venres, setembro 29, 2017

O “peshmerga” colleu a papeleta

Behjet, o vello, axustou as catro bandas coloreadas do “shuttik” ao redor da cintura, sobre o esaxerado avultado do “shalvar”; calzou as finas “klash” de algodón branco, ollounas con orgullo; aquelou a curta chaquetiña militar marrón e con tino ritual o “jemdane”, o sombreiro en forma de turbante branco e negro, propio dos que se enfrontan á morte, dos “peshmerga”.

Ollouse no vello espello escachado na parte superior. Viuse ben. Colleu con calma a daga de mango de madeira, de carballo dos Zagros, con incrustacións en prata, gardouna na vaíña de coiro de cabra, tamén repuxada con prateados. Antes de axustala nas costas, polo medio do “shuttik”, lembrou a familia do outro lado, a do Irán, a que o agasallou coa daga. Acariñou a madeira dos vales dos montes nevados, onde medraban salvaxes o trigo, a cebada, as lentellas, as améndoas, a noz, o pistacho, o albaricoque, a ameixa, a granada, a uva... é dicir o neolítico e a humanidade. Suspirou con nostalxia.

Retornou ao espello, alisou os bigotes negros, espesos, enormes. Ollouse aínda disposto, vixiante, digno, como un kurdo das montañas. Virou sobre si mesmo e dirixiuse ao vello colgador vencido dun lado para coller o kalashnikov que del penduraba. Fixo un aceno , como que non lle regulaba a cabeciña, apañou a papeleta de riba da mesa. Arrastrou a perna tesa por un balazo turco que lle esnaquizou a rótula, tirou da porta e colleu en dirección do colexio electoral.

Polo camiño rememorou aqueles señores de levita e sombreiro fungo bombín na testa que, hai case cen anos, fixeron promesa de ceibalos dos turcos; lembrou como os enganaron en Sevrés (1920) cos seus falares elegantes de gordos e perfumados e como os traizoaron en Lausanne (1923). Acordou como os partiron como unha tarta: o anaco grande para Turquía, o resto para Irán, Irak, Siria, o máis cativo para Armenia.

E continuou o sufrimento. Gaseado por Alí o químico, bombardeados, prenderon a Saddam Hussein, localizaron a Bin Laden, derrotaron ao ISIS... Agora non van deixar que se lle escape, outra vez a nación sen facela estado, aínda que sexa un anaco porque non ter estado é como non ter fogar e un pobo non pode volverse completamente humano, completamente el mesmo, se non ten un lugar de seu.

El ben sabe que non todos van ir votar pero os que vaian vano facer pola independencia. Ben sabe que Bagdag non só non vai considerar como  vinculante o referendo, senón que nin sequera admitirá a súa legalidade. Ben sabe que Irán non aceptará o resultado. Ben sabe que tampouco o fará Siria. Mesmo sabe que a represión dos turcos contra os seus compatriotas  recruará. Pero tamén sabe que agora non poden deixar que se estrague o que gañaron en décadas de sufrimento.

Agardou a súa quenda tras unha mozas camaradas “peshmergas” que arrombaran as súas vellas roupaxes militares e vestiron con ledas colores que as facían fermosas. Depositou a súa papeleta na urna e matinou en que oxalá, oh alá, o kalashnikov, todos os kalasnihkov, se enferruxasen para sempre.

Martes, 26 de setembro de 2017


xoves, setembro 28, 2017

Unha pestilencia percorre Europa

Ao estábel sistema de partidos da Europa occidental, transportado ao leste postsoviético, levouno por diante a chamada crise financeira que máis ben deberíamos alcumar “fase depredadora do capitalismo global”. A fin da historia, o triunfo universal do capitalismo-liberal pouco durou. Mesmo o intento desesperado por salvar o seu modelo de representación, a Grosse Koalition, acabou esfarelada.

A “Union” da señora Merkel, con escasas simpatías persoais entre unha cidadanía alemá que non gusta de votar cos pés, nin co corazón, senón coa cabeza; aínda así ficou nuns máis que escasos 238 escanos no Bundestag, pero o que é máis indicativo, perdeu o apoio do 8,6% dos seus votantes. Mais a señora mandarica terá a oportunidade de empoleirarse na cima política dos grandes dirixentes como Köhl, co seu cuarto mandato consecutivo.

Non lle foi mellor ao seu socio minoritario de coalición, e “herr” Schulz ficou desautorizado tras a perda do 5,2% dos votos e minguado a 153 parlamentarios. Semella pouco doado que o SPD persevere na Grosse Koalition, despois da experiencia, aínda que frau Merkel premerá ata onde poida para conseguilo.

A segunda novidade foi a resurrección dos liberais, o vello FDP, que ficara sen representación nas pasadas lexislativas ao non superar o 5%. Agora retorna con 80 representantes, un 10,7 dos votos e a posibilidade de regresar ao goberno na senda do  seu referente, Hans-Dietrich Genscher, falecido o ano pasado, e eterno ministro de Exteriores (1974-1992), impulsor da Ostpolitik, e ministro dende o primeiro goberno de Willy Brand (1969). Die Linke (69) e Die Grüne (67) gañan medio punto porcentual.

Mais a gran novidade é a irrupción de Alternative für Deutschland no Bundestag co 12,6%, 94 asentos e un ascenso de 7,9 puntos, un  chisco menos do que perde a alianza CDU-CSU. A Sra. Merkel terá que fiar fino entre a continuidade da alianza co SPD, que será o que ela prefira, ou unha exótica coalición, dinlle “Jamaika”, polas cores de “Union”, FDF e Die Grüne.

Fóra dos problemas parlamentarios caseiros, o que xa non é novidade, que as recentes eleccións alemás confirman, é a ruptura pola dereita extrema, pola xenofobia, polo supremacismo branco, polo extremismo relixioso... do sistema de representación político na Europa central e do norte. As forzas democráticas, as esquerdas, os sindicatos, as xentes da cultura deberían procurar primeiro diagnósticos aquelados e logo tratamentos urxentes ao que xa non é un fenómeno casual, unha anécdota particular, un caso singular, senón a xeneralización de organizacións protofascistas en ascenso e que en moitas ocasións roldan o 20% do electorado.

