo e como parte do
terceiro apartado da “Etnografía: Cultura espiritual”, despois das paxinas que
Risco lle dedica á Literatura e ás Artes plásticas; indicativo da concepción de
traballo colectivo e da intervención decisiva de Tobío como editor.
Pita, emigrante en B. Aires dende
neno, escríbelle a Tobío:
Os amigos Prada e Puente, déronme traslado dos teus deseos de que podería
redactar un pequeno traballo encol da música popular galega, para engadir á
Historia de Galicia que, gracias ao teu derradeiro esforzo, sairá axiña.
Como comprenderás á noticia non
deixou de encherme de satisfacción; e a carón desa satisfacción a dúbida de si
as miñas cativas condiciós son de abondo capaces, para figurar xunto as outas
persoalidades que tratan os principales temas de dita Historia. Creo
sinceiramente, que hai na Terra, e fora dela, que pode faguer ese traballo
moito millor que eu; por eso creo que nesta oportunidade pesou á túa amical
estimanza hacia a miña persoa, tantas veces posta de manifesto e que agradezo
en todo canto val. Agora ben, si ti crées que á miña colaboración pode servir
de algo, non terei mais remedio que acatar a túa decisión.
Si a túa resolución é
definitiva, aínda que os amigos Puente e Prada, déronme a lér unha nota túa
onde eispresas o que estimas comenente, breve e conciso,(…)
Por diversos motivos Emilio Pita
tivo que demorar o traballo, o que de novo atrasou a edición. En Febreiro de
1962 escríbelle a Tobío: “No prósimo mes de Marzo, decidín tomarme unhas
vacacións (fai anos que non disfroito delas) e aproveitar ese descanso para dar
cumprimento a tan difícil compromiso. Si é posíbel que podas agardar para entón
agradeceríacho moito.” Tobío agardou e Pita cumpriu co seu traballo:
“Dúas liñas para informarche que este fin de semán agardo termiñar o traballo e
mandarcho axiña; estou sacando tamén copia dos exempros musicaes que engadirei
a algunha ilustración que xa teño arredada e espero sirvan.”
, e aos poucos días: “Escríboche estas letras para comunicarche que a fin de
semana vindeira, (…), viaxarei a Montevideo, e entregareiche persoalmente o
traballo encol da música, e ti verás si sirve.”
Finalmente o traballo estaba
preparado e Pita envíalle a Tobío unha agradecida carta:
Chegou as miñas máns a túa carta tan cordial do día 7, aledándome moito que
atoparas axeitado o meu traballo, inda que ben sei que nas túas verbas hai
decote exceso de loubanzas para mín.
Podes, dende logo, introducir no
traballo as modificacións de forma e ordenación que atopes necesarias; todo
canto ti fagas tén á miña aprobación.
Logo do que xa vin da Historia,
estou convencido de que fará “historia” na laboura cultural galega, e neste
caso, fora de Galicia. Por eso que a Terra, e todos nós, débenche fonda
gratitude, pola tarefa que botaches enriba de ti.
4.3.2. DESEÑO, MAQUETA E
ILUSTRACIÓNS.-
A maqueta e o deseño da
publicación encargoulla Tobío a Leopoldo Nóvoa (Salcedo, Pontevedra, 1919-
Nogent sur Marne, 2012). O pintor e muralista (Cerro de Montevideo -1963-,
Canteira de Santa Margarita de A Coruña -1989-) pontevedrés trasladárase, ao remate da guerra, coa súa
familia ao Uruguai, país do que o seu pai fora cónsul para Galiza. É en
Montevideo onde coñece a Tobío compartindo amizades comúns, entre outras a do
pintor uruguaio, de pai catalán, Torres García (1874-1945), quen exercerá ampla
influencia, non só pictórica, sobre L. Nóvoa como el mesmo recoñece[52]. Tobío é
un entusiasta da pintura e mantivo relación con moitos artistas plásticos (o
citado Torres García, Plastchek, Guréwitsch[53],
os galegos dunha e outra beira do Plata -Colmeiro, Seoane, Laxeiro, Díaz Pardo,
etc.-,). No “atelier, (…), unha miga ao xeito da bohemia parisina”, en palabras
de Tobío, que tiña Leopoldo Nóvoa, no
primeiro piso do antigo Mercado Central de Montevideo, lembrado polo pintor
como “o taller máis entrañable que tiven”[54], pasaron ambos “seráns lediciosas a
parolar de mil cousas”[55].
