luns, marzo 04, 2019

Non sei de que te asustas!

Exposición sobre as exhumacións de San Xián no IES Ricardo Mella de Vigo

Non sei de que te asustas!, os burros ornean, as mulas dan couces,  e no verán, as vacas moscan.  Aquel, non sei de que te asustas!, que daba paso a unha restra de exemplos de natureza tan evidente como certa, arrodeaban a frecuente expresión de meu tío-avó Nilo, escéptico por condición.

O dito veu ao meu maxín despois de ollar un vídeo de iutube que me enviaron por guasap, no que, en senatorial debate orzamentario, unha señora, que representa non sei que e non sei a quen,  con “gracejo” e fachenda de si mesma, ridiculizaba o proxecto gobernamental.

O cumio da súa prédica acadouno facendo chanza, entre xestos e tons de vendedora na feira de Villaconejos, con perdón da súa veciñanza,  dos quince millóns de euros asignados áa “memoria histórica”. Como os bocaabertas das tómbolas de San Bieito, reitera, créndose simpática, ¡miren por donde señores!, ¡aquí no se equivocaron! ¡no! …. ¡quince millones para que “desentierren unos huesos”! Antes engadiu algo que lle escoitara a algún “dirixento” ou “dirixenta” e lle quedara pegado á orella. Non sabía moi ben que quería dicir, pero aos sanchistas, podemitas e separatistas fodíalles moito. Engurrando as cellas e xesto  contundente afirmou que a presada de cartos era para “generar una verdad de Estado”. Non se cortou un pelo. Cando a criticaron nalgúns medios, dubidou; pretendendo rectificar, aclarou que se refería a remexer nos osos de Franco.

Tate, batemos coa verdade de Estado da que falaba a feiranta; na excepcionalidade española, na anomalía hispánica, á que tan difícil é atopar outra explicación que non sexa a dun trastorno conxénito, dunha alteración crónica.

Recapitulemos: unha longuísima ditadura (fase prolongada de trauma), período “transacional” e amnesia gonzalense-aznariana (fase represión); tímida rememoración durante a xeira zapaterina; regreso á represión do trauma durante o período raxoniano. Sen exposición do trauma é imposíbel que a memoria pase ao libro de historia.

A dereita, herdeira predilecta, pero non exclusiva, segue prendida da verdade de estado elaborada polo franquismo e a “transacción” monárquica, fundamentada no carácter inevitable dunha horríbel guerra entre irmáns, na que todos se equivocaron, todos se excederon, todos teñen cousas que perdoar, polo que o mellor é esquecer o incomodo, non falar do trauma...

E o Estado, en máis de catro décadas de autodenominada democracia, non foi quen de xerar instrumentos para achegarse ao coñecemento da verdade. Tivo que ser a cidadanía quen, sen respaldo institucional  ningún, co silencio vergoñento das institucións xudiciais, as que procurasen non só as cifras do xenocidio senón tamén os ósos dos mortos para devolvelos ao fogar dos que os arrincaron.

Non se pode ser máis moderado ao afirmar que un mausoleo megalómano, presidido pola simboloxía dos vencedores, erguido por vontade do ditador, onde se homenaxean os seus restos e máis os do fundador do partido fascista que exerceu durante décadas unha parte máis que significativa do poder político, non pode ser considerado un lugar de reconciliación.  Non se pode ser máis moderado cando se reclama legalmente, con documentación probatoria ata o detalle, que o pazo residencial da familia do ditador foi usurpado pola forza dun réxime totalitario.

Emporiso, non é que unha parte desa dereita poida expresar a súa identificación coa ditadura, co franquismo e co fascismo, senón que a autoproclamada dereita liberal, mesmo centrista e ata europeísta, amosa sen pudor a fortaleza do cordón umbilical que os une á ditadura, ou mellor, ao relato autoritario do nacionalismo español, católico e monárquico, expresión dunha concepción, tan do gusto de Franco, do pobo español como dominado polo xene cainita que o imposibilita para a democracia.

A excepcionalidade emerxe pola mínima, con brutalidade,  de forma incomprensible para a normalidade democrática. Só é preciso que a dereita perda o poder executivo e o relevo precise certas xestualidades para que a anomalía española se exhiba con intensidade.

A señora falaba por boca interposta. “Están todo el día con la guerra del abuelo, con las fosas de no se quién, con la memoria histórica...” dixo Casado en 2008.

Nos momentos límite, dicía Camus, concordando co meu tío-avó Nilo, so hai dous partidos: o da humanidade e o da inhumanidade.

*Publicado en A Nova Peneira, 1ª quincena, febreiro 2019

Ningún comentario:

Publicar un comentario