luns, decembro 22, 2014

O tetralema da esquerda


Dani Rodrick falounos, no seu paradoxo da globalización, do trilema político. En resumo, necesariamente simple, pero na procura de ser fieis ás súas palabras, diriamos que non podemos pretender xuntar hiperglobalización, democracia e autodeterminación nacional. Debemos escoller dúas das tres opcións. Isto é, se queremos hiperglobalización e democracia, temos que renunciar á nación Estado; se desexamos manter a nación Estado e hiperglobalizar a economía teremos que esquecernos da democracia e, finalmente, se pretendemos combinar democracia con nación Estado temos que limitar a hiperglobalización. Para Rodrick, e de seguro que para moitas das persoas lectoras destas liñas, é esta última a renuncia que lle parece máis acaída para unha prosperidade equilibrada e sostible e, di Piketty, regular o capital no século XXI.

martes, decembro 16, 2014

Cleptocracia

   

     

       Hai vinte e cinco anos, un nove de novembro, un erro de comunicación do portavoz do goberno da República Democrática Alemá provocou unha das máis rápidas transformacións políticas da historia. Na realidade, mudanzas deste calibre non se poden explicar por un simple déficit de comunicación. Pero axudou. Aquel día o muro de Berlín convertíase nun ridículo valado de formigón. Dous anos despois a Unión Soviética disolvíase.

As banalidades de Clio

Clio, Vermeer van Delft, Jan



Cóntame, Musa, a historia do home dos moitos carreiros
que, despois de destruír a sagrada cidade de Troia
andou peregrinando tan longo tempo
Homero. Odisea

Coroada de loureiros. Na man esquerda un papiro, ou un capsa para gardar rolos; ou un libro como lle puxo Johannes Vermeer. Na dereita unha trompeta. Así se representa a Clio, filla de Zeus e Mnemóside (deusa da memoria), musa da historia e da poesía heroica, a que gaba, a que canta, a que ofrece gloria…