Con anterioridade, como dixemos,
Tobío encargáralle a Nóvoa a realización do programa de man do 1º Congreso da Emigración. A relación
entre Nóvoa e Tobío mantívose ao longo do tempo pero foi especialmente intensa,
dende o punto de vista epistolar, nos primeiros meses de 1962. Entre marzo e
abril daquel ano crúzanse unha serie de cartas sobre a tapas e sobrecubertas da
“Historia”.
O 21 de marzo de 1962, Leopoldo
Nóvoa escríbelle a Tobío:
Doble fue la alegría de vuestra carta, porque, además, me trae el encargo
de las tapas para la Historia de Galicia. (…) Respecto a las tapas o
sobre-cubiertas, me pondre de inmediato con ellas y te las enviaré tan pronto
“encuentre” las que me satisfagan. (…) Por mi trabajo no cobraré precio alguno
y te agradezco me hayas asociado a tu labor. Todo lo demás está clarísimo y tus
descripciones son suficientes para poder relacionar las sobre-cubiertas con el
contenido de cada tomo.
De seguido refírese ao seu
traballo en París anunciando que vai regresar pronto xa que “me están acosando
para que vuelva cuanto antes para realizar los grandes murales del estadio del Cerro”
pero que “mi hábitat definitivo seguirá siendo París” e coida que “en poco
tiempo podre mantenerme de mi pintura sin mayores problemas”. A mensaxe remata
cunha agoniante reflexión política:
No hablaré de la situación política porque me apena lo que tendría que
deciros. La guerra de Argelia ha terminado de “apodrecer” todo y aunque uno se
dá cuenta que la crisis es de todo este pequeño Occidente, al que se le viene
el mundo encima, creía que Francia podría tener algunas reservas. Y no las
tiene porque no hay nada digno de salvarse. Ca-y-est![56]
|
Carta de Leopoldo Nóvoa a Lois Tobío |
Á volta de correo Tobío envíalle
algúns datos sobre as sobrecubertas. Os textos das tapas e lombos dos dous
tomos e proponlle que sexan independentes dos títulos que poderían ir impresos
enriba e en negro, que lle indique o tamaño, o emprazamento e os tipos. Infórmao
tamén de que a imprenta que vai facer o traballo é a de Barreiro.[57] Antes de
rematar Tobío coméntalle:
Aunque tu negativa a recibir una retribución por tu trabajo es digna de
reconocimiento y de encomio, te ruego que cambies de opinión. Por razón de
principios conviene que la gente sepa que el trabajo artístico e intelectual
debe ser remunerado.[58]
Ao día seguinte[59](28/03/62),
polo tanto antes de recibir a carta de Tobío, Nóvoa xa lle estaba escribindo
con instrucións para as sobrecubertas:
Ahí te las mando sin esperar por los datos que te pedí sobre la tipografía
que irá titulando cada tomo. Por lo que se de ti como persona que estas en la
pomada (es decir en cosas de impresiones) sabrás manejarte con los espacios..
Logo fai unha serie de
consideracións: sobre a situación do número de cada tomo “al rente en el ángulo inferior derecho”, sobre o título e os
subtítulos etc. As cartas de Nóvoa desprenden sempre un fino humor. Nesta á que nos referimos, ao saírlle un chisco tortas
as liñas, despois de pegarlle uns recortes cos tipos de letra, remata cun “Coño,
que torcido estaba el papel”, non sen antes dar unha proba máis do seu
desprendemento: “No tengas ningún
temor en decirme que no te gustan, si no te gustan. Ni tengas ningún empacho e
no utilizarlas, si fuera así.”
|
Carta de Nóvoa a Tobío |
O 2 de abril[60],
Nóvoa escríbelle con novas indicacións que: “Ça
fait rien, pois ti poderás arrancharte con el asunto de los espacios”. Remata:
“os teus argumentos o respeito do prix me parecen atendibles. Digamos $500.- Si
es mucho 400.-, si sigue siendo mucho 300.- y así sucesivamente. Ça-y-est!”[61]. Nóvoa
comenta que é domingo e que vén de Chartres, e adherido á misiva envíalle unha
tiriña rectangular cun fermoso debuxo á cor dunha das celebres vidreiras
góticas da catedral desta vila francesa.
Tobío, nun escrito do 11 de abril
de 1962, cualifica os orixinais como “estupendos” e indícalle que:
Tomo nota de tus indicaciones técnicas (…) todo lo cual seguiré estrictamente,
dentro de lo posible” e remata con certa nostalxia irónica: “Un abrazo a la
Victoria de Samotracia y un beso a la Olimpia de Manet que deben andar por ahí.[62].
