Leopoldo Nóvoa no atelier do Mercado Central de Motevisero, cara 1959. Tomado de Leopoldo Nóvoa (1919-2019). Museo - Deputación de Pontevedra |
Aínda non rematara a magnífica exposición, cativa aínda
que intensa, “Galaicos. Un pobo entre
dous mundos”, que percorría 2.000 anos entre a prehistoria e a antigüidade tardía a través de obxectos arqueolóxicos
achados no ámbito das Rías Baixas, xa que non todos eran da división
administrativa pontevedresa, e xa se inaugurou outra gran exposición no Museo
de Pontevedra. Semella que sopran ventos de mudanza “malgré lui”, aínda
mantendo ridículas peaxes: unha exposición como “Galaicos” inaugúrase primeiro
en Madrid para despois chegar a
provincias, mesmo a aquela na que ten a súa orixe.
No alcumado “sexto edificio” pegouse un chimpo dende os
tempos máis recuados ata a arte contemporánea coa exposición conmemorativa,
argallada por Rosario Sarmiento, do
centenario do nacemento de Leopoldo Nóvoa. O galego-uruguaio, nacido en
Salcedo, foi o último en falecer dos grandes creadores plásticos que o exilio
arrexuntou nas beiras do Prata fecundando a cultura galega contemporánea:
Colmeiro, Seoane, Laxeiro, Díaz Pardo e Nóvoa.
O pai de Leopoldo era cónsul do Uruguai en Vilagarcía.
Tiña “o paísiño” como lugar de nacenza. Os sublevados expulsaron o pai e o futuro artista, en idade militar,
deserta. A familia, a través de Portugal, consegue chegar a Montevideo.
Na capital do país “chiquito”, o mozo Nóvoa coñece a
Joaquín Torres García que o acabará
afastando da arquitectura e da literatura para encarreiralo cara á pintura e a expresión plástica, exercendo unha
gran influencia, xunto á de Seoane,
nestes anos iniciais do seu traballo artístico.
O seu propio camiño atoparao, xa instalado en París, nos primeiros
sesenta. Ata que as cinzas o marcaron para sempre, primeiro tras o incendio
destrutor do “atelier” parisino e despois co inconsciente repañar de borralla
na súa lareira de Armenteira.
Nos anos de formación, bandeando polas beiras do Prata, primeiros anos en
Uruguai, residencia en Bos Aires, regreso a Montevideo e antes de coller camiño
de Europa, fixo migas con outro
expatriado polo fascismo, coma el de vida nómade pola forza do traballo, da
violencia e un chisco tamén por vontade. Naquel Montevideo acariñador de
emigrantes e exiliados tratou a Lois Tobío, de profesión orixinaria similar á
paterna, probablemente a través da familia do mesmo Torres García, coa que
Tobío e a súa dona mantiveron relación de amizade durante anos.
“Para nós foi unha regalía coñecer a Torres García, o
gran pintor, que retornara á terra do seu nacemento seis anos antes de chegar
nós”, deixou escrito Tobío[1].
Torres García (1874-1949), de pai catalán e nai uruguaia, trasladarase, sendo
neno, a Barcelona onde se formará e participará nos movementos artísticos da
capital catalá de entre séculos; primeiro no “noucentismo”, traballando con
Gaudí, para despois evolucionar cara ao “universalismo construtivo” que caracteriza a
súa obra artística e teórica. Logo de residir nos Estados Unidos, Bélxica,
Italia, Francia..., regresa, por pouco tempo, a Cataluña e en 1934 establecese,
de forma definitiva, no seu Uruguai natal. Dende Montevideo exercerá unha gran
influencia sobre a arte suramericana tanto a través das súas obras teóricas como
do “Taller Torres García” que funda en 1942 e onde se formará Leopoldo Nóvoa.
Referíndose a Torres García dille o propio Nóvoa a Sánchez Súarez[2]:
A
miña relación con el foi cegadora. Foi o descubrimento dunha zona humana tan
veraz e auténtica que para min se converteu no personaxe máis importante da
miña vida. Tanto é así que cando comecei a pintar, ata os tons da miña paleta
eran como os de Torres García e o afán construtivo era un recordo das súas
obras e teorías.