Repasemos por riba: Francia (presidenciais, Le Pen 33,9%, mais de dez millóns de votos); Grecia (Amencer Dourado, 6,99%, 18 escanos); Holanda (PVV, 1,3 millóns de votos, 20 representantes, unha escisión do dereitista VVD, partido maioritario); Noruega (a pesar do descenso electoral o Fremskrittspartiet (FrP) obtén o 16, 3% e 12 deputados); Suecia ( o Sverigedemokraterna (SD) é a terceira forza co 12,9% e 49 representantes); Finlandia (os Verdadeiros Finlandeses son a segunda forza co 17,7, a pesar dun lixeiro retroceso); Dinamarca (o PPD cun 21% é a segunda forza máis votada); Estonia (o Eesti Konservatiivne Rahvaerakond ten representación parlamentaria); Letonia (a Alianza Nacional co 16,61 ten 17 escanos); Lituania (o partido Orde e Xustiza ten representación na cámara); Austria (o FPO supera o 20% en ascenso); Polonia (entre Kukiz´15 e o gobernante Lei e Xustiza superan o 45% dos votos); Eslovaquia (o SNS co 8,6%); Reino Unido (o UKIP obtivo o 12,6, empurrou o Brexit, o goberno depende dos 10 deputados unionistas do Ulster); Hungría (por se non lle chegase co FIDESZ de Viktor Orbán con maioría absoluta, o Jobbik é terceira forza con 23 representantes); Turquía (por se non lle chegase con Erdogam e o seu partido, 49,50, o MHP ten o 11,9% e 40 deputados); Croacia (o HDZ gañou as últimas eleccións adiantadas); Bulgaria (os Patriotas Unidos roldan o 10%). Supoño que queda algún outro caso por aí, e en Rusia e na Ucraína non nos detemos.

Luns, 25 de setembro de 2017


mércores, setembro 27, 2017

Outono en Mañufe

Viramos no cruceiro co fuste reposto endereitando cara ao espazo construído máis fermoso, cando menos de Gondomar. Tamén un dos mais maltratados, e mira que hai moitos! Hai anos que por un ou outro motivo o percorro. Comecei de man de alumnos para argallar unha ruta escolar; agora, aproveito calquera escusa, como por exemplo gabarme do que temos ante bos amigos, para patealo de novo. Aínda que nestes casos teña que agochar algunhas traxedias.

Por exemplo que non se aproveitase a ocasión, non sei cantas van, de que un despistado ou toliño se esnafre, non será o último, contra o cruceiro, para imitar a forma octogonal orixinal do fuste; mesmo que non se aproveite a circunstancia para reivindicar, ante quen sexa,  o afastamento da estrada do Lugar do Acordo e a sinalización do punto de reunión no que, en tempos recuados, o 1º de xaneiro de cada ano se elixía o Procurador Xeral das 18 parroquias (as dúas  Ramallosas,  Camos,  Belesar, Priegue,  Panxón,  Nigrán,  Parada,  Saiáns, Santa Baia de Donas, Gondomar, Vincios, Vilaza, Chaín, Morgadáns, Peitieiros, Mañufe e Borreiros).

Claro que isto é pouco en comparanza coa permanente desfeita da ponte esmagada e agochada baixo unha placa de formigón. Os que saben, manexan a data de 1140 na súa construción ou mellor, o máis probable, reconstrución, das moitas que debeu ter. Pola Ponte de Mañufe, con probabilidade, moitos séculos antes desa data xa pasaban xentes e carros e durante  moitos séculos despois seguiron a pasar, polo camiño medieval, pola estrada real e agora  fano os carros motorizados, que non casan, e ben podían ir dar a volta un pouco máis abaixo.

Se así o fixesen liberarían a fermosa ponte da súa ocultación e comezaría, dende ela, a recuperación dun espazo con evidentes potenciais económicos e estéticos que a cegueira do inmediato non deixa ver aos que pensan unicamente no día a día, no ir tirando...

Mais non encetamos o conto coa recuperación do patrimonio construído durante séculos senón de que chegou o outono e o rito débese cumprir manducando o primeiro cocido. Poucos lugares para facelo como o Pazo da Escola, no barrio da Moreira en Mañufe,  fundado no século XVIII por don Policarpo de Mendoza, Deán da Catedral compostelá e, ao final da súa vida, afastado do circulo de poder, bispo de Lugo. O mesmo clérigo que mandou facer o chamado, na actualidade, Pazo de Mendoza, en Baiona.

Paula, Suso e a súa familia recuperárono para goce de todos. Tamén dos lambóns que alí acudimos, de cando en vez, para gozar dos manxares cociñados, a lume manso, como diría Xavier Castro, pola experta man, aprendida en tradición secular de casa de curas, de Paula.

Enceta o asunto con dous fermosos potes de barro. Un con caldo; outro con sopa. Vai primeiro o caldo, entón Magis lembra a seu pai e demanda: “de profundis... de profundis” para indicarme que non quere moita auga. Logo a sopa, de piñóns. Cústame coutar os amigos sevillanos para que agarden a substancia que está por chegar.

Non tarda. Dúas tarteiras de barro, a rebordar, como debe ser. Os ollos dos amigos ábrense en coñecida expresión. Nunha as patacas, no seu punto de cocción e ben enteiriñas, coa verdura, repolo, abundante, unha boa presada de fabas e outra de garavanzos.  Na outra, a inmensidade dos praceres. No seu punto. O touciño entrefebrado, chourizo de carne e ceboleiro, os seus bos anacos de lacón que agochan por debaixo as tiras de orella, de cachucha, de morro e de pata, un pouco de costela salgada e uns anacos do óso da soá. Presidindo o espectáculo unhas tiras de xarrete e uns cuartos de polo que conservan a cor da boa mantenza. Non son dos que me asustan estes labores e gusto do carro ben cargado aínda que vaia un pouco ladeado para non recuncar. Mais ás veces é inevitable. A segunda volta foi mais lixeira. O mencía de Monterrei cumpre en condicións.

As mulleres, ben se sabe, son moi doceiras. Os homes, quizais non tanto, cando menos neste caso. Os eloxios das dúas lambonciñas non se deteñen ata que case rematan a xenerosa mestura de sobremesas que nos serviron.

Non me considero un ignorante nestes asuntos, mesmo por xenética, pois un é de Lalín. Así que non quedou outra que ir felicitar a Paula. Logo fomos estarricar as pernas ao adro e botarlle unha ollada “a portuguesada”, como diría o amigo Pepe que tantos anos foi párroco de Mañufe, que empoleiraron agarrado a cruz que preside a igrexa; pasear por diante do palco e do cruceiro da fe para despois achegarnos ata a porta do cemiterio, exhibición da riqueza dalgunhas familias da parroquia mentres ollabamos, ao fondo, o rectángulo  de Moldes coa súa capeliña á beira onde se agocha o San Brais. Seguro que volveremos antes, mais, cando menos, agardamos facelo para comer os callos cando o santo nos queira anunciar a primavera.

Domingo, 24 de setembro de 2017

PS.
Como ves Antonio fíxenche caso e contei o vicio do cocido do Pazo da Escola.


Un cosmopolita irónico

Agasalláronme hai uns días cunha edición recente dun libro de 1993. Trátase de Sangre y pertenencia. Viajes al nuevo nacionalismo (Blood and Belonging: Journeys Into the New Nationalism) de Michael Ignatieff. Como case sempre, a editora é catalá e debeulle funcionar tan ben o título como o canto ensanguentado  ou a capa cun debuxo dun porco no que se sinalan seis anacos que corresponden as seis viaxes que o autor emprendeu para realizar a serie da BBC co mesmo titulo, predecesora do libro, por Coracia e Serbia, Alemaña, a Ucraína, Quebec, Kurdistán e Irlanda do Norte.