Tobío dilixente cumpriu as
indicacións de Nóvoa.
Os dous tomos están profusamente
ilustrados. No primeiro, na sección de xeografía de Otero Pedrayo (respectamos
as súas denominacións) incorpóranse planos das sete cidades e dunha serie de
vilas: Monforte, Betanzos, Cambados, Carballiño, Celanova, Mondoñedo, Muros,
Noia, Padrón, , Redondela, Rivadavia, Santa Marta de Ortigueira, Tui, Verín,
Viana do Bolo e Villalba. En total 24 planos. Ao tempo a sección está ilustrada
cos 29 mapas que se relacionan: Miño Outo, Rexión de Lugo, Sarria e Samos,
Rexión de Lemos, Miño Central, Baixo Miño, Rexión da Fonsagrada, Rexión de
Becerreá, Rexión de Valdeorras, As Medas, Rexión de Celanova, A Limia, Val
Verín, Costa de Lugo, Rexión de Mondoñedo, Ría de Viveiro, Ría de Santa Marta,
As Mariñas, Ría da Cruña, Val de Bergantiños, Ría de Corme e Laxe, Cabos
Touriñan e Fisterra, Ría de Muros e Noia, Val do Ulla, Rexión de Sant-Iago, Ría
de Arousa, O Lerez, Ría de Vigo.
D. Ramón Otero ficou contento coa
cartografía (“É grande e boa a ilustración cartográfica”[63];
“Penso que a cartografía é do millor”[64])
Ao tempo non deixa de aportar novas ideas: “Cicais estaría ben unha
bibliografía xeográfica de Galiza” e insistir na pretensión de incluír un mapa
completo de Galiza. O tal mapa xa fora realizado pero extraviarase como lle
comunica Puente a Otero: “Tamén nos falta o mapa xeral de Galiza (…) ainda
temos a espranza de que SEOANE a encontre, sin embargo teño moita duda de que
apareza, (…)”.[65]Otero
volve co tema do mapa e aporta unha solución: “O mapa grande vaise demorar
moito. ¿Qué tal unha boa fotografía do venerable Fontán?”.[66]
A lea do mapa foi boa, Puente
escríbelle a Tobío: “En canto ó mapa creo que mellor sería facer intervir a
Alvaro Gil que foi o que lle abonou ó cartógrafo que os fixo, que é de Madrid,
(…)”.[67] Nesta
mesma data, Puente escríbelle a Alvaro Gil sobre a cuestión do mapa:
(…) e como ó por en orden os materiales nos topamos en que se estraviou o
mapa xeral de Galiza que foi feito xunto con os rexionales ou comarcales por un
cartografo de Madrid cuxo nome non sei, e como creo que vostede lle abonou mais
ou menos 60.000 Pesetas e saberá quen é –o molesto para rogarlle me faga o
favor de encargarlle a confección de outro mapa xeral igual ó anterior lle
abone o que sexa e remita a brevedade posible directamente a Don Luis TOBÍO a
MONTEVIDEO ou a mín.”[68]
Ao mes seguinte Prada dille a
Tobío sobre a carta a A. Gil: “(…) non recibín contestación, e comeza a
preocuparme, voulle a repetir a carta”.[69]
Cara ao remate do ano don Ramón segue insistindo na
necesidade de incorporar un mapa completo de Galiza: “Para o grande mapa de
Galiza compre saber o formato do volume. Si me di con xusteza as dimensións e
outras notas de acomodamento mándase facer ó Instituto Geográfico pedindo
diante presuposto”.[70] Nesas
datas Puente informa da cuestión do mapa a Tobío :
o están facendo en Madrid coa intervención de “BEN CHOSEI”, de maneira que
como creo que irá pegado, sería bén que para non retrasar o traballo na
encuadernación puxeran un papel doblado no lugar correspondente, para ser remplazado logo polo mapa, pois
vai a tardar porque o cartógrafo estaba fora de Madrid, este novo mapa vai
costar 40.000 Pesetas.[71]
En xaneiro de 1962, Puente
cóntalle que “o mapa xeral de Galiza xa está pedido a Madrid e Vd. verá si
convén ou non agardar por el”[72]
A ilustración deste primeiro
capitulo completouse con 43 imaxes fotográficas de paisaxes ou vilas das que Otero
tamén se preocupaba: “Mire si fai falla algunha fotografía máis, por exemplo de
Vigo…”[73] ou
“Mandarei unha presa máis de fotos” [74].
