martes, marzo 31, 2015

O grito




“El grito”
Hermenegildo Sosa
Óleo sobre tela
130x90


           Chamoume a atención o óleo que ilustra estas liñas. O autor, Hemenegildo Sosa, un pintor nacido (1946) no estado de Tlaxcala, no corazón do México insurxente que nos narrara John Reed1 antes de relatarnos os dez días que abalaron o mundo. Sosa é un paisaxista recoñecido, en principio afastado do expresionismo de Munch de quen tomou o icónico título.

luns, marzo 23, 2015

A creba dos Álvarez



Xosé María Álvarez Cáccamo e Carlos Méixome Quinteiro
na Aula de Cultura Ponte de Rosas (Gondomar)


A violencia fascista levou á morte por fusilamento ao meu avó Dario Álvarez Limeses e ao seu sobriño Alexandre Bóveda, ao exilio ao curmán de meu pai Xerardo Álvarez Gallego, ao desterro ao meu pai e a outro curmán seu, Emilio Álvarez Gallego, á cadea ao meu tío Darío Álvarez Blázquez no 47.
Con este tráxico reconto familiar, tirado da súa Memoria de poeta (2006), enceta Xosé María Álvarez Cáccamo o seu libro A Voz quebrada. Da memoria histórica e o terror fascista (2014). Catorce textos, breves na súa maioría, escritos, ou ditos, entre 2003 e 2014, pero publicados sen orde temporal, que nos falan da “verdade na conciencia que ás veces confundo a miña memoria coa dos meus maiores”. Preguntábase Benjamin, nunha das súas teses sobre a historia: “Acaso nas voces ás que lle prestamos ouvido non resoa o eco doutras voces que deixaron de soar”. Velaí o carácter matricial da memoria que fica ancorada nos feitos singulares sempre en transformación, aberta, que nunca remata por fixarse, sempre influída por acontecementos posteriores, por experiencias que se superpoñen e van modificando o recordo ata que: “Creo que eu estaba alí, en Tui, o dia 30 de outubro de 1936, ás seis horas e corenta e cinco minutos da mañá, e que puiden escoitar os tiros que lle arrincaron a vida” (refírese ao seu avó Darío Álvarez Limeses). A memoria e a historia teñen unha mesma preocupación: o pasado; pero entre ambas existe unha xerarquía. A memoria é fonte, a historia relato. A historia nace da memoria e despois ten que se liberar dela. O que nos ofrece Pepe Cáccamo é memoria “fondeada en sombra fría de dor” que nos acompaña na “alba insomne” e se revolve contra o “negacionismo erixido polos responsables do xenocidio e da ditadura” para lembrarnos “aquel programa de exterminio exhaustivo” que se impuxo en 1936 “por maioría absoluta de terror” e soñar coa vinganza, coa lexítima vinganza que non pode ser realidade.

xoves, marzo 12, 2015

Árbore que acolle






O carballo do quinteiro / A. Castelao / 
Período 1922/1929 / 38x55,50 cm. /
 Sala permanente. Museo de Pontevedra
    Inzados de eucaliptos, piñeiros e acacias e demais especies invasoras, as xentes galegas temos asumido que a árbore máis nosa é o carballo, cando na realidade está estendida pola maior parte do planeta e, segundo os que entenden disto, hai máis de seiscentas castes.

  Tamén entre nós hai variedades de quercus, o común, o cerquiño, o albar, o caxigo, nos últimos tempos o americano... en fin, a sobreira dos nosos vales oceánico-mediterráneos, ¡un día ollei o sobreiral do Arnego dende un curuto de corvo!, é do mesmo xénero ao igual que a aciñeira, a cuxa sombra, dunha “que já não sabia a idade”, xurou, o Zeca, ter por compañeira a vontade de Grândola, terra da fraternidade, a verba ou verbo do que tanto gustaba o carballo dobre que era Francisco Carballo Carballo.

