Foto Simón |
Amigos e amigas, activistas
da memoria do Baixo Miño, da Louriña e do Condado. Permitídeme este inciso
inicial pois quixera lembrarlles aos activos e activas da “Comisión” que quizais
no seu quefacer diario non se deteñen a considerar o enorme valor das súasintervencións.
Non só para que non nos amoleza a pérfida Lete, divindade do esquecemento, nada
do Éris, a deusa da discordia e, din algunhas fontes, irmá de Ares, deus da
guerra, de Hipno, do sono, e de Tánato, da morte. Lete, aquel río na Grecia
clásica que percorría os Campos Elíseos, como tamén alcumaron os primeiros xeógrafos
o noso río protector, que camiña en imaxinaria diagonal paralela ao Miño, o
Limia ou Lima,que lle din os da outra marxe, o que desafiou, ben parapetado nas
lexións imperiais, Décimo Xuño Bruto para someternos, poñéndonos nome, e aínda
hoxe, dous mil trescentos anos despois, seguen a chamarnos igual.E digo que non
só por impedir que o cancro da Lete mitolóxica nos destrúa, senón por sinalar o
presente e construír o futuro coa materia humana máis xenuína: a memoria. Ben
sabemos a dor que produce a súa perda, semellante á de cando se esvaece a
memoria colectiva. Así que vos ofrezo os meus máis sentidos parabéns.
Moi bo día a todos e a todas.
É para min un orgullo que me
convidásedes,de novo,a dicir unhas palabras nesta homenaxe, aquí nas abas de
Sanxián, onde tivemos a oportunidade de participar na exhumación e devolución ás
súas familias dos restos de tres miñoráns,pois os outros dous cadáveres que desenterramos
seguen a ser, non uns descoñecidos para nós que vimos a realidade física dos
seus restos, pero, quizais para os seus familiares, uns “desaparecidos”, ese
termo que tan pouco empregamos, pois parece de uso case exclusivo da tipoloxía vitimaria
das ditaduras suramericanas, pero que tan ben serve para reflectir a realidade
do acontecido durante a persecución franquista en Galicia.
Sergio, fillo de Abilio Araújo, un dos asasinados en San Xián. F: Simón |
E estar hoxe aquí, en
Portecelo, a uns centos de metros dos cons da Angoeira onde, aquel 25 de agosto
de 1936, ficou esnaquizado pola besta o corpo de Manuel Noia Gil, o corpo, que
non a súa idea, que segue vizosa nas novas xeracións. A besta elaborara en
conclave de paparota e alcol, no restaurante do Trega, baixo a presidencia do capitán da GC Joaquín Teresa Pomares e o
tenente de carabineiros Salvador Buhigas Novo,a longa lista moura que os
militares esixían para considerar limpa a retagarda guardesa. Seica o que
puxeronos sublevados na alcaldía,Paco Moreno, logrou rebaixar o número.Foron os
primeiros cinco fusilados, recollidos en acta baixo o eufemismo de “encuentro
con la fuerza pública”. Esa “fuerza”, dinnos Noia e o investigador Urís Guisantes,
estaba formada por Severo Sobrino Vicente, Anselmo Fernández Estévez,
“Fernandito” Jiménez Varela, Severino Fernández, Óscar Rodríguez González e algúns máis. A listaxe, segundo Urís Guisantes,
fora elaborada “pola Falanxe Local que presidía Manuel Franco Cadilla”, o grupo
inicial da Falanxe guardesa xuntouse derredor do cura Cándido Rodríguez, pero
quen acabou dirixindo a actuación da “Escuadra do Amencer”, dende Tui, foron José
Mª Salgado Méndez-Núñez e Miguel Saez Mon, apelidos ambos de moito “ringorrango”.
A estes dous últimos entregoulles o comandante militar de Tui, capitán Eduardo
Rodríguez González, a Manolo Noia para arrincarlle o agocho do seu irmán Xoán,
e máis de Antón Alonso Ríos e Guillermo Vicente de Santiago. As torturas e
vexacións que lle fixeron e o seu asasinato aterrorizaron as xentes do Baixo
Miño e hoxe convócannos aquí, 87 anos despois, porque non hai forma de arrincar
a raíz do pensamento.
Mais non quixera rememorar o
horror que todos e todas probabelmente coñezades e que gravaron para a súa
persistencia na memoria colectiva o seu irmán Juan Noia e mais dona Josefina Segret
no seu Abaixo as Ditaduras que agora
podedes ler vertido ao galego, con acerto como sempre, por María Alonso Seisdedos.