Tobío[75] tiña un bo amigo que lle ía facilitar o
labor, o allaricense Xosé Suárez, quen naquela altura residía en Punta del Este
e pediulle a súa colaboración:
… tengo necesidad de conseguir buenas fotografías de
paisajes, pueblos y también algunos monumentos de nuestra tierra para la
historia de cuya edición me he encargado. Estas fotografías están destinadas
principalmente a ilustrar la primera parte de la introducción que es una
síntesis geográfica escrita por Otero Pedrayo. (…) Mucho te agradecería que me
pudieras proporcionar este material que sin duda tienes en abundancia. No sé
como podríamos selecionarlo pues, seguramente, debes tenerlo casi todo en
negativos. Tal vez podría dejarlo a tu buen criterio (20 o 30 fotografías
serían suficientes).[76]
Suárez cumpriu coa demanda e cara
a finais do mes seguinte escríbelle a Tobío:
Perdóname si non che mandei as fotos tan pronto como eu houbera querido.
Problemas de papel, e de selección no meu caótico archivo, motivaron un pequeno
retraso. Espero que che sirvan de algo, o que non será pouco, porque non é
posible encarar un traballo como iste , sin un plan previo, e sin pensar, ó
facer as fotos , que han cumprir unha misión concreta como a que a ti che
encomendaron.[77]
Entre xullo e agosto de 1961
Tobío andou á procura de imaxes coas que ilustrar a “Historia”. Na busca de
ilustración tamén colaboran os de B. Aires, Puente escríbelle:
Mándolle un
sobre con fotos, etc. entregadas a Prada por Seoane; e todo o que lle deu con
encárrego de llas devolver –creo que apenas si lle servirán algunhas; estámonos
ocupando de conseguir outras; pois un tal Hermida trouxo unha película de
Galiza e díceme que tamén ten fotos – e un aficionado cineasta de La Plata
tamén fai algúns anos espuxo boas fotografías, estamos ocupándonos de buscalas
e mandarllas dentro duns días; o patronato de Turismo Español dicen que ten
boas postales de Galiza, aquí non poidemos conseguir nada, ¿podería vostede ver
si a representación de ahí lle facilita algo?. [78]
Nesa altura Tobío andaba tamén
atarefado coa correccións das probas. “Alégrome saber que xa comenza a correxir
as probas de imprenta do primeiro tomo” dille Puente no mesmo escrito. D.
Manuel segue co seu labor e aos poucos días escríbelle de novo: “(…) oxe fumos
con Prada a ver unha colección de varios miles de fotos de Galicia que ten o
Sr. Hermida sacadas por el na terra, tratase de un ourensán aficionado a ese
arte. Separamos 106 (e decir separounas Prada) consideradas axeitadas (…)” [79]
Neste labor de fornecer
fotografías ao editor tamén participa Paco del Riego:
Hoxe mesmo, por correo aéreo certificado, mandeiche unha coleición de 42
fotos de paisaxes, vilas, etc. Algunhas delas coido que son boas. Podes
escoller as que mellor che parezan. Andiven de cabeza para as precurar,
valéndome dunha xente e doutra. Si me tiveras concedido algún marxe de tempo,
seríame máis doado conseguir series completas.[80]
4.3.3.OBRA REMATADA.-
|
Garda do primeiro tomo |
Os dous primeiros tomos da Historia estaban para o prelo. O maior
relevo teríao a Etnografía que constituía tomo e medio. Otero insistía sempre
en que se publicase o traballo de Risco, pois “O Risco xa non traballa mais que
en cousa literarias”[81] ,“O Risco
está vello e doente”[82] ou “O
Risco non está hoxe para traballos serios.”[83]da
publicación don Ramón agardaba un efecto recuperador: “O traballo de Risco ten
valeiros. O Risco xa non está para traballos fortes. Peteira lixeiramente en
materias literarias e deixase levar por a vontade. Si a Etnografía saír o nome
de Risco voltaría ó seu verdadeiro rango.”[84]
|
Garda do segundo volume |
O recoñecemento dos traballos
etnográficos publicados vai ser importante entre os especialistas. Tobío
conservou unha serie de cartas cruzadas co etnolingüísta alemán Fritz Krüguer[85] que
daquela dirixía o Instituto de Lingüística da Universidade de Cuyo en Mendoza
interesándose polos traballos de Risco e X. Lourenzo e anunciándolle que:
Estoy preparando un trabajo sobre “La cultura popular y dalectología en
España”, contribución a la Enciclopedia de Lingüística Hispánica del CSIC de
Madrid, Tomo II.