Digo que lle debeu funcionar ben porque na capa xa incorporaron o cuño que indica a segunda edición. A serie foi un acontecemento e o libro tivo unha gran difusión no seu momento, probablemente tanto daquela, de forma dramática, como hoxe, de forma democrática, porque a cuestión do nacionalismo protagonizaba a vida europea, sobre todo no leste, nos territorios da disolvida URSS e a súa area de influencia ou nas tráxicas terras balcánicas. Agora a onda chegou á banda occidental europea, aínda que o autor xa incorporaba o Ulster na súa viaxe e mesmo se desprazaba á parte do Kurdistán (o delimitado en Irak) que mañá vai celebrar un referendo de independencia.

O libro segue a ter o seu interese a pesar do cuarto de século transcorrido. Mais non o traio a colación só polo seu contido senón polo “Epílogo para a edición española”, asinado en 2012 e algúns dos comentarios que o trufan.

Ignatieff foi líder parlamentario do Partido Liberal canadiano (2008-2011), na actualidade é profesor da Universidade de Toronto. Federalista convencido, admirador de Trudeau e polo tanto contrario á independencia do Quebec. No epilogo amentado di “Ata daquela (refírese á viaxe de 1993) fun un cosmopolita, tomando unha distancia irónica do sentimento nacionalista” e a continuación engade “Grazas á viaxe, ollei que o nacionalismo, ese desexo de pertencer a un pobo, esa vontade de gobernarse a si mesmo e conservar a cultura, a lingua, a tradición, é o portador imperecedoiro dalgúns dos máis poderosos sentimentos políticos dun pobo”.

Sei que quen me agasallou o libro fíxoo con moito cariño e sen ningunha dobrez. Agora ben, a min, que me considero un nacionalista cívico, como os que lle gustan a Michael Ignatieff, o título e a capa obrigáronme a dar un chouto, xa estamos, sangue, pertenza, un porco despezado e a palabra nacionalismo polo medio. Despois o libro, que coñecía de referencias e ao autor por algúns artigos publicados en EL País hai anos, non responde a esta presunción de título e portada, aínda que catro das paisaxes escollidas respondan á brutalidade e maldade incitada polas ansias de dominio imperial, a relixión como concentración fanática e a supremacía étnica (racial) como síntese fascista.

Non sei se os editores consultaron co autor a publicación do epílogo, catro anos despois de ser redactado, pero dáme que se Iganatieff puidese refacelo non o dubidaría e non se parecería moito ao que puxo na altura, 2012. A súa retardada lectura axúdanos tamén a percibir os ritmos do cambio histórico, aquilo do que falaba Lenin cando se refería a que nuns días pode mudar o que en séculos estivo fixo. Así Ignatieff percibe unha estabilidade en España a pesar da crise económica, pero que esta “non debilitou os seus cementos constitucionais”. Esa confianza na fortaleza constitucional esvaeuse en menos de catro anos, en parte, coidamos, porque, aínda que o epilogo se publicara no seu tempo, probablemente Rajoy estaría ocupado noutros mesteres e non o lería, tampouco os que o rodean, e non podería ter en conta certas advertencias do profesor de Dereitos Humanos na U. de Toronto: “Pode que vexamos certa recentralización durante o período de austeridade, pero nunha España democrática a reafirmación da independencia e autonomía rexional é só unha cuestión de tempo”; “Estratexias de recentralización, acompañadas de integración forzosa e identidades lingüísticas e simbólicas impostas nunca poderán acabar co nacionalismo rexional  en calquera sociedade que se considere democrática”.

Ignatieff considérase a si mesmo un cosmopolita, incluso di, poucos serán tan cosmopolitas coma el: neto de terratenentes rusos na Ucraína, nacido en Toronto, fillo de diplomático, residiu nos EE UU e Inglaterra. Esa consideración non empece para que advirta sobre a “presunción fundamental” dos cosmopolitas: “todos os demais son uns fanáticos, todos, agás nós, son nacionalistas” e engade: “Como pouco, o desdén cosmopolita e o asombro ante a ferocidade coa que a xente loita por obter un estado nación propio está equivocado. Ao fin e ao cabo, só están a loitar por un privilexio que os cosmopolitas hai moito que dan por feito”.

Sábado,23 de setembro de 2017


domingo, setembro 24, 2017

Exercicio de memoria ou clase de historia

Dende que funciona masivamente isto de internet (google e demais) os profesionais da medicina comezan a padecer o que, os  que fomos profesores de historia , tivemos que aturar en múltiples ocasións. Iso de que de historia todo o mundo pode discutir e opinar; pois é algo que cada un pode ver ao seu xeito. Agora hai xente que consulta a súa enfermidade en google e discute co médico o diagnóstico ou ata a técnica cirúrxica a empregar. Nas ciencias sociais isto sempre pasou un pouco, pero sobre todo na historia porque ten unha forte  compoñente ideolóxica no presente; aquilo que Gramsci apuntou: “A historia é sempre contemporánea, isto é, política”.

Vén isto a conto de asuntos que se poden consultar na wikipedia. Primeiro a afirmación reiterada polos falabaratos mediáticos diversos de que a Constitución non permite celebrar referendos, ergo é ilegal por definición e non por negación do executivo e do lexislativo. Ben sei que en historia se emprega unha marxe de seguridade para non precipitarse; hai un acordo tácito en que esa marxe é  arredor dunha xeración, isto é un cuarto de século. Un amigo meu afirmaba de xeito rotundo, historia despois de 25 anos, o resto é xornalismo; non sei se aos xornalistas a descualificación lles faría chiste algún. Mais como esa marxe de distancia está aí e non quero perturbala só pretendo relembrar dous feitos, e aí volvemos á  historia, os feitos, os datos non se poden ocultar, disfrazar, negar...  logo as circunstancias terán interpretacións, os datos lecturas, os feitos percepcións ...