Pouco antes da posta en marcha do “Taller de Torres
García”, chegaran a Montevideo Tobío e Melu, despois de non atopar acougo en
Cuba nin en México. A orixe catalá de Melu e de Torres García facilitarían esta
relación que chegou a ser intima, como lembra Tobío: “As tertulias que tiñamos (na casa de Torres)
ao xeito bohemio, adoitaban alongarse ata altas horas da noite....”. Tres dos
fillos de Torres García: Augusto, Horacio e Olimpia (muller do escultor Eduardo
Yepes), esta última con menos intensidade pero con “grande sensibilidade”, en
opinión de Tobío, dedicábanse á pintura. Os varóns cun estilo máis semellante
ao pai; Augusto “máis austero” e Horacio “algo máis risoño e colorista”, anota
Tobío. Desa relación ficou prenda para sempre: “Augusto fíxome un retrato de
busto, moi estrito de cor, severo, contido, que o pai retocou unha miga, e
Horacio pintou de medio corpo a María del Carmen, ben ao seu xeito, mais amable
e luminoso”. Tras a morte de Torres García (1949) a amizade das familias
perdurou.
No mesmo ano no que Torres García fundou o seu “Taller”,
Nóvoa, que aínda pensaba en se escritor, pon en marcha a revista Apex, onde colaborarán
Torres García, Onetti, a poeta Juana de Ibarborou (de pai de Lourenzá) e
outros. Pouco antes da morte de Torres García, Leopoldo trasládase a Bos Aires
onde recibe fortes influencias de Seoane.
O Prata non será obstáculo para a comunicación. Tobío
entra a traballar na farmacéutica Hoffman-La Roche onde irá aprendendo as
técnicas e labores da publicidade, non só da tradución de textos, senón tamén
de maquetación, deseño, ilustración e impresión. O traballo será do seu agrado e así o reflicte nas
páxinas das súas memorias, As décadas de TL,
con continuas mostras tanto dos seus coñecementos artísticos como do seu
elaborado criterio estético, fecundado tanto na experiencia laboral con
artistas plásticos como Plastchek ou Guréwitsch, como na fonda formación cultural ou nas
longas diatribas nocturnas na casa de Torres García, mais tamén, xa contra
final da década dos cincuenta, nas conversas con Leopoldo quen “por algún tempo
residira en Montevideo e viámonos con el ben a miúdo” pois:
tiña
o seu atelier nun localciño do Mercado Central, unha miga ao xeito da bohemia
parisina, e alí iamos visitalo Melu e máis eu, pasando coel e coa súa
compañeira, Catuxa, seráns lediciosas a parolar de mil cousas. Amosábanos o que
tiña feito ou andaba a facer e na súa obra de entón víase un certo influxo de Seoane
e Torres García con quen seica traballara un tempo. Un día levounos a ver un
mural que viña de rematar na entrada dunha importante empresa, unha composición
en heteróclitos elementos cunha liberdade creadora e unha puxanza que
anunciaban xa os seus triunfos ulteriores polo mundo adiante.
Tamén Leopoldo Nóvoa gardaba gorentosos recordos daquel
primeiro piso do antigo Mercado Central de Montevideo: “o taller máis
entrañable que tiven”[3].
Como é ben sabido, Nóvoa destacou polos seus murais entre
os que cómpre salientar o do Estadio Luís Tróccoli no Cerro de Montevideo
(1962) que o artista, segundo propia expresión, continuou, atravesando o
océano, na Canteira coruñesa de Santa Margarida (1989). Nóvoa realizou o mural
do Cerro despois dunha breve estancia en París; naquela altura Tobío e a súa
familia xa regresaran a Europa e asentáranse en Madrid.[4]
Programa de man do 1º Congreso da Emigración. Arquivo Lois Tobío |
Nóvoa estableceu o taller no Mercado Central de
Montevideo en 1958[5], mais a relación
Tobio-Nóvoa era xa anterior, pois o viveirense encargáralle ao pontevedrés o
programa de man do 1º Congreso da Emigración
organizado a iniciativa do Consello de Galiza, seguindo unha suxestión
de Castelao, no centenario do Banquete de Conxo e que se celebrou entre o 21 e
o 31 de xullo de 1956. Tobío relembra nas súas Décadas: “A Comisión Organizadora dirixiuse a min para que
preparase o Manifesto, o Temario e o Regulamento do Congreso: e eu cumprín a
tarefa e o meu traballo foi aceptado e louvado”; e máis adiante: “O programa
que para el se fixo levaba como carátula un fermoso debuxo de Nóvoa”[6].
Tobío conservaba entre os seus papeis un destes programas reconvertido en
improvisado rexistro de enderezos.
