Personaxe central
na gran crise dinástica da segunda
metade do século XIV, tanto durante os anos
de guerra (1366-1369) entre don Pedro I (1334-1369), alcumado “Cruel” polos
vencedores e “Xusto” polos seus partidarios, e o seu medio irmán Henrique II de
Trastámara (1334-1379). Enfrontamento armado que en Galicia se prolongou durante
dúas decisivas décadas para o país (1366-1387).
Posíbel tumba de Sueiro Eanes en S. Francisco de Pontevedra |
Señor do
castelo de Parada, das fortalezas de Romai, da vila da Guarda, da Vilavella de
Redondela, de Entenza, de Bouzas, Beade, Coruxo, Bembrive, fortaleza de
Milmanda en Celanova e outras xurisdicións. Era pois o máis poderosos cabaleiro
da Terra de Turonio, xurisdición de reguengo que lle entregou don Pedro.
Parece ser que
naceu, en data descoñecida, en Parada. Casou con Maior Pérez de Tordoia, filla
dos señores de Soutomaior e irmá de Álvaro Pérez de Soutomaior. Faleceu en
Portugal en 1380 e considérase que está soterrado na igrexa pontevedresa de San
Francisco.
Sueiro Eanes (transcrito
como Sueyro, Suer, Suero e Yanes, Ianez ou Yañez) de Parada tivo ademais unha especial
influencia no ámbito político e militar. Don Pedro I nomeárao Adiantado Maior
de Galicia (1352). Estivo presente no consello de guerra de Monterrei;
acompañaba a don Pedro tanto cando asasinaron o arcebispo de Compostela Suer
Gómez de Toledo (posíbel partidario de Henrique) como cando se entrevistou en
Baiona, a vasca, co “Príncipe Negro”, isto é, Eduardo, duque de Cornualles,
príncipe de Gales e duque de Aquitania. Estivo á súa beira na vitoria en Nájera (1367), cando
pretendeu reunir forzas en Sevilla, e parece que mesmo na hora da morte, pois
foi quen trouxo a Galicia a nova do seu asasinato en Montiel (23 de marzo de
1369) tras o engano do mercenario bretón e condestable (xefe dos exércitos) do
rei francés, Bertrand du Guesclain, quen, ademais de coutar a man de Pedro, virouno
de costas para que Henrique lle espetase
o coitelo. O bretón brillou na historiografía castelanista co celebre “Non
quito nin poño rei, pero axudo o meu señor”.
A disputa
dinástica pola coroa de Castela desenvólvese no marco xeral da crise das
relacións feudais agudizada pola constante guerra entre Francia e Inglaterra
que coñecemos como “Guerra dos Cen Anos”, pero tamén, no noso caso, no contexto da permanente confrontación entre a nobreza
laica e a eclesiástica que xiraba arredor da alianza con Castela ou con Portugal.
Tras a morte
de Pedro, o máis relevante da nobreza galega non recoñeceu a Henrique e
proclamou rei de Galicia a Fernando I de Portugal. Pero o primeiro dos Trastámara
logrou controlar Galicia atacando as terras do sur do Miño e obrigando o rei portugués
a regresar. Derrotada a causa da nobreza galega, comandada polo Fernán de Ruiz
de Castro, na batalla de Porto dos Bois (Palas de Rei, Lugo), o señor de Parada,
xunto cos persoeiros máis destacados da nobreza, como o citado Conde de Lemos, os Pérez de
Deza ou Xoán Fernández Andeiro e moitos outros, refuxiouse en Portugal. Os seus
bens foron confiscados e entregados ao bispo de Tui que recibe, polos servizos prestados a Henrique II,
as “villas e cotos e bienes sobre dichos que fueron del dicho Suer Yanes”.
En 1372,
Constanza, filla de Pedro I, casa co Duque de Lancaster, segundo fillo do rei
de Inglaterra, e pretenden facer valer os seus dereitos á coroa asumindo unha
Galicia unida a Portugal. Morto Henrique, ascende ao trono Xoán I de Castela, pero as tensións
entre Castela, Portugal e Inglaterra non diminúen e nelas mantén a cuestión
galega un papel sobranceiro, mais a complexidade europea adiará a intervención
inglesa, inspirada por Andeiro, ata 1386 cando Xoán de Gante, duque de
Lancaster, e Constanza desembarcan na Coruña e son proclamados reis de Galicia.
As tropas inglesas, con axuda de parte da nobreza galega e de Portugal,
controlan, en parte, Galicia, mais o partido galego, desaparecidos Castro, Andeiro,
Sueiro Eanes de Parada, e tras unha
década de espera, está xa moi debilitado. As tropas inglesas rematan
retirándose a Portugal (1387).