Pienso que sería muy oportuno presentar y aprovechar en esta ocasión los
trabajos de V. Risco y J. Lorenzo. Desearía tener alguna noticia , a la brevedad
posible, sobre la aparición de estos artículos.[86]
Tobío envíalle os traballos e
Krüguer nunha extensa carta escrita ao día seguinte de recibilos dille:
No puedo expresar en pocas palabras la profunda impresión que recibí al
hojear y examinar las páginas de esta extraordinaria obra. Uno de los días más
felices de mi vida ha sido éste, en que veo terminada la obra del amigo Lorenzo
Fernández y en buena marcha la del amigo Risco (Tobío aínda non puidera
enviarlle todo o traballo). Verdaderamente es dificil decir lo que hay que
admirar más: la enorme diversidad del material, la exactitud perfecta de la
descripción, la excelente documentación gráfica o la presentación. En todos los
aspectos la obra es magnífica, un modelo de trabajo que honra a todos los
colaboradores y a Galicia. Además, ¡los recuerdos personales que encuentro a
cada paso…! La vida y cultura gallega revividas, en grata coincidencia, en el
artículo que sobre la casa rural publicara Lorenzo Fernández primeramente en
alemán en la revista hamburguesa “Volkstum und Kultur der Romanen”, hace más de
20 años.
Felizmente puedo comprender y valorar todo lo que encierra la modesta aclaración que aparece al final: “A
edición estivo ó coidado de Lois Tobío”.
Mis más sinceras felicitaciones a todos, al mecenas que subvencionó la
obra, haciendo así posible una publicación de tanta envergadura, a los
colaboradores especialistas de primer orden en su materia, a los que debieron
enfrentarse con los arduos problemas técnicos de la impresión y que tan
airosamente los han resuelto. Sin duda, pocas regiones de España cuentan con
una publicación tan bien documentada y presentada.
Voy a mandar copia de esta carta que en forma concisa expresa mis aplausos,
a los señores Puente, Prada, Lorenzo Fernández, Vicente Risco y Otero Pedrayo.”[87]
A continuación pídelle permiso
para poder reproducir algunhas ilustracións no traballo que anunciaba para o
CSIC, recomenda engadir unha bibliografía ao final da obra e comprometese a
publicar “reseña o reseñas sobre la Historia de Galiza, no sé todavía si en
España, EE.UU. o Alemania (en una revista de etnografía general); por lo tanto
me interesa saber si la obra ya ha salido en la Ed. Nós.”
Tobío escríbelle anunciando que
pronto lle poderá mandar o que falta do traballo de Risco, que non hai problema
para reproducir as ilustracións que necesite, que a saída do prelo é inminente
polo que se pode referir a ela como xa publicada, agradecéndolle ademais as
favorábeis opinións xa que “(…) la opinión de quien, como Ud. es alta autoridad
en la materia, resulta invalorable.”[88]
O remate do traballo desata as
emocións. Otero escribe a Tobío:
Meu querido e lembrado amigo e irmán:
Unha aperta calada e fonda, unha das meirandes e verdadeiras do meu vivir
vai pra Vde nista folla. Estaba en Santander cando chegaron os dous volumes.
Faloume deles Ramón Piñeiro con grave entusiasmo. Fai dous días camiño por
eles. Como polo Valadouro ou a Mahia. O peito alenta en ámbito esteso: soia de
pazo, cráustro, paísaxe, ría. Medrou un souto oután. Fai pequenos os demais
matos e arboredas. Inda non podo facer unha estimación ouxetiva. Soio
testemuñar miña admiración e respeto diante a laboura de Vde facendo no arsenal
e peirao do seu traballo e entusiasmo que os dous navíos saíran o mar libre.
Un novo tempo na historiografía
de Galiza. Un libro, dous, non do ano. De moitos anos como autoalidade. Algo de
menhir ou castro ordeados de infindos remuíños.
Houbera gostado millor que a
miña parte levara o tiduo do que é: Introducción xeográfica. Mais léente
avisado decatárase deseguido. Non deixa quezais de ter un senso o feito de ter
nado os tres autores, cada un na sua xeneración, nun seitor curto da rúa da
Paz, de Ourense, a menos de 15 metros os berces mais desviados un do outro.