A amizade entre Nóvoa e Tobío mantívose ao longo do tempo
pero, dende o punto de vista de traballo conxunto e relación epistolar, foi especialmente intensa nos primeiros meses
de 1962. Entre marzo e abril dese ano, tiveron que concretar diversos aspectos
relacionados coa maqueta, tapa e sobrecuberta
da, en palabras de Otero Pedrayo, “Grande e Xeneral Historia”; labor para o
que, o de Viveiro, demandara a colaboración de Nóvoa. Era o máis grande
proxecto editorial da cultura galega. Tobío encargouse, en inicio, da
unificación lingüística, traballo nada doado tanto pola diversidade de normas e
estilos como pola dificultade de
desentrañar moitas notas manuscrita, pensemos só nas de Otero. Ao final, dado o
retraso na publicación que producía un enorme desacougo nos autores, Tobío
encargouse tamén dos traballos de maquetación, edición e impresión.
Carta de L. Nóvoa a L. Tobío. París, 21 de marzo de 1962 Arquivo Lois Tobío |
O 21 de marzo de 1962, Leopoldo Nóvoa escríbelle a Tobío:
“Doble fue la alegría de vuestra carta, porque, además, me trae el encargo de
las tapas para la Historia de Galicia.” Despois de agradecerlle que lle enviase
unhas diapositivas dos seus murais pois “aunque no dan la sensación de los
colores (...) me sirven”, entra ma encomenda:
Respecto
a las tapas o sobre-cubiertas, me pondré de inmediato con ellas y te las
enviaré tan pronto “encuentre” las que me satisfagan. Te ruego me digas los
titulos y (o) leyendas que llevará cada una, pués debo calcular los lugares
para la tipográfica que, si bien me gustaría también escogerla, habrá que
conformarse con proponerte alguna para que tú, despues veas de encontrar
similar entre los tipos que tenga la imprenta que realiza el trabajo.
Como podemos comprobar, aínda que agora é cando lle fai o
encargo formal, xa falaran dos traballos de deseño. Da misiva tamén se
desprende a fonda relación de amizade tanto entre eles como coa familia, pois a
carta está redacta en plural, referíndose a Tobío e María del Carmen aos que
lle anuncia: “ya os contaré a mi regreso”, que será pronto pois “me están
acosando para que vuelva cuanto antes para realizar los grandes murales del
estadio del Cerro” e engade: “estoy
maniobrando para que no me obliguen a prescindir de un estupendo viaje a España
que tengo minuciosamente planeado para mediados de mayo”, aínda que xa ten
decidido que “mi hábitat definitivo
seguirá siendo París”, coa esperanza de que “en poco tiempo podré mantenerme de
mi pintura sin mayores problemas”. A misiva remata cunha agoniante reflexión
política:
No
hablaré de la situación política porque me apena lo que tendría que deciros. La
guerra de Argelia ha terminado de “apodrecer” todo y aunque uno se dá cuenta
que la crisis es de todo este pequeño Occidente, al que se le viene el mundo
encima, creía que Francia podría tener algunas reservas. Y no las tiene porque
no hay nada digno de salvarse. Ca-y-est
Carta de L. Nóvoa a L. Tobío. París, 28 de marzo de 1962. Arquivo Lois Tobío |
Unha semana despois, o 28 de marzo, antes de que lle
chegase a resposta de Tobío, Nóvoa xa ten o traballo encarreirado:
Como
decía en mi anterior, me puse enseguida a trabajar en las sobre-cubiertas. Ahí
te las mando sin esperar por los datos que te pedí sobre la tipografía que irá
titulando cada tomo. Por lo que se de ti como persona que estas en la pomada
(es decir en cosas de impresiones) sabrás manejarte con los espacios.
Despois dunha serie de consideracións sobre a situación
do número de cada tomo “al rente en el ángulo inferior derecho”, acláralle:
El
título Historia de Galicia, que supongo encabezará la página debe ser impreso
en el tono dominante (gris para el tomo 1, ocre para el tomo 2). Para
destacarlo, pues que esos colores son claros sugiero un tipo de letra comme
celle-ci ( e engade un recorte de prensa) o similar, quiero decir gruesa,
llena. No alta pero alargada.
Los
subtítulos (...) serán en tinta negra, de manera que destaquen mas que el
título. Coido que quelque chose d´este xeito (e engade un novo recorte de
prensa)
Na primeira carta á que fixemos referencia e ante a suxestión
tobiana sobre a cuestión, Nóvoa afirma, “Por mi trabajo no cobraré precio
alguno y te agradezco me hayas asociado a tu labor”. Esta resposta non resulta
moi do agrado de Tobio, que en carta posterior:
Aunque
tu negativa a recibir una retribución por tu trabajo es digna de reconocimiento
y de encomio, te ruego que cambies de opinión. Por razón de principios conviene
que la gente sepa que el trabajo artístico o intelectual debe ser remunerado
Ao racionalista argumentario de Tobío responde Nóvoa co
deixe humorístico do que sempre fai gala, agora cunha mestura de idiomas:
Os
teus argumentos o respeito do prix me parecen atendibles. Digamos $500.- Si es
mucho 400.-, si sigue siendo mucho 300.- y así sucesivamente. Ça-y-est!