Datos:

1. O 30  de setembro de 2005 o novo Estatuto de Cataluña foi aprobado cos votos favorábeis de PSC, ERC, ICV, e  CiU, sumando 120 dos 135 deputados do Parlamento. Os 15 deputados del Partido Popular votaron en contra.
2. O Estatuto modificado, o celebre “cepillado”, pola Comisión Constitucional do Congreso dos Deputados, e desatascado pola intervención directa de Artur Mas, líder de CiU na oposición, aprobouse en pleno o 30 de marzo de 2006 cos votos a favor de PSOE, CiU e ICV, IU, PNV, Coalición Canaria e BNG e cos votos en contra de Partido Popular, ERC e Eusko Alkartasuna, e a abstención de Nafarroa Bai y Chunta Aragonesista. O 10 de maio o proxecto chegaba ao Senado que o aprobou sen modificación. O PP volveu votar en contra e ERC abstívose.
3. O 18 de xuño de 2006 celebrouse, en Cataluña, o referendo de carácter vinculante para decidir sobre a entrada en vigor ou non do Estatuto de Autonomía de Cataluña aprobado polas Cortes Xerais do Estado. Na campaña do referendo apoiaron o Si, PSC, CiU e ICV, o Non, Partido Popular, Ciudadanos e ERC e o resultado foi: Participación (48,85%); votos a favor de (73,90%), en contra (20,76%);  en branco (5,34%).
4. Pasqual Maragall anuncia que non se presentará á reelección. Carod-Rovira, que asume a  vontade da cidadanía. Mariano Rajoy considera o resultado un fracaso de Zapatero e que “Lo que exige un mínimo de patriotismo y de sentido común es paralizar esta operación de liquidación de la nación española”.
5. O 28 de xuño de 2010, mediante a Sentenza 31/2010, o Tribunal Constitucional, ante o recurso de inconstitucionalidade presentado por deputados do Partido Popular, resolveu por 6 votos a favor e catro en contra a constitucionalidade da maior parte do texto, sinalando a “ineficacia xurídica” do Preámbulo (onde constaba o termo nación ao referirse a Cataluña) aínda que o fallo mantén a definición de Cataluña como nación, e declarou 14 artigos inconstitucionais.
6. O 10 de xullo do 2010 houbo unha manifestación en Barcelona, co lema “Som una nació, nosaltres decidim”, contra a resolución do Tribunal Constitucional, co apoio de todos os partidos políticos do Parlamento de Cataluña agás PP e Ciudadanos. A asistencia superou o millón de persoas.
7. O 23 de agosto de 2011, Zapatero propón a reforma do artigo 135, establecendo que o pago da débeda pública fose o primeiro a facer antes que calquera outro gasto do Estado. A modificación constitucional fíxose por procedemento ordinario, sen referendo, co apoio do PP e do PSOE (316 votos a favor e 5 en contra) e a ausencia dos deputados de CiU, PNV, ERC, IU, ICV, BNG e Nafarroa Bai.
8. O 20 de novembro de 2011, o PP gaña con maioría absoluta as eleccións xerais e Mariano Rajoy é elixido presidente do goberno.

Venres, 22 de setembro de 2017




Máis política

Dubidei en poñer como ilustración deste artigo a lámina, ben coñecida por outra banda, de Castelao. Provocou as miñas vacilacións, non fose o demo, que lle chegase ao fiscal ese da Maza, un señor que goberna, auxiliado polo Constitucional, en nome do presidente Rajoy, que non goberna en maioría senón por carambola, e fose acusar o  noso prohome político de sedición ou cousa semellante. Ben saben, sedición: levantamento colectivo e violento contra a autoridade, a orde pública ou a disciplina militar; non chega á  gravidade da rebelión pero ándalle preto (art. 544 do Código penal); os que inducisen, sostivesen ou dirixisen a sedición serán castigados con pena de prisión de oito a dez anos, e se son autoridades de dez a quince, con inhabilitación absoluta en ambos casos. Os que non inducisen, sostivesen ou dirixisen pero fosen acusados do mesmo delito serán condenados a pena de entre catro e oito anos e inhabilitación para cargo e emprego público durante o mesmo tempo (artigo 545). Seica ven indicios de sedición nos presidentes de Omnium Cultural e da ANC así como en diversos membros do goberno catalán e seica poderán ver algúns máis no futuro. Un disparate.

A min estas palabras grosas danme medo dende que hai anos dediquei moito tempo a ler as causas militares embutidas en formalidades legais contra homes e mulleres condenados, arruinados, encarcerados, torturados, fusilados nos concellos do Val Miñor. Eran moitas as causas e moitos nomes e estas palabras: sedición, rebelión, pena, anos de cárcere, pena de morte, inzaban por aquelas paxinas de aparente legalidade e absoluta barbarie real. Aínda agora oitenta e un anos despois aquelas farsas xudiciais seguen tendo valor legal; aínda que nunca tiveron lexitimidade. Para vergonza e oprobio dos gobernantes das últimas catro décadas autodenominadas democráticas.

Sabíao ben Castelao que a experimentou el propio e o percibiu e o observou en múltiples ocasións, que a lex pode ser un cadáver fedorento cando é inxusta, ilexítima ou cando se aplica sectaria ou excesivamente. Contra dela non só é ético rebelarse, senón un deber moral.

Por iso, en democracia, os  conflitos  políticos resólvense a través de negociacións, transaccións, acordos, diálogo. Entre Cataluña e o Estado español existe un conflito político que vén de moi atrás e que cada certo tempo, en contextos diversos, reavívase, recrúase e ante o cal España sempre respondeu con violencia. A Diada conmemora unha derrota.

Ollando uns anos atrás, lembramos un Estatuto que aprobou o Parlamento de Cataluña (todos os grupos a favor menos os 15 deputados do PP) que, despois de “convenientemente cepillado” pola Comisión Constitucional do Congreso, foi aprobado pola Cortes Españolas, e logo referendado polo cidadanía catalá e que, a instancias do PP (acordan a Esperanza Aguirre recollendo firmas na rúa Salamanca de Madrid?) e inspirado polo partido comandado por Rajoy, o Tribunal Constitucional rematou por tombar. Daquela o pacto entre os partidos do réxime do 78 e a burguesía catalá quebrou.

E rompeuno, fundamentalmente,  quen quixo aproveitar a ocasión para recuperar o poder político en Madrid empregando a pauliña catalá en substitución da etarra para carnaza de tertulianos, taxistas, escribidores varios e locuaces diversos e así gañar votos no centro na España profunda para regresar ao poder. Claro que despois veu a crise esa e os seus latrocinios, os legais, aproveitando as crises bancarias provocadas,  e os legalizables con artimañas xurídicas e sacrificados homes de palla ben recompensados. A burguesía catalá enmerdada no réxime do 78 e na corrupción fixo mutis polo foro.

E agora persisten con  pauliña da lei. A lei, cando fede, cámbiase. A constitución, cando non serve, refórmase. A política está para acordar e non confrontar. No fracaso da política ten máis responsabilidade quen ten máis poder. Non hai referendo pactado porque o goberno do PP nin quixo, nin quere, non porque o goberno de Cataluña ou o Parlamento se botasen ao monte.


Xoves, 21 de setembro de 2017

Traxedia ou farsa

Hoxe asusteime. As noticias que viñan de Barcelona daban medo. Acaso non estabamos nun réxime democrático no que os  conflitos políticos resolvíanse con propostas negociadas e dialogadas.

