Debuxo do libro
"Descripción histórica y cronológica de las dos piedras..." de Antonio de León y Gama,1792. |
Retomo esta sección que
durante anos ocupou un anaquiño desta esperanzadora Peneira, expresión anovada
do esforzo pola supervivencia dunha cultura e polo recoñecemento do dereito a
decidir dun pobo, seguindo o amable convite do amigo Tino Lago.
“Alá vai!”, di o meu neto cando lle cae o xoguete ao
chan, ás veces, tamén, cando o tira con toda a intención; así disimula. “Alá vai!” é unha das poucas
expresión galegas que lle van quedando nos titubeos iniciais da súa fala
premida por un ambiente español abafante: amigos, debuxos, gardería... si,
aquela que seica crearan os nacionalistas para lavarlles o cerebro inocentes
crianzas. En fin, sei que falándolle en galego ficaralle o son e cando sexa
maior recoñecerá as súas primeiras vivencias. Como lle pasou ao seu avó. Tampouco nos
poñamos exquisitos que, máis ou menos, aqueles que pasamos a infoadolescencia
en cidades ou vilas do franquismo pleno, do tardío ou do prolongado da
transición, somos todos neofalantes. Ao fin e ao cabo serán os neofalantes os
que salven o idioma porque o farán dende a consciencia do seu valor. Á maioría
da xerontocracia falante chégalle con
votar os de sempre. Xa saíu a mala uva!!!
“Alá vai!”. Agardo que a
expresión reiterada con intensidade polo
Xandre non asuste a alguén atemorizado pola invasión de refuxiados sirios,
polos llighadistas fuxidos de Alepo, por sospeitosos vendedores de alfombras ou
irracionais rexeitadores do porco. Déixaos
ho!, que queda máis pra nós, di o meu tío-avó Nilo. Digo, que non se
asusten e confundan a infantil reiteración cunha xaculatoria coránica.
O caso é que alá vai o ano,
como o anterior, abafado de eleccións.
Case quedamos a vivir no colexio electoral. Total para quedar como
estabamos! din os que querían que quedaramos como estabamos. Total para nada!
din os que nin foron votar. Total para perder outra vez!, din os que nunca dan
acordado. Veremos se cando menos durante dous anos, non o teño moi seguro, non
temos que soportar o ruído deformador de realidades complexas.
Ora, no encete de 2017,
centenario das revolucións rusas, os ofertantes de solucións e os seus
seareiros van ter entretemento abondo. Os de En Marea, como foron os últimos en
chegar, van ser os primeiros en comprobar se son franquiciados ou teñen tenda
propia. Será aló polo remate de xaneiro. Entrando o segundo mes do ano o PP
rememorará o “espírito do 12 de febreiro” para “facer que fai” e seguir igual.
Cara a fin de mes os de Podemos semellan dispostos a ofertarnos un duelo a
morte no OK-Corral , veremos se algún sae vivo ou se fican todos feridos. Para
esas datas tiña concertado o BNG a súa asemblea, mais seica a deixan para o
seguinte mes por mor de profundar no debate de se son, ou non son, ou que son.
No escuro horizonte próximo o PSOE tamén terá que facer o seu conclave e daquela
si que pode haber moito máis que feridos. Temos por diante espectáculo
garantido na sexta, para o que guste; pero xa non en viaV, para quen
gustase.
En calquera caso feliz ano e
non mancarse.
*Publicado na Peneira, decembro, 2016