Ese fino humor nunca desaparece, por moi breve que sexa a
misiva, das cartas de Nóvoa. Por exemplo, na que lle envía cos recortes para
indicar os tipos, a do 28 de marzo de 1962, ao saírlle, con evidente intención,
un pouco tortas as liñas remata cun “Coño, que torcido estaba el papel”, non
sen antes dar unha proba máis do seu ánimo de colaboración:
No
tengas ningún temor en decirme que no te gustan, si no te gustan. Ni tengas
ningún empacho e no utilizarlas, si fuera así.
A aceleración do Nóvoa fai que cando lle chegue a carta
de Tobío el xa teña, como vimos, resolto o traballo. O 2 de abril de 1962, escríbelle:
Un
poco por la urgencia con que me habías pedido me pusiera a hacer las tapas y
otro poco por las gana de hacerlas, resulta que tu carta con los títulos me llegó ayer cuando yo ya te las había
despachado. Ça fait rien, pois ti poderás arrancharte con el asunto de los
espacios
Carta de L. Nóvoa a L. Tobío. París, 2 de abril de 1962 Arquivo Lois Tobío |
A última das cartas de Nóvoa que conservaba Tobío traía
galano. Era domingo, suponse que Leopoldo fora rezar a Chartres, de paso, sobre
unha tiriña de cartón rectangular realizou un fermoso debuxo á cor dunha das
celebres vidreiras góticas da catedral desta cidade francesa e envioulla
adherida á carta.
Tobío, nun escrito do 11 de abril de 1962, cualifica os
orixinais como “estupendos” e indícalle: “Tomo nota de tus indicaciones
técnicas (…) todo lo cual seguiré estrictamente, dentro de lo posible”. Tobío
cumpriu. As cartas cruzadas espertaron a nostalxia tobiana. A asinada o 27 de
marzo de 1962, conclúe:
Te
envidio enormemente por estar en París y, en general, en Europa. Veinte años de
ausencia de mi viejo y querido mundo no han borrado el afán de volver a el.
Espero verte pronto por aquí, como anuncias y que me hables de lo mucho que
estas viendo y captando. Te mandamos un muy cordial abrazo.
Na derradeira o abrazo faino extensivo “a la Victoria de
Samotracia y un beso a la Olimpia de Manet que deben andar por ahí.”
Tobío conseguía desacougar a don Ramón e aos autores, en
especial a Vicente Risco e a Xaquín Lourenzo, que vían impresos os seus grandes
traballos etnográficos. Non puido facer o mesmo co traballo de seu amigo
finado, López Cuevillas. “A prehistoria” ocupou o terceiro volume da “Grande e Xeneral
Historia”, derradeiro daquel gran proxecto editorial, e tardaría unha década en
facerse realidade. Del xa non se encargou Tobío e aínda que a sobrecuberta é
unha adaptación do deseño de Nóvoa, a súa sinatura non figura no ángulo
inferior esquerdo.
Como é de comprender non é doado facer unha selección
entre toda a inmensa obra de Leopoldo Nóvoa; mesmo é posíbel que nesta ocasión
haxa un certo exceso de obra exposta, ou mellor unha carencia de espazo
expositivo que provoca un certo desasosego no visitante. Aínda así paréceme que
ben merecía nun recantiño dun expositor unha referencia á colaboración de
Nóvoa, por interposición de Tobío, e darlle fasquía externa á obra dalgúns dos máis relevantes integrantes
da xeración Nós que neste ano que andamos tamén está de centenario, máis alá da
breve referencia que fai Rosario Sarmiento no magnifico catálogo[7]
editado polo Museo e a Deputación. Dito o cal, ben merece achegarse ao “sexto
edificio” e contemplar.
Gondomar de Miñor, febreiro de 2020,
en tempo de dor
[1] Tobío, L. (1994): As décadas de
T.L.. Sada: Castro, p. 497 e seg.
[2] Sánchez Súarez, C. (2000):
“Leopoldo Nóvoa” en Artistas galegos.
Pintores. Posguerra (abstraccións-figuracións). Vigo: Nova Galicia, p.
62-103.
[5] Leopoldo Nóvoa de cenizas y
luz. Catálogo (2003). Madrid: Circulo de Bellas Artes-Deputación de Pontevedra
[6] Tobío, L. (1994): As décadas de
T.L.. Sada: Castro, p. 591-592.
Ningún comentario:
Publicar un comentario