Dous anos
antes Juan I de Castela fora derrotado, co apoio inglés, en Aljubarrota
(14
de agosto de 1385) por João I de Portugal, o Mestre de Avis, que inaugura a
dinastía portuguesa deste nome, e consolida un Portugal independente que será
recoñecido, algúns anos máis tarde, por Castela.
A CASA DE SUEIRO EANES DE PARADA s.
XIV-XVIII
O lugar aparece relacionado coa figura do Adiantado
Maior do Reino aínda que de período medieval xa non teñamos rastro. A
titularidade do pazo e do lugar chegaría moito máis tarde á familia Araúxo, ata
que no s. XVIII Ana Mª de Araúxo casou
con Fernando Correa de Araúxo, pais de Lorenzo Correa de Araúxo, fundador da
Casa dos Correa, actual casa do concello de Baiona.
Na actualidade atópase moi alterado conservando só en
bo estado o portal brasonado que forma co cruceiro un aquelado, e descoidado,
conxunto. O portalón, de clara inspiración barroca, componse dun amplo muro,
coroado por seis remates piramidais no que se abre a porta de acceso en arco de
medio punto sobre o que se conserva o escudo de armas dos Piñeiro. Nun engadido
ao portalón áchase un magnifico brasón
dos Araúxo.
Escudo dos Araúxo |
O conxunto complétase cun cruceiro que, segundo a
inscrición do pedestal, dataría do ano 1583. Reconstruíuse en 1778, segundo
figura na base do fuste: “Benito Araujo. Teniente Coronel. Provincia de Tuy”. A
plataforma de catro chanzos octogonais sobre o que se asenta un pedestal de
base cadrada e cantos biselados serían os elementos que ficarían do cruceiro
primitivo do s. XVI.
Como chegar: Dende o cruce da Areíña na estrada
Vincios-Nigrán, pola esquerda, unha vez
superada a igrexa de Santiago de Parada, na mesma man está o Pazo.
OUTEIRO DOS MOUROS OU CASTELO
ROCHEDO
Outeiro dos Mouros, onde estivo o castelo de Parada |
Mouros enfeitizadores e belicosos guerreiros
mestúranse na mole rochosa que coñecemos como Monte Castelo ou, se vostedes
queren, lendas populares e historia. O de mouros infórmanos de que foron xentes
antigas os seus autores. O de castelo que alí houbo tal construción.
Entre os moitos miradoiros dos que podemos gozar no
Val de Miñor, o Couto ou Outeiro dos Mouros é un dos mellores. No curuto
rochoso houbo un importante castelo medieval. Dende a cima desta atalaia, en
día claro, contémplase o castro de Chandebrito, as terras altas de Priegue e
Camos, Monteferro, as Cíes, as Estelas, a Boca
da Groba ou a Chan do Cereixo, a entrada da ría de Vigo... Unha vista
para non perder.
Rebaixes no Outeiro dos Mouros |
Fican escasos restos da antiga fortaleza. Na parte
superior do lombo pétreo pódense percibir rebaixes, buratos de poste, chanzos e
marcas dos distintos espazos do castelo rochedo que, segundo testemuños orais,
aínda era visíbel ata ben entrado o pasado século.
A documentación histórica infórmanos de que se coñecía
como castelo de Santa Helena transcrito de diferentes xeitos (Senlle, Santel,
Santiella, Santella, Sanctenia, Santena, Sancta Helenam e Sancte Elaie) e viña sendo un dos principais
da Terra de Miñor, na vella Terra de
Turonio, como ten sinalado o infelizmente hai pouco finado arquitecto Xaime
Garrido que o estudou con intensidade, como os outros da provincia de Tui.
Entre a moita documentación recollemos esta de 1217 cando Afonso IX asigna a
dote ás súas fillas Sancha e Dulce e relaciona os catro castelos da Terra de
Toronio, os de “Entenza, Soveroso, Sanctenia et Tevura”, isto é Entenza,
Sobroso, Santa Helena e Tebra.
O primeiro documento no que se menciona data de 1106.
Trátase da doazón de posesións de Vilaza por parte de Raimundo de Borgoña e
dona Urraca a Pelagio Godareiz e a súa muller. Mais o seu momento de fulgor
será durante o s. XIV, unido á figura de
Sueiro Eanes de Parada. A finais do s. XV ou ben foi derruído polos Irmandiños,
ou ben como consecuencia da Orden de
demolición dos castelos rochedos, 1482, dos Reis Católicos.
Vista dende o Outeiro dos Mouros |
Publicado en Cousas
de, nº37, outono 2019
Ningún comentario:
Publicar un comentario