Saudos na casa e ós amigos.
Sempre o vello irmán agradecido, emozoado.”[89]
O outro dos autores nacido na rúa
da Paz, tamén lle escribe a Tobío con non menos fonda emoción:
Meu querido irmán: Moito tempo fai que non sei directamente de ti, anque
teño noticias por tua irmá â que vexo de cotío eiquí.
De todos os xeitos un deber de
gratitude faime agora escribirche.
A fíns do vran viñen dende
Lobeira a Ourense para ollar os dous primeiros volumes da Historia da Galiza
que tés o teu cargo. Vín o meu traballo e vín tamén a tua man amiga níl. Sei do
traballo que che tivo que dar e o ben que de íl saíches. Deus cho pague.
Esta tua colaboración connosco
trouxome âs mentes as nosas angueiras no Seminario de estudos galegos e lembrei
aquiles tempos que xa non voltarán. Entón aínda había cordialidade no mundo e
hoxe somentes podemos vivir de aquelas lembranzas.
De novo que Deus cho pague.
Recibe unha aperta moi forte do
teu amigo e irmán”[90]
O mesmo entusiasmo manifesta Paco
del Riego:
Vimos, todos os amigos, os dous exemprares da “Historia” que trouxo Meilán.
Produxeron en cantos tiveron ocasión de os follear, unha fonda impresión. Dende
logo, trátase de algo sen precedentes na nosa bibliografía. A presentación ten
empaque, feitío estético, e unha elegancia tipográfica destacadísimas. Debo
felicitarte, sinceramente, polo enorme esforzo que realízache, con evidente
intelixencia e bó gusto.”[91]
Como é evidente o máis emocionado
ao poder ter entre as súas mans os dous primeiros tomos foi o mecenas da obra quen
lle escribe dous días antes da presentación pública:
Non me é fácil narrar a emoción que me produxo os dous tomos da Historia de
Galicia que me enviou por Abraira, cando os foliaba parecíame ver as mans de
Castelao facendo o mesmo, e ó cerrar os libros dixen para mín “Xa podo
MORRER”, o meu compromiso coa patria quedará cumplido.
Pasei moitas angustias, ó ver
que os anos transcurrían sin que comenzara a imprentarse a Historia, chegando a
temer que a vida non me alcanzara a vela, hasta que supen que vostede aceptaba
encargarse de dirixir a impresión, dende entonces calmáronse as miñas dudas – e
oxe podemos mostrar ó mundo esta maravilla, non somentes polo seu contido si
non tamén pola categoría da presentación que vostede lle deu. Por todo elo
querido Don Luis reciba as miñas felicitacións xunto co meu eterno e patriótico
agradecemento, coa seguranza que no correr da historia a nosa patria fará
xusticia a este seu esforzo patriótico.
O día once do corrente fixose
eiqui unha cea que os patriotas quixeron dedicarme con motivo da Historia,
puxose de manifesto toda a laboura sua, acordando enviarlle un telegrama co
agradecemento dos presentes (que coido os organizadores lle haberán mandado),
os reunidos eran 50 ou 60 – a maioría
dirixentes do centro galego, cuxa xunta había antes tomado conocemento
da obra en sesión especial – enviáronme unha carta moi conceptuosa.
Don Ramón escribeume moi emozoado, dime que non é “o libro do ano, é de
moitos anos”.
Aquí llo enseñamos a Don
Salvador de Madariaga- quedou maravillado.”[92]
Vinte días antes Tobío enviara a Puente unha carta coa relación dos pagos
realizados, cos seus xustificantes, así como daqueles pendentes e máis dos que
el mesmo debería atender directamente. E remata: “Estou satisfeito de cómo
quedou este traballo. (…)Hai que agradecer da Ude. Que tan xurdía empresa
poidera ter realidade. É grande a honra que coela se lle fai á Nosa Terra.”[93]
5. UN FÍO EN DIAGONAL.-
Paco del Riego nunha das cartas
as que fixemos referencia (22/09/67)
facíalle unha petición: “¿Por qué non me envías algún traballos teu para
“Grial”? Algo terás por ahí que servirá para publicar na revista.” Á demanda
respondeu Tobío en positivo. Envioulle un ensaio breve titulado “O nomeamento
de Gondomar como embaixador en Londres” que vería a luz no número 24 de Grial,
no ano 1969.