Quixera determe un pouquiño
en dúas datas de hai xustamente cen anos. Primeiro, no 29 de abril de 1923, día
de eleccións. Uns días antes achegárase ata Tui nada máis e nada menos que
Mariano Ordóñez García, os nomes como os apelidos teñen o seu aquel, o fachendoso
Ministro de Graza e Xustiza que ficou na
historia como prototipo de cacique “cunero”, despectivo cos electores. Non viña
don Mariano nin a desculparse cos seus votantes, que levaban anos reprochándolle
a desatención en que tiña o distrito que representaba nas Cortes, entre eles o
doutor Alejo Diz Jurado, que fora alcalde de Tui polo seu partido e trece anos
despois será fusilado na explanada de tras do instituto de ensinanza media. Nin
moito menos a pedir perdón polo masacre argallado polos seus gardas civís ao
mando do terríbel tenente Ramón Merino Morales, que deixou sobre o campo de
Sobredo os corpos sen vida de Cándida Rodríguez González, de Joaquín Estévez Besada “O Choco”, e máis o
do presidente da agraria de San Estevo de Budiño, Venancio González. Non
pasaran nin cinco meses da matanza. Tampouco,
aínda menos, viña retractarse da
persecución que se promovía dende o xulgado municipal ou dende o de primeira
instancia, onde argallaba dende había tempo Pablo Bugarín Domínguez e ordenaba
o xuíz López Nieto. Viña porque se convocaran eleccións e estaba disposto a
gañalas por todos os medios, legais ou ilegais, e humillar os que se atrevían a
facerlle fronte e degoraban sacarlle un escano que durante décadas pertencera
aos conservadores e ao seu apelido familiar. Os que intentaban botalo eran un agrarismo,
que no distrito electoral tudense, que se correspondía case co partido
xudicial, levaba anos de irreprochable loita antiforista. Escribiu daquela o
presidente da Federación Agraria do partido de Tui, Enrique Jaso:
Suave y ondulante, al agrarismo no le falta la austeridad
socialista, la tenacidad sindicalista, la elevación teórica y libertaria y,
sobre todo, la ternura del cristianismo primitivo en toda su pureza. Con estos
bellos atributos, entra el agrarismo decididamente en la lucha de clases- no
hay otra- para conquistar la sociedad integral de la tierra y de la conciencia
O agrarismo víase coas
forzas precisas para disputarlle a acta por Tui ao aparato caciquil, conservador
e monárquico. Barallaron para iso dous nomes ben soados. Nin máis nin menos que
Basilio Álvarez, o crego de Beiro, alma do agrarismo dende os primeiros anos do
século, ou o mesmísimo Manuel Portela Valladares. Ao final foi este quen asumiu
o reto, ao fin e ao cabo tiña asegurada a súa acta polo distrito da Fonsagrada,
ben saben aquilo do carallo do 29, que, non habendo máis candidatos que os
postos a cubrir, non se celebraban eleccións, así o que había que facer era
impedir que alguén se presentase. A don Basilio aconselláronlle presentarse
polo distrito da capital ourensá e ficou a velas vir. Don Manuel presentouse á
batalla de Tui.
Por alí andaba mesturado entre
as xentes agrarias o xastre Manuel Noia e mais o seu irmán Xoán e outros.
Manuel argallaba obras de teatro para explicar o programa agrario e activar
conciencias, contaba como actriz cunha culta muller que chegara do Brasil sendo
unha mozota, Rufina Domínguez, filla de Tío Rafael das Amarelas, que fixera
fortuna no Brasil cunha tenda de “secos e molhados”, un dos salvadores de vidas,
tamén da de Xoán Noia.
A campaña foi quente e
rabuda. O día da batalla aínda máis. Houbo bastonadas para todos, colexios
pechados, tiros, manifestacións, presos, furnas cheas antes de se abrir os
colexios e outras que desapareceron antes do reconto, presidentes de mesa que
enfermaban a media xornada e 14 pistoleiros, capitaneados por “Pepe el Negro”,
un quebrafolgas de Vigo, circulando polos arredores das mesas electorais. Ollo,
non confundir este personaxe con José Alonso Martinez, alcumado do mesmo xeito,
o home de Evangelina Jaso, xenro de Enrique Jaso, cuñado de Enriquiño Jaso. Os
catro asasinados pola besta.