A ameaza de Rajoy, en días anteriores, era inquietante: “Nos van obligar a llegar a donde no queremos llegar”. A ameaza é ben grave. A bravata indica a vontade de resolver o conflito pola forza. Esa  intención non é propia dun réxime democrático. Este, o da restauración borbónica, para ser suaves, conserva no seu ADN o autoritarismo herdado, o paternalismo do franquismo  que olla os cidadáns como súbditos, como nenos non moi espelidos avispados, como adolescentes inconscientes  aos que cómpre ter controlados; non vaia ser que uns toleiráns irreflexivos os leven por mal camiño e e provoquen males tan graves a España que o seu remedio esixa sacrificios excesivos. Como xa ocorreu. Pola medula do réxime circula a interpretación de que, en última instancia, a sublevación de xullo de 1936 era inevitable; non desexable, pero inevitable, como resposta aos acontecementos de outubro de 1934, provocados, entre outros, polos de sempre, os cataláns.

Recapitulemos con brevidade e  co perigo de simplificar. Un dos  propósitos do presidente Companys era unha reforma agraria, adaptada a  Cataluña, que resolvese o problema do acceso á propiedade da terra de miles de pequenos agricultores, nomeadamente viticultores, os Rabassaires. O Parlamento de Cataluña aprobou unha Lei de Contratos de Cultivo que lles garantía a explotación das terras durante un mínimo de seis anos e a posibilidade de mercar as parcelas que cultivaran durante un mínimo de quince años. A dereita catalá, a Lliga, coa axuda das dereitas republicanas e da CEDA, recorrérona e lograron enviala ao Tribunal de Garantías Constitucionais por invasión de competencias estatais; a Generalitat opinaba que o estatuto lle permitía lexislar en política social agraria. O 8 de xuño de 1934, o tribunal de garantías constitucionais declarou, por 13 votos contra 10, incompetente o  Parlamento de Cataluña e anulou a lei.

A tensión foi en aumento naquel verán. O seis de outubro do 1934, Compayns, despois de que a CEDA entrase no goberno de Madrid, declarou: “Nesta hora solemne, no nome do pobo e do Parlamento, o Goberno que presido asume todas as facultades do Poder en Cataluña, proclama o Estado Catalán da República Federal Española, (...) que atopará no noso pobo catalán o máis xeneroso impulso de fraternidade no común anhelo de edificar unha República Federal libre e magnífica”. O director de La Vanguardia escribía que a declaración do goberno de Compayns “forza á violencia ao Goberno de Madrid”. Na mañá do 7 de outubro as tropas entran no Palau da Generaliatat e deteñen a Compays, o  seu goberno, o  presidente do Parlament e algúns deputados, entre eles a Tarradellas; despois o  alcalde e concelleiros. Todos e os outros moitos detidos foron trasladados ao buque Uruguay ancorado no porto de Barcelona e reconvertido en prisión.

Paramos aquí. Despois viñeron os acontecementos de Asturias e a xeneralización da represión. A autonomía de Cataluña ficou suspendida. A Lliga sen apoios. En febreiro gañou as lexislativas republicanas a Front d´Esquerres con contundencia. Companys, que cumpría condena de 30 anos, foi amnistiado; regresou á  presidencia da Generalitat. Despois volveu a furia.

“Hegel dí, nalgún sitio, que a historia repítese dúas veces. Faltoulle engadir: primeiro como traxedia e despois como farsa”, escribe Marx n´O dazaoito brumario de Luís Bonaparte.

Hoxe, no farol de Urzaiz, ollei rostros avellados que había tempo non vía. Eran rostros diversos,apesarados, reflexivos, interrogantes, preocupados... dos anos setenta, antifranquistas.


Mércores, 20 de setembro de 2017

sábado, setembro 23, 2017

A ameaza golfista

Así titulei un artigo que se publico n´A Peneira, aló por xullo de 2004. Volven á  carga no Val Miñor.  O concello baionés abriulle a porta a un plan especial que permitiría unha grande área deportiva nas Costeiras, Baredo.  Por suposto, din, asegúrase o respecto aos acuíferos, ao  patrimonio e esas cousas..., só faltaría! Unha intervención sobre 675.000 metros cadrados pode ser todo menos suave. Neles seica iría un campo de golf, unha escola hípica que acollería os curros (suponse que tras domar as burras), actividade aéreas, un centro social, piscina, ximnasio, tenis, padel... Non se sabe quen poñería os cartos, que, suponse, non serían poucos. Ou ao mellor xa o saben.  Outro intento máis. Nada novo.
Déixolles íntegro o que dicía naquela altura pola ameaza que viña pola banda de Tomiño e subía ata Pinzás. Trece anos despois non vexo moito que mudar.

Contra do que se acostuma dicir, nalgúns aspectos os galegos somos xentes ás que nos gusta a desmesura. Por exemplo, na comida. É ben certo que en xeral somos máis ben retraídos. Mesmo hai quen, medio en broma medio en serio, situou o pobo galego nunha fase anal caracterizada pola pusilanimidade, polo retraemento, apoucamento e introversión, en contraste coa fase fálica do pobo vasco, en plena explosión expansiva.

Reiteramos pois que considerariamos o “sentidiño” un trazo significativo  da personalidade colectiva do pobo galego, se isto existise. Así e todo, dende que a autonomía nos permite xestionar unha parte importante dos cartos públicos, téñense producido unhas desaforadas ansias por iso das “infraestruturas”, estradas ata  a aldea máis cativa, piscina e pavillón polideportivo por concello, universidade case  que por provincia e xa se sabe que aquela vila un pouco grande e que se prece ten que ter aeroporto. Curioso é que outras infraestruturas, que noutros países consideran imprescindibles, como recollida de lixo e reciclaxe, rede de sumidoiros ou mesmo traídas de auga públicas, non sexan situadas no nivel de importancia social das anteriores. Neste val noso a recollida do lixo é un desastre, a reciclaxe non existe, cando menos a metade das parroquias –ou máis- non teñen rede de sumidoiros e noutras tantas as traídas de auga fixéronas os veciños e polo tanto son privadas.

Pode que no que sexamos decididamente fálicos sexa no de comer e no das festas gastronómicas. Aquí si que superamos todos os “récord Guinnes” habidos e por haber. E que ninguén se nos poña diante. Ese outro día tiven unha reunión cunha asociación de veciños parroquial que nos comunicou, non sen certa fachenda, que decidiran promover a parroquia organizando unha festa gastronómica. ¡Tarde piaches! En efecto, o principal problema que tiñan era decidir que froito da terra ou do mar, do río ou do ar, ían escoller para devorar na celebración. Xa que todos estaban collidos. Aquí, na miña parroquia, nas faldras do Galiñeiro, xa tiveron que optar polo xurelo. Non quedaba outro.

Nos últimos anos tense sumado a esta ansia deportiva de piscinas-pavillóns os campos de golf. De repente semella que todos nos volvésemos golfistas. Aquí, neste val noso, seica van facer uns cantos, polo de agora non chega a un por parroquia, pero todo se andará. Primeiro foi entre Donas e Mañufe, logo en Baredo, en Oia tamén houbo algo, hai anos en Chandebrito, agora de novo en Camos e con toque por Chandebrito, os de Donas non o quixeron, pero agora vénlle polo lado de Pinzás en Tomiño...