   Nin Paco, nin Francisco, para nós era “O Carballo”, só “ O Carballo”, que acollía a todos, como o carballo do quinteiro de Castelao. Con quen sempre podías contar: para presidir a Cultural ou Promocións Culturais, para un ciclo de conferencias de historia ou botar un mitin, para a conversa privada, para a reflexión ideolóxica ou para que nos representase como colectivo...

   Vén de deixar un oco na memoria das persoas e da nación. Finou en Salamanca o pasado 29 de novembro. Foi soterrado en Asadur, onde nacera en 1925. Mente analítica, sintética, conceptual, brillante, contundente, provocadora... Xesto acolledor, de sorriso permanente e espontánea gargallada. Así era o crente, cristián e paúl que quixo que o incinerasen, a súa última provocación.

   Regresei a algúns dos seus libros e por riba de todos ás súas conversas con Santiago Prol e Xan Carballa, publicadas a comezos do 2002.

   Entresaco:

“Hoxe o socialismo histórico e o comunismo fracasaron pero a inspiración non. Hai que crear unha alternativa a ese capitalismo salvaxe e pódese chamar socialismo. Non temos ningunha experiencia mundial, temos o fracaso histórico das formas que adoptou, tanto a comunista como a socialdemócrata, na que queda unha levísima esperanza. Pero non nas formas que adopta a terceira vía, a terceira esquerda, o liberalismo libertario... puro artificio lingüístico. Hai que crear unha alternativa seria de igualdade, de paz, que estaba nos pensamentos filosóficos con Marx e despois de Marx(...) Ás veces escribo que o nacionalismo galego debe reelaborar esas cuestións, porque a socialdemocracia non é satisfactoria. (p. 77)”

“Para min é determinante a decisión de Bóveda e Castelao para darlle a Galiza unha capacidade de autodeterminarse. Outros non aceptan a autodeterminación. Pensaban en mellorar Galiza, facela parte do suxeito España e mandar dentro dese suxeito político cunha parte alícuota. Para Castelao e Bóveda Galiza é suxeito per se, ten que andar por si. Esa era a diferenza, e esa segue sendo en certo sentido. Os que din “somos unha nación, temos que dende Nós poñernos ao día, estamos conectados xeográfica e historicamente cun mundo nos que nos interesa apoiar e estar apoiados”, e outros din: “somos parte dun conxunto no que nos movemos, el é o sol e nós os satélites”. ( p. 145)”

“Penso que unha nación pode exercer a súa soberanía nun estado que abrangue varias nacións e en formas supraestatais (...) O nacionalismo como praxe política pode convivir con formas diferentes da independentista. O nacionalismo non leva sempre á reivindicación dun estado propio (p. 156)”

“(...) o proceso de avance dos grupos subalternos ten que aproveitar todas as oportunidades de facerse con espazos fronte á hexemonía do poder. ( p. 159)”


   No acto de recoñecemento que organizou o concello de Maceda o pasado 27 de decembro Xavier Vence lembrou unha frase, moi do Carballo, directa, concluínte: “Sobra ortodoxia e falta ortopraxe”.

   Como cando o coñecín, hai trinta é cinco anos, a expresión política da nación cidadá sofre unha profunda crise, por erradas decisións políticas e pola fragmentación, ás veces cainita. Cómpre o tino e sabedoría de varios Carballos para recompoñer a expresión política da nación. Non temos moito tempo.

mércores, marzo 04, 2015

A República en Crecente




         
Crecente é un concello ben revirado, como o Miño, ao que se pega para acompañalo. Estarrícase dende Arbo ata Melón, deixándolle o monte para os da Cañiza, mentres mira con sosego para Melgaço e os concellos ourensáns da Arnoia, Cortegada, Padrenda e coido que algún máis. Non sei se lembran o debuxo de Castelao, no álbum Nós, o cativo requírelle ao avó: “E os da banda d'alá son máis estranxeiros que os de Madrí?”, engade o rianxeiro entre paréntese “Non se supo o que lle respondeu o vello”.