Tobío, asentado en Madrid, andaba
enguedellado nas cartas do arquivo de don Diego Sarmiento de Acuña, para satisfacer
aquela inquedanza, que corenta e tanto anos atrás espertara nel o seu profesor
Ciríaco Pérez de Bustamante, quen:
...tiñase interesado pola figura do Conde de Gondomar
ao ter atopado documentación encol da súa actuación nos intentos de Walter
Raleigh en América. Presentou verbo deso unha comunicación no Seminario de
Estudos Galegos e máis adiante tratará tamén o tema no discurso inaugural do
curso 1928-1929 na universidade que lle
corresponderá facer. Estes traballos espertarán en min a arela de afondar no
estudo deste gran diplomático noso e esa arela poderá ser cumprida moitos anos
despois...
Comezara a súa asidua visita
sabatina a Biblioteca de Palacio ou Real Biblioteca como nos conta a súa filla
Constanza: “Durante largos años desde que venimos a vivir a Madrid los sábados
por la mañana iba siempre a la Biblioteca del Palacio Real y volvía con unas
cuantas fichas escritas con su cuidadosa caligrafía que incorporaba a unas
cajas de zapatos a modo de fichero. Asi se fue fraguando su inmensa relación
con Gondomar”. Notas que lle servirían para ir
armando os seus libros sobre Don Diego Sarmiento de Acuña. O primeiro verá a
luz en 1974 baixo o título de Gondomar y
Raleigh. Tobío recorda con emoción, nas Décadas,
que a presentación do seu libro, no Museo de América de Madrid, acudiu o seu
vello profesor Pérez Bustamante quen dixo no acto palabras de emocionada
lembranza.
Tiven o pracer de argallar a
publicación do seu derradeiro libro sobre don Diego, Dous embaixadores: Digby e
Gondomar, que publicamos no Instituto de Estudos Miñoráns en 2005. A copia
do mecanoescrito entregáranola don Lois nunha das visitas que lle fixeramos, na
súa casa madrileña, poucos anos antes. A complexa versión ao galego realizouna
a profesora María Xosé González Chamorro, lembrada compañeira e amiga que xa
non se encontra entre nós.
Aquela primeira visita, no ano
2001, serviu para demandarlle autorización para que o Auditorio de Gondomar
levase o seu nome. A saúde xa non lle permitía achegarse ata a vila do Conde.
Alí estiveran lembrando o viveirense Díaz Pardo e Paco del Riego. O 26 de
novembro de 2005 nunha sesión de honra, celebrada no Auditorio “Lois Tobío”, a
corporación municipal de Gondomar acordou recoñecelo como Fillo Adoptivo. Un
sente certa fachenda cando escoita as amizades ou a familia dicir que van ver
ou escoitar tal o cal cousa ao Lois Tobío. En Gondomar non se di vou ao
Auditorio, senón vou ao Lois Tobío.
Esta familiaridade, esta
identificación parece a resposta natural da veciñanza ante quen se refería, e
non só nas conversas senón tamén nos escritos, a Diego Sarmiento de Acuña non
polo seu nome, ou por don Diego, nin por por conde de Gondomar, nin sequera por conde, senón simplemente por Gondomar. Nesta
identificación con Sarmiento de Acuña había tamén unha querenza profesional e
nostálxica, Tobío vira truncada a súa carreira diplomática tras a guerra
española e non recuperará o seu posto ata 1974, dous anos antes de xubilarse. Era
o grao de identificación tan absoluto que precisaba ese ton familiar, próximo,
persoal. Reafirmanolo a
súa filla Constanza:
A ello hay que añadir otros amigos como el Rey
Jacobo, la Reina Ana, Digby, Constanza de Acuña, Bacon y otros tantos junto a
los que tan buenos ratos pasó. En cuanto a Gondomar, la identificación es tan
grande que en un momento de confidencias me confesó sentirse como la misma
persona, “al fin y al cabo”, añadió “los celtas creemos en la reencarnación.”
Tobío referiuse en moitas
ocasións a que, lendo a correspondencia do Conde, ás veces preguntábase sobre
que respondería sobre tal ou cal asunto; despois decatábase de que aquilo que
el pensara que ía ser a resposta de Gondomar, efectivamente así era. Tobío
teceu un sutil fío que une Viveiro con Gondomar; unha diagonal, como a denominou
o profesor Villares na súa gabanza de Tobío cando foi recoñecido como Fillo
Adoptivo de Gondomar, entre a vila mariñá e a miñorá.