A diferenza entre as piscinas-pavillóns e os campos de golf está nos promotores. Dos primeiros eran os alcaldes os seus impulsores. Sabían que non había nada mellor que unha piscina ou un pavillón, aínda que logo non se abrise por non ter quen o limpase, para prolongar o seu mandato unha lexislatura máis. Os da Xunta e Consellería sabían que o sistema funcionaba e deixaron barrios ateigados de xente sen eles para poñelos en concellos de cinco mil habitantes dispersos por varias ducias de quilómetros cadrados.

No dos campos de golf, pola contra, os promotores son privados. Se non houbo un andazo que, de súpeto, converteu os galegos e galegas en furibundos afeccionados a darlle cun ferro a unha bola branca, é difícil de comprender que rendibilidade pensan obter estes inversores. A non ser que o do campo de golf sexa un reclamo, un cebo, unha trampa, unha ensenrada para meter outra cousa que si xera apetitosos beneficios. Imos ver: quen vai mercar un chalé na Chan do Cereixo, se non vai acompañado dunha urbanización e dun engado para papaleisóns con cartos e con ganas de hipotecarse de por vida?.

PS.
Daquela o de hipotecarse de por vida estaba de moda. Vicio do que, por fortuna, quitoulle á xente a denominada “crise financeira” de 2007, as hipotecas sub-prime e o estoupido da “burbulla inmobiliaria” en 2008. Parece que algúns queren repetir a xogada. Falando de xogadas chéirame que esta vez vai vir polo fútbol e as casas de apostas. Conste que non estudo números, só me guío por impresións.


Martes, 19 de setembro de 2017

venres, setembro 22, 2017

A ferida que supura

Imaxes de Isaac e Abraham, reclamadas á familia de Franco
Cantas veces non teremos escoitado o de “deixade esas cousas”, “non remexades”, “é mellor non abrir feridas”. E unha e outra vez retornan; as frases e a ferida. Unha e outra vez sangra, supura, abre, non cicatriza, non cauteriza... O problema é non só a dimensión da ferida senón que foi tratada en falso, cunhas grampas, un pouco de betadine, unhas gasas e unhas vendaxes cando se precisaba unha intervención cirúrxica profunda que a limpase a fondo das graves infeccións acumuladas durante catro décadas e outras tantas sen cirurxía.

Sexa pola xestión das visitas a Meirás da que se fachendea a Fundación Nacional Francisco Franco, sexa polas estatuas de Isaac e Abraham, por citar o que recolle a prensa ou polas, outro ano máis, necesarias e reiteradas homenaxes a paseados, represaliados, fusilados... que se concentran en agosto e setembro, e que non recolle a prensa, e mesmo se dilatan na representación temporal: o próximo 27, será o 42 aniversario do fusilamento de Humberto Baena e os seus compañeiros; o día 30 deste mesmo mes, 81 anos despois, en Mos, á  beira do cemiterio, lembrarán a memoria, entre outros, de  Adolfo Monroy Figueroa, Hermenegildo Andrés Castro, José María Maneiro Pereira, Antonio Cerqueira Pousada, José Amoedo Puentes, Isidro Roque Lusquiños, Manuel Maquieira Solla, Enrique Ramos Rodríguez. Os oito asasinados na madrugada do 10 de novembro de de 1936.

Por que? Pois porque supura a ferida. Porque hai unha “anomalía española” en comparanza cos países europeos que sufriron ditaduras durante o século XX. Unha anomalía da que é mostra a inconcibíbel existencia  legal da Fundación Francisco Franco ata recibindo subvencións públicas. Imaxina alguén unha Fundación Benito Mussolini en Italia ou unha Adolf Hitler en Alemaña? Ou que en corenta anos de democracia, o goberno ou o parlamento (español ou galego), non tivese tempo, nin se lle acordou!, expropiar o Pazo de Meiras á familia Franco cando é público, notorio, evidente e documentado con reiteración que foi adquirido con coacción masiva e roubo á colectividade, seguindo un “método de extorsión” que dona Carmen ou o “sete empregos” utilizaron con asiduidade.

Ou que en catro décadas, nin aos gobernos nin aos parlamentos referidos, nin ao goberno municipal compostelán se lles ocorrese esixir a devolución das imaxes de Isaac e Abraham, roubadas ao concello de Santiago e reclamadas, hai anos, pola Asociación de defensa e recuperación do Románico Galego, “O Sorriso de Daniel”; reclamación á que a familia Franco nin lle prestou atención.

Unha anomalía que lle permite a un tal Jaime Alonso García, portavoz da Fundación Franco, afirmar sen consecuencia ningunha que as visitas ás Torres de Meirás se empregaran para enxalzar a figura do “xeneralísimo”. Ou que a páxina web desta Fundación siga aberta e se encabece coa frase “Asalto al Pazo de Meirás”.

Unha anomalía que lle permite ao sistema xudicial ignorar estas denuncias, non actuar de oficio, desprezalas cando se presentan ou consideralas asunto de particulares  e ao goberno desatender as recomendacións de Nacións Unidas, dilatar a demandas de tribunais doutros países, non atender as dos seus cidadáns e despreocuparse de que o Estado español sexa, despois de Camboxa, onde máis desaparecidos segue habendo.

Precísase cirurxía para que a ferida cauterice.

Luns, 18 de setembro de 2017


Un imprescindíbel

V Congrso da UPG. Foto: Xan Carballa
 Onte ao mediodía souben a triste nova do falecemento de Bautista. Para moitos de nós é simplemente así; pero para que o saibamos todos era Bautista Goyel Álvarez Domínguez, nacido en Loucia, na parroquia de Las, no concello do San Amaro, nas terras do vello Orcellón, ou do Carballiño, na nación galega. Un imprescindible.

Hoxe, baixo o amparo das murallas milenarias da gran cidade de San Cibrao de Las, cando no Carballiño é o día grande das festas do Setembro na honra do San Cibrao, acudín a saúdalo aínda que xa non me escoitase, nin me vise, fisicamente, que eu ben sei que o soubo. Alí fun acompañalo xunto aos seus camaradas de partido e a moitísimos excamaradas, como é o meu caso, que nos reunimos na súa memoria. Porque o Bautista era quen de escoitar, defender a súa visión con vehemencia, respectar as de outros e xuntar vontades. Vin moitas caras avelladas polos anos e sentín algunha ausencia.

Ao remate, aínda que fose de escapada, subín ata a cima de Santrocado, San Trocado, San Torcuato ou mesmo, segundo nos explicaba O Corcheiro,  Santo Catro, pois alí xúntanse catro parroquias: Santa Uxía de Eiras, San Cibrao de Las, San Xoán de Ourantes e Santa Baia de Laias. Alí, na cima do coto, onde hai un bido que non debería, pé da capela, ollei como o Barbantiño deita no Miño, as reviravoltas entre Arrabaldo e o encoro de Castrelos, fitei o Coto de Novelle e acordei do “erguemento azul do coto da Bidueira”, “non lonxe da aldea dos Solovio”. Bautista, como Solovio, descubriu a patria na capital da España e regresou para fundirse nela.

