luns, febreiro 20, 2023

A catástrofe do “Prestige” na literatura nas “lecturas poéticas” da Mini



Amigos e amigas

    Hai uns catro meses cumpríronse dúas décadas de cando o mar de Baiona, e o de case todo o país, ennegrecía como no peor dos pesadelos. Un petroleiro partía en dous e vertía nas nosas costas preto de 80.000 toneladas de petróleo cru, causando unha das maiores catástrofes ecolóxicas da historia e unha máis na longa lista das acontecidas nas nosas costas. Daquela ergueuse a vontade dun pobo ao berro de “Nunca mais”. Tamén ecoou o desastre na nosa literatura.

    



    Sobre estes ecos, falaranos a profesora Camiño Noia, de longa traxectoria como docente e investigadora, que foi, ata a súa xubilación, catedrática de Lingua e Literatura galegas da Universidade de Vigo.

    Camiño Noia fará un percorrido pola produción poética e narrativa producida pola catástrofe do Prestige, comentando algún dos libros que se refiren ás circunstanciais previas e posteriores a rotura do petroleiro e lerá poemas sobre a cuestión.

    A achega da profesora Noia completarase coa lectura de poemas emerxidos daquel desastre por parte de Xosé María Álvarez Cáccamo, Xavier R. Baixeras e Manuel Forcadela.  

    Será o sábado 25 de febreiro e comezará ás 12.15h, cunha duración aproximada de 45 minutos. Para limitar posíbeis  interrupcións durante a lectura “A Mini” abrirá as súas portas ás 12h.

    As intervencións poéticas están pensadas para celebrarse no exterior, o pé mesmo da Fonte de Zeta, pero como non sempre o demo do tempo nos deixa, no caso de ser preciso poderemos resgardarnos no interior da taparía.

    Se vos presta. Agardamos por vós.

    Graciñas

    Nota: De ter interese en compartir mesa e mantel con Camiño Noia, podedes facer a reserva no 646 74 93 28 ou en resposta este post.

 

domingo, febreiro 19, 2023

En Vilalba

    Foi todo un pracer achegarse ata Vilalba convidado polo Instituto de Estudos Chairegos (IEsCha), canta faltiña nos fan asociacións cidadás como esta, oxalá que incen; para falar de memoria, de historia e das leis de memoria. Fomos acollidos por amigos de longo percorrido e presentados pola súa presidenta, e tamén amiga, Marisa Barreiro.

    Déixovos o enlace co faladoiro que eles presentan na súa páxina, por si a alguén lle pode interesar.

    Por certo tampouco deixamos de mercar un queixiño de San Simón.

    Mil grazas polo convite.

https://estudoschairegos.gal/conferencia-de-carlos-meixome-unha-cata-na-nova-lei-de-memoria-democratica-casa-da-cultura-de-vilalba-video-resume/?fbclid=IwAR3cAb0k2iTj-7IBfuWVnujfENvAuJiVQH0_UJCRtbmr8U6VLroxd9W57Pg

Criptografías no Miñor

 


Prezados amigos, prezadas amigas

    Unha das parellas artístico-literarias máis consolidadas do panorama cultural, de gran parte do mundo, e, por descender ao concreto, de Galicia, e, con maior precisión, a un dos seus ámbitos de actuación, o miñorá, é sen dúbida a formada por Xosé María Álvarez Cáccamo (Pepe Cáccamo) e máis Baldo Ramos, celanovés de nacenza pero enxerido no Miñor e longas etapas anuais e ata, nalgunha altura, profesionais. Nin é a primeira vez, nin ao mellor a última, e nón digamos a derradeira, que xuntos armaron exposicións ou compartiron proxectos literarios. Dende 2014 os seus mundos literarios comezaron a orbitar arredor da poesía visual, sobre o libro como soporte plástico e sobre a obxectualidade da palabra poética.

    Criptografías son poemas visuais “de liña letrista” que conversan con textos poéticos escritos coa intención de esvaecer a autoría nunha voz común que fai enormemente singular esta proposta que foi coidada co esmero profesional, ao que xa nos ten acostumado, polo seu editor Henrique Alvarellos.

    Os tres, Pepe Cáccamo, Baldo Ramos e Henrique Alvarellos estarán o venres 24 de febreiro ás 20h na libraría Libraida de Gondomar (Rosalía de Castro,13). A nós cábenos o honor de ofrecerlle a cerimonia do saúdo.

    Achegádevos pois seguro que é do voso interese.