Máis non entendamos a súa
dedicación a Gondomar só como unha simple aproximación a un colega diplomático
ou un esforzo de erudición, vexamos na fortaleza da dedicación tobiana a
Gondomar a identificación co coidado das flores propias do xardín galego, pois
Galiza, para Tobío, non só era un mundo, senón que estaba no mundo.
Atrévome, coa liberdade que
permite non ter que decidir, a propoñer
para xa un Día das Letras, co seu ano, para Lois Tobío e, insistindo no meu
atrevemento, que ese día e ese ano fose unha festa conxunta para Tobío e
Gondomar. Así os méritos excesivos de Tobío para tal recoñecemento poderían minorar
as posibles tachas que alguén, con limitada perspectiva, lle puidese apoñer a
Gondomar. Estou seguro de que a Tobío encantaríalle a idea. Precedentes de
celebracións compartidas hai.
6. O RAMO.-
Sempre me chamou a atención a
estraña afección, no ámbito da cultura e da política galegas, ao libro de
conversas en contraste co máis ben escaso cultivo do texto autobiográfico ou
“libro de memorias”. En especial, é salientábel a afección por este xénero(?)
entre os líderes políticos. Nada que dicir. Só que este tipo de receitas,
subliñando de antemán que nalgúns casos recóllense magníficos ensaios en
resposta a atinadas preguntas, parten dun inocente engano, perpetrado, coa
aquiescencia da persoa entrevistada, polas persoas entrevistadoras.
Pola contra andamos máis ben
escasos de relatos autobiográficos. Algúns deles, en especial no caso dos
políticos, non son máis que simples alegacións en defensa propia, Noutras ocasións, o libro de memorias non pasa de ser un exercicio de
orgullo desmedido.
Pero o que é “rara avis” no noso mundo cultural son os textos
memorialistas entendidos como un exame de conciencia exercitado co auxilio da
memoria, compañeira falaz e traidora de nós mesmos, capaces de relacionar os
acontecementos autobiográficos coas experiencias sociais, civís, éticas e
morais, ou de reflexionar sobre estas cuestións dende a propia experiencia
persoal sen renunciar á lectura crítica das propias decisións persoais ou
actitudes xeracionais. Non son precisas Confesións
rousonianas senón unha actitude ética ante o papel que procure evitar as
flagrantes ausencias, as evidentes contradicións e os pavoroso silencios. Como
a ausencia non é total, ben poderiamos dar algún exemplo máis, sobre calquera deles
sobrancean As décadas de TL.
De novo batemos co Tobío que
dende o encanto da discreción, dende a actitude de apertura ideolóxica e
psicolóxica, dende a sinxeleza de tripar camiños, sabe colocar o ramo na
construción que ergueu para grandeza da casa común. As memorias
de Lois Tobío é un deses libros que dignifican calquera literatura por esixente
que sexa e ao tempo é unha lección de historia, e, por riba de todo, e cómpre telo
moi presente, unha lección moral e de paixón pola vida; ao cabo como o mestre: ”Wie
es auch sei, das Leben, es ist gut”.
Gondomar
de Miñor, maio de 2018
MASEDA F. (2010) Lois Tobío: vida e obra
dun humanista galego e un galeguista universal. Tese de doutorado inédita
Primeiro
Congreso da Emigración Galega. Documentación. Crónicas. Editorial
Nós, Bos Aires, 1956, p. 38.
A revista Grial da que turraba con esforzo proletario
Paco del Riego publicou as seguintes colaboracións de Tobío sobre o Conde de
Gondomar: “O nomeamento de Gondomar como embaixador en Londres” Grial, tomo 7,
nº 24, 1969; “O erasmismo de Gondomar”. Tomo 8, nº 28, 1970. “Gondomar e o
galego”. Tomo 11, nº 40, 1973; “Outras
dúas cartas en galego a Gondomar”. Tomo
15, nº 57, 1977; “A amistade de Bacon e
Gondomar”. Tomo 18, nº 68, 1980 e “Galego familiar escrito a comenzos do século
XVII”. Tomo 18, nº 69, 1980. A Fundación Otero Pedrayo, con motivo do Premio
Trasalba que lle concedeu en 1991, publicou unha recompilación dos artigos de
Grial baixo o rotulo de Catro ensaios
sobre o Conde de Gondomar, no que se recollen os traballos sobre o
nomeamento como embaixador, o erasmismo e a amizade con Bacon e se refunden
baixo o título “Actitude verbo da lingua
galega” os outros.