No Calvario do Rosal houbo
ata tiros, os da garda civil e outros que non se sabe ben quen os pegou, pero
si quen penou. Prenderon veciños e abríronlles causa por agresión e insulto á
Garda Civil. La Integridad, o xornal do
bispado tudense, describe un momento nun colexio electoral, dicindo que chegou
Ramón Salgado, o avogado agrarista tan amigo de Xoán Noia, cuns cantos “sastrecillos”,
lembrade que Manuel era xastre, aos que acompañaban “una turba de mujeres,
niños y portugueses”. Entre a turba estaba Rufina Domínguez Trigo e Amalia
Dorna Treinta e Eduardo González Álvarez e máis o home de Rufina, Domingo
Iglesias, que, acusado de pegar algúns dos tiros, acabou marchando para a
Arxentina. Aos catro abríuselles causa, cando menos instruída por un militar.
Cumpriría estudalo.
O pucheirazo foi soado.
Oficialmente, datos da web do congreso dos deputados, Ordóñez obtivo 3.262
votos dos 4.024 emitidos, sobre un censo de 5.991.Algúns xornais, como La Zarpa ou Galicia, falan dunha abafante maioría da candidatura agraria.O dous
de maio de 1923 Portela Valladares asinou un longo escrito que recolleu a
prensa, denunciando o roubo electoral. Pero Ordóñez asegurara o seu escano.
Por certo que Portela
Valladares é personaxe a re-interpretar, máis aló do que del dixeron algúns
galeguistas, aínda que tamén é certo que Castelao deitou sobre el parágrafos
ben comprensivos.
As elites conservadoras,
católicas e monárquicas colleron medo. Medo dabondo, aos agrarios de aquí e a
enfermidade que viña do leste de Europa, a revolución social. Dentro duns días
será o seu centenario. É a segunda data que quixera recordar. Non vos
preocupedes, que poucos medios de comunicación o lembraran. O 13 de setembro o
capitán xeneral de Cataluña, en acordanza co rei, ambos a un tempo, ciscáronse
na súa propia constitución e deron un golpe de estado para salvar España. O
presumido xeneralote e o vaidoso borbón quixeron coutar o pensamento, garantir
a orde e a propiedade, e instauraron a ditadura imitando vergoñentos o seu
heroe Mussolini.
No declive da xeira
ditatorial, uns meses antes de que o Borbón tivese que refuxiarse nas faldras
de Mussolini, no Teatro Principal de Tui, ateigado de
publico entre o que intuímos os irmáns Noia, houbo un mitin pola amnistía. Foi
por setembro de 1930. Abriu os discursos Gumersindo Rodríguez Costas,
“Gumersindo, o panadeiro”, o líder máis destacado da Federación Obreira Local
de Tui, tal e como Manuel Noia o era da federación guardesa. Gumersindo era
moito máis que un líder local, era o teórico da conxunción entre os “obreiros
de taller” e “obreiros do campo” que tanta forza deu ao anarcosindicalismo ceenetista
no distrito durante os anos republicanos, e esta conxunción agrario-proletaria
é a que explica a fortaleza frontepopulista e mesmo a capacidade de resistencia
aos sublevados.
Aquel era un mitin de
dimensión extra tudense. O segundo orador foi José Villaverde Velo, o líder da
CRG-CNT. Púxolle o ramo nada máis e nada menos que ÁngelPestaña, o líder máis
prestixiado da CNT ao que a mosca non lle deixaba de zunir tras da orella. Dixo:
(...)
un solo hombre desenvainó un buen día el sable, se calzó las espuelas y cabalgó
sobre veinte millones de españoles. Más de seis años ha durado el oprobioso
régimen y hay que evitar que se repita un hecho histórico que denigró a nuestra
nación ante el mundo entero, porque pudiera darse
el caso de que una dictadura todavía peor y más duradera viniera a humillarnos
de nuevo.
Non sei se Pestaña se
adiantaba a corrixir a Marx cando encetou
o seu Dezaoito de Brumario con
aquilo de “Hegel di, nalgunha parte, que todos os grandes feitos e persoeiros
da historia universal aparecen, é un dicir, dúas veces. Pero esqueceuse de
engadir que unha vez como traxedia e outra como farsa”. Neste caso, á sentencia
de Marx habería que darlle a volta polo forro e considerar a ditadura de Primo
como unha farsa que anunciaba a gran traxedia da sublevación de xullo de 1936.
Eran ben conscientes do
perigo. Non os colleu de sorpresa, pero si indefensos. Juan Noia ben lembraba
aquel abril de 1923, é por iso que abriu a primeira páxina do seu xornal El Nuevo Heraldo Guardés de 11 de
xaneiro de 1936, a un mes das decisivas eleccións do 16 de febreiro,
reproducindo, na súa integridade, o manifesto que Portela Valladares asinara o
2 de maio daquel ano. Revelador. Di na súa entradiña coa que introduce o texto
porteliano: “de la inconsciencia de las llamadas gentes de orden, que el año 23
falsearon villanamente el sufragio popular”. Lembrade que Portela era na altura
xefe do goberno.