Revireime, ollei para o norte, para a Martiñá, e lembrei un día, hai moitos anos, en que o coñecín. Era eu un rapaz. Foi no Carballiño. Uns mozos vigueses acompañaban a un amigo que impartía aulas no Instituto de Cangas. Un deles non cadraba cos demais, non só por ser un algo maior, senón tamén polos seus vestires, engravatado, camisa branca, chaqueta, semellaba un empregado de banca ou algo semellante, pero sobre todo pola vehemencia e ledicia coa que falaba, abertamente, daquela non era frecuente, de antifranquismo, galeguismo, nacionalismo, clases populares. Deunos, alí, nunha cafetería, paréceme, un, despois souben que se lles chamaba así, “seminario”; facía proselitismo político, e ben, pois dos que lembro vagamente que alí estabamos, todos son hoxe militantes da nación galega e das causas populares. Así era o Bautista, entusiasta da causa.

Despois coincidimos en Santiago, a finais dos setenta, cando o partido o mandou irse para alí. Ás veces acompañabámolo no café. Na difícil, para o nacionalismo galego, década dos oitenta, compartimos debates e tensións no Comité Central da UPG e no Consello nacional do BNG.

Pola noite, abrín o facebook e vin unha serie de fotos que “colgou” Xan Carballa. Entre elas unha da mesa do V Congreso da UPG. Foi un momento difícil, para todos, en especial para Bautista, no centro da tormenta, a quen o “partido” non só non lle autorizara a prospectar as portas que pretendía abrir o presidente do parlamento, Rosón, senón que tivera que empregar unha formula de xuramento que non deixaba marxe de manobra e mesmo soportar chanzas polo seu empeño en defenderse con argumentos xurídicos do atropelo que cos tres deputados estaban a cometer. O BNG creárase pero estaba encallado. Beiras, só, fora elixido como  deputado a finais de 1985. Antes do remate de ano houbo unha asemblea extraordinaria do BNG na que se decide eludir atrancos e participar na actividade institucional no Parlamento.

Naquel V Congreso encargáronme elaborar un relatorio que, vexo na web da UPG, titulábase “A política partidaria no frente patriótico”. Tratábase de sacar ao BNG da inanición. O relatorio xerou moito rexeitamento; algún, daquela dirixente, tirouma enriba da mesa cualificándoa de “merda”. Marcharon algúns compañeiros e formaron o “Colectivo 22 de Marzo”. Mais ou menos un ano despois o BNG atinou no vello Cine Rivas do Carballiño. Lembro o brillante e entusiasta discurso de Bautista.

     Era un dos imprescindíbeis.

Domingo, 17 de setembro de 2017


mércores, setembro 20, 2017

Dona "Carmen", o “sete empregos” e Mariano Rajoy

Contan que cando dona “Carmen” estaba de visita en Meirás, os xoieiros da Coruña púñanse a tremer por se se lle ocorría dar unha volta polos Cantóns. Os máis arrichados tomaban vacacións, en agosto todos; os que non podían arriscábanse a que á  señora se lle antollase tal ou cal xoia. Chamábanlle “La collares”.Era un método de extorsión consolidado; imitado polas elites franquista, tamén polas locais.

Na miña vila, houbo un persoeiro do réxime que lle chamaban o “sete empregos”, porque era os que tiña, e de todos cobraba; seica tiña moitos fillos e ben os precisaba!, dicían que dicía. Dicían tamén que nunca levaba cartos nos petos porque tampouco os precisaba; sitio no que entraba, sitio no que o invitaban.

O home faleceu pouco despois de poñerse de moda o de votar en urnas. Non lembro se foi nas primeiras ou nas segundas eleccións lexislativas,  en calquera caso entre 1979 e 1982, xa perdera algúns empregos e moita “autoridade”, pero seguía sendo, entre outras cousas, director da Caixa Rural. O home, con intención benfeitora, metíalle a cada cliente, no medio da “libreta de aforros”, as papeletas da UCD para que non tivesen que facer o esforzo de pensar. Un xuíz, arrichado, como os xoieiros que pechaban as portas,  sóuboo e empapelouno. Uns meses despois, aquel home grande e forte que tan ben lucía coa guerreira branca de xefe local “del Movimiento”, isto é, alcalde, e coa azul da Falanxe, falecía dun infarto. Seica co desgusto.

Era un home fervoroso. Nunha ocasión, con motivo da visita de Franco á vila para unha inauguración, chupou unhas boas labazadas. Entusiasmado coa presenza do “ xeneralísimo”, rompeu o cordón de seguridade para saudar o  “salvador de España”; o movemento non foi ben entendido polos da secreta que o arrempuxaron contra unha esquina mentres os ollos se lle saían das orbitas e as fazulas se lle incendiaban entre o susto, o medo e a vergoña polas olladas viradas cara a el.

Estes aires melancólicos do fascismo viñéronme á  mente este verán cando mirei as fotografías dun, que na altura, no tempo dos sopapos ao “sete empregos”, tamén podería andar pola vila onde o seu pai foi xuíz, coido; ben saben, o tal Rajoy Brei, retratado co máis puro aire retrofranquista na festa do Casino de Pontevedra, coa súa paxariña e acompañado de señoras de tiros largos, marcando diferenza.

Os recordos abandonaron a melancolía para virar en xenreira cando souben que a Fundación Francisco Franco, que exista é a negación do carácter democrático do réxime do 78, ía ser quen xestionase as visitas ao Pazo de Meirás, e que este íase converter nunha especie de “centro de interpretación e exaltación” da figura do ditador.

E os recordos convértense en temor cando escoito as cousas que din, os do réxime, sobre unhas urnas e unhas papeletas, aquelas que tan mal lle fixeron ao “sete empregos”, e escoito o  fillo do xuíz deitar ameazas, simples só na aparencia.

Sábado, 16 de setembro de 2017


Retallos de BCN9: A perestroika que non foi

Apuntaba Jaime Miquel, maio de 2015, en La perestroika de Felipe VI (RBA,2015),  libro que comentamos neste blog a posibilidade dunha mudanza impulsada dende o propio sistema. Apostaba por una gran coalición PP-PSOE que impulsase un proceso constituínte, con participación cidadá e pacto coas forzas políticas emerxentes que confederase tres territorios (País Vasco, Cataluña e o resto), ratificado en referendo cidadán ao que tamén se debería someter a propia monarquía. Sinalaba Miquel que a gran coalición suporía a destrución do PSOE, pero que xa estaba desfeito, e que Filipe VI, de aí o título, debería impulsar a súa perestroika tanto para salvar o réxime do 78 a través da súa reforma como a propia monarquía.