Vou rematando. Cómpre non
esquecer, hoxe aínda menos, que os procesos locais están enxertados en procesos
máis xerais ou mesmo globais. Non se pode explicar a guerra de España, que
lexitimaron os apelados por Noia, aquelas mesmas “gentes de orden” que
consentiron o “pucheirazo” de Ordóñez e aplaudiron con frenesí o golpe de
Primo, se a disociamos do contexto europeo e mundial, se non a consideramos
dentro do marco do ascenso dos fascismos despois da Gran Guerra.
Non eran alarmistas nin
Ángel Pestaña nin Juan Noia. Quixera equivocarme nos meus temores ante o ascenso
da dereita máis extrema por toda Europa e da ameaza, do perigo, de que un
imperio en decadencia se sinta tentado a provocar unha catástrofe, poñernos a
todos e todas en perigo, entregarlle anacos do planeta a Ares, antes de perder
o exercicio exclusivo do seu predominio económico e político-militar.
Mais pasemos da esfera
planetaria a Cerdedo. Seica hai uns días alguén difundiu na entrada dunha
igrexa de Cerdedo un folleto que dicía:
Señor
Jesús, luz del mundo y Rey del Universo:
Guarda
a España de todo peligro y fortalécela frente a toda adversidad, guía a los españoles
al fulgor de tu luz, protege a nuestras Fuerzas Armadas, defiende a nuestras
Fuerzas de Seguridad, preserva la unidad de la nación y ampáranos bajo el manto
de Nuestra Madre Inmaculada y con la intercesión del apóstol Santiago, patronos
del pueblo español.
Líbranos
de sus enemigos, confunde a sus adversarios y convierte a nuestra patria España
e una antesala da la patria celestial.
Por Jesucristo Nuestro Señor. Amén
Preguntábase
o historiador Dionisio Pereira na súa páxina de facebook que é de onde a tiramos:
É
iniciativa persoal do vicario ou dos seus superiores? Preguntas aqueladas, pois
o folleto ten un retrouso, a provocación de tempos republicanos que parecen ben
lonxe e agardemos que alá sigan. Seica quen o espallou foi o vicario de
Quireza.
Recuncando na esfera local,
teremos investidura, non confundamos co que fan os touros que en castelán soa
parecido pero non é o mesmo, por vontade do Borbón, non porque o obrigue a
constitución; senón porque quere darlle carta de vantaxe aos seus e xogar cos
tempos. O vacuo comunicado da Casa Real di que como o partido do Sr. Feijoo foi
o que obtivo o maior número de escanos, e como, co paso dos anos, fíxose costume encargarlle
intentar formar goberno ao que máis escanos tivese, e, aínda sabendo que non
ten os apoios necesarios, parécelle que non é razón para cambiar tal costume. E
a presidenta do Congreso achanta. O que pretende o monarca é intervir en
política, saltándose a súa propia constitución e poñendo en marcha o “reloxo
constitucional”, cando podería, e debería, agardar a que alguén reunise os
apoios suficientes. Pero non é iso o que pretende, senón outorgarse un poder executivo que non lle dáa
Constitución, pois esta explícita que os actos do rei carecen de validez sen o
referendo do representante democrático. O mesmo artigo 99 no que se basea o
comunicado da Casa Real di que o rei, previa consulta aos grupos, a través do
“Presidente do Congreso”, proporá o candidato. Pero o Borbón quere intervir e
ao propoñer a Feijoo e ao acatalo a Presidenta, ademais de reforzar o candidato
da dereita fai que despois do previsíbel fracaso da investidura fiquen dous
meses ata a disolución das Cámaras. Apura así os tempos para unas negociacións
que se prevén complexas e que a dereita, tras presentarse como solución, agarda
que fracasen e forzar novas eleccións.
Unha mexadiña do Borbón
actual, non tan cheirenta como a do seu bisavó en setembro de 1923, pero a min
ficoume nos miolos a entradiña de Xoán Noia referida a que as “gentes de orden”
alteraron “villanamente el sufragio popular”.
Nota: Como é evidente non é isto o que dixen en Portecelo, senón algo parecido e xaora moito máis breve, pero as notas estaban feitas e deille forma por se a alguén lle puidera interesar.