Miquel sabe moito de análises electorais, semella unha persoa sensata e intelixente, virtudes escasas entre as engurradas, por avellentadas, e corruptas elites políticas madrileñas. A monarquía participa dos mesmos vellos vicios. Polo que, coa vantaxe do tempo transcorrido, podemos reafirmarnos no que diciamos cando faciamos a recensión do libro de Miquel, no 80 aniversario da sublevación militar que iniciou a guerra de España co seu corolario, corenta anos con Franco e outros corenta sen el, pero co seu espírito levitando. Apuntabamos daquela que a “peculiaridade española” condicionará a moitos deputados e deputadas á hora de apoiar a “Große Koalition”; dun xeito moi especial aos que tivesen que facer de muleta. Simplemente por unha cuestión da escasa lexitimidade democrática tanto das orixes do réxime do 78 como das súas elites xestoras enlamados no, para dicilo suavemente, “franquismo sociolóxico”, sustento da Segunda Restauración.

Sabemos o que pasou nestes dous anos dende a publicación do libro de Miquel. Non houbo gran coalición, o PSOE estourou igual, o trato da “cuestión catalá” retrotráese ás formas dos primeiros anos do século XX, a esquerda emerxente enleouse na súa inexperiencia, nas ansias de gloria e en vellas pulsións vangardistas. E a monarquía, non sabe nin contesta,  agárdase?; dá a sensación máis de estar a preparar o traslado familiar a Suíza que de facer un esforzo por resolver a crise do réxime e salvarse ela mesma.

O acantoamento contra as cordas do catalanismo, o “aquí pasou o que pasou”  e a incapacidade para soportar a frustración  puxeron sobre a mesa tanto a cuestión das nacións como a da república.

Cataluña puxo a data de caducidade.

Venres, 15 de setembro de 2017



Retallos de BCN8: Reflexións de Barcelona


1.- Seguidismo.
O galeguismo, isto é o nacionalismo galego, ao non ser quen de erguer un proxecto con pretensión de hexemonía social, agás na breve década de remate do século XX, tivo, tanto na contemporaneidade como na historicidade,  unha pulsión imitadora, de gratificación no reflexo de “outros”, de aparvamento papaleisón e en última instancia de desconfianza nas propias potencialidades,  que, en ocasións,  non fixo máis que amosar con crueza a súa debilidade e afastar das súas propostas a quen tentaba convencer.

Nos albores políticos o entusiasmo tiña a súa orixe na Irlanda católica, céltica e poética ou nas ansias de reintegrarse, ben nunha fantasiosa rememoración da vella Gallaecia ou na vizosa e resistente Portugal que, agás en puntuais e interesados momentos, non só nunca prestou a máis mínima atención ao seu Kosovo particular e non recoñecido, senón que procurou, e procura, mirar para o centro e afastar olladas irredentas cara ao  norte. Neste rodopío segue encerellado como consolo unha salientábel parte do galeguismo político-cultural.

Houbo momentos nos que esta ansia por asemellarse ao movemento admirado chegou ata o extremo do papaleisón absoluto. Durante a década dos oitenta o nacionalismo galego organizado entregou o seu esforzo e hipotecou a súa acción ao movemento abertzale ata o extremo, mesmo ridículo, de renunciar á  súa propia expresión política para poder gabarse do seu sacrifico solidario. Por fortuna daquela abdución foise saíndo, non sen dificultades, para encetar a fase de maior presenza social do galeguismo na fin de século cronolóxico ao que nos referimos máis arriba.

Temo que a pulsión imitadora, e limitadora, rebrote co catalanismo actual. Ao mellor xa o fixo. Será tan ineficaz como cando Solidaridad Gallega, e habería que agardar polas Irmandades para retomar a vontade de tecer nación. Escoito entusiasmo excesivo con procesos que non son nosos. A nación dos galegos e galegas, abandonada polas súas elites políticas e económicas, non tivo máis expresión de vontade que a que lle deron, de xeito consciente ou non,  as súas clases populares, o que hoxe alcumaríamos como “os de abaixo”, ou como faga o filósofo de cabeceira de cada quen. O punto de encontro segue estando alí onde se cruzan esquerda, nación e democracia e en consecuencia o proceso galego ou é único, orixinal e non reflexo, ou non será.

2. Illacionismo
Ser moi conscientes de que o proceso é autónomo, fundado nas propias forzas, non escusa a necesaria relación tanto con outros movementos de emancipación nacional como a acción a respecto dos dous estados que nos arrodean. Sinalar dúas cuestións fulcrais para o desenvolvemento do galeguismo político.

Por unha banda a precisa e urxente achega, todo o medida que se queira, á norma internacional da lingua portuguesa, sabendo que a iniciativa é nosa e que se ten que presentar nas institucións para reabrir o debate en termos de beneficio para o idioma a afastado de disputas fratricidas; seguramente a peor das moitas que nos asolan e asolaron e a máis inútil de todas. Hoxe cando as persoas de fala orixinaria galega xa non só deixaron de ser maioría senón que o galego perde falantes ao mesmo ritmo que habitantes, unha lingua falada polos vellos da tribo ten as mesmas posibilidades de supervivencia ca estes.

A lingua ten que reinventarse para sobrevivir nun mundo intercomunicado, atravesado por linguas de uso, unha esperanza pode ser achegarse á  norma portuguesa, menos disolvente para a nosa lingua minorizada, simplemente porque a sitúa nun espazo comunicacional diferenciado do español no momento en que a supervivencia da lingua está cada vez máis indisolubelmente unida á proxección social da proposta galeguista nacional.

A soberanía do proxecto de nación non empece, nin limita, a táctica de alianzas tanto no vector nacionalista como no eixo da esquerda. A única limitación é a autoorganización, a soberanía da alianza. Non parece comprensible o desequilibrio, o abandono do punto de encontro, agás que as alianzas se fagan dende a vella perversión da vangarda orientadora de febles, en ideoloxía, compañeiros de viaxe. As alianzas entres iguais, sen mingua de soberanía, como acumulación de forzas e expansión do proxecto nacional, non só  parecen comprensibles senón mesmo necesarias.

Ese diálogo, dende a total soberanía, é preciso coas forzas de esquerda española. Este será sempre tenso, mesmo en ocasións contraditorio, mais non é doado de entender que  a esquerda galega practique o illacionismo defensivo do resistente e abandone ou rexeite inmiscirse na formulación de alternativas a nivel estatal. Ben que o souberon facer as dereitas nacionalistas vascas ou catalás, por certo con gran habelencia durante anos.

As brutais descualificacións  entre as esquerdas galegas e as españolas só se entenden como unha disputa territorial, por certo ben pouco práctica, agás se a consideramos dende o punto de vista das elites partidarias. Outra cousa ben distinta é a renuncia a un proxecto soberano, á  autoorganización, como ten ocorrido nalgunha ocasión recente.

Estas reflexións, mesmo coas súas aparentes, ou reais, contradicións, xurdiron ao regreso dun once de setembro que abriu moitos interrogantes e alimenta moitas esperanzas.

Xoves, 14 